xoves, 15 de decembro de 2016

GALIZA NOS ARMORIAIS DE KONRAD GRÜNEMBERG E NIKOLAUS BERTSCHI


Escudos de Galiza e Santiago
Dende o século XIII o escudo do reino galego foi representado sempre en distintos armoriais, con independencia do lugar de procedencia do artista, co emblemático cáliz que lle asignou o carácter -ao seu brasón- de parlante. E isto acontece tanto nas Illas Británicas (véxase o Segar's Roll) ou en territorios franceses (consultemos o Coislin-Séguier, o armorial de Jean V de Bueil e o de Jean Faucquet). Ben o cáliz ou cálices, ben os copóns eucarísticos, estes mobles heráldicos son visíbeis ao longo do medievo para aludir a ese pequeno reino fundado no ano 410 polo pobo suevo que se asenta no norte de Portugal, Galiza, terras de León e Asturies.

Así e todo existe un par de excepcións, sendo a máis importante da que imos a tratar de seguido, na que se observa que houbo quen quixo ver a Galiza sen tales mobles heráldicos.

KONRAD GRÜNEMBERG

Armas de Konrad
Grünemberg
Konrad Grünemberg nace polo ano 1420, e chega as ser un respectado nobre alemán residente en Constanza (Konstanz, hoxe no estado de Baden-Württemberg, lindeiro con Suíza e Francia). Nesa cidade tense ocupado da súa alcaldía en varias ocasións aínda que, con anterioridade, exerce de mestre construtor e rexedor do concello entre 1454 e 1462. Durante a súa etapa na que está ao servizo de emperador Federico III (1415-1493), logo de 1465, é nomeado cabaleiro dese monarca en 1485, e igualmente da Orde de Santo Sepulcro de Xerusalén.

Mais estes non serían os seus únicos galardóns. No seu currículo de honores tamén destaca un feito: o de ser membro da Orde da Xerra e a Billa (fundada no Reino de Pamplona), da de Famagusta (Chipre), e da Orde de San Xurxo e Santa Catarina (que crea en Austria o citado rei Federico, proxenitor de Maximiliano de Habsburgo).

O ARMORIAL DE GRÜNEMBERG OU DE ÖSTERREICH (1483)

Armas de Portugal e Lisboa
Armas de Castela, Vella
Castela, Dúas Sicilias,
Galiza e Santiago
Dúas son as obras máis coñecidas deste aristócrata: O armorial de Österreich (Osterreichische Wappenchronik), e o Caderno de viaxe que realiza tras a súa peregrinación a Xerusalén (datado en 1486). Recomendamos, a este respecto, que se consulte a obra de Carmina G. di Biase, titulada Travel and Translation in the Early Modern Period, na que se dá conta dese periplo espiritual.

No que concirne ao libro de armas, que se debeu rematar por 1483, é o que máis nos interesa para esta publicación, xa que debemos afirmar con rotundidade que se trata dunha obra fermosísima e cunha calidade na súa elaboración dos brasóns magnífica. Alén diso, podemos subliñar as representacións armeiras dos reinos de Castela, Vella Castela, Dúas Sicilias. Galiza e Santiago de Compostela (ambos na mesma lámina), Aragón e Nápoles (tamén na súa respectiva páxina), Portugal, Vello Portugal e Lisboa (na súa).

ARMAS DE GALIZA E SANTIAGO

Armas de Galiza e Santiago
As armerías galegas son, como anticipamos, moi diferentes ás habituais, e estas vense acompañadas das que lle son propias a Santiago. 

Para este último territorio o brasón é o seguinte: "en campo de goles, tres cunchas de vieira de prata ben ordenadas".

Para o caso das de Galiza sería: "de prata, catro barras de azur". Sobre delas hai unha lenda que pon; "Galicia" e sobre aqueloutras "Sannd Iacob".

O ARMORIAL DE NIKOLAUS BERTSCHI (1515)

Armas de Galiza e Santiago
Armas de Francia, España,
Inglaterra e Hungría
Outro armorial a ter presente, aínda que este non está totalmente completo, é aquel realizao polo iluminador e miniaturista Nikolaus Bertschi (Wappenbuch besonders deustcher Geschlechter). O autor, que debeu falecer  por 1542, debeu realizar ese armorial polo ano 1515, se ben hai engadidos doutros autores que continúan até 1650.

Non tan fermoso como o libro do autor anterior, conserva escudos de armas sen rematar, como no caso do galego que, tal e como se percibe, é o mesmo que Konrad Grünember grafara por 1483. Realmente trátase dun bosquexo no que se perciben varias letras (abreviaturas dos metais e esmaltes cos que deberan estar coloreadas as armerías).

No que corresponde a Galiza vemos que sería a mesma representación que no anterior armorial: cinco barras de prata ou brancas (W: weiß ou branco) alternadas con outras catro de azur (B: blau ou azul). Así e todo cumpriría describilas como no de caso das de Österreich, mais realizámolo deste xeito para que sexan máis intuitivas. Enriba do brasón aparece a seguinte lenda: "Königreich Galicia" e de xeito máis suave tamén "K. Gallicia".

No que concirne ás armas de Santiago ("S. Iacob"), serían: "en campo de goles (R: rot, ou vermello), tres cunchas ben ordenadas de prata (W: weiß ou branco)

3 comentarios:

  1. E logo que me dis deste: https://bildsuche.digitale-sammlungen.de/index.html?c=viewer&l=de&bandnummer=bsb00007681&pimage=00043&v=150&nav=

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Como ves, é igual aos dous armoriais anteriormente citado. Hai que ter certa prudencia na identificación do reino de Galiza ou o de Galitzia: o noso territorio ou aquel de centro europa, pois chamándose igual ou de xeito parecido en diversas linguas (alemán, por exemplo) ambos tamén foron reinos. Este que me envías coincide con Galiza

      Eliminar
  2. O de "Galitzia" tamém o pensei eu neste, já que Galiza tamém aparece mais adiante ( https://bildsuche.digitale-sammlungen.de/index.html?c=viewer&l=de&bandnummer=bsb00007681&pimage=00487&v=100&nav= ), mais nos outros aparecendo a carom de Santiago hai menos dúvidas.

    ResponderEliminar