martes, 6 de decembro de 2016

NO SÉCULO XV, O ESCUDO DE GALIZA SEMENTADO DE TREVOS

Escudo de Galiza no armorial
de Jean Faucquet
Como acontece con outros símbolos, a heráldica é tamén unha ciencia en evolución, de aí que as armerías que hoxe representan a unha determinada nación outrora tivesen un aspecto diferente. É por isto, tamén, que en ocasións poidamos falar de brasóns antigos ou modernos daquel ou estoutro territorio. Galiza tampouco se salvou deste feito. Tanto é así que hoxe resulta moi habitual coñecer as armerías do vello reino –hogano comunidade autónoma e nacionalidade histórica– provistas de sete cruces en alusión ás súas antigas provincias. Porén, a súa imaxe non sempre foi así. Nun principio as cruces non existiron, e cando estas se fan visíbeis será nun campo sementado delas. Entrementres, houbo numerosas versións, algunhas delas tan fermosas como as existentes en tres armoriais diferentes dos que agora imos facer mención e, por mágoa, non un detallado estudo.

O ARMORIAL DE COISLIN-SÉGUIER

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1450
O primeiro que debemos citar é aquel denominado Armorial Coislin-Séguier, que moi posiblemente procede de Lothringen (Lorena) e debeu ser realizado na década de 1450. 

O documento, que se conserva no Departamento de Manuscritos da Bibliothéque Nationale de France (fr. 18651), ten grafadas nun lugar de preferencia as armas da casa de Bioncourt (Lorena), seguidas de preto de mil cincocentos escudos (algúns deles co campo sen representar). 

No folio 2v, e na parte superior esquerda, vese un brasón rotulado coa seguinte lenda: “Le Roy de Galice”. 

De atendermos á imaxe que se representa, a descrición sería a seguinte: “En campo de azur, un copón de ouro, franqueado por catro trevos de prata, dous a cada costado”.
Escudos de Portugal e Castela (á dereita)

O ARMORIAL DE JEAN V DE BUEIL

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1460
Jean V de Bueil,
representado no seu
armorial
Outro dos manuscritos aparece integrado nunha obra maior na que, Jean V de Bueil (1406-1477) narra –de xeito autobiográfico– a súa experiencia na Guerre de Cent Ans ou, o que é o mesmo, na Guerra dos Cen Anos (1337-1453). 

O armorial –no que se detallan os escudos de boa parte dos reinos de Europa e doutros lugares, así como de certas casas nobres francesas– está datado na década de 1460, e no seu folio 157 aparecen nove reinos, concretamente os de Portugal, Sardeña, Xerusalén, India, Cracovia, Irlanda, Galiza, Hungría e Mallorca. 

O que se corresponde coa nosa nacionalidade histórica ten escrito na súa parte superior unha lenda igual á do Armorial anteriormente citado (“Le Roy de Galice”, e de describirmos as súa armerías teriamos que sinalar: 
Armas de Castela

“En campo de azur, sementado de trevos de ouro, un copón do mesmo metal”.

Como acontece con outros armoriais, Galiza aparece diferenciado do reino de Castela, aínda que estivese o primeiro dos territorios gobernado polo mesmo soberano. Subliñemos que este non é un feito puntual.

Como se observa, esta é unha versión xa algo modificado do brasón anterior, no que tan só había catro trevos que, ademais, eran de prata. Este manuscrito consérvase, outrosí, na Biblioteca Nacional de Francia (fr. 24381).

O ARMORIAL DE JEAN FAUCQUET

Os tres primeiros brasóns son os propios
de Castela, León, Aragón
Escrito por Jean Faucquet cara aos últimos anos de século XV, arredor de 1497, na actualidade custódiase este libro de brasóns na Biblioteca da Universidade de Yale (ms. 648). Faucquet, que participa na Batalla de Saint-Omer (1479), territorio que tomara a casa de Borgoña, ha ser considerado un heroe e leal ao Emperador Maximiliano I, polo que ademais de recibir eloxios obtén unha importante pensión.

No folio 47v, do seu armorial, concretamente na parte inferior, identifícanse con claridade as amas de “Le Roy de Galice” coa descrición do mesmo, que parece indicar, no versión francesa daquel entón, o seguinte: 

"Le Roy de Galice porte de geulles, semé de trèffles d'or à bout, Galice de même métal". O que na actualidade sería: "Le Roi de Galice porte de geules, semé de trèfles d'or à bout, Galice du même metal"; e traducido ao noso idioma: " O Rei de Galiza leva de goles, sementado de trevos de ouro con rabo, un cáliz do mesmo metal". 

