domingo, 12 de novembro de 2017

A MIÑA COLABORACIÓN Á MOSTRA DO PERGAMIÑO VINDEL (Museo do Mar)

Augatinta do Cristo
Salvador (Vigo)
Dende o mes de outubro, Galiza pode gozar da presenza do marabilloso pergameo no que se reproduce a música e letra de sete cantigas de Martín Códax. Todas elas escritas evidentemente en Galego, é un regalo para os sentidos poder contemplar este importantísmo testemuño da lírica profana medieval alí ao pé daquela ría á que o trobador cantou xa hai oitocentos anos. O Museo do Mar, presidido por Vicente Caramés Moreira, acolle esta alfaia para os sentidos, pois non só ten a súa imporancia dende os eidos da literatura, senón tamén da arte, da historia e da música; e tamén sublíñase non unicamente dende o contexto galego-português ou Ibérico senón incluso dende o ámbito universal...
Temos perante nós os sons de oitos séculos escritos nunha fermosa vitela, as grafías de hai case un milinio trazadas coa pluma de -cando menos- tres amanuenses, o salitre do noso mar apegado á febra do coiro, a esencia da nosa existencia no mundo... e a importancia dun idioma universal nado entre ambas marxes do río, chamado Miño. E velaí ese tempo, de area de mar, no que Galiza se erguera coma reino dentro dun orbe irisado, no que hoxe só asemella que predomina o gris cinsa... Así e todo, recuperamos, para a nosa retina o celeste dun texto universal.

A encarga

Pergamiño Vindel (foto: UdeVigo)
Ao longo do verán, con bastante apuro e con poucas pausas, fun elaborando unha serie de imaxes propostas polos organizadores desta magnífica exposición (concretamente, dende o Museo do Mar e a propia Universidade de Vigo). Porén, interesáballes sobremaneira que reproducise a silueta e os detalles dunha peza marmórea que non foran quen de conseguir para a citada mostra: O Cristo Salvador de Santiago de Vigo. 


O Cristo Salvador de Santiago de Vigo

A obra exposta ao carón do Pergamiño Vindel –concretamente á súa esquerda– é unha augatinta, de 35 X 105 cm nas súas dimensións, que tiven o gusto de elaborar en lámina de algodón de 640 gramos. Na técnica do debuxo arqueolóxico, intentamos representar con minuciosidade e proporción o Cristo Salvador que, procedente do parteluz da igrexa de Santiago de Vigo, hogano se conserva Museo Arqueológico Nacional (Madrid). 

A peza orixinal, esculpida en mármore, é riquísima na decoración dos mantos do Cristo, o cal estruga cos seus pés posibelmente un león e un dragón (símbolos do mal). Este é un testemuño iconográfico magnífico da escultura do século XII e comezos do seguinte que procedente, sen dúbida, da Escola do Mestre Mateo, xa que conserva evidentes similitudes con varias figuras do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Na augatinta intentamos distinguir con meridiana nitidez a inscrición da aureola, na que se indica, “Ego sum alfa et omega”; e aqueloutra que se le no libro aberto que terma o Cristo coa axuda da man esquerda e o peito, “Deus Eternus Omnipotens et Clemens Omniaque Gubernans”.

Músicos



Mais esta non é a única peza que elaboramos para esta exposición, pois outras cinco, realizadas coa mesma técnica da augatinta, aparecen no catálogo que se edita ex profeso para esta ocasión. 

No apartado que o musicólogo Carlos Villanueva destina para ‘O Pergamiño Vindel e a súa música’ aparecen, entre outras imaxes, tres esculturas que buscamos reproducir con detalle: 

un gaiteiro esculpido nunha das nervaduras do templo conventual de San Francisco de Betanzos; un músico que toca a viola e que se conserva entre as arquivoltas do marabilloso mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda); e outro músico que sostén un instrumento, semellante ao anterior, e que ten o seu orixinal en pedra na igrexa estradense de Santiago de Tabeirós.

Serea e Centauro

David Chao Castro –profesor de Historia da Arte da USC– encárgase da “Exempla” e poética na iconografía profana medieval galega (séculos XII-XIII), estudo no que Picallo entrega outras dúas augatintas. 
Desta volta, as pezas que reproducimos –e cuxas orixinais foran executadas en mármore vetado no século XII– proceden da fachada norte da Catedral de Compostela, aínda que con posterioridade se embutiron de xeito anárquico na actual fachada das Praterías. 

Nos debuxos obsérvase un Saxitario ou Centauro que lanza frechas a unha serea. Esta –coa súa man esquerda– terma dun peixe e –coa dereita– un olifante. Esa muller ictioforme, tan característica na iconografía galega, ve traspasado o seu corpo por unha das setas que guinda esoutro ser fantástico.

venres, 13 de outubro de 2017

A PRINCESA DE CUNTIS E O “CAMARADA PRÍNCIPE"


Camarada Príncipe
Alberto de Borbón padecera varios momentos traumáticos ao longo da súa vida, o máis grande sen dúbida o do asasinato da súa nai –María Luisa de Rich y Carbajo; pois o que preme o gatillo da pistola é o propio cónxuxe desta, José María de Borbón y de la Torre, pai do cativo e disque Duque de Sagunto. 

Mais que Alberto e os seus cinco irmáns vivisen nun palacete madrileño do Paseo de Rosales co seu proxenitor, logo dun crime de violencia de xénero de tal magnitude (se realmente existe un baremo para calibralo), tampouco debeu resultar nada sinxelo; nin igualmente escoitar os ruxerruxes nas rúas da cidade e observar os dedos delatores que apuntan –e non disparan– pero si sinalan con desvergonza dende as xanelas dos edificios próximos.

A primeira vez que Alberto entra en prisión

Alberto de Borbón y Rich
(fonte: revista Interviu)
Quizais, esta podería ser a situación vivida (non é difícil imaxinala), aínda que cómpre subliñar que Alberto é, dende cativo, un rapaz bastante fedello, curioso e falto de prexuízos. Tanto é así que se fai íntimo amigo do porteiro da casa, co que escoita radio comunista de Carabanchel. A eles únenselles varios compañeiros, e na caseta do xardín do palacete, entre grolo de viño e tapa raspiñada na cociña do Borbón, fálase de política e doutros asuntos da actualidade dese tempo. Era o ano 1934 e comeza a Revolución Obreira de Asturias, polo que se dirixen até alí informados  previamente de que na Fábrica de Gas fican uns “esquiroles”. Mais as cousas non resultaron sinxelas nin moito menos pacíficas. Arrestado por membros da Dirección General de Seguridad, Alberto pasa unha tempada entre reixas, e alí ha aprender non só a Internacional senón varios daqueles himnos que se entoaban dende o Partido Comunista: “Somos la joven guardia / que va forjando el porvenir. / Nos templó la miseria / sabremos vencer o morir”.

Daquela ten dezaoito anos, pouco máis ou menos (nacera o 2 de novembro de 1916), e foi rescatado do presidio polo seu malhumorado pai. Pero isto supuxo un par de drásticas consecuencias. Primeiramente, tanto el coma o seu amigo o porteiro son postos na rúa por José María de Borbón e, na desgraza, buscan novos camiños vinculados á República e ao PC (malia que o curioso Alberto nunca ha militar no partido). En segundo termo, resulta tanxíbel dende aquela o distanciamento familiar e, estigmatizado polos Borbóns, poucas axudas ha conseguir deles ao longo da súa vida, senón máis ben rexeitamentos, reprobacións, baleiros, omisións e “descualificativos”.   

Durante a guerra civil, o segundo presidio republicano

Árbore xenealóxica
Despois do Golpe Militar Franquista propinado en xullo de 1936, vemos a Alberto de Borbón y Rich como voluntario no Cuartel de la Montaña –non lonxe do palacete familiar– nese edificio onde se organiza a sublevación contra o goberno republicano que Alberto, sen dubidalo, defende a capa e espada. Recordemos que o 19 de xullo o Xeneral Fanjul declara dende ese cuartel o estado de guerra, aínda que esa mesma tarde o inmoble é rodeado e custodiado sen dificultade por tropas leais á República, pola garda de asalto, a Garda Civil e –como non– polas milicias populares das que forma parte o Borbón. Estas, se somos fieis á realidade, non dispuñan para se defenderen de moito máis que de vasoiras e escopetas de caza.

Fernando de Borbón
II Duque de Dúrcal
Logo do sucedido no cuartel, retorna ao seu fogar –do que fora expulsado– porén reside na casa duns amigos. Mais estar no bando republicano non o priva de moitas sensacións agres, xa que ser Borbón tamén proe bastante nas filas que defenden o goberno. Tanto é así que –por ese motivo– lle han facer compaña de novo as reixas. Os feitos acontecen cando regresa ao cuartel, pois certas persoas con tan só ouviren o seu nome captúrano e danlle traslado ás instalacións que se reservan para os condenados a morte.

Un par de días máis tarde, un amigo do porteiro e membros da “radio comunista de Carabanchel” conseguen a súa liberación; e por mor deste feito Alberto de Borbón ha transmitir, dende o exilio e aos redactores da revista Interviu en Francia (nomeadamente, José Dalmau, Evelyn Mesquida e Fernando Marull), palabras de agradecemento cara ao partido: “Yo suelo decir que debo mi vida a los comunistas”. Tamén engade que ten moita simpatía con esa organización política así como unha gratitude sincera con ela, xa que “me ha ayudado mucho moralmente”. O aprezo que é recíproco faise notar pola outra parte, pois os militantes do PC –con certa sorna– denomínano “camarada príncipe”.

Necrolóxica do II Duque de Dúrcal
Alén diso, a dor é a tónica habitual dese tempo. Tanto é así que non deixa de bater na porta do Borbón e de afiar a gadaña contra ela. Polo mes de agosto o seu irmán José Luís de Borbón y Rich –que daquela é oficial de infantería e se atopa por Girona– é fusilado, tal e como nos trae José María Zavala no seu libro La maldición de los Borbones: De la locura de Felipe V a la encrucijada de Felipe VI. E posto que as desgrazas non veñen soas, tamén recibe novas de que o 24 de setembro dese ano a súa tía Elena de Borbón y de la Torre é asasinada –na Calle Serrano– por uns milicianos. O 1 de novembro falecen dous dos seus tíos: o comandante de aviación, Xentilhome de Cámara de Alfonso XIII e II Marqués de Squilache (Grande de España), Alfonso de Borbón y León Castellví y Navarro de Balboa –verbo do que indica Rafael Nieto Cortadellas; e o tamén comandante de aviación, e titular do Marquesado de Balboa, Enrique de Borbón y León. Por se  isto fose pouco, nese mesmo mes as necrolóxicas seguen a encher de loito a súa vida, xa que anuncian o pasamento dun fillo deste último marqués, o mozo Jaime de Borbón y Esteban, curmán do noso biografado.

Os “golpistas” méteno de novo entre reixas

La Mola de Mahón (Menorca)
(fonte: wikipedia)
Cheo de coraxe, estes sucesos non acovardan a Alberto, nin tan sequera torna de bando ou fica neutral. Por mor da súa lealdade ás forzas republicanas, a súa vida e as súas loitas discorren por distintos lugares, concretamente por Brunete (onde falecen máis de 50.000 persoas en vinte días), Girona (onde matan ao citado seu irmán) e Menorca, illa que gañan os sublevados en febreiro de 1939. Arrestado, trasládano á fortalesa de La Mola de Maó, aínda que polos contactos familiares consegue a liberdade non sen atrancos. 

Debemos recordar que ser Borbón é –en tempos de guerra– unha mala chave mestra, tanto é así que o seu propio tío o Xeneral do IV Corpo do Exército, Francisco de Borbón y de la Torre, emite unha contraorde que curiosamente “llegó tarde”. E dicimos “curiosamente” pois este nobre, Duque de Sevilla –que Franco expulsa do exército en 1943 por traficar con alimentos, como indica Paul Preston non só quixo que Alberto fose desterrado a Alcaraz (Albacete) senón que provoca –en palabras do seu sobriño– que Fernando de Borbón y Madán (II Duque de Dúrcal) fose recluído en Galiza e que morrese de fame en 1944 (falece o 28 de marzo no sanatorio de San Francisco de Asís de Madrid). 

De Fernando de Borbón debemos sinalar un par circunstancias. Por unha banda é mester lembrar que ao Duque de Dúrcal e ao seu cuñado Mauricio van Vollenhoven (que logo ha ser ministro plenipotenciario dos Países Baixos en Madrid) se lles imputa en 1936 o asasinato do capitán de aviación, e Marqués Squilache, Alfonso Borbón y León, segundo se recolle na documentación arquivística dos Marqueses de Torrelaguna. Nun segundo termo, cando Fernando fica recluído polo seu tío, estará concretamente en Viana do Bolo (Ourense), cando menos entre os anos 1939 e 1942, data esta última na que acada o certificado de boa conduta e a súa “afección ao réxime”, que lle expide o xefe da falanxe dese municipio ourensán.  

Alberto de Borbón: desertor, traidor e condenado a morte por segunda vez
Mar da Coruña - A Marola
Para continuarmos coa nosa historia non nos debemos esquecer de que por ese tempo Alberto –grazas a estar formado en navegación– traballa como empregado nun barco dun parente, pero as leas non se farán de agardar.

Xa no réxime franquista, axuda ao seu bo amigo o porteiro para que fuxa cara a América, polo que pon ao seu dispor os documentos que lle eran de seu. De novo é descuberto, e os tribunais declárano desertor, de aí que aproe o seu destino cara aos mares de Francia, mais non se ha distanciar moito do Estado xa que, provisto dun barquiño da súa propiedade, de cando en cando percorre as costas cantábricas e as atlánticas da Coruña. 

Logo dos negocios do Wólfram: declarado traidor, condenado a morte e exiliado en Francia
Así podemos identificalo nos negocios do wólfram que el traslada cara a Bayonne para saciar as ambicións alemás durante a II Guerra Mundial. E nese “negocio” –brillante e escuro como o propio mineral– tamén meten o fociño os servizos de espionaxe do Reino Unido, ben se sabe da intención de que o seu país ou os “amigos aliados” levasen unha tallada no festín, aínda que disto pode tratar con maior detalle e criterio o investigador Rafael Lema. Mais avancemos coa nosa crónica. Por mor da situación descrita, o cónsul inglés da Coruña convence ao Borbón para que lle dea o frete a un barco americano, sen reparar en profundidade nos riscos que isto lle puidese ocasionar. Alberto –que accede– é descuberto por un gardacostas cando está coa descarga da mercadoría, polo que ha retornar ao calabozo. Declarado  traidor, sen miramentos, é condénano a morte.

Alén desta rotunda sentenza, sexa como for a situación e quen estiver movendo certos fíos e falando con determinados contactos, a pena conmútase por case unha década sen poder navegar. Consecuencia disto, acompañado da súa muller (a cuntiense María das Dores Campos Guerra) e a súa proxenie, o “príncipe vermello”, rebelde e inconformista, volve salvar o pescozo e pasa instalar o seu fogar –definitivamente– no país dos cen mil fillos de San Luís, de onde proceden realmente os seus antepasados... 

Así e todo, alí tampouco fica inmóbil: pois dende o exilio xa está pronto para vivir novas aventuras vinculadas á República e á Democracia... Algún día habería que agradecerllo, digo eu.

sábado, 23 de setembro de 2017

O SOGRO DA PRINCESA CUNTIENSE

Sinatura de José María Enrique Alberto de Borbón
y de la Torre
Retomamos a historia do entronque de certa póla da familia real española con aqueloutra humilde familia rural cuntiense –e a xeito de preámbulo deste capítulo– coas nupcias dos sogros de María das Dores Campos Guerra, a saber: María Luisa de Rich y Carbajo e José María Enrique Alberto de Borbón y de la Torre. Ela –que é filla do Tenente Coronel Narciso de Rich y Martínez e Estrella Carbajo y Gómez de Terán– e el –que o é do Xeneral de División Francisco de Paula de Borbón y Castellví (que fora deputado a cortes por Barcelona) e de María Luísa de la Torre Bassavé– contraen matrimonio no ano 1909. En El Álbum Ibero-americano, na súa edición do 30 de xuño, recóllese este feito e indícase que a cerimonia relixiosa ten lugar nos Xerónimos de Madrid. A parella, de seguro, baixa pola mesma escalinata que en 1905 se constrúe ex profeso para a voda de Afonso XIII e a escocesa Victoria Eugenia de Battenberg (que acontece o 31 de maio de 1906). Reproducimos, ao pé da  letra, a nova de prensa que sobre o matrimonio Borbón-Rich trae a devandita publicación:

“Se ha verificado en el templo de San Jerónimo el Real el matrimonio de la bella señorita María Luisa de Rich con el ilustre oficial del regimiento del Rey D. José María de Borbón, tan conocido en los círculos de la Corte. Apadrinaron a los contrayentes la elegante señora de Rich, madre de la novia, y D. Francisco M. de Borbón, hermano del novio, y fueron testigos los Sres. Narciso Rich, Alberto de Borbón, González Conde, Oltra y el Marqués de Villamantilla de Paredes. La ceremonia religiosa se verificó en familia”.

Dezasete anos máis tarde e un día antes

José María de Borbón y de
la Torre
(fonte: http://geneall.net)
Pasado o tempo, o futuro cónxuxe de María das Dores Campos Guerra –Alberto José de Borbón y Rich– padece un tráxico e dolorosísimo drama familiar, cando aínda é un cativo de nove anos. Daquela o fogar está instalado no número 4 da rúa madrileña de Andrés Mellado, concretamente, no segundo esquerda do inmoble. O seu pai, José María de Borbón, curmán segundo de Afonso XIII, conta con 42 anos de idade e, no exercicio das armas, goza do rango de Tenente Coronel de Infantería, afecto á aviación. A nai de Alberto, María Luisa, aínda non ten cumpridos os 36.

Días antes do fatídico suceso, José María comenta cos seus compañeiros que ten a intención de abandonar o exército e, así mesmo, botarse ao mar e coller rumbo cara a Illa de Cuba, onde nacera a súa nai a mediados do século pasado. Por iso –disque– está a tramitar con urxencia o pasaporte.

Un día na rúa Andrés Mellado

O almanaque indica que xa é 5 de febreiro de 1926, tempo no que aínda recende a pólvora que deixara tras de si Primo de Rivera no Desastre de Annual, naquela África ferida que tantos recordos e medallas lle dera a José María de Borbón.

O reloxo anuncia as 15:30 e a nai e os dous fillos cativos xa están prontos para rematar o xantar. Beatriz, ten seis anos e Álvaro catro. Segundo aseguran algunhas crónicas (outras sinalan que a familia está toda reunida), fican ausentes: José Luis de 15 anos (pois é cadete de Infantería na Academia Militar de Toledo); Carlos Luís e Alberto José, de 10 e 9 anos, respectivamente, que residen nun internado; e Beatriz, de 8 anos, que vive cuns parentes. Tamén falta Fernando, pero esta crianza xa morrera en 1914 con tan só oito meses de idade.

Árbore Xenealóxica
Todo asemella un día coma outro calquera, e o persoal de servizo tamén está na casa, entre eles as “serventes”: Trinidad García e Ramona Rivas. O pai de familia, axudante daquela do Xeneral Zabalza, e procedente como de costume do aeroporto de Cuatro Vientos entra con moitos aires no fogar á hora sinalada –segundo recolle o xornal galego La Zarpa. Alí atopa a familia rematando de xantar, e este motivo –“de no haberlo esperado para comer”– propicia unha violenta discusión no matrimonio. O Borbón avisa ao servizo para que se recolla cos cativos e, entrementres, vai coa súa muller cara ao cuarto de baño. Alí continúa a discusión, acalorada. Mais esta non é excepcional, pois verbo do que trae o ABC deses días, María Luisa padece “grandes y continuos disgustos”, razón pola que se atopa “enfermiza, delgadísima y con ánimo muy entristecido”. Quizais para buscar unha saída no labirinto de infortunios e dar conta da situación que vive e padece, visita “con frecuencia a sus parientes y a la familia de su marido, escuchando de todos los labios palabras que se traducían en consejos de resignación y paciencia”, pois o tenente coronel mudara a súa conduta había algún tempo, “mostrándose violento en sus relaciones familiares”.

Francisco de Paula de  Borbón y de la Torre,
consorte da IV Duquesa de Sevilla
Continuando coa narración dos feitos, e segundo nos trae o xornal obreirista La Libertad (de Madrid), logo reproducido por Antonio Maestre en 2013, “María Luisa salió al pasillo con el propósito de ganar la puerta que comunica con la escalera”. O Borbón desenfunda a pistola e un par de proxectís (das catro, tres ou dúas balas que lle dispara polas costas, dependendo do xornal que consultemos) alcanza á asustada muller.

O balbordo que ocasiona, evidentemente, atrae e altera non só aos inquilinos da vivenda, senón tamén a diversos veciños dos edificios próximos, ao porteiro e a varios transeúntes. Baixo ordes do Borbón, unha das mulleres de servizo corre a avisar a un médico e, de aí a pouco, entra “una pareja de guardias, a la que el agresor entregó la pistola con la que había disparado”. Apresurados acoden os pais da vítima e o seu irmán, Narciso de Rich y Carbajo, e tamén o doutor Alfonso, da Casa de Socorro de Chamberí, que nada máis recoñecer a vítima comproba que xa falecera –como nos trae El Correo Gallego, de Ferrol– “sin recibir los auxilios de la Religión ni los de la Ciencia”.

Xuízo e silencio...

O xuíz militar de garda ordena que José María de Borbón sexa levado á prisión militar e –segundo La Zarpa– “quedó incomunicado”. Polo ano 1927 lévase con certa dilixencia o proceso, e incóase a causa contra o tenente por parricidio. Esta iníciase no Xulgado de Instrución da Capitanía Xeneral da Primeira Rexión, praza de Madrid; mais o 30 de agosto de 1931 prodúcese inhibición a favor da xurisdición ordinaria (en base aos Decretos de Lei do 11 de maio e 2 de xuño de 1931). Nese instante o sumario deriva cara a Audiencia Provincial madrileña para ser resolto, mais debemos facer fincapé nun asunto de capital importancia para entender en amplitude o acontecido. Ao expediente –que se conserva no Archivo Histórico Nacional, na documentación da Sala do Criminal da  Audiencia Provincial– úneselle un informe psiquiátrico que asina –sen lle tremelicar o pulso– o doutor Antonio Vallejo-Nájera Lobón, daquela profesor na Academia de Sanidade Militar. Cómpre informar que este reputado médico, simpatizante do nazismo, foi quen de afirmar (e publicar) sen vergonza e pudor que os republicanos –e máis concretamente os marxistas– gozaban dunha manifesta inferioridade mental. Sen reprimir a súa misoxinia e gabándose da súa fobia ás concepcións de esquerda, opina que nas mulleres republicanas hai certos indicadores que coinciden cos nenos e os animais... Pois este é o “personaxe” (reputado catedrático e futuro franquista) que emite un informe que favorece en alto grao ao parricida. Que conste que o mesmo día do crime un irmán do asasino se pon en contacto coa prensa e, ademais de alardear das virtudes da falecida súa cuñada, atribúe a traxedia a un “extravío mental del teniente coronel Borbón, que hace algún tiempo daba muestras, por sus rarezas y genialidades, de hallarse perturbado”.

