venres, 9 de setembro de 2016

NOVECENTOS ANOS DA DOAZÓN DO MOSTEIRO DE SAN XIAO DE CALDAS DE CUNTIS

(Publicado no Diario de Pontevedra - Diario de Caldas,
6 de setembro de 2016, p. 3)

A REDACCIÓN DO DOCUMENTO REAL: 8 DE MAIO DE 1116


Urraca, raíña leonesa e condesa de Galiza,
no Tombo A da Catedral de Santiago
Cando Fernán Pérez –notario da raíña Urraca, soberana de León e titular do Condado da Galiza– comeza a redactar o documento, están presentes como testemuñas un número escolleito de próceres e príncipes galegos. Entre eles vemos a Xoán Díaz, señor do castelo de Orcellón (Ourense); Fernán Eáns, que goberna Ponte Sampaio (Pontevedra) e Guntado Díaz. Ambos confirman o documento rexio, sendo testemuñas habituais nos pergameos da citada señora e outrosí do seu fillo Afonso VII. Gustaron de estampar tamén os seus nomes tres dos condes máis destacados do país: Pedro Fróilaz, da Casa de Traba; Munio Pelaez, da Monterroso; e Roi Vélaz, titular do Condado de Sarria. Incluso fica unha representación do estamento eclesiástico galego, velaí subscriben e confirman a dádiva da raíña leonesa os bispos de Mondoñedo, Tui e Ourense; nomeadamente Munio, Afonso e Diego.

O documento, do que ignoramos o lugar no que se asina (aínda que consideramos que debera ser nalgún territorio do reino galego) leva data do 8 de maio de 1116. Nel percíbese que a raíña busca gañar a confianza de Diego Xelmírez (co que mantén non poucas desavinzas). E aínda que as recentes comezan en 1115, certo é que as máis importantes teñen que ver co feito de que a aristocracia galega –civil e eclesiástica– lideradas polo conde Traba e o bispo Xelmírez –respectivamente– non gustase de aceptala como soberana do territorio galego, senón ao seu fillo Afonso Raimúndez, o neno rexio, aquel que seica nacera en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105. Por iso Urraca lle entrega ao prelado compostelán o mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis (Sancti Iuliani de Caldas Contines), ou das Termas de Contes, segundo a Historia Compostelá. Nese libro asegúrase que logo de desacordos e unha posterior avinza entre a raíña e o bispo, aquela “concedeulle ao bispo Termas de Contes, que entón era do xuro real, posto que o desexaba para aumentar o señorío de Santiago, e selou a súa doazón con privilexio escrito que se conserva até o día de hoxe no arquivo da igrexa de Santiago”. O orixinal quizais se perdeu nos recunchos dalgunha gabeta, pero unha copia do mesmo reprodúcese no marabilloso Tombo A da Catedral de Santiago. Nel certifícase que Urraca lle entrega a Xelmírez a devandita igrexa, mais esta forma parte dunha infraestrutura monacal. Tal feito despréndese ao entendermos que ademais do templo a raíña entrega a casa abadenga: 

"Ego Urraca, gratia Dei, Hispanie regina, piisimi regis domini Adefonsi filia, vobis domno Didaco ecclesie Sancti Iacobi secundo episcopo et omnibus canonicis eiusdem ecclesie facio scripturam firmitatis de ecclesia Sancti Iuliani de Caldas Contines, cum casa de abbate, cum testationibus et hominibus et hereditate que ad ipsam casam abbatengan pertinet”.

Segundo este parágrafo confírmase que talas instalacións conventuais son de propiedade rexia. Porén, isto non é así no que concirne ao tamén mosteiro de Santa María de Caldas de Cuntis e á igrexa de San Vicenzo –citados no mesmo documento– xa que ambos son do xuro de Pedro Gutiérrez (abade de Santa María), do xuíz Gundesindo e dos seus herdeiros; isto é, dunha familia nobre local.

AS ORIXES DE AFONSO VII

Afonso VII, rei de Galiza e
logo Emperador
Cando acontece a doazón do mosteiro de San Xiao goberna Galiza –como dixemos– o Afonso VII. Este monarca, que o é dende 1111, nace das alianzas sacramentais estabelecidas entre Urraca –que se di emperatriz de toda Galiza– e o seu primeiro marido, Raimundo de Borgoña, prócer que gustara de nomear a Xelmírez como notario e secretario seu (1093).

Certo é Afonso Raimúndez procede de dúas importantísimas familias. Por liña materna descende dos reis de León, Castela e Galiza así como dos condes de Bourgogne e dos reis de Francia; pola paterna, dos condes de Besançon, Bourgogne e Mâcon. 

E de querermos entrar en detalles podemos sinalar que o cativo é sobriño de Etienne I, conde de Mâcon et Vienne;, de Clemence, Gisèle e Ermentrude, condesas consortes de Flandres, Saboia e Montbéliar, respectivamente; Matilda, duquesa de Bourgogne; Étiennette, señora de Royans; Bertha, muller de Afonso VI, e polo tanto raíña consorte de Castela e León; Eudes, conde de Bourgogne;, Renaud II, titular dos condados de Bourgogne, Mâcon, Vienne e Oltingen;, Octavien, frade de Pavía e futuro Santo Octavio; Hugue, arcebispo de Besançon; e Guy, Callistus II, Papa de Roma.

1117: CANDO ISPEN NO OBRADOIRO Á RAÍÑA URRACA

Sinatura de Urraca
Xelmírez (de pé) nunha miniatura do Tombo de Toxosoutos
Alén diso, cómpre lembrar que cando se doa o mosteiro de Xiao de Caldas de Cuntis a cidade de Compostela segue convulsa con Urraca. Ela dirixírase até a urbe en varios momentos, mais ao ano seguinte, en 1117, Compostela estoupa. Disque os burgueses de Santiago a aldraxaran en público –pois seica se sentían ofendidos pola soberana leonesa. Refuxiada co bispo no seu pazo, a burguesía préndelle lume ao seu acubillo, Xelmírez agatuña polos tellados da catedral e logo entra en oración, mentres deixan á raíña totalmente núa xunto o Obradoiro. Deste xeito aparece na Historia Compostelá

“(...) saíu a raíña da torre. Cando a turba a viu saír, abalanzáronse sobre dela, collérona e botárona en terra nun lameiro, raptárona coma lobos e desgarraron os seus vestidos; co corpo espido dende o peito até abaixo e diante de todos quedou en terra durante moito tempo de xeito vergoñento. Tamén moitos quixeron lapidala e entre eles unha vella compostelá feriuna gravemente cunha pedra na meixela”.


O TRASLADO DA CABEZA DO APÓSTOLO SANTIAGO "O ALFEO"

Relicario do cranio de Santiago Alfeo
O máis curioso é que tal suceso acontece logo de que Urraca lle entregase ao bispo Xelmírez unha reliquia apostólica. Maurice Bourdin, bispo de Coimbra (1099-1108), futuro Gregorio VIII “O Antipapa”, viaxara non había moito a Xerusalén, e disque alí bate co cranio de Santiago, que traslada cara á Península en “piadoso latrocinio”. Tal feito supuña en bo grao, no caso de que fose a cabeza do fillo do Zebedeo (ao final disque era a de Santiago Alfeo), derrubar o prestixio de Compostela. 

Alén disto, e tal e como os peregrinos viaxan aos santos lugares, as reliquias tamén fan o seu periplo co gallo de promover e consolidar este ou aqueloutro santuario. Dende Xerusalén, a cabeza furtada vai até o templo de San Zoilo de Carrión, de aí a igrexa leonesa de Santo Isidoro e, por último, Urraca obtena e entrégalla a Diego Xelmírez en 1116, data que coincide coa doazón do mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis, feitos dos que este ano se celebra o 900 aniversario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario