mércores, 13 de marzo de 2024

Iria Blanco na "Cicatriz" de Elena Velasco

Peza de Elena Velasco


(Sala Abanca da Estrada. Exposición "Cicatriz" da autora Elena Velasco. Do 1 ao 16 de marzo)... Moi recomendábel

E Gymnopédie no ambiente, con calma, silencio, introspección... Un caracol de arxila avanza sobre a babuxa turquesa. Esa é a primeira impresión que me trae a mostra “Cicatriz” de Elena Velasco. Aínda que por toda a sala se salpican as pezas cerámicas que coliden nos ollos pola realidade que transmiten. Algún texto da mesma artista e outros, oxalá cicatrizantes, da amiga Iria Blanco...

Iria

E depurativa ou catártica podería definirse esta exposición que nos traslada veracidade na dor das persoas que padeceron enfermidades oncohematolóxicas. Elena avanza, pero outras pombas voaron e deixaron o camiño... Rulan nas touzas dende a cor do caolín sobre un niño verde en esperanza.

Iria

E Belén recupéranos a voz da irmá librada: “Iria tiña unha xenialidade case tola, pero sen pretensións de resultados artísticos. Debuxaba cousiñas como método terapéutico durante o proceso clínico”. Interrompe de novo Erik Satié, pero propicia o ambiente reflexivo e empático.

E por certo, cando a cicatriz foi antes palabra e bosque de xestas? Ambas chagas medraron xuntas. Cavilaban neses torques e aros de ouro (vida, ledicia, saúde) baixo o virus mutante que fai saltar todos os demos dos infernos [Non Draco Sit Mihi Dux]. As Revelacións de San Xoán espreitan detrás dos espellos, porque non esquezas que ti, ela, eu... tamén podemos ser escollidos neste azar coma un azor, presas sorprendidas, cicatrices rabuñadas.

E sobre unha mesa, de insípido cromatismo corporativo, un hematíe sen corazón, furado até o núcleo, incrédulo e arrieiro no torrente. Porque sabedes, hai veces que o becho, tal anemone, non é quen de caer na gaiola e ser atrapado, estende o tentáculo, repta. Paranoia, derrota, claustrofobia dende unha vida monacal nunha cama da enfermaría, non arrandean rosarios na parede, caen unicamente rosas e perfumes sobre as sabas no momento en que soñamos con Exipto [Horus, o falcón mitrado, guerrea man a man convosco].

Peza de Elena Velasco

E seica a Ele. lle transferiron as células nai da súa irmá, irmandade celular que apreixa o útero da nai. Outras, por desgraza, non tiveron a sorte de ser compatíbeis: envexa por non participar no acto solidario de entregar esencias dun corpo a outro [Beit lahem sente a guerra no deserto].

En perspectiva oblicua, dous puntos de fuga atrapan no cuadrilátero e no arco capaz as mulleres apuntadas na bitácora dos mares do sur... Un útero ferido coma un diaño con cornos observado por un ollo astral (ao estilo da furia do Gernika). Observa e escoita o “Amor Fati”... mentres musita o prezo que tivo que pagar para seguir viva: “as miñas perdas orgánica, o que o ollo alleo non ve”, pero que todas e todos deberiamos contemplar.

Peza de Elena Velasco

E porque esta mostra, dura e sincera, serve para aprendermos a calzar os zapatos dos demais, aínda que non sexan do noso número e do modelo que nos guste: “Noto que as cousas non van ben cando ós meus 25 anos papá ten que axudarme a poñer os zapatos”. Calcemos as babuchas de Iria, mentres a súa efixie resplandece nos vidros e pregunta polas primaveras futuras... Acaso lle asistiu Vivaldi para lle dar tamén un século de veráns? E ela, a miña a amiga, buscando o recendo encarnado dunha papoula nun campo sen cereais. Que efémera foi esa flor e tamén esta, dando tanta cor á aridez do asfalto...! Porque lembremos, non houbo Pan entre os pastores nin deuses que protexesen o fogar. Camiños, congostras, apertas, apreixos, beixos... o único antídoto que resulta útil na fatiga do corpo e da mente [A aperta, sen dúbida].

E Iria recorda “o ruído das follas secas ao pisalas”, mentres pregunta polos museos de París, por Praga, Venecia, as igrexas románicas, as vacas do país e as bolboretas. Penélope segue na noite dos tempos: “Fíanme e desfíanme sen o meu consentimento” (Iria dixit). E pensa en Santo Agostiño. Talvez un día, nun soño común, viaxaremos a Hipona... Talvez recuperemos a memoria dende a arxila e a palabra. Talvez volvamos percibir a calor das mans e a cor da ledicia.

Iria


2 comentarios:

  1. Non se precisan comentarios, tés todo dito!

    ResponderEliminar
  2. Creo, son Toño co ordenador de Iria, creo, digo, que foches o único que sefixou na frase máis demoledora: Némese está aquí!

    ResponderEliminar