Na República... e despois

Así e todo, pasou o tempo, discorre o silencio e ao asasino non lle acontece nada, ren de ren. Só lle fixeron compaña as reixas durante unha breve estadía nos anos da República, detido –segundo as nosas pescudas– e trasladado ao cárcere de Porlier por ser este militar “pariente del ex-rey detenido por sospechar fuera enemigo del régimen”. Segundo el mesmo fai constar no xuízo, celebrado en xuño de 1937, fora arrestado “en su domicilio el día vientisiete de Agosto último, por unas milicias comunistas de la Calle de San Bernardo, los cuales le juzgaron y le dejaron en libertad, y que en esta cárcel de Porlier lo juzgó un tribunal el día diez y seis de Noviembre último, y otro el día seis de Enero, y ambos le dijeron que quedaba en libertad”. Abertas as cancelas do presido, durante a República o parricida vive coa súa cruz (e se cadra tamén calvario), na compaña dunha muller de servizo no número 63 da “Calle de Diego de León”; logo a corpo de rei estombállase nun palacete do Paseo de Rosales, con porteiro e nove criados. Ah!, e tamén convive cos seus fillos, entre eles o inquedo e revolucionario Alberto. Os nenos, axiña mozos, orfos de cariño materno, pasean polos corredores cunha bandada de interrogantes no maxín, mentres albiscan entre as sombras as derrotadas admiracións... 

Absolto polos tribunais republicanos verbo das sospeitas políticas que tiñan del, José María de Borbón continúa a súa vida até os 78 anos. E velaquí esta dolorosa historia –que non completa– do sogro daquela nena labrega de Cuntis que un día soñou con ser princesa... e quizais –dende os ollos dun republicano tamén descendente de labregas e canteiros– dalgún xeito así o foi.

venres, 15 de setembro de 2017

DE CANTEIROS CUNTIENSES A PRÍNCIPES DE BOURBON

Flores de lis de Francia,
armas tamén dos Bourbon
Monumento aos canteiros
de Cuntis (obra de Maxín Picallo)
Ben sabemos que este podería ser un bo material para os contos de Charles Perrault, ben tamén para unha novela histórica (de amor, xenerais, príncipes, honor, horror e sangue) ou incluso o alimento dunha prensa sensacionalista –insaciábel e pouco ética– amiga de meter o fociño en fogares alleos para promocionar os negocios da dor. 

E comezamos polo primeiro dos escenarios, pola vila de Cuntis e a súa parroquia homónima, que vive un gran desenvolvemento cultural, político, sindical e agrario durante o reinado de Alfonso XIII (1886-1931). Pois famosa é esta terra mercé do labor dos seus fillos canteiros que picaron con sacrificio unha pedra que –por distintos recunchos da xeografía galega pero tamén incluso da europea– quixo ser catedral, capela, muíño, fogar ou igrexa. Labregas e labregos, canteiros, lavandeiras que refregan a colada na beira do río, traballadoras do fogar e na familia, troiteiros do Umia e do Gallo, arrieiros (os menos) que soben cara ao Paraño… eses foron os oficios de vello nestas terra de augas quentes e de eidos e granito labrados, as ocupacións dos nosos maiores para traeren o sustento ás crianzas que na casa agardan por un carolo de pan. Mais por veces os cartos non chegan, e sobre todo cando un non é dono nin do fouciño co que cortar a herba dos prados, nin do alpendre para gando, nin do martelo co que fender os outeiros para elaborar perpiaños.


De labregos e canteiros


Santa María dos Baños de Cuntis:
igrexa na que se bautiza María das Dores
Campos Guerra
A primeira pista desta historia facilitouma o meu irmán Martiño, xa hai ben anos... e aínda que algunha vez tiña escoitado referencias ambiguas sobre o tema, esta tinguiuse sempre das pálidas cores dun silencio case absoluto. Alén diso, a historia desenvolve o seu primeiro capítulo na igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis (Pontevedra), cando unha rapaza labrega de 17 anos de idade, de nome Manuela Guerra Puente, natural da freguesía, se une en sacramento con Xosé Campos García, que lle leva pouco máis de nove anos e que procede da parroquia compostelá de San Froitoso. A cerimonia, presidida polo párroco cuntiense, Santiago Abuelo Lado (futuro cóengo da cabido catedralicio compostelán), ten lugar na tarde dun sábado 7 de xuño de 1919. Xusto un ano despois nace a primeira filla desta parella, á que lle porán de nome María das Dores, e que vén ao mundo polo lugar de Piñeiros o 10 de xuño de 1920. Perante o xuíz municipal Antón Rivas Sueiro e o secretario Mario Blanco Torres (irmán do egrexio escritor do Orballo da Media Noite), a nena faise cuntiense de nacenza. Amalia, a irmá pequena, vénlle facer compaña ao ano seguinte (nace o 8 de outubro) e de seguro que han enredar nese lugar de Piñeiros, onde se albisca o val de Cuntis, asexa o Castro Sebil e serpea o río Gallo para se unir co Umia. Reproduzo aquí o asentamento de María das Dores no rexistro municipal:

Vivenda do lugar de Piñeiros (Cuntis)
En Cuntis, a las diez del día doce de junio de mil novecientos veinte, ante Don Antonio Rivas Sueiro, juez municipal, y Don Mario Blanco Torres, secretario, compareció José Campos García, de veintiocho años, empleado, natural de la ciudad de Santiago, domiciliado en la parroquia, voluntario se inscriba en el Registro Civil a una niña y declara: que nació en el lugar de Piñeiros, de esta parroquia, a las cuatro y media del día de anteayer. Que es hija legitima del declarante y de su esposa Manuela García Puente, de diez y ocho años, labradora, natural y vecina de esta parroquia. Que es nieta por linea paterna de José Campos Vázquez y Carmen García Andujar, naturales y vecinos de la ciudad de Santiago, y por la materna de Jesús Guerra, sin segundo, y Lucía Puente Sande, cantero y labradora, naturales esta del término de Conjo y aquel de esta parroquia, de la que son vecinos. Y que a la expresada niña se le puso el nombre de Dolores”. 

Partida de bautismo de María
das Dores Campos Guerra
Bautizan a nena na igrexa dos Baños e, semellante ao descrito no rexistro do Concello, isto é o que se sinala nos libros sacramentais (se ben difiren na data de nacemento, que aquí indica ter acontecido o día nove):

“En la iglesia parroquial de Santa María de Cuntis, provincia de Pontevedra, en la tarde del día diez de Junio, año de mil novecientos veinte yo, el infraescripto cura párroco de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Óleos y por nombre María de los Dolores a una niña que dijeron haber nacido a las cuatro de la mañana del día nueve en el lugar de Piñeiros, hija legítima de José Campos y su mujer Manuela Guerra, de dicho lugar. Abuelos paternos: José Campos Vázquez, Carme García Andújar. Abuelos maternos: Jesús Guerra (sin otro) y Lucía Puente Sande. Naturales el padre y abuelos paternos de San Frutuoso de Santiago; la madre y abuelo materno de esta de Cuntis, y la abuela materna de Santa María de Conjo. Fueron padrinos José Arca Rodríguez y su muger Dolores Hervés, vecinos también de esta parroquia, a quienes advertí el parentesco espiritual y demás obligaciones que contrajeron, según el ritual Romano. Fueron testigos dichos padrinos y el Sacristán Manuel Suárez, y para que conste lo firmo en Cuntis, a la fecha indicada. Santiago Abuelo”.

Cinsenta muda de zapatos para camiñar por Madrid

Vemos que o avó cuntiense da nena é canteiro de oficio, como o deberon ser tantos antepasados maternos. Alén disto, logo de quedar demostrada a nacenza da cativa (pois hai quen a ten considerado natural da cidade herculina), cómpre fornecer a historia con datos de interese documental. 

Ignóranse as razóns polas que María das Dores Campos Guerra chega a Madrid, como tamén se ía ou non acompañada dos seus proxenitores. De ser así, que é o máis seguro, algo ten que ver o feito de que a familia deba gañar o pan que aquí se lle resiste, pois o lume de moitos fogares pouco quenta neses anos e as cinsas apegábanse aos pés sen remedio. Con independencia desa cuestión e do calendario concreto no que acontece, a rapaza –xa muller completa– queda en estado en 1947 e, solteira, trae ao mundo o 11 de xaneiro a Enrique José, o vinculeiro. Un par de anos máis tarde xesta unha nova criatura, que lle nace nena, tamén en Madrid, o 6 de decembro de 1949.

O príncipe azul bate coa rapaza de Cuntis

Apuntamento marxinal na partida de
bautismo de María das Dores Campos
Guerra
O descoñecido pai non pode agochar máis a paternidade destes dous fillos, polo que o 30 de xaneiro (e non no mes de marzo, como se indica nos libros parroquiais de Santa María dos Baños de Cuntis) María das Dores –tal fose o conto da Cinsenta– dende o barrio de Malasaña, achégase á praza de las Maravillas vestida de novo, sobe ao altar do templo, deixa que lle poñan o aro nupcial e únese en sacramento ao seu príncipe azul. O nome daquel que agora a colle do brazo para saír pola porta principal da igrexa é Alberto José de Borbón y Rich. A cerimonia ten lugar en San Ildefonso, no mesmo templo no que anos atrás –impulsivos e silandeiros– contraen matrimonio Rosalía de Castro e Manuel Murguía (concretamente o 10 de outubro de 1858), como nos aseguran Aurora López e Andrés Pociña. Das alianzas de Dores e Alberto consérvase un apuntamento marxinal nun dos libros sacramentais da freguesía cuntiense, tal e como nos facilita o actual párroco, Xoán Carlos Martínez Mariño. Nel indícase o que a continuación reproducimos literalmente:

“María Dolores Campos Guerra contrajo matrimonio con D. Alberto José Luis Fernando Victorino de Borbón Rich, el 30 de Marzo de 1950, en San Ildefonso de Madrid. Y lo firmo: S. Abuelo”.

Non é difícil intuír que o namorado, Alberto José de Borbón y Rich (1916-1997), é un nobre madrileño dedicado ás armas e fillo daquel polémico tenente coronel de infantería chamado José María de Borbón y de la Torre (1883-1962), curmán segundo de Alfonso XIII. Velaquí que a cativa de Cuntis, nada no lugar de Piñeiros, se una en alianza sacramental cun descendente de Carlos IV (de España), de Francisco I (das Dúas Sicilias), dos Duques de Cádiz e de Sevilla (grandes de España) e que garde parentescos próximos cos Marqueses de Santa Elena e con outros nobres de “sang bleu” da caste dos Bourbon.

Árbore familia de María das Dores Campos Guerra e
Alberto José Luis Borbón y Rich
A Alberto cualificámolo príncipe –non por capricho ou por lle dar unha tinguidura literaria a este humilde texto– senón porque, logo dunha arroutada (máis ou menos lóxica: Vive la République!), procure a nacionalidade francesa (en 1970), se faga chamar e Albert e busque ser príncipe nesa vella democracia (gañada na Bastilla). Porén, esa é outra historia que nos reservamos para futuras entregas.

Para rematar o capítulo que aquí traemos, fáisenos preciso sinalar que da proxenie de Dores e Alberto  é esa nena que mencionamos liñas arriba e que nacera en decembro de 1949, á que bautizan –logo do casamento dos proxenitores– en meses sucesivos. Unha nova de prensa (que leva a data do 8 de febreiro de 1950) facilítanos os nomes da meniña –Beatriz Victoria Eugenia– e a identidade dos padriños –que son concretamente os seus tíos Beatriz de Borbón y Rich e Juan de Ricoy Pereira, este último natural de Cambados. Ao ano seguinte, a 19 de decembro, vén ao mundo –tamén pola cidade de Madrid– María Luisa Blanca María de los Dolores Borbón y Campos, da que son padriños de bautismo Isabel de Borbón de Barucci e Francisco de Borbón y Borbón (tíos da crianza e fillos da IV Duquesa de Sevilla). O último xermolo do matrimonio é Juan Carlos de Borbón y Campos, que nace ao pé do Atlántico, nomeadamente na cidade da Coruña o 28 de outubro de 1953. 

E até aquí os primeiros bosquexos históricos desta árbore que naceu entre as pedras de Cuntis e as alcobas madrileñas, entre as cinsas dun fogar pobre e o luxo dunha vivenda aristocrática na España franquista.

xoves, 27 de xullo de 2017

CIENCIA EN GALEGO: MANUEL XACOBE FERNÁNDEZ MARIÑO

Artigo publicado baixo o título: ‘Manuel Xacobe
Fernández Mariño. O precursor da balneoterapia’. Ve a luz no Diario de Pontevedra, 
suplemento Diario de Caldas (25-11-2015)


Ao CPI Aurelio Marcelino Rey García

Retrato de Manuel Xacobe Fernández
Mariño coa súa indumentaria médica


Certo é que a balneoterapia moderna comeza a rexurdir en Galiza logo da batalla contra as tropas napoleónicas... xusto cando egrexios personaxes como Manuel Xacobe Fernández Mariño se introducen de cheo no estudo das augas minerais deste territorio. 

As Orixes e a familia

Fillo de Vicenta Maneiro Mariño e Francisco Xavier Fernández Pérez, nace en Santa Uxía de Ribeira un 18 de outubro de 1784; e contrae alianzas sacramentais –o primeiro de outubro de 1822– cunha muller de bastante renome por toda a bisbarra do Umia, Xosefa Mosqueira Taboada, que é filla dos señores do Pazo da Peroxa (Portas), nomeadamente de Tomasa Taboada e Cea e Antón Mosqueira Caamaño das Seixas e Osorio. Manuel Xacobe e Xosefa conseguen ter, cando menos, tres fillos: Tareixa, Xosé (que acada a licenciatura en medicina pola Universidade de Santiago de Compostela) e Antón Vicenzo (que o fará en dereito e xurisprudencia na mesma universidade).


Formación Académica e Labor Académico

Sábese que o ribeirense xa é médico polo ano 1808, mais a guerra debeu frear a súa brillante formación, a que ha completar en diversas universidades. En Compostela faise bacharel, mais o seu título é revalidado en Madrid. Consegue ser doutor pola universidade valisoletana (1826) e fórmase en medicina e cirurxía en San Carlos de Madrid. Durante a súa estancia en Valladolid ocúpase dunha cátedra nesa universidade (1822), logo será profesor substituto da Facultade de Medicina en Santiago de Compostela (1824) e un pouco máis tarde, obtén a cátedra de Medicina e Cirurxía nesa universidade (1827). A partir de 1843 encárgase de dar clase de Medicina Legal e Forense, mais o seu currículo vital e de honores non remata aí: noméano Síndico Fiscal da Universidade de Santiago, médico en propiedade do Real Acordo e Tribunal Superior do Reino e do Colexio Maior Fonseca, académico numerario das Reais Academias de Medicina e Cirurxía de Galicia e de Asturias.


Investigacións

Dentro do eido da investigación, é autor de varias obras. Velaquí citamos as coñecidas: 
Observaciones sobre
las aguas minerales de
Caldas de Reyes y Caldas
de Cuntis (132)
  1. Opúsculo sobre las enfermedades de los ojos (1822); 
  2. Anuncio sobre las investigaciones físico-químico-médicas de las aguas minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (1828); 
  3. Observaciones sobre las Aguas Minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (1832); 
  4. Cánones generales fundados en reiteradas observaciones física, química y médicas (...) para el gobierno de los que necesiten las aguas y baños minerales medicinales de los establecimientos de Las Caldas de Reyes y Cuntis (1841); 
  5. Establecimientos de augas y baños minerales de Caldas de Reyes y Cuntis en la provincia de Pontevedra (1842); e 
  6. Programa de las lecciones de tercer año de la facultad de Medicina (1851). 
Para ampliar algún detalle sobre isto pódese consultar a información publicada a este respecto polo Consello da Cultura Galega.

Cuntis e Caldas de Reis: dous concellos en débeda co ilustrado 

En relación coa nosa bisbarra, temos coñecemento de que se interesa polas propiedades das augas minerais cuntienses polo ano 1811; se ben é certo que chega a Caldas de Reis un ano máis tarde e que é aí cando esperta a súa gran curiosidade por este tipo de recursos naturais. Por oposición, no ano 1816, acada unha praza de director médico para os balnearios de Cuntis e Caldas de Reis, e nesa primeira vila ocuparaa durante varios anos (1817-1848).

Sinatura de Manuel Xacobe Fernández Mariño
Resulta asombroso que tanto a vila do Baño (Cuntis) coma a de Caldas de Reis non teñan no seu rueiro o nome de tan grande investigador galego, verdadeiro responsábel do rexurdimento termal de ambas as dúas vilas. É curioso que existan rúas –cando menos algunhas cuntienses– que levan nomes de persoas que pouco ou nada teñen feito por este municipio, e entrementres hai outros que foron esquecidos, omitidos ou –como pode ser este caso– inconscientemente ignorados. 

