Artigo publicado baixo o título: ‘Manuel Xacobe
Fernández Mariño. O precursor da balneoterapia’. Ve a luz no Diario de Pontevedra,
suplemento Diario de Caldas (25-11-2015)
Ao CPI Aurelio Marcelino Rey
García
Retrato de Manuel Xacobe Fernández Mariño coa súa indumentaria médica |
Certo é que a balneoterapia moderna comeza a rexurdir en
Galiza logo da batalla contra as tropas napoleónicas... xusto cando egrexios
personaxes como Manuel Xacobe Fernández Mariño se introducen de cheo no estudo
das augas minerais deste territorio.
As Orixes e a familia
Fillo de Vicenta Maneiro Mariño e
Francisco Xavier Fernández Pérez, nace en Santa Uxía de Ribeira un 18 de
outubro de 1784; e contrae alianzas sacramentais –o primeiro de outubro de
1822– cunha muller de bastante renome por toda a bisbarra do Umia, Xosefa
Mosqueira Taboada, que é filla dos señores do Pazo da Peroxa (Portas),
nomeadamente de Tomasa Taboada e Cea e Antón Mosqueira Caamaño das Seixas e
Osorio. Manuel Xacobe e Xosefa conseguen ter, cando menos, tres fillos: Tareixa,
Xosé (que acada a licenciatura en medicina pola Universidade de Santiago de
Compostela) e Antón Vicenzo (que o fará en dereito e xurisprudencia na mesma
universidade).
Formación Académica e Labor Académico
Sábese que o ribeirense xa é médico polo ano 1808, mais a
guerra debeu frear a súa brillante formación, a que ha completar en diversas
universidades. En Compostela faise bacharel, mais o seu título é revalidado en
Madrid. Consegue ser doutor pola universidade valisoletana (1826) e fórmase en
medicina e cirurxía en San Carlos de Madrid. Durante a súa estancia en
Valladolid ocúpase dunha cátedra nesa universidade (1822), logo será profesor
substituto da Facultade de Medicina en Santiago de Compostela (1824) e un pouco
máis tarde, obtén a cátedra de Medicina e Cirurxía nesa universidade (1827). A
partir de 1843 encárgase de dar clase de Medicina Legal e Forense, mais o seu
currículo vital e de honores non remata aí: noméano Síndico Fiscal da
Universidade de Santiago, médico en propiedade do Real Acordo e Tribunal
Superior do Reino e do Colexio Maior Fonseca, académico numerario das Reais Academias de Medicina e Cirurxía de Galicia e de Asturias.
Investigacións
Dentro do eido da investigación, é autor de varias obras.
Velaquí citamos as coñecidas:
Observaciones sobre las aguas minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (132) |
- Opúsculo sobre las enfermedades de los ojos (1822);
- Anuncio sobre las investigaciones físico-químico-médicas de las aguas minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (1828);
- Observaciones sobre las Aguas Minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (1832);
- Cánones generales fundados en reiteradas observaciones física, química y médicas (...) para el gobierno de los que necesiten las aguas y baños minerales medicinales de los establecimientos de Las Caldas de Reyes y Cuntis (1841);
- Establecimientos de augas y baños minerales de Caldas de Reyes y Cuntis en la provincia de Pontevedra (1842); e
- Programa de las lecciones de tercer año de la facultad de Medicina (1851).
Cuntis e Caldas de Reis: dous concellos en débeda co ilustrado
En relación coa nosa bisbarra, temos coñecemento de que
se interesa polas propiedades das augas minerais cuntienses polo ano 1811; se
ben é certo que chega a Caldas de Reis un ano máis tarde e que é aí cando
esperta a súa gran curiosidade por este tipo de recursos naturais. Por
oposición, no ano 1816, acada unha praza de director médico para os balnearios
de Cuntis e Caldas de Reis, e nesa primeira vila ocuparaa durante varios anos (1817-1848).
Sinatura de Manuel Xacobe Fernández Mariño |
Resulta
asombroso que tanto a vila do Baño (Cuntis) coma a de Caldas de Reis non teñan
no seu rueiro o nome de tan grande investigador galego, verdadeiro responsábel
do rexurdimento termal de ambas as dúas vilas. É curioso que existan rúas –cando
menos algunhas cuntienses– que levan nomes de persoas que pouco ou nada teñen
feito por este municipio, e entrementres hai outros que foron esquecidos,
omitidos ou –como pode ser este caso– inconscientemente ignorados.
Ademais en
Cuntis Fernández Mariño é responsábel de varios feitos de sobrada
transcendencia:
- Primeiro: ter instalado os baños de vapor e chorro no balneario da Virxe;
- Segundo: localizar en 1831 un baño de fábrica romana (construído en argamasa) e que presumibelmente aínda se conserva na Rúa Real (hogano rúa do Balneario);
- Terceiro: recuperar o bronce dun suposto edil romano ou da deusa Minerva que el traslada para o Museo da Universidade de Santiago (lugar onde “se perdeu”); e
- Cuarto: mandar construír unha fonte, nesa citada rúa, co obxecto de que vertese ininterrompidamente para toda a veciñanza. Achegamos uns parágrafos, redactados por este médico, en relación coa declarada descuberta:
“En el mes
de Junio del año de 1831 he descubierto debajo de un manantial de agua mineral,
que brotaba en el centro del pueblo, un grande baño de construcción romana, a
la profundidad de dos varas bajo el nivel de la calle principal, con paredillas
muy compactas, formadas de argamasa y piedras muy menudas, en cuya capacidad
hueca de doce pies, cuatro pulgadas y cuatro lineas y media de longitud; y doce
pies, una pulgada y nueve lineas de latitud, se acomodan cuarenta bañistas a la
vez; su fondo –enlosado de guijos de diferente magnitud y figura irregular, sin
pulimento– presenta cuatro abundantes manantiales que le llenan en una hora y
veinte minutos de agua mineral sulfurosa a la temperatura de 43 º Reaumur (53º
Centígrados). Sobre una pared de este baño se halló una pequeña estatua de
metal, que figura ser un Edil romano, y una inscripción en lo interior de la
pared, al lado de una corona, que desgraciadamente destruyeron los operarios.
Con la descripción de este baño he remitido copia dibujada de la estatua a la
Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirujía, en cuyo archivo debe
existir”.
Fonte mandada construír por Manuel Xacobe Fernández Mariño. Detrás, praciña que resgarda no subsolo o baño romano identificado polo ilustrado médico |
Digamos que –a diferenza doutros profesionais, a diferenza de
certos propietarios de estabelecementos balnearios, a diferenza de distintos
particulares– Manuel Xacobe Fernández Mariño quixo e soubo compatibilizar o
desenvolvemento “empresarial” coa conservación do patrimonio; soubo entender
que o progreso non ten porque rifar cos testemuños do pasado. Considero que
Cuntis débelle algo, e Caldas de Reis tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario