xoves, 15 de setembro de 2016

O DEUS GALAICO VESTIO ALONIECO

Dúas foron as aras romanas atopadas na zona de Lourizán (Pontevedra) que dan conta da existencia, en épocas ben pretéritas, dun deus bautizado co nome de Vestio.

Clasificábel dentro do grupo dos cenunnos (ou sexa, aquelas divindades antropomorfas provistas de cornos) poderíase vincular este ser mítico con esoutros existentes en Centroeuropa (tal e como indica André Pena Granha).

APROVEITADAS COMO MATERIAL CONSTRUTIVO

Relevo do deus Vestio Alonieco. Augatinta de Héitor Picallo
Ambas aras votivas, dedicadas a Vestio Alonieco, foron empregadas como material construtivo dun valado granítico. Rescatadas dese pouco apropiado lugar en 1944, na actualidade deposítanse nas instalacións do Museo de Pontevedra.

Cabo delas apareceu unha outra peza, realmente un relevo, no que unha figura antropomorfa, provista de cornas (de apéndices curvos) podería representar supostamente ao mítico ser adorado nesa zona do Lérez. A lousa granítica ten unhas dimensións de 67 cm de longo por 47 de alto.

A DESCRICIÓN DUN DEUS

Vestio, de ser o deus representado, alén da prominente cornamenta, caracterízase por ter un queixo aguzado e de certa longura, uns ollos afundidos e forma arredondada, un lixeiro bosquexo de nariz (insinuado con dúas leves incisións na rocha granítica) e a boca que se arquea cara a arriba. Os brazos son amplos e nácenlle detrás do queixo (pois a efixie non posúe nin pescozo nin ombreiros), polo que a súa posición gusta quizais de atemorizar, de infundir medo ou ben de pretender apreixar a alguén. Destaca por posuír unhas mans de dedos longos, de diferentes tamaños e cuns polgares grafados en posición non natural (ou invertidos), isto é, orientados cara a abaixo en vez de cara a arriba (como sería o máis lóxico). Percíbese, logo así, un claro esquematismo antropolóxico, coma os debuxos que as crianzas elaboran con pouca destreza. O torso é totalmente recto, sen detelles anatómicos que se destaquen.

Á dereita de todo, ara ao deus Vestio e, enriba dela,
o baixorrelevo do suposto deus indíxena galaico
(Museo de Pontevedra)

Florentino López Cuevillas considerou que esta podía ser unha representación do deus Lugh, porén hai quen considera que igual ten vinculación co -tamén indíxena- Berobreo, do que existen multitude de aras romanas atopadas no Facho de Donón (Cangas). Francisco Calo Lourido, pola contra, sinala o seguinte: 

"Con respecto á de A Igrexa (Lourizán), coñecida como 'Vestio Alonieco' polas dúas aras aparecidas a pouca distancia da peza, seguindo o traballo de Benoit (1959) concluín considerándoa un Mercurio ctónico, psicopompo, tantas veces representado nos medios europeos romanizado".

martes, 13 de setembro de 2016

CEDOFEITA, UN CASTELO ÁS PORTAS DE PONTEVEDRA

(Estes apuntamentos históricos foron publicados no xornal
Galicia Hoxe en varias edicións:
os días 11, 18 e 25 de setembro de 2005)

NOS ALBORES DO SÉCULO XI

San Iago Apóstolo no Códice Calixtino
Unha candea permanece acesa ao pé do bieito mosteiro, alumeando o sacro cáliz do Lérez e deixando tras de si o perecedoiro fume do tempo. Alí, ao seu carón, repousan as biografías de ilustres pedras que, moldeadas na amorfa materia con reflexión e habilidade polo anónimo artífice, confeccionaron presenza arquitectónica como torre e castelo. 

O artesán delimitara no espazo a súa particular idea (o seu oficio): a “res cogitans” (o coñecemento) mudaba en “res extensa” (realidade), para o gusto de quen a quixo ver e desprezo de todos os que a ignoraron ou temeron, así como en verdadeiro pracer dos que a gozaron e en lembranza dos que remexemos na historia. Descansa aí o cansazo tamén dos arghinas que labraron con punteiros e macetas as castrenses formas graníticas, humedecidas pola suor gremial e os aires das fragas, do río, da ría e do mar. As olorosas fragrancias e as percepcións visuais avísannos de que nos introducimos nunha xeografía de transición, entre as atlánticas mareas e as montañas bretemosas: velaí o val do Lérez, mutante en paisaxes e historias.