Merece o noso interese subliñar que o "heraldista" chámalle ao calice (cáliz en francés) Galice (para xogar coa sonoridade e por se tratar de armerías parlantes). A representación, neste caso, muda o campo do escudo, e incluso o cáliz está aberto e non pechado como en anteriores casos (semellándose ás versións máis antigas do mesmo e, paradoxalmente, ás máis contemporáneas). Con independencia de que o brasón estea sementado de trevos, realmente nesta representación observamos oito.

Escudo do Rei de Galiza, cara a 1500


Cómpre indicar que esta é das poucas ocasións nas que podemos ver o escudo de armas do reino galego en campo de goles, isto é, con fondo vermello.

O TREVO NAS ILLAS BRITÁNICAS

Dez xilíns de James I
Detalle do trevo

Resulta interesante saber que os trevos son símbolos heráldicos propios da Illas Británicas (obsérvese a decoración actual do escudo do Reino Unido, con cardos e trevos), mais outros territorios -pero non moitos- tamén os empregaron (véxanse neste armorial o folio 24v). A este respecto cómpre facer mención, igualmente, da característica numismática do Reino Unido para facer máis visíbel o feito que vimos de declarar. Parécenos oportuno subliñar os elementos decorativos que contornan algunhas moedas do rei Xaime I (1603-1625). Nesta que á marxe presentamos, de ouro e de 10 xilíns de valor, ten por marca inicial do anverso -na que se inicia a lenda que contorna a moeda- un trevo de tres follas. 
Penique de prata de Henry V
de Lamcaster
Así e todo, este non é un caso puntual, pois tamén se manifesta en boa parte da numismática británica medieval. Alén de comentar que non só aparecen trevos de tres follas, senón incluso de catro, podemos recordar nestas liñas aquel penique de prata que se acuñou durante o reinado de Henrique V de Inglaterra e Irlanda (1413-1422). Nel trazáronse catro trevos, de tres follas (esquematizados en forma de círculos), no reverso da peza numismática. 
Penique de Henry II

E incluso, se facemos unha criva naquelas do século XII, non podemos esquecer os tempos de Henrique II de Platagenet (1154-1189). Este soberano de Inglaterra, señor de Irlanda, tamén posúe os ducados de Aquitania e Normandía, así como os condados de Maine, Nantes e Anjou. En atención as acuñacións das súas moedas queremos destacar outro penique de prata que, no seu reverso, se perciben catro trevos de catro follas.

Saint Patrick co
seu característico
trevo
Estes trevos que aparecen nas moedas medievais e modernas do Reino Unido aluden directamente a Irlanda, pois este é un dos símbolos propios desta nación. Tanto é así que está directamente vinculado á introdución do cristianismo por San Patricio, patrón de Eire e, alén da súa característica cruz, tamén élle un elemento de seu na iconografía o trevo trilobulado. Este vexetal, segundo parece, servíulle para explicar o misterio da Trindade que, coma un trevo, forma parte dun todo pero está conformada por tres persoas distintas (Pai, Fillo e Espírito Santo).

Na actualidade o Reino Unido continúa a ter no seu brasón, aínda que de xeito decorativo, as Rosas Tudor (como emblemas vexetais de Inglaterra, que tamén se vincula con aquela dinastía), os cardos (que aluden a Escocia) e os trevos irlandeses.

REFLEXIÓN FINAL SOBRE OS TREVOS GALEGOS

De retomarmos o inicio desta publicación, vemos que a representación con trevos para o emblema galego non é un feito puntual (aparece cando menos en tres armoriais distintos) e, por iso case se pode sinalar que este era o xeito de identificar, nas terras francesas na segunda metade do século XV, ao reino de Galiza. En consonacia a isto xorde unha pregunta que non nos resistimos a formular: nos brasóns galegos sementados de trevos, nalgún momento e de forma intencionada, mudáronse tales emblemas vexetais por cruces? Quen sabe. De ser así existe unha clara pretensión de dar conta que se trataba dun "reino cristián", por unha parte; e por outra -se cadra, non o podemos afirmar- de se afastar dun emblema que tambén lle era propio a nación irlandesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario