martes, 29 de marzo de 2016

UN GRAVADO DE NIEULANDT CON TINGUIDURAS GALEGAS

Escudo do Reino de Galiza
(por Jan van Nieulandt) 
Aínda que a verdade son admirador da obra de Albrecht Dürer (1472-1528), sobre todo dos seus gravados, de cando en vez batemos con algún artista “menor” que, igualmente co buril, tamén nos fai desacougar. Este é o caso de Jan van Nieulandt, que foi quen de plasmar algún gravado único.

Pero esta historia quizais a poderiamos comezar en 1504, xusto cando ascende ao trono de Castela esa dama que dicían que perdera o siso. Chamábase Xoana, e oito anos antes contraera matrimonio co “fermoso” arquiduque de Austria, Filipe, que como fillo dos emperadores Maximiliano de Habsburgo e María de Borgoña herda un bo número de títulos nobiliarios e multititude de territorios (Brabante, Lothier, Namur, Borgoña..) ademais do gorentoso condado de Flandres.

Filipe "O Fermoso"

Xoana de Castela
Dela –que nacera en Toledo en 1479– e del –que viñera ao mundo en Bruxas en 1478– quedan seis fillos de lexítimo matrimonio: Leonor (Lovaina, 1498) que chega a ser raíña consorte de Portugal; Carlos (Gante, 1500) emperador do Sacro Imperio; Sabela (Bruxelas, 1501) raíña consorte de Dinamarca, Noruega e Suecia; Fernando (Alcalá de Henares, 1503) que sucede ao seu irmán no Sacro Imperio; María (Bruxelas, 1505) raíña consorte de Hungría e Bohemia; e Catarina (Torquemada - Palencia, 1507) soberana consorte tamén de Portugal.

Gravado de Nieulandt
Uns lustros máis tarde da nacenza dos seis irmáns, estando Carlos á fronte dos reinos hispánicos, o artista neerlandés Jan van Nieulandt preocúpase de representar, nunha fermosísima lámina, os "Seis fillos de Filipe ‘O Fermoso’ e Xoana de Castela" (De zes kinderen van Filips de Schone en Johanna van Castilië). No gravado que realiza o artista, aparecen á esquerda os fillos varóns do matrimonio; e á dereita –separadas polas columnas de Hércules nas que se enrola unha cartela co lema Plus Ultra- as catro fillas. Sobre esas seis figuras ecuestres contornadas por unha orla, vinte seis escudos dos reinos que recaeron na coroa imperial de Carlos V son representados para iluminar a estampa e, evidentemente, para facer gala do poder que recaía sobre a cabeza do soberano. Mais así e todo, a verdade é que resulta unha tarefa complicada identificar con precisión ese rosario de armerías, e facelo con certo rigor supón un importante exercicio de investigación heráldica. Isto tamén se ve dificultado polo feito de non só estar representadas algunhas "estrañas" armerías senón, ademais, por teren unha ruda execución co buril. Comezando de esquerda a dereita podemos ver os emblemas de:

1)       Buxía ou Bugía – Bougie, Alxeria (Ibugier)
2)       Murcia (Murhye)
3)       Toledo (Toleten)
4)       As Illas (Insularom)
5)       ....,
6)       Menorca (Minorque)
7)       Sevilla (Sevilgen)
8)       Nápoles (Neapoli)
9)       Sardeña (Sardene)
10)    Valencia (Valenche)
11)    Navarra (Nava)
12)    Granada (Garnate)
13)    Castela (Castillie)
Escudo renacentista do Reino de Galiza
14)    León (Leon)
15)    Aragón (Aragon)
16)    Sicilia (Secillien)
17)    Mallorca (Maiorque)
18)    Córsega (Corsice)
19)    Algarve (Allegarbe)
20)    Xaén (Jahen)
21)    Xibraltar (Gellertaris)
22)    Galiza (Gallissien)
23)    ...
24)    Alxeciras (Alnazsure)
25)    Mazarón - Murcia (Mazon)
26)    ...


Como se observa, ignoramos a que territorios pertencen tres dos brasóns, porén con toda claridade son identificábeis as armerías do reino Galego: 'sementado de cruces, un copón eucarístico'. Esta antiga variedade do escudo galego puidese ter sido a base doutros que por ese tempo se esculpirían en Flandres, e dos que trataremos en ocasións vindeiras.

venres, 18 de marzo de 2016

UN ESCUDO DO REINO DE GALIZA EN GANTE

Escudo do Reino de Galiza
na cidade de Gante
En marzo de 2011 tivemos a sorte de poder visitar, aínda que non na súa totalidade, os territorios de Flandres (Vlaanderen) e Valonia (Wallonie), no que hoxe é o Estado Belga. Daquela, escribimos un par de artigos de prensa para dar conta de varias descubertas. Un deles sae no Diario de Arousa (10-04-2011) e outro Galicia Hoxe (01-05-2011). Este último reproduciríamolo -con certas variacións e engadidos- no libro que titulamos Coa lingua na terra. Prologado por Xosé María Lema Suárez e con epílogo de David Otero (ambos amigos de noso e mestres dun ou doutro xeito), sae do prelo da editorial Toxosoutos en 2013 e nel recompilamos esa e outras colaboracións en prensa, debido a algunha das cales recibimos -con anterioridade- o Premio xornalístimo Manuel Reimóndez Portela (2012).
Castelao

Neses artigos daríamos conta da presenza dun fermoso escudo do Reino da Galiza, enmarcábel na época do reinado de Carlos I (1516-1556), e que puidemos localizar na cidade natal dese emperador, ou sexa Gante, feito que realmente emociona a calquera galego que bata con el na súa vista.

É por esa grande epifanía pola que queremos deixar aquí reproducido, na súa totalidade, esa coloboración na versión que se verteu no devandito ensaio, máis cunhas reflexións finais que certifican a súa antigüidade. Así e todo, facilitamos un bo número de ilustracións que nos poden axudar a comprender mellor o texto. Agardo que sexa de proveito.



GALIZA EN FLANDRES E VALONIA. OLLARES POR FLANDRES

A Xulia e a Ana

(Ollares por Flandres)

Sint-Jorishof (Gante) polo ano 1900. Obsérvese a existencia
de escudos heráldicos na fachada
Logo de almorzar con Ana Miranda e a súa filla Xulia, provistos cun tícket week-end partimos dende a Estación Central de Bruxelas rumbo a Gent. Nas nosas viaxes en tren ao longo da nación flamenca, os horizontes foron debuxando entre os vidros dos vagóns historias de diversas épocas, como se tivesen ganas de facer síntese de todo o acontecido, para rubir cara aos miolos en reflexión e análise. A pantasma de Carlos V asexa ao galope dende a concavidade dun territorio deprimido polo Atlántico e outrora tamén polas batallas, Xoán de Gante (pretendende ao trono galego) senta próximo a nós, e o mesmo Castelao tamén vai áxil na conversa cando recorda que xa había moitas décadas que el percorrera esas mesmas xeografías.

Sint-Jorishof na actualidade
Polo mes de xuño de 1921 o polifacético pensador galego está instalado en Bruxelas, e a súa curiosidade polo que o arrodea é tan inmensa como o Hotêl de Ville que se alza orgulloso na Grand Place. Non só lle chega coñecer os lugares máis populares senón que gusta de se embriagar coa pintura clásica deses territorios. O 10 de xullo fai parada en Gante, na “terra de Carlos V”, e instálase “n’un hotel qu’é unha das casas de mais caracter” de toda a cidade. Visita, tal nós fixemos décadas máis tarde, o castelo dos condes de Flandres e, loxicamente, queda marabillado na catedral de San Bavón (Sint Baafs Kathedraal) co tríptico da Adoración do Año Místico dos irmáns van Eyck. Máis e máis apuntamentos enchoupan o caderno de viaxe, e os ollos vidrados do pintor galego non dan para contemplar tanta obra conservada en museos e igrexas. Está claro que a visita de Castelao á Gent tiña como obxecto estudar todas esas pezas artísticas, xa que menos reparou en arquitecturas e recintos monumentais.