Cedofeita foi a denominación coa que se identificou aquel castelo e, por extensión, o seu xiro; concepto este último do que se ten noticia xa nos primeiros anos do S. XI, cando o monarca galego Afonso V e o bispo Vistruario están a investigar cales son os dereitos que lle pertencen á igrexa apostólica nos diversos condados (conmisos) e noutras terras. Estas pescudas, segundo A. López Ferreiro e M. Lucas Álvarez, igual tivesen que ver coa necesidade de matizar os lugares concretos das herdanzas por existiren ao mellor certos obstáculos e trabas con algúns dos condes, e –por ende– reclamando o pontífice se cadra a protección dos seus patrimonios eclesiásticos. Dátase este documento a 30 de marzo de 1019 e está redactado na “urbe” compostelá, e nel parece nidia a afirmación na que se expresa que son da Mitra varias “villae” localizadas no “giro Citofacta”, e que explicitamente se denominaban Serpenciones (S. Vicenzo de Cerponzóns), Sancta Maria de Elva (Alba), Sancta Maria de Maurenti (Mourente), “Villa de Fonte”, “Anserizi” e Godegildi (este último termo facilmente identificable co lugar de Guxilde, na susodita freguesía de Alba). De continuarmos coa análise diremos que tamén se dilucida que tal xiro fora ergueito en tempos do prelado Sisnando (II), quen desenvolvera o seu labor pastoral así como o goberno da Igrexa de Iria entre os anos 952 e 968. Durante o seu pontificado –segundo as consideracións de López Ferreiro– debeuse alzar a mesma fortaleza de Cedofeita, e de ser veraz a afirmación, atopámonos cun conxunto fortificado do S. X e cunha estilística construtiva propia do prerrománico. Esta, salvando as distancias debidas ás situacións orográficas, poderíase comparar coa do propio castelo da Lanzada, que igualmente se erguera nese mesmo pontificado de Sisnando II. Mais onde tivo asento concreto a fortaleza? Rastrexando a toponimia maior do norte do actual Concello de Pontevedra, observamos que é realmente significativo o lugar do Castelo, localizado no occidente de S. Salvador de Lérez (raiando coa freguesía de Alba), o que nos dá en crer que puido ser alí o antigo predio deste recinto castrense, se ben é certo que se amosa igualmente moi atractivo o topónimo da Torre (sito neses mesmos termos parroquiais).


NA ÉPOCA DO REI FERNANDO II

Seguindo coa historia, cómpre subliñar que con posterioridade algúns destes patrimonios da parte norte de Pontevedra han ser usurpados por mans laicas (aló nas primeiras décadas do S. XII, aproximadamente). Concretamente fórono o sinalado lugar de Guxilde e a freguesía de Alba, os cales pouco os deberon gozar os delincuentes, xa que a Historia Compostelana, cando se refire ao primeiro dos bens citados, indica que en tempos do prelado Xelmírez permanecía esa facenda totalmente descoidada (“desolada e abandonada por falta de labradores, e que estaba cuberto por completo por unha inmensa e espesa maleza”). E isto é unha mágoa para os eclesiásticos non só pola súa perda ou a súa hipotética rendibilidade, senón igualmente por ser o entorno de verdadeira fermosura (era unha “amena paraxe xunto ao Lérez”).

Cedofeita como castelo, aínda intuíndoselle unhas orixes no S. X, será citada por primeira vez como recinto fortificado, segundo as nosas pescudas, no momento en que Fernando II lle traspasa a súa propiedade ao metropolitano Pedro Gudesteiz, a 18 de marzo de 1169 e logo de tela rescatada das milicias portuguesas, as cales invadiran asemade boa parte dos territorios do sur de Galiza (entre outras áreas, particularmente a xeografía de Toroño). Era esta intromisión e violación do territorio polas tropas lusas un intento de despistar con caviladas estratexias ao monarca galego-leonés e tamén, se frutificasen, de agrandar un pouco máis o incipiente reino portugués que buscaba saídas cara ao nacente e cara ao setentrión segundo os mandados do autonomista Afonso I Henriques, aquel que trocara de xeito moi produtivo a súa coroa condal por outra de mellor materia (a real). Alén diso, as diferenzas entre as monarquías xa se dirimiran na “Paz do Lérez”, estabelecidas o 30 de abril de 1165 (segundo Rodríguez Figueiredo), e en Celanova acordárase o contrato nupcial (e político, como non!) entre o rei galego e Urraca Afonsi, filla do lusitano. 

Cedofeita continúa ata 1169 no poder daqueles que proceden alén do Miño. Así e todo ao rei Fernando non lle custa demasiado conquistar esta fortaleza pontevedresa, como se dá fe na documentación no Tombo A do ACS: “os deuses” estaban da súa parte, ou mellor dito un dos “fillos do trono”, o cabaleiro e apóstolo Santiago desencadea unha boa tormenta que auxilia ás mesnadas galegas. Tanta foi a graza “divina” que nin tan sequera se derrama unha soa pinga de sangue, unicamente os regos que flúen cara ao Lérez son o produto da choiva. Procede deste feito “milagreiro” a devoción ao Santiaguiño de Lérez e, por extensión, a orixe da súa hermida?

Despois da entrega do castelo ás dignidades eclesiásticas, Compostela atrae para si non só aquel recinto fortificado, senón ademais todos os seus termos (antigos e novos), os patrimonios reguengos, os seus dereitos e as sete igrexas que a Cedofeita pertencen, a “iurisdictione et reverentia monasterii Sancti Iohannis de Podio et monasterii de Sacti Salvatoris de Lerze”.


Antes incluso de que Fernando II tivese recuperado Cedofeita, o monarca permanece algún tempo polo reino arranxando asuntos de tipo político e colaborando en proxectos relixiosos e de mecenado. A 23 de febreiro de 1168 concédelle ao mestre Mateu, que daquela comeza a enxergar O Pórtico da Gloria, unha pensión vitalicia de 100 marabedís anuais; a 4 de marzo aseguráralle ao cenobio de Sobrado dos Monxes, tamén para cada ano, 10 “marchas argenti ad opus Sante Marie”, igrexa conventual que se está a erguer durante ese tempo e sendo Exidio Xil o seu abade; así como igualmente a 9 de abril estima oportuno darlle ao arcebispo de Santiago a vila de Noia. De aí a pouco parte de Galiza, á que retorna para intervir no citado conflito cos portugueses. Logo de ter dirimidas as diferenzas e conquistado o castelo de Cedofeita, a 29 de marzo de 1169 e dentro deses recintos castrenses subscribe un documento onde lle facilita ao mosteiro da Armenteira (Meis) un determinado patrimonio que lle viña de marabilla para don Ero, abade santo que ideara a empresa de erguer debaixo do Castrove o seu románico recinto monacal. Neste agasallo, que se corresponde coas tres cuartas partes da igrexa de S. Salvador de Lantaño (“in terra Luparia”), asinan varias persoas principais que acompañan ao monarca, un bo número de condes e os prelados galegos Pedro Gudestéiz de Santiago, Xoán de Lugo, Pedro Seguín de Ourense e Xoán de Tui.

Escasos días despois, sendo o primeiro de abril, e visitando a xeografía setentrional de Lugo, Fernando ha dispensar igualmente a súa axuda ao mosteiro de Santa María de Meira, que comeza a aleitarse coas viandas patrimoniais que lle tiñan servido, e servirían, algúns monarcas e nobres da contorna (entre estes últimos os condes de Sarria). Daquela, por 1169, o máximo responsable desta familia cisterciense é o abade Vidal e o privilexio real que se lle concede ten que ver coa virtude de recadar os décimos do portádego do lugar de Valcárcel.

Fernando II de Galiza
O curioso de todos estes documentos, do mesmo xeito que ocorre noutros de datas anteriores e posteriores, é que o propio Fernando II os está a asinar coa autocondecoración de “Rex Hispanorum” pola graza de Deus, respondendo isto ao seu propósito de se responsabilizar da titoría do seu sobriño Afonso VIII de Castela (logo do pasamento do seu “desexado” irmán Sancho III en 1158, co que estivera en inimizade), e quizais igualmente con obxectivos de goberno para con esta coroa. Esta intención que nunca triunfaría pese a que si tería asexado as súas gadoupas galego-leonesas na política daquelas terras. Cómpre sinalar que este rei ten por sucesor a Afonso VIII, aquel que Anselmo López Carreira indica que foi “arbitraria e malintencionadamente chamado Afonso IX pola historiografía española moderna, pois polo seu tempo había outro Afonso de Castela, e cando decidiron inventar a suposta lista dos reis de España, meteron no mesmo caixón de xastre aos de Galiza cos de Castela, nese afán por agachar totalmente a existencia do noso Reino (...) pero botando as contas ao dereito, logo se comproba que é o oitavo”.

CANDO AFONSO VIII OCUPA O TRONO

Afonso VIII de Galiza
Aclarado isto, debemos achegar que logo de cabalgada a monarquía de Fernando II ocúpase das súas coroas o declarado seu fillo, axudado nos primeiros momentos do seu goberno pola súa lusitana nai Urraca. É con estas cando a 4 de maio de 1188 o flamante Afonso VIII, contando aproximadamente con 17 anos de idade e acompañado da citada súa proxenitora e dende a cidade de Zamora, comeza a confirmarlle todos aqueles privilexios, herdanzas, exencións e dereitos que os seus antepasados lle tiñan realizado á Igrexa Metropolitana de Compostela. No elenco patrimonial cítanse as terras de “Decia, Salnes, Citofactam, burgum quod dicitur de Ponte Veteri, cum ecclesia et terra que dicitur de valle Moracium, terra que dicitur Montes, in qua est castellum Cutubade”,... Mais esta ratificación de propiedades estaba de sobra asegurada. Anos atrás o Sumo Pontífice Alexandre III, aquel que con tanta forza se aferrou a defender a supremacía do papado sobre o Sacro Imperio Romano Xermánico, xa tiña ben consolidados estes e outros activos eclesiásticos. A pouco máis de ano e medio de que Fernando II entregase Cedofeita o bispo de Roma dá conta daquela saborosa doazón real. Concretamente realiza a confirmación na cidade de Anagni (na terra do Lacio) e a 27 de setembro de 1170. Aparece, logo así, o castelo de “Citofactum” coas súas “septem ecclesie”. O mesmo Papa volve a actuar en prol da confirmación patrimonial o 28 de xullo de 1174 (dende a mesma urbe), o 20 de marzo de 1178 (dende Letrán, lugar no que un ano máis tarde preside o III Concilio do mesmo nome) e o 25 de xuño de 1181 (estando na cidade de Viterbo).

Logo do pontífice Alexandre actúan de xeito análogo o seu sucesor na tiara de Roma, Inocencio III, e concretamente no ano 1199, tal e como tamén procede o 26 de marzo de 1225 o Sumo Pontífice Honorio III dende Letrán. Entre as posesións aquí confirmadas aparece unha boa lista de cenobios, dos que podemos citar os de S. Martiño de Fóra (Pinario), S. Paio de Antealtares, Sta. María do Sar, Sta. María de Conxo e S. Pedro de Fóra, todos no circuíto compostelán; Luaña (Lousame), Sobrado (na xeografía do mesmo nome), Acibeiro (Forcarei), Codeseda (A Estrada), Sta. María de Mezonzo (Vilasantar), Sta. María de Monfero, S. Salvador de Bergondo, S. Pedro de Soandres (A Laracha), S. Xoán de Caaveiro (A Capela), S. Xiao de Moraime (Muxía), S. Martiño de Ozón (Muxía) S. Xoán de Poio, S. Salvador de Lérez (Pontevedra), Sta. María de Armenteira (Meis), Sta. Mariña de Arcos da Condesa (Caldas de Reis), S. Xoán da Cova (Ponte Ulla, Vedra), S. Breixo (Arcos de Furcos, Cuntis), S. Tomé de Piñeiro (Marín) e Santiago de Ermelo (Bueu),... No que atinxe aos castelos menciona os de “Honestum” (Torres do Oeste, Catoira), Sta. María da “Lanceata” (A Lanzada, O Grove), “Ciria” (Cira, Silleda), Lupparia (Lobeira, Vilanova de Arousa), “Sancti Pellagii de Luto” (Ponte Sampaio, Pontevedra), “Daravon” (Darbo, Cangas), Cotobade, “Citofacta” (Cedofeita)...

ÚLTIMOS APUNTAMENTOS QUE RESCATAMOS


Pouco produtivo sería, abofé, que algún cabaleiro ou rico home da comarca pretendese furtar a morada de Cedofeita; ben prendido quedaba o inmoble entre as liñas de tinta dos pergameos de propiedade e as confirmacións papais. A curia gardaba, con ansia arreo, de que os froitos non os vendimasen outros que non fosen senón os seus membros eclesiásticos ou aquel por eles consentido. E tanta houbo ser a protección cara ao exterior que pouco a pouco, co paso do tempo necesario, o castelo ha podrecer no propio cesto, sen conservar aquel continuo uso que desempeñara durante os albores do baixomedievo. Expomos isto, máis que nada, debido a que o edificio non se entregaría en mercé enfitéutica, que teñamos coñecemento, a membros da aristócrata local (pese a que a liñaxe dos Chariño si gravaría a súa pegada neste territorio cando menos entre os séculos XIII e XIV), nin incluso deberon residir asiduamente aí os mitrados da diocese. Despréndese deste declive, ademais, un feito moi simbólico: que aquel famoso xiro que tivera por nome o do propio recinto castrense comezaría paseniño a se esfumar, tanto que a denominación de Cedofeita ha ser trocada na época moderna pola de Lérez, espazo reputado tan só polo mosteiro bieito que nesa freguesía se localiza.

Regresando de novo ao edificio cumpriría divulgar algún que outro apuntamento que recompilamos sobre a súa historia. Un deles constata que os cregos e reitores de S. Vicenzo de Cerponzóns, a 1 de maio de 1278, outorgaban a Didaco Petri de Vascoes e á súa muller María Ramírez, o foro perpetuo da herdade dos Tallos (sita na veiga de Vascoes de Susoo), a da Fonte e a cortiña de Coirado, localizadas todas á sombra maxestosa da fortificación de Cedofeita. De aproximar tamén nos é aquela nova que asegura que entre os anos 1432 e 1437 desempeñaba importantes cargos na capital do Lérez un persoeiro que, co seu “alcume”, recordaba o renome que outrora posuíron (e posuían?) os arrabaldes e as terras do setentrión pontevedrés. Chamábase D. Roi Fernández de Çedofeita e as súas ocupacións urbanas xiraban en torno ao seu exercicio administrativo nunha procuradoría así como tamén nunha escribanía ou notaría real.

Pouco tempo despois o desconcerto chega ao contemplarmos a non presenza desta fortaleza no elenco daquelas que foran derrubadas pola catapulta irmandiña, o que non pretende asegurar que se ausentase de sufrir tal violación; ademais é mester dar memoria de que este edificio foi un dos de maior relevancia nos patrimonios catedralicios. Rastrexando a súa topografía resólvese facilmente o porqué da súa calidade estratéxica, posto que se ben lle proporcionou auxilio ao couto monástico de Lérez, recollía igualmente dende as súas estruturas unha boa percepción do que sucedía nas beiras do río así como do paso de transeúntes e mercadorías por unha ruta principal deste reino, a cal na súa polivalencia (ademais de comunicar as terras lusas coas zonas altas de Galiza) aproveitábase para a peregrinación xacobea, documentada como existente cando menos dende o S. XII, verbo do que nos achega o xeógrafo musulmán Al Idrisi. Velaí nace agora unha hipótese que busca dar resposta a aquela cuestión sobre a súa non explícita mención no catálogo de derrubas irmandiñas. Sería obvio sospeitar que este edificio xa estivese maltratado polo paso dos continuos almanaques na súa biografía e debido, máis que nada, a que a súa función de residencia ocasional dos arcebispos e do seu capítulo non se lle observaba dende había longo tempo. De confirmarmos isto, o normal parece que a ausencia de morada coadxuvase á caducidade dos seus materiais perecedoiros (madeiras e teitumes, basicamente) para quedar logo os lenzos de pedra á sorte do “furtivismo construtivo”.

