mércores, 28 de outubro de 2020

O Segredo de Clotilde... Versos da y-alma



(Publicado no 'Diario de Caldas',
suplemento do Diario de Pontevedra,
28 de outubro de 2020, p. 3)

Na memoria de Clotilde

Clotilde
Quizais nun día coma o de hoxe, solleiro e con certa atmosfera húmida, puido acontecer un daqueles encontros. Ela tiña cinco anos menos ca ese mozo de Sebil que nacera nun ambiente de xentes campesiñas e canteiros; pero Clotilde tampouco vivía en casa farturenta, aínda que ter un tío crego outorgaba certo peso social pola contorna.

Século XX. Década dos anos dez. Están a rematar os últimos raios da década, a pólvora da I Guerra Mundial aínda se respira por algures e dise que vai haber eleccións españolas en breve. Un mozo sobe a costa da Ponte do Ramo, cruza o lugar da Igrexa e o lugariño de Cequeril, continúa por Mato até San Martiño da Laxe e logo A Penagrande, recuncho no que debe quedar coa súa namorada. Danse a man e, aínda que el xa anda por Compostela coa idea de estudar carreira, Clotilde percibe os calos do seu mozo, pois fora canteiro e axudara a dar barro e asentar perpiaños polas rúas de Cuntis e doutros lugares. Quizais pasean ás agochadas e el cóntalle cousas marabillosas das torres de Compostela, dos xardíns da Ferradura, do movemento estudantil... e de que unha nova Galiza se está a erguer. As Irmandades da Fala foran constituídas na Coruña, Santiago, Pontevedra, Ourense, por iso falar o idioma dos vellos non se ve mal, senón que é símbolo de compromiso coa terra e lealdade cos antepasados. Velaí que ese canteiro –alguén o chamou “O Xílgaro de Sebil”– ingresase nas Irmandades compostelás sen renunciar a dicir que se dedica aos traballos da pedra. 

É o ano 1918 e teima con se matricular na Escola Normal de Santiago co obxecto de ser mestre. Entra nos claustros de San Xerome, onde está instalado ese centro de ensino, por setembro do ano seguinte e asiste ás aulas do pedagogo Xosé María Moar Fandiño. Quen sabe canto tempo está aí! Pois ben certo é que en 1920 fica na cidade de Murcia para facer o servizo militar, concretamente no rexemento de infantaría número 37, segundo batallón, primeira compañía.

Década dos anos vinte. E alí se separan aquelas mans que un día pasearon xuntas, pero que talvez recibiron correspondencia por ambas partes. Sexa como for, a relación non prospera, algo terían que ver as familias (ou non), as circunstancias (talvez) e o afastamento (abofé que si). Mais o cariño sempre está presente, alén de saberse gardar o respecto e que ninguén ouse falar mal do outro. El, que xa gusta do verso, antes quizais da despedida xa recita algunha composición á súa namorada. E de non ser así, queda constancia dos seus sentimentos nun par de composicións que saen recompiladas xunto con outras nun poemario titulado “Agarimos: Versos da y-alma”. 

O de Sebil lanza esta obra en Compostela no ano 1921 e di que a rematou por agosto dese ano. No tocante aos versos que lle dedica á súa outrora moza, titúlaos co nome dela (Clotilde) ao tempo que sinala que son “pra unha rapaza de quen estuven namorado xa hay tempo”.

Á moza chéganlle esas palabras ás súas mans, retenas no seu pensamento e gárdaas coma ouro en pano. Tanto é así que quixo aprendelas e recitalas en voz alta, sen medos e con agarimo. Pero aquel que outrora a quixera, continúa por 1921 a compor unha outra peza lírica para lembrala e dar constancia dese feito. Mais non estamos seguros de que Clotilde tivese constancia deste texto. O canteiro –que aínda non é mestre– rotula a nova composición co título “Querer” e ve a luz na edición do 20 de xaneiro de 1922 da revista Vida Gallega. ‘Querer’ porta canda si unha dedicatoria que revela o nome da destinataria: “Pra ti que xa sabes que te quero tota[l]mente, y-e che gardo no meu peit’un corazón ¡¡Clotildiña!!”. Finaliza sinalando que se escribe en “Cuntis, Sevil, MXMXXI”.

10 de outubro de 2017:
Unha neta de Clotilde, de nome Beatriz, envíame unha mensaxe. Preséntase e pregunta –como biógrafo do canteiro– se coñezo un poema que este lle dedica á súa avoa e que fala dos “seus ollos feiticeiros”. Abro o exemplar do poemario, rebusco con agarimo nos versos e –escaneados– fágollos chegar. Ela narra a historia da súa avoa, Clotilde Rodríguez Lorenzo (de San Martiño da Laxe – Moraña, nacida en 1900), do momento no que aprende ese poema, o que adoita recitar ás crianzas e quizais outrora tamén ás súas catro irmás. Porque Clotilde ao final casa no lugar do Souto, nesa mesma parroquia, en 1930. E foi feliz –abofé– e tivo un par de fillos (Marina e Moncho) que recolleron en pano de seda esa fermosa historia cifrada en verso e en comentario familiar.

Porén, el nunca casou, aínda que tivo parella, e chega a mestre, xornalista, escritor, sindicalista, político, avogado, preso... Unha bala, e outra e outra bala... Un compañeiro cae e el tamén: fusilados todos. Porque  hai quen quixo arrebatarlle a vida, ao igual que a tantos miles de republicanos, homes e mulleres de ben. Porque alí o deixaron ciscado coma un farrapo vello para queimar. Porque alí na foxa de Boisaca, dende o 12 de setembro de 1936, guindárono para non ter lembranza. Nos anos cincuenta a súa familia, con medo, traslada ao camposanto de Sebil os restos mortais daquel que buscara a igualdade xurídica para a muller e o home (aínda hoxe se está con iso!!). 

Só de cando en vez, mans ignotas depositan margaridas sobre esa laxe que segue anónima e atesoura a dignidade. Non houbo maceta e punteiro que cicelasen tres estrelas –tal correa de Orión– cabo dun epitafio austero para el: “Xohán Xesús González (1895-1936) – canteiro, poeta e Galego... En Compostela soterraron a semente” (que diría outro bardo: Ferrín).

Xohán Xesús González



martes, 20 de outubro de 2020

O PERGAMEO DE ARCOS DE FURCOS (ano 898)



Dende as páxinas do Sermos Galiza, na edición do 20 de decembro de 2018 (número 327), Emma Pedreira e máis eu publicamos un artigo para conmemorar a redacción dun pergameo procedente do mosteiro de San Breixo e San Martiño de Arcos de Furcos. Este cenobio dúprice (provisto de dúas comunidades relixiosas: feminina e masculina) asenta baixo a sombra do Castro de Arcos e na proximidade de pequenos regos de auga polo século VIII, aproximadamente. O lugar, chamado o Mosteiro, conserva un certo halo enigmático, malia que a realidade indica que no ano 898 os monxes e monxas do cenobio asinan un pacto de renovación monástica co seu abade, por aquela altura un tal Adaulfo.

Entre os monxes figura unha muller que tomara votos de obediencia (deo vota - devota) de nome Fradegunda, cuxa sinatura fica entre aquelas persoas que subscribiron o citado pacto vinculábel coa regra de San Froitoso de Montelios (Braga).

Naquel 2018 cumpríanse 1120 anos da redacción do pergameo e quixémolo lembrar indicando cal foi a historia del. Así, escrito en Arcos de Furcos, voará cara ás instalacións monásticas de San Paio de Antealtares, de aí ás de San Martiño Pinario, logo aos fondos do Concello Compostelán, á Biblioteca da Universidade e na actualidade, coma un tesouro (e abofé que o é) fica no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, onde o puidemos ver, aloumiñar coas mans cubertas de fío e cuns ollos que non daban creto do que tiñamos diante: a alfaia da palabra antiga.

Emma Pedreira, sen dúbida unha das persoas máis relevantes da escrita actual galega (e internacional), gustou de lle poñer voz (poética) a aquela devota que deambulou polas xeografías de Arcos de Furcos, que se entrega ao seu credo e que gusta de grafar o  signo que lle é propio, coma se for un peza de pan cunha cruz enriba posta a levedar. Esta sinatura puidemos reproducila para ser conservada polas xeracións vindeiras na retina e no papel impreso. Por iso agardo, máis ben agardamos, que vos guste este saboroso petisco de historia que recende a país. Se queredes lelo integramente non tedes máis que premer a sinatura de Fradegunda.




xoves, 9 de abril de 2020

A ANTIGA TORRE DE DONA URRACA (Caldas de Reis)

(Este texto foi publicado o día 8 de agosto de 2004 no suplemento Arousa, un mar de cultura do Diario de Arousa)

A torre de dona Urraca nun debuxo de Ramón Gil Rey (1842)
Museo de Pontevedra
E berraba con folgos entre aloumiños... non moi lonxe das beiras do Umia e do Bermaña, se cadra nunha das alcobas da torre de Caldas de Reis, segundo parece ser... Era un neno, o vinculeiro. A súa nai Urraca, raíña leonesa e condesa de Galiza, preñada do seu primeiro marido, Reimundo de Borgoña, entre prantos e suores trouxera ao mundo a aquel que se chamaría Afonso VII, quen ademais de ser rei da monarquía galega —dende os cinco anos de idade— herdaría os reinos de León e Castela en 1126, sendo este o porqué do seu alcume: O Emperador
Peza arquitectónica procedente da
torre, hogano fincada na igrexa de
San Tomé de Caldas de Reis
Logo da súa coroación na basílica compostelá en 1111, cerimonia que sería presidida polo bispo Xelmírez, Afonso recolle un importante patrimonio, no que se integraba aquela fortaleza onde supostamente o pariran. Con todo, a ausencia de cariño parental que se lle dispensou, motivada por situacións familiares, sociais, económicas e políticas, obrigarían aos condes de Traba a ocupárense da titoría do neno rexio.
Da patria galega de Afonso Reimúndez (que así era o seu nome completo) e da naturalidade caldense xa fixera declaración, outrora, coa Historia de los reyes de Castilla y de León, o prelado tudense Prudencio de Sandoval (1615), de quen beberían Henrique Flórez, Antonio López Ferreiro e Hipólito de Sá Bravo.

Historia


Lintel armoriado da torre provisto
dun par de escudos (non confundir
coas armas de Castela e León). Hoxe
localízase nos lenzos exteriores  da
igrexa de 
San Tomé de Caldas de Reis
A fortaleza, da que tan só hoxe se conservan pequenas restingas arquitectónicas fincadas aos muros do templo parroquial de San Tomé de Caldas de Reis, a partir de 1147 pasa a integrarse no patrimonio do mosteiro de Sta. Mariña de Carracedo, cenobio que se atopaba relativamente próximo ao núcleo urbano. Concretamente neste privilexio facíase explícita a entrega dos mananciais quentes da referida vila así como varios conxuntos herdeiros das igrexas (ermidas ou parroquias) de San Sebastián, San Lourenzo, Bemil, Caldas e Carracedo. Mais pouco acougou esta construción castrense nas facendas da familia regular (se cadra porque a comunidade esvaeceuse de inmediato): xa no abrente do S. XIII aparece integrada dentro dos bens arcebispais de Santiago, así se declara nun documento (do 21 de marzo de 1214), que se reproduce no Tombo C do ACS, época que coincide co pontificado de Pedro Muñiz (1207-1224).
Noutras andainas históricas, en plena efervescencia irmandiña, tanto a vila caldense como outras da franxa meridional de Galiza (Redondela, Vigo, Pontevedra, Padrón, etc.), foron invadidas polo lendario Conde de Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior (“alias Madruga”); e, tras as axitacións emprendidas por diferentes caudillos, moitos dos bastións e construcións militares quedarían sensibelmente magoados. Do edificio que vimos a afondar, en concreto, faría subrepticio secuestro un fillo do señor de Lantañón (de seguro que se tratou do malogrado mariscal Xoán Gómez de Soutomaior), quen levaba por compaña a Pedro Arias (titular da casa de Aldao). Simultaneamente, outro potentado de igual reputación cós anteriores, Pedro Bermúdez de Castro (señor de Montaos), aproveitando como harpía esta ocasión, daría furto dun considerable volume da fábrica do inmoble caldense —rebaixándolle aproximadamente un metro da súa altura— e encarreirando o produto rabuñado cara a outra fortificación que si lle era de seu e que, asemade, se inscribía entre os símbolos autoritarios da redonda: a fortaleza de Penaflor (sita en Santo André de Cesar, briosa sobre o espello do Umia).

Arquitectura

Fiestra xeminada da antiga
torre. Na actualidade nos
muros de San Tomé de
Caldas de Reis
De introducírmonos xa en eidos arquitectónicos, en aspectos que procuran o rescate informativo deste inmoble caldense, cómpre indicar que se ben non se pode percibir hoxe unha tanxible visión da súa antiga presenza, sería interesante revisar as imaxes fotográficas conservadas no Museo de Pontevedra (en particular unha de Prieto) así como algún debuxo de R. Gil Rey (1842), ou ben do membro da Sociedad Arqueológica de Pontevedra E. Campo Sobrino (1908), quen bosquexan, indagan e rescatan a fisionomía do exemplar edificio. Aproximámonos, con isto, a un suposto concepto de como se debeu configurar a finais do medievo, mais para brunir a nosa hipótese mental debemos recorrer, iso si, ás descricións que dela se fai no preito Tabera-Fonseca (1525-1532), nunhas pescudas arcebispais do ano 1617 e logo de valorar as reflexións dun prezado manual: a obra Caldas de Reis de Hipólito de Sá Bravo.
Segunda xanela xeminada
da torre de dona Urraca.
Consérvase no templo de
San Tomé de Caldas
Contemplando todo este produto informativo logramos achegar a seguinte descrición. Por unha banda é mester manifestar que o recinto fortificado se atopaba circundado dunha muralla de terra e pedra, en cuxo seo se disporían o propio edificio castrense (ou torre) e varias dependencias secundarias, entre elas una casa chá —de fermosa aparencia— e na cal o arcebispo compostelán adoitaba celebrar misa cando a ela se dirixía. A parte superior da torre, que obviamente estaba merlonada así como provista dun tellado a catro augas, posuía unha louzá cornixa decorada con bezantes, ademais de rematar a súa estrutura superior con catro cubos, a  xeito de garitas, ergueitos en cadanseu vértice da cornixa.
Segundo parece ser, ademais das fiestras xeminadas e lumieiras góticas —unha delas estaba armoriada elebaba entre os seus emblemas unha castelo (quizais sobre ondas) e un león rampante. Ambos escudos esculpidos nun lintel consérvanse fincados nos lenzos da sancristía de San Tomé de Caldas, mais persistiu do mesmo edificio un perpiaño granítico no que se facía referencia á data dunha restauración medieval (posto que a torre abofé si existía no S. XII). A superficie epigrafada, que portaba os caracteres E : MCC : LXXVI, daba conta do ano 1238 e, á par, subliñaba a prelatura de D. Xoán Arias (1238-1266). 

Logo da derruba, a acción da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra

Logo de acontecer o acto homicida da derruba da torre en 1891, este “residuo” histórico sería rescatado da indolencia polo caldense D. Xosé Salgado Rodríguez, para de contado trasladalo ás instalacións museográficas que presidía en Pontevedra Casto Sampedro Folgar, as da manifestada Sociedad Arqueológica.
A desaparecida torre de "dona Urraca" (Caldas de Reis)
Para sermos agora máis completos, analisando de inmediato o conxunto arquitectónico a partir das descricións que posuímos do ano 1617, cómpre engadir ao xa declarado, ademais de que basicamente se atopaba todo nunhas condicións bastante propicias para a habitabilidade, a existencia dun corredor coa súa escaleira (en estado lamentable) que axudaba o servizo da torre coa casa chá. Tamén contaba cunhas cortes e ao carón do predio existía un pequeno eixido onde se chantaran varios grupos de árbores e xermolaba a planta do liño.
Só queda agora deixar renda solta á imaxinación e pensar... cavilar no desaparecido (mais non esquecido), lamentar o insulto ao patrimonio... Que nos sirva de lección ben aprendida para non reincidir nas desgrazas; aínda queda un núcleo antigo en Caldas de Reis por apreciar, porén contaminado pola especulación urbana e ameazado por unha eclipse, autoconsentida, de conciencia cultural e responsabilidade administrativa...

-Vaites, vaites!!!, que diría Castelao