Peza de Elena Velasco |
(Sala Abanca da Estrada. Exposición "Cicatriz" da autora Elena Velasco. Do 1 ao 16 de marzo)... Moi recomendábel
E Gymnopédie no ambiente, con calma, silencio, introspección... Un caracol de arxila avanza sobre a babuxa turquesa. Esa é a primeira impresión que me trae a mostra “Cicatriz” de Elena Velasco. Aínda que por toda a sala se salpican as pezas cerámicas que coliden nos ollos pola realidade que transmiten. Algún texto da mesma artista e outros, oxalá cicatrizantes, da amiga Iria Blanco...
Iria |
E depurativa ou catártica podería definirse esta exposición que nos traslada veracidade na dor das persoas que padeceron enfermidades oncohematolóxicas. Elena avanza, pero outras pombas voaron e deixaron o camiño... Rulan nas touzas dende a cor do caolín sobre un niño verde en esperanza.
Iria |
E por certo, cando a cicatriz foi
antes palabra e bosque de xestas? Ambas chagas medraron xuntas. Cavilaban neses
torques e aros de ouro (vida, ledicia, saúde) baixo o virus mutante que fai
saltar todos os demos dos infernos [Non Draco Sit Mihi Dux]. As
Revelacións de San Xoán espreitan detrás dos espellos, porque non esquezas que ti,
ela, eu... tamén podemos ser escollidos neste azar coma un azor, presas
sorprendidas, cicatrices rabuñadas.
E sobre unha mesa, de insípido
cromatismo corporativo, un hematíe sen corazón, furado até o núcleo, incrédulo e
arrieiro no torrente. Porque sabedes, hai veces que o becho, tal anemone, non é
quen de caer na gaiola e ser atrapado, estende o tentáculo, repta. Paranoia,
derrota, claustrofobia dende unha vida monacal nunha cama da enfermaría, non arrandean
rosarios na parede, caen unicamente rosas e perfumes sobre as sabas no momento
en que soñamos con Exipto [Horus, o falcón mitrado, guerrea man a man convosco].
Peza de Elena Velasco |
En perspectiva oblicua, dous puntos
de fuga atrapan no cuadrilátero e no arco capaz as mulleres apuntadas na
bitácora dos mares do sur... Un útero ferido coma un diaño con cornos observado
por un ollo astral (ao estilo da furia do Gernika).
Observa e escoita o “Amor Fati”... mentres musita o prezo que tivo que pagar
para seguir viva: “as miñas perdas orgánica, o que o ollo alleo non ve”, pero
que todas e todos deberiamos contemplar.
Peza de Elena Velasco |