Pasada aquela centuria, e batendo nas décadas iniciais do S. XVI, Pontevedra comeza a dar resplandores de florecemento socioeconómico e por ende relucindo os seus caprichos artísticos. Polo ano 38 ao prestixioso Cornielles de Holanda acórdanlle a elaboración dun retábulo para a igrexa conventual de Sta. Clara, tres anos despois o mesmo escultor –axudado do “manuelino” João Noble– ha configurar o novo aspecto renacentista para a fachada principal da basílica de Sta. María, así como nese mesmo 1541 o abade de Lérez teralle encargado outro retábulo para o seu templo monástico. En troques, sobre o castelo non alcanzamos novas documentais ata o ano 1562, cando o metropolitano Gaspar de Zúñiga e Avellaneda lle concede a Pedro González de Cedofeita e á súa dona, Duranza de Deus, a metade do lugar do Castelo de Cedofeita, segundo deu testemuño de verdade Pedro Agulla, escribán daquel couto. Como breve paréntese observemos aquí que esta propia xeografía dispoñía dun determinado corpo administrativo, tal e como se confirma nos expedientes de títulos desta escribanía numeraria. De volta xa deste inciso, dicirmos tamén polo lugar do Castelo (asignado incluso en dote por un Xoán de Deus á súa mencionada filla Duranza) debíase pagar anualmente a cantidade de 9 celamíns de pan aos celeiros pontificios.

Con posterioridade, o susodito contrato enfitéutico halle ser novamente ratificado polo podatario do arcebispo don Xoán de Sanclemente (en 1588), cun renda de 38 celamíns de pan, ao neto daquel Xoán de Deus, quen se dicía chamar Xoán González; mais nesta ocasión no outorgamento entraba a totalidade do casal do Castelo –non unha das metades–, de aí tamén a suba da contía tributaria. Entre outros beneficiarios deste lugar serán coñecidos en datas posteriores os nomes dos irmáns Tareixa e Antón de Deus, cuxas orixes deberiámolas procurar na descendencia do arriba mencionado Xoán González, e que estaban obrigados a satisfacer ás artesas compostelás 37 celamíns de pan mediado no caso do varón e 6 da mesma especie no da susodita Tareixa.

Despois do achegado pouco mais cómpre sinalar, tan só que o recinto castrense houbo perecer da realidade e case que tamén da memoria, porén as súas cinsas continúan no nicho arqueolóxico –en ignorada camuflaxe– e á espreita de seren algún día exhumadas para o estudo dos seus esqueletos pétreos. A raíz deles coñeceriamos algo máis das orixes, da súa vitalidade e derruba en senectude.


venres, 9 de setembro de 2016

NOVECENTOS ANOS DA DOAZÓN DO MOSTEIRO DE SAN XIAO DE CALDAS DE CUNTIS

(Publicado no Diario de Pontevedra - Diario de Caldas,
6 de setembro de 2016, p. 3)

A REDACCIÓN DO DOCUMENTO REAL: 8 DE MAIO DE 1116


Urraca, raíña leonesa e condesa de Galiza,
no Tombo A da Catedral de Santiago
Cando Fernán Pérez –notario da raíña Urraca, soberana de León e titular do Condado da Galiza– comeza a redactar o documento, están presentes como testemuñas un número escolleito de próceres e príncipes galegos. Entre eles vemos a Xoán Díaz, señor do castelo de Orcellón (Ourense); Fernán Eáns, que goberna Ponte Sampaio (Pontevedra) e Guntado Díaz. Ambos confirman o documento rexio, sendo testemuñas habituais nos pergameos da citada señora e outrosí do seu fillo Afonso VII. Gustaron de estampar tamén os seus nomes tres dos condes máis destacados do país: Pedro Fróilaz, da Casa de Traba; Munio Pelaez, da Monterroso; e Roi Vélaz, titular do Condado de Sarria. Incluso fica unha representación do estamento eclesiástico galego, velaí subscriben e confirman a dádiva da raíña leonesa os bispos de Mondoñedo, Tui e Ourense; nomeadamente Munio, Afonso e Diego.

O documento, do que ignoramos o lugar no que se asina (aínda que consideramos que debera ser nalgún territorio do reino galego) leva data do 8 de maio de 1116. Nel percíbese que a raíña busca gañar a confianza de Diego Xelmírez (co que mantén non poucas desavinzas). E aínda que as recentes comezan en 1115, certo é que as máis importantes teñen que ver co feito de que a aristocracia galega –civil e eclesiástica– lideradas polo conde Traba e o bispo Xelmírez –respectivamente– non gustase de aceptala como soberana do territorio galego, senón ao seu fillo Afonso Raimúndez, o neno rexio, aquel que seica nacera en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105. Por iso Urraca lle entrega ao prelado compostelán o mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis (Sancti Iuliani de Caldas Contines), ou das Termas de Contes, segundo a Historia Compostelá. Nese libro asegúrase que logo de desacordos e unha posterior avinza entre a raíña e o bispo, aquela “concedeulle ao bispo Termas de Contes, que entón era do xuro real, posto que o desexaba para aumentar o señorío de Santiago, e selou a súa doazón con privilexio escrito que se conserva até o día de hoxe no arquivo da igrexa de Santiago”. O orixinal quizais se perdeu nos recunchos dalgunha gabeta, pero unha copia do mesmo reprodúcese no marabilloso Tombo A da Catedral de Santiago. Nel certifícase que Urraca lle entrega a Xelmírez a devandita igrexa, mais esta forma parte dunha infraestrutura monacal. Tal feito despréndese ao entendermos que ademais do templo a raíña entrega a casa abadenga: 

"Ego Urraca, gratia Dei, Hispanie regina, piisimi regis domini Adefonsi filia, vobis domno Didaco ecclesie Sancti Iacobi secundo episcopo et omnibus canonicis eiusdem ecclesie facio scripturam firmitatis de ecclesia Sancti Iuliani de Caldas Contines, cum casa de abbate, cum testationibus et hominibus et hereditate que ad ipsam casam abbatengan pertinet”.

Segundo este parágrafo confírmase que talas instalacións conventuais son de propiedade rexia. Porén, isto non é así no que concirne ao tamén mosteiro de Santa María de Caldas de Cuntis e á igrexa de San Vicenzo –citados no mesmo documento– xa que ambos son do xuro de Pedro Gutiérrez (abade de Santa María), do xuíz Gundesindo e dos seus herdeiros; isto é, dunha familia nobre local.

AS ORIXES DE AFONSO VII

Afonso VII, rei de Galiza e
logo Emperador
Cando acontece a doazón do mosteiro de San Xiao goberna Galiza –como dixemos– o Afonso VII. Este monarca, que o é dende 1111, nace das alianzas sacramentais estabelecidas entre Urraca –que se di emperatriz de toda Galiza– e o seu primeiro marido, Raimundo de Borgoña, prócer que gustara de nomear a Xelmírez como notario e secretario seu (1093).

Certo é Afonso Raimúndez procede de dúas importantísimas familias. Por liña materna descende dos reis de León, Castela e Galiza así como dos condes de Bourgogne e dos reis de Francia; pola paterna, dos condes de Besançon, Bourgogne e Mâcon. 

E de querermos entrar en detalles podemos sinalar que o cativo é sobriño de Etienne I, conde de Mâcon et Vienne;, de Clemence, Gisèle e Ermentrude, condesas consortes de Flandres, Saboia e Montbéliar, respectivamente; Matilda, duquesa de Bourgogne; Étiennette, señora de Royans; Bertha, muller de Afonso VI, e polo tanto raíña consorte de Castela e León; Eudes, conde de Bourgogne;, Renaud II, titular dos condados de Bourgogne, Mâcon, Vienne e Oltingen;, Octavien, frade de Pavía e futuro Santo Octavio; Hugue, arcebispo de Besançon; e Guy, Callistus II, Papa de Roma.

1117: CANDO ISPEN NO OBRADOIRO Á RAÍÑA URRACA

Sinatura de Urraca
Xelmírez (de pé) nunha miniatura do Tombo de Toxosoutos
Alén diso, cómpre lembrar que cando se doa o mosteiro de Xiao de Caldas de Cuntis a cidade de Compostela segue convulsa con Urraca. Ela dirixírase até a urbe en varios momentos, mais ao ano seguinte, en 1117, Compostela estoupa. Disque os burgueses de Santiago a aldraxaran en público –pois seica se sentían ofendidos pola soberana leonesa. Refuxiada co bispo no seu pazo, a burguesía préndelle lume ao seu acubillo, Xelmírez agatuña polos tellados da catedral e logo entra en oración, mentres deixan á raíña totalmente núa xunto o Obradoiro. Deste xeito aparece na Historia Compostelá

“(...) saíu a raíña da torre. Cando a turba a viu saír, abalanzáronse sobre dela, collérona e botárona en terra nun lameiro, raptárona coma lobos e desgarraron os seus vestidos; co corpo espido dende o peito até abaixo e diante de todos quedou en terra durante moito tempo de xeito vergoñento. Tamén moitos quixeron lapidala e entre eles unha vella compostelá feriuna gravemente cunha pedra na meixela”.