Ademais en Cuntis Fernández Mariño é responsábel de varios feitos de sobrada transcendencia: 
  • Primeiro: ter instalado os baños de vapor e chorro no balneario da Virxe; 
  • Segundo: localizar en 1831 un baño de fábrica romana (construído en argamasa) e que presumibelmente aínda se conserva na Rúa Real (hogano rúa do Balneario); 
  • Terceiro:  recuperar o bronce dun suposto edil romano ou da deusa Minerva que el traslada para o Museo da Universidade de Santiago (lugar onde “se perdeu”); e
  • Cuarto: mandar construír unha fonte, nesa citada rúa, co obxecto de que vertese ininterrompidamente para toda a veciñanza. Achegamos uns parágrafos, redactados por este médico, en relación coa declarada descuberta:


En el mes de Junio del año de 1831 he descubierto debajo de un manantial de agua mineral, que brotaba en el centro del pueblo, un grande baño de construcción romana, a la profundidad de dos varas bajo el nivel de la calle principal, con paredillas muy compactas, formadas de argamasa y piedras muy menudas, en cuya capacidad hueca de doce pies, cuatro pulgadas y cuatro lineas y media de longitud; y doce pies, una pulgada y nueve lineas de latitud, se acomodan cuarenta bañistas a la vez; su fondo –enlosado de guijos de diferente magnitud y figura irregular, sin pulimento– presenta cuatro abundantes manantiales que le llenan en una hora y veinte minutos de agua mineral sulfurosa a la temperatura de 43 º Reaumur (53º Centígrados). Sobre una pared de este baño se halló una pequeña estatua de metal, que figura ser un Edil romano, y una inscripción en lo interior de la pared, al lado de una corona, que desgraciadamente destruyeron los operarios. Con la descripción de este baño he remitido copia dibujada de la estatua a la Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirujía, en cuyo archivo debe existir”.

Fonte mandada construír por Manuel Xacobe Fernández
Mariño. Detrás, praciña que resgarda no subsolo o baño
romano identificado polo ilustrado médico

Digamos que a diferenza doutros profesionais, a diferenza de certos propietarios de estabelecementos balnearios, a diferenza de distintos particulares Manuel Xacobe Fernández Mariño quixo e soubo compatibilizar o desenvolvemento “empresarial” coa conservación do patrimonio; soubo entender que o progreso non ten porque rifar cos testemuños do pasado. Considero que Cuntis débelle algo, e Caldas de Reis tamén.

xoves, 9 de febreiro de 2017

O CRUCEIRO DE BEADE

Cruceiro de Beade
(foto extraída de http://lamagiadelaspiedras.blogspot.com.es)
E sérvenos ben, por dar conta dalgunha curiosidade do noso patrimonio etnográfico galego, o cruceiro que se sitúa enfronte ao templo parroquial de Beade. Este elemento, provisto como é habitual duns chanzos, unha base e un fuste, ten un motivo moi pouco común. A citada cruz está constituída por catro puntas de frecha unidas nun único vértice, polo que debemos clasificala entre aquelas que se denominan octógonas.

Pero a existencia dese elemento ten unha razón moi lóxica. Adiviñádelo?

Beade foi cabeza e encomenda dunha orde militar moi coñecida –así como lendaria- que estendeu a súa fama (e vida) en pouco menos de dous séculos durante o medievo. A mesma fora castigada polo monarca francés Filipe IV, quen coa súa insistencia consegue convencer ao polo Sumo Pontífice romano Clemente VI. A adquisición dun enorme patrimonio é visto por aqueles como un gran perigo, como unha ameaza continua e constante.

A ORDE DO TEMPLE

Estamos a falar orde do Templo de Salomón (ou do Temple), que funda Hugo de Payns ao redor de 1118 e que Clemente VI ordena extinguir de xeito canónico no ano 1312 (a raíz do Concilio de Viena e tras promulgar a bula pontificia Vox in excelso). Os relitos bens da mesma, a partir desa data, comezan a seren adquiridos por distintas institucións, así como tamén furtados ou traspasados. No que atinxe ás terras de Caldas de Reis, O Salnés, Moraña e Arcos da Condesa estes integraranse no Cabido Catedralicio Compostelán, e máis concretamente nunha tenza que ha levar o nome do Temple. Sobre este asunto é recomendable consultar a obra que Carlos Pereira Martínez publica sobre Os Templarios: Artigos e ensaios  (Toxosoutos 2000), pois estamos, posiblemente, perante un dos maiores coñecedores desa orde militar a nivel galego. 
Cruz da Orde do Templo de Salomón
(ou do Temple)

Sobre Caldas de Reis e os restantes territorios do Salnés algo tirei nalgunha revista de investigación, transcribindo incluso certos documentos medievais, porén sobre a Tenza do Temple cumpriría afondar con moita constancia nos fondos do Arquivo da Catedral de Santiago para coñecermos, logo así, a amplitude deses herdos. Así e todo, xa existen traballos moi a ter en conta como aqueles publicados por J. A. Rey Souto.


A ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

Foto de Natividad Rey
Ordóñez
No que se refire a Beade, á súa encomenda e patrimonios, estas pasan directamente á Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta (comunmente coñecida como este último topónimo), e será a partir daquela centuria (S. XIV) cando Beade se vincule a estoutra milicia. De querermos afondar neste asunto, non resulta necesaria, senón imprescindible, botar man da fabulosa obra titulada Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén do investigador Isidro García Tato.
Cruz octógona ou da Orde de Malta

Co ánimo de non nos desviar do tema central deste breve texto, e a xeito de conclusión, debo sinalar que a milicia de Malta foi quen de tomar como propio o citado símbolo da cruz octógona. 

De aí que o cruceiro de Beade o debamos vincular directamente a esta orde militar (á de Malta) e non á do Temple ou a un mero capricho do escultor ou do promotor da obra. As oito puntas da cruz, ademais, aluden a certos preceptos que debían observar tales cabaleiros: 

1) A Verdade, 2) A Fe, 3) A Humildade, 4) A Xustiza, 5) A Misericordia, 6) A Sinceridade, 7) Soportar a persecución e 8) O arrepentimento dos pecados.