xoves, 9 de febreiro de 2017

O CRUCEIRO DE BEADE

Cruceiro de Beade
(foto extraída de http://lamagiadelaspiedras.blogspot.com.es)
E sérvenos ben, por dar conta dalgunha curiosidade do noso patrimonio etnográfico galego, o cruceiro que se sitúa enfronte ao templo parroquial de Beade. Este elemento, provisto como é habitual duns chanzos, unha base e un fuste, ten un motivo moi pouco común. A citada cruz está constituída por catro puntas de frecha unidas nun único vértice, polo que debemos clasificala entre aquelas que se denominan octógonas.

Pero a existencia dese elemento ten unha razón moi lóxica. Adiviñádelo?

Beade foi cabeza e encomenda dunha orde militar moi coñecida –así como lendaria- que estendeu a súa fama (e vida) en pouco menos de dous séculos durante o medievo. A mesma fora castigada polo monarca francés Filipe IV, quen coa súa insistencia consegue convencer ao polo Sumo Pontífice romano Clemente VI. A adquisición dun enorme patrimonio é visto por aqueles como un gran perigo, como unha ameaza continua e constante.

A ORDE DO TEMPLE

Estamos a falar orde do Templo de Salomón (ou do Temple), que funda Hugo de Payns ao redor de 1118 e que Clemente VI ordena extinguir de xeito canónico no ano 1312 (a raíz do Concilio de Viena e tras promulgar a bula pontificia Vox in excelso). Os relitos bens da mesma, a partir desa data, comezan a seren adquiridos por distintas institucións, así como tamén furtados ou traspasados. No que atinxe ás terras de Caldas de Reis, O Salnés, Moraña e Arcos da Condesa estes integraranse no Cabido Catedralicio Compostelán, e máis concretamente nunha tenza que ha levar o nome do Temple. Sobre este asunto é recomendable consultar a obra que Carlos Pereira Martínez publica sobre Os Templarios: Artigos e ensaios  (Toxosoutos 2000), pois estamos, posiblemente, perante un dos maiores coñecedores desa orde militar a nivel galego. 
Cruz da Orde do Templo de Salomón
(ou do Temple)

Sobre Caldas de Reis e os restantes territorios do Salnés algo tirei nalgunha revista de investigación, transcribindo incluso certos documentos medievais, porén sobre a Tenza do Temple cumpriría afondar con moita constancia nos fondos do Arquivo da Catedral de Santiago para coñecermos, logo así, a amplitude deses herdos. Así e todo, xa existen traballos moi a ter en conta como aqueles publicados por J. A. Rey Souto.


A ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

Foto de Natividad Rey
Ordóñez
No que se refire a Beade, á súa encomenda e patrimonios, estas pasan directamente á Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta (comunmente coñecida como este último topónimo), e será a partir daquela centuria (S. XIV) cando Beade se vincule a estoutra milicia. De querermos afondar neste asunto, non resulta necesaria, senón imprescindible, botar man da fabulosa obra titulada Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén do investigador Isidro García Tato.
Cruz octógona ou da Orde de Malta

Co ánimo de non nos desviar do tema central deste breve texto, e a xeito de conclusión, debo sinalar que a milicia de Malta foi quen de tomar como propio o citado símbolo da cruz octógona. 

De aí que o cruceiro de Beade o debamos vincular directamente a esta orde militar (á de Malta) e non á do Temple ou a un mero capricho do escultor ou do promotor da obra. As oito puntas da cruz, ademais, aluden a certos preceptos que debían observar tales cabaleiros: 

1) A Verdade, 2) A Fe, 3) A Humildade, 4) A Xustiza, 5) A Misericordia, 6) A Sinceridade, 7) Soportar a persecución e 8) O arrepentimento dos pecados.

2 comentarios:

  1. En Beade non estiveron os templarios, tan só a Orde Militar de San Xoán de Xerusalén.
    Saúdos!

    ResponderEliminar