Escudo do Reino de Galiza´
Hotel 
Saint-Jorishof
Hotel Sint-Jorishof (Gante)
Pola nosa banda, a visita foi un pouco máis de exteriores, de deliñar na pupila prazas e baluartes, casas humildes e burguesas, estruturas nobres e detalles minúsculos que  mimetizan en fachadas de vivendas para non seren percibidas. As bicicletas circulan polas rúas, en labirintos de cultura universitaria, e nas paredes das igrexas e da catedral penduran cadros outrora observados unicamente nos libros de arte. Os sentidos debían de se abrir todos, a vista fundamentalmente, pero sen renunciar á sorpresa que produce a sonoridade: do balbordo popular e do idioma flamenco. Que ben resoa entre as pedras calcáreas –ciceladas en rúa preto do templo de San Nicolás– o nome de Cataloniëstraat, e como bate na vista a provocativa, pulcra e volátil silueta de Sabela de Portugal, muller e curmá de Carlos V, que aínda se esculpe xunto ao seu marido na fachada da Casa do Concello (Stadhuis). A emperatriz terma das súas lecturas coa man dereita, mentres que coa esquerda resgarda o aroma e a beleza efémera da flor da roseira. Entrementres o seu señor, coroado de barba e poder, aférrase ao globo do mundo e á espada, terma dos seus dominios e das súas loitas, apreixa con man firme –sen deixar que se escorra entre os seus dedos– todo o Sacro Imperio Xermánico. Estas imaxes asexan de esguello dende a torre da Stadhuis, onde conflúen as rúas Hoogpoortstraat e Botermarkt.

Bandeira do Reino Galego -
Funeral de Carlos V
(Jean e Lucas van Doetecum, 1559)
Escudo de Galiza
Armorial de Nicolas de
Lutzelbourg (1547)
Xusto en fronte ao enorme edificio consérvase a hospedaxe que leva fama de ser a máis antiga de Europa, hogano identificada co Hotel Sint-Jorishof, que seica xa existía por 1228. Porén, o estilo arquitectónico que hoxe recobre a súa historia é o típico do renacemento flamenco, e nos seus baixos instálase o tamén reputado café den Turk, que olla cara á casa do concello dende Botermarkt. As fachadas, sementadas de numerosas labras heráldicas –preto de ducia e media– algunhas das cales poden ser identificábeis cos antigos reinos de Carlos V, atavíanse de arte, historia e emoción. Desacougados quedamos ao identificar neses lenzos de pedra un vello escudo do reino galego; e este, símbolo da nosa nación, revístese de humildade na fachada que discorre por Belfortstraat, onde tamén campan con todos os seus esmaltes as labras propias doutros territorios: Navarra, Borgoña e Sicilia; Granada, Toledo, Valencia, Menorca e Hispalis (ou Andalucía). No entanto, no lenzo que dá a Botermarkt aparecen, outrosí, os emblemas de Sardeña, Córsega, Flandres, Brabante... Todos eles datan da mesma época, mais un par foi restaurado –ao noso entender con pouco gusto– en anos recentes, mentres os restantes conseguiron fuxir do acrílico para conservar, con orgullo, a tinguidura orixinal.

Escudo de Galiza
(Armorial Le Blancq - 1560)
Escudo de Galiza
(Wappenbuch der Arlberg
Bruderschaft 1548)
A labra “galega” –que por sorte non sufre esa recoloración– carece de timbre e ten a forma típica que emprega a nación flamenca durante o S. XVI, así e todo con certas influencias alemás. Á súa destra, e noutra peza de pedra, fíxose símbolo do reino de Valencia, e á súa sinistra do da illa de Menorca. Atentos á tipoloxía, o escudo galego poderíase describir así: “de azur, un copón de ouro, acompañado de seis cruces do mesmo”. Estas son patadas, e o copón moito se asemella a aquel que aparece no Arco Triunfal do Emperador Maximiliano I, que no seu día debuxara Albrecht Dürer e gravara Hieronymyus Andreä (1515). Mais tamén posúe notábel parecido co que se pintou nas magníficas miniaturas da Historia originis et succesionis regnorum et imperium a Noe usque et Carolum V (1548), onde en alegoría se representan os soberanos de Granada, Portugal e Galiza que terman dos seus respectivos emblemas reais. De non for polo contorno do escudo que se conserva neste edificio de Gante, poderíase dicir que é case idéntico ao desta última obra, porén xa difire bastante do xeito no que Jean e Lucas Doetecum miniaron os emblemas galegos para as Exequias fúnebres por Carlos V en Bruxelas (1559).

Escudo de Galiza no Gran Carro
Triunfal de Maximiliano I (Albrecht
Altdorfer 1515)
A teor disto, e doutras probas que aquí non imos citar, este escudo do antigo reino galego, símbolo da nosa nación, podería ser datábel na primeira metade do S. XVI. Amais disto, moi seguramente estamos perante unha das representacións máis antigas que se encontra fóra da noso territorio. Porén, verbo da súa tipoloxía, é unha peza única e importantísima que reafirma a nosa existencia e recoñecemento dentro da Europa dos vellos pobos, hoxe eclipsados polos novos estados que lles restan cultura, vida e voz.

Asemella que Castelao ía canda nós no vagón do tren que nos conduciu de Bruxelas a Gante, e na volta, quizais a súa silueta curvada e lonxicua tamén se debuxou nos vidros riscados pola paisaxe, xa menos agrícola e si máis aberta ao mundo industrial. Á noite ceamos con Ana e Xulia; e volvemos a reencontrarnos co universo galego mentres degustamos a mellor das conversas: a que se adobía de amizade e compromiso co que nos fai ser o que somos.



ANEXO ADICIONAL: É ORIXINAL ESTE ESCUDO OU UNHA COPIA?


Acuarela de Lieven van der Schelden
Si, certamente sería importante verificar se este escudo é do S. XVI ou unha copia posterior. O estilo, como observamos, é propio da plástica renacentista dese país. Mais,... por sorte, recentemente batemos cunha acuarela dun pintor que reproduce a faciana que tiña Saint-Jorishof por 1584, unhas décadas despois de cando fose reformada esta edificación. O autor, Lieven van der Schelden, reproduce cunha perspectiva aérea non moi correcta as dúas fachadas desa magnífica construción. Posiblemente o faga dende a zona da Casa do Concello (Stadhuis); e como se pode comprobar nas imaxes, a acuarela detalla a presenza de todas ese rosario de pedras armeiras. 
Detalle da acuarela. O segundo escudo pola esquerda é o do
Reino de Galiza

Para maior asombro, o escudo do reino da Galiza está no mesmo lugar que na actualidade, polo que podemos asegurar que estamos ante unha das manifestacións pétreas cos emblemas galegos máis antigos conservados e que, curiosamente, fica fóra do territorio galego.

No referente ao apartado histórico desta edificación, hai que dar conta de que sería reconstruída polo S. XV, e que nela se instala o gremio de San Xurxo, patrón que aparece esculpido, xunto co seu dragón, no cumio máis alto desta belísima mansión (concretamente no hastial).

martes, 15 de marzo de 2016

A CARBALLEIRA (das Cheiras) E A TORRE DE CIMA DE VILA (CALDAS DE REIS)

Augatinta dunha pedra labrada coas armas dos Ulloa

(Héitor Picallo)

- Hospital de Santa María de Leboreiro (Melide) -

Entre as múltiples colaboracións que teño entregado ao Diario de Arousa foi a referente ás torres de Cima de Vila e a súa Carballeira (en Caldas de Reis) unha das que máis gustei de profundar, e iso non porque falasemos dun monumento arquitectónico importante (ergueito no medievo e restaurado, tempo máis tarde en estilo renacentista) senón porque tamén tratabamos un outro monumento, desta volta vexetal. Estoume a referir á fermosísima Carballeira de Caldas, esa que -ao pé do xardín- do malecón e do Umia, foi modificada de xeito artificial para escándalo da vista e repulsa de moitos.

A natureza ten que ser iso, natureza, e poucas intervencións debe haber nelas. De por si xa son fermosas e non se necesitan de máis alfaias que as follas, os toros, as touzas cubertas ou caducas e os espazos que nelas se xeran: microclimas, paisaxes pequenos (de detalle) e amplos (no seu conxunto), lugares para a arte, templos para o lecer (respectuoso, por certo), para conversar, para nos relaxar e incluso escoitar a polifonía do ambiente. Como moito hai que estar aí para conservalos, pero non somos quen para actuar de xeito arbitrario, contrario ao razocinio e incluso aos informes técnicos de viabilidade.
Escudo dos Ulloa
Procedente do pazo de Cima
de Vila - Caldas de Reis

Porque os monumentos verdes, tal e como pasa cos construídos en pedra labrada, hai que mantelos e preocuparse deles, non realizar proxectos caprichosos que caen na veleidade e na xustificación de que esta ou estoutra administración fai algo cos caudais do erario público: xeral mal gasto.

Reproduzo, a continuación, o artigo anteriormente citado, co desexo de que sirvan para tomar conciencia para que algún día se corrixan os erros que hoxe atentan contra ese monumento vexetal, tal e como antano atentaron contra o Pazo e Torres de Cima de Vila.

Alén deste preámbulo, poderiamos sinalar que moi posiblemente estes edificios de Cima de Vila (o pazo coa súa torre e a torre que se ergueu na carballeira) deberon ter unha orixe medieval. Porén, o primeiro dos edificios había ser reconstruído nas primeiras décadas do S. XVI. 

Escudo dos Marqueses de
Bendaña debaixo de Atlas
Compostela
Alí camparon, nun enorme escudo -que hoxe se conserva nas instalacións do Museo de Ponteveda- as armas da liñaxe dos Ulloa; armas que tamén se reproducen no "palacio" dos Marqueses de Bendaña que, altivo, brilla na cidade de Compostela (nel, hogano, atesouranse os fondos da Fundación Granell).

Porque o edificio santiagués moito tiña que ver co de Caldas de Reis, gobernounos unha mesma familia, e esta gabouse de ambos os dous. O Marquesado de Bendaña, aínda vixente, foi concedido por Carlos II (Real Despacho do 27 de outubro de 1692) a Rodrigo Antón Falcón de Ulloa e Rivadeneyra, previo ao viscondado de Parderrubias.


Agardo que sexa de proveito.

sábado, 12 de marzo de 2016

ALÉN E AQUÉN DAS TORRES DE GUIMAREI (A ESTRADA) E VILAR DE PAIO MUÑIZ (A MERCA)

Torre de Guimarei (por Castelao)

Na miña etapa de colaborador no xornal Galicia Hoxe tiven a sorte de contar cunha sección titulada Versos para unha Arquitectura Extinguida. Nela acheguei información sobre diversos edificios civís e castrenses espallados polo territorio galego: algúns de litoral e outros de interior, algúns ligados á administración pública (coma as torres de Caramona en Betanzos) e outros integrados no patrimonio particular dun nobre, cabaleiro, escudeiro ou fidalgo.

Un deses edificios nos que profundei foi a torre de Vilar de Paio Muñiz (A Cruz da Merca - Ourense), a que estivo boa parte da súa existencia vinculada á torre de Guimarei (A Estrada - Pontevedra). A caste dos Mosqueira, procedentes daquelas xeografías ourensás, ha botar raíces posteriormente nas demarcacións estradenses; e os señores de tales edificios -Mosqueiras de liñaxe, entre outras moitas- chegarán a ser Marqueses de Guimarei, por Real Despacho do 30 de setembro de 1716 emitido por Filipe V. 

Torre de Guimarei
Daquela, eses símbolos construtivos -na Merca e na Estrada- foron tidos en consideración polos seus propietarios e hoxe, os que deberan velar pola súa conservación -dende as administracións locais e nacionais-, miran de esguello cara a elas, inhibíndose na aplicación dunha norma que lles obriga a actuar (Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galiza). Quizais interesan máis os VIP que os BIC. Alén disto, a torre de Paio Muñiz resulta ser na actualidade unha miraxe -pouca pedra fica en pé para ser considerada arquitectura- e a de Guimarei exponse día si, día tamén, ao furto e á derruba. 

Quizais Guimarei sexa un lastre (para algúns/algunhas), talvez por ser un elemento moitas veces reproducido nas viñetas e obras pictóricas de Castelao (boa parte delas conservadas no Museo de Pontevedra), se cadra prefírese a pelota no campo de herba sintética cá conservación da historia e dos elementos patrimoniais máis significativos dos nosos municipios. 

Castelao
Así e todo existen colectivos socioculturais, como Vagalumes (A Estrada), que demandan a perpetuación dos herdos do pasado, e recuperan memoria, e consciencia, e conciencia de noso. 

Tamén valoramos moi positivamente aquela concellaría de Cultura estradense que foi quen de deseñar un roteiro tan interesante como aquel referido a Castelao, no que se vincula -non podía ser doutro xeito- a fermosa e vetusta torre de Guimarei: obxectivo claro para pór en valor non só o acervo cultural senón tamén a memoria de quen -outrora- se preocupou e precupa hogano por termos e conservarmos os bens comunitarios. 

Alén disto, existen inciativas particulares, coma a do artista galego Fernando Porto, de moi significativa importacia. Porto soubo reproducir ese elemento arquitectónico estradense (imaxe do emblema municipal, non nos esquezamos) e outras pezas labradas polos antepasados de noso: velaí a estela atopada por Castelao na freguesía de Ouzande.
Deseño de Fernando Porto

En Cuntis, os tentáculos do poder pretenden furtar o que tamén é comunitario (disfrazado de subvención e axuda, mentres nos meten goles). As arquitecturas da auga fican en perigo; e a elas dedicareilles no seu momento a oportuna achega. Se cadra, para algúns, o importante é depredar -o que sexa- coma aguias pétreas que campan nalgúns bransóns, ou reverenciar aínda aos que seica conservan ese "pedrigree".

E eles, caprichosos, buscan rapinar o xoguete que non lles é propio; coma crianzas consentidas por "paaaapá". O patrimonio, ben o saben tamén, é de todas/todos,... non exclusivamente dos unxidos polos óleos da fortuna, senón de sociedade enteira sen distincións. Pero os caprichosos non son exclusivamente os VIP, senón asemade os señores medianeiros entre o pobo e o poder: tantas veces as administracións, e os entes políticos,... Tantas veces,... ficamos SOS. Recuperaremos para todas/os Monterrei, Guimarei, Lume de Deus, Panadeira,...

Déixo por aquí dous pdf coas publicacións citadas de Vilar de Paio Muñiz, con referencias precisas sobre a torre de Guimarei.

Texto 1 (Vilar de Paio Muñiz)
Texto 2 (Vilar de Paio Muñiz e Guimarei)

xoves, 10 de marzo de 2016

VICENZO XOSÉ DE CASTRO LIRA LAVANDEIRA: UN DEPUTADO CUNTIENSE NAS CORTES DE CÁDIZ

Casa Grande da vila do Baño
Hai ben tempo fun escribindo distintos asuntos sobre un dos persoeiros máis importantes da historia moderna de Cuntis: Vicenzo Xosé de Castro Lira Lavandeira. Aínda que non nace nesta vila, si está soterrado en Cuntis (ignoramos xustamente o lugar) e si tamén decide contraer matrimonio cunha muller de moitos caudais natural de Santa María dos Baños: Dª. María Tareixa Bernaldina Antonia Taboada Mosqueira e Caamaño Núñez de la Fuente e Rivas de Montaos, señora da casa grande desa vila (hoxe Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis).


Torre do Vilar
Vicenzo garda entre os seus patrimonios unha casa na cidade de Compostela, preto da Praza do Toral (que non toural, pois procede este topónimo de toro de leña, e non de tales animais cuadrúpedes), a torre do Vilar (en Vila de Cruces), e a casa da Granxa (en Tui). É fillo de D. Xoán Antón de Castro Lira –señor da devandita torre do Vilar e receptor dos Reais Alfolís da cidade de Tui– e Dª. María Ignacia Lavandeira e Sebil. 

Lareira da Casa Grande da vila do Baño
Vicenzo, logo de estudar na Universidade de Santiago de Composela, licénciase en Leis e Cánones; e cando aínda se podía cheirar no ambiente a pólvora da batalla contra as tropas de Napoleón, elixirano para representar a Galiza nas devanditas Cortes xunto con outros ilustrados da provincia de Santiago.

Na fachada da Casa Grande da Vila do Baño (propiedade desa familia) campan dúas labras heráldicas. Unha delas, cuartelada en cruz, ten esculpidas as armas dos Castro (1º cuartel), Quiroga e Lira (2º cuartel), Quiroga (3º cuartel) e Suárez de Deza (4º cuartel). Como timbre aparece un coronel "ao voo". Idénticas armas son as que aparecen no escudo da Torre do Vilar (San Miguel de Brandariz - Vila de Cruces), mais nesta volta é un helmo o que timbra a pedra armeira.

Achegamos nestes dous documentos uns anacos da súa historia. Podedes descargar a información nos seguintes enlaces, onde se reproduce un par de textos publicados no Diario de Arousa:

xoves, 3 de marzo de 2016

ANTÓN MARÍA VALENZUELA OZORES


Dende hai moito tempo estiven a investigar sobre un dos grandes eruditos (e científicos) galegos: Antón María Valenzuela Ozores. Nado en Compostela o 25 de novembro de 1819, a súa vida escribiu páxina moi importantes en diversas xeografías: Cuntis, Vila de Cruces, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa,... Reside en non poucas ocasións na parroquia cuntiense de Santa María de Troáns, concretamente no lugar da Hervés, onde os seus antepasados ergueran un pazo denominado "A Quinta do Areal". Certo é tamén que a súa familia paterna tiña moita vinculación coa xeografía cuntiense e, nomeadamente, coas freguesías de Troáns, Arcos de Furcos e Os Baños (lugares onde tiveran varios casas grandes).

Antón vén a ser unha personalidade interesantísima na historia galega da primeira metade do S. XIX. E aínda que estuda dereito na USC, e ocupa unha cátedra de mestre de historia natural no Instituto de Pontevedra, destaca pola súa contribución ao mundo da ciencia. Inventa o "diadisímetro" (aparello que indica o grao de permeabilidade que teñen as terras), colecciona minerais, estuda os solos galegos e introduce especies vexetais (como por exemplo o gname). Por mor das súas investigacións recibe varios recoñecementos e premios; porén a súa contribución no eido dos ensaios científicos, fai que sexa unha persoa moi respectada e admirada nos círculos de eruditos, literatos e estudosos do seu tempo.

No campo da política, estivo vinculado ao Banquete de Conxo e foi amigo de moitos dos participantes da Revolución Galega de 1846 (se realmente non resultou ser tamén un dos partícipes ou simpatizantes).

Se queredes coñecer un chisco máis, podedes consultar o artigo que -ao respecto- publicamos no Diario de Pontevedra (suplemento Diario de Caldas), con data do 18 de novembro de 2015. Premede aquí se queredes descargar o pdf do texto.

O vídeo que se achega debaixo destas liñas foi presentedo no CPI Aurelio Marcelino Rei de Cuntis con motivo do "Mes da Ciencia" (novembro de 2015)


MANUEL XACOBE FERNÁNDEZ MARIÑO

E comezamos este blogue traendo até nós a figura dun dos científicos, vinculados á balneoterapia, máis importantes da Galiza da primeira metade do século XIX. 

Aínda que nado na centuria anterior, nas terras de Santa Uxía de Ribeira, o seu oficio no mundo sanitario estará vinculado -fundamentalmente- a (Caldas de) Cuntis e Caldas de Reis. Tanto é así que foi director médico balneario dos estabelecementos termais de ambas localidades. Alén diso, dá aulas na Universidade de Santiago de Compostela, cidade na que debeu falecer.

Tanto en Caldas de Reis como en Cuntis realiza importantes labores nas fontes termais, así como nos edificios balnearios. En Cuntis, por exemplo, foi o responsábel de instalar os baños de vapor no Balneario da Virxe, aló por 1835 e logo de ter atopado, uns anos antes, concretamente en 1831, un baño romano en plena rúa Real.

Alén diso ten publicado non poucos libros e na USC, ademais de catedrático, desempeña múltiples responsabilidades docentes.

Deixamos nesta ligazón o vídeo que fixemos sobre del e que foi presentado en novembro de 2015 (con motivo da mes da ciencia).

Sobre este personaxe, fundamental na historia da ciencia galega, escribín un artigo no Diario de Pontevedra (suplemento: Diario de Caldas), mercé do seu coordinador (o xornalista e escritor Fernando Salgado). Para quen guste, deixo aquí o enlace para descargar o texto: preme aquí.