O TRASLADO DA CABEZA DO APÓSTOLO SANTIAGO "O ALFEO"

Relicario do cranio de Santiago Alfeo
O máis curioso é que tal suceso acontece logo de que Urraca lle entregase ao bispo Xelmírez unha reliquia apostólica. Maurice Bourdin, bispo de Coimbra (1099-1108), futuro Gregorio VIII “O Antipapa”, viaxara non había moito a Xerusalén, e disque alí bate co cranio de Santiago, que traslada cara á Península en “piadoso latrocinio”. Tal feito supuña en bo grao, no caso de que fose a cabeza do fillo do Zebedeo (ao final disque era a de Santiago Alfeo), derrubar o prestixio de Compostela. 

Alén disto, e tal e como os peregrinos viaxan aos santos lugares, as reliquias tamén fan o seu periplo co gallo de promover e consolidar este ou aqueloutro santuario. Dende Xerusalén, a cabeza furtada vai até o templo de San Zoilo de Carrión, de aí a igrexa leonesa de Santo Isidoro e, por último, Urraca obtena e entrégalla a Diego Xelmírez en 1116, data que coincide coa doazón do mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis, feitos dos que este ano se celebra o 900 aniversario.

sábado, 16 de abril de 2016

E TAMÉN GALIZA NO SEGUNDO TRÍPTICO DE VAN DER WYCK

Escudo do Reino de Galiza,
realizado por Jan van Battel
N’o Dicionario histórico dos pintores de todas as escolas (Dictionnaire historique des peintres de toute les écoles depuis l’origine de la peinture jusqu’a nos jours, París 1866) obra de Adolphe Siter, sinálase que van der Wyck “realiza moitos tipos de decoracións, contratado por varios soberanos, e que en 1549 ou ben 1550, recibe o título de pintor de Carlos Quinto”. 

E aínda que xa temos afondado neste artista malinés, cremos importante traelo de novo até estas liñas para reencontrármonos cos símbolos heráldicos do vello reino de Galiza, estes xa do ecuador do S. XVI.

OTRAS OBRAS DE ARTHUR JAN VAN DER WYCK


Carlos III de Bourbon
Ao longo da súa vuda, Jan van Battel (ou van der Wyck) acomete numerosos proxectos artísticos, e así vémolo en traballos que lle encarga non só a Casa de Habsburgo senón tamén a de Inglaterra. Con respecto a este asunto, Henrique VII (1457-1509) teríao presente ao final da súa vida.

A súa arte vese nas exequias do emperador Maximiliano (que se celebran na igrexa de Saínt-Pierre de Malinas, aló polo ano 1520) e incluso nas de Carlos III de Bourbon ou Montpensier (1490-1527), que falece no “Saco di Roma”. Este nobre foi VIII Duque de Bourbon e de Auvergne; Conde de Clermont-en-Auvergne, Forez, Gien, de la Marche; Señor de Beaujeu e Delfín tamén de Auvergne. Disto infórmasenos na Biografía Nacional da Academia Real das Ciencias e das Letras de Bélxica (1866).


SEGUNDO TRÍPTICO DE CARLOS V


En relación coa súa especialidade, van der Wyck bosquexa, realiza e decora  con escudos heráldicos non só aquel tríptico de Carlos V que lle encarga Margarida de Austria. Tempo máis tarde (cando menos uns 20 anos despois), volve reformulalo cun case idéntico formato. Nel, o monarca aparece como emperador, os escudos representados nas táboas aumentan nunha manchea. E velaí que na peza central aparezan 30, e nas laterais –ao igual ca no tríptico primitivo– 21 brasóns por cada peza. Así as cousas, contamos un total de 72 escudos heráldicos, entre os que se atopa –igualmente– o do reino de Galiza, mais noutra versión diferente a aquela de 1517.

Segundo tríptico de Carlos V realizado por Jan van der Wyck
Fotografía de Miguel Hermoso Cuesta

Detalle do panel central
Fotografía de Miguel Hermoso
Desta volta, xa aparece Carlos V nun decorado exento de cortinas de ouro (estas estorbábanlle ao artista, pois tiña que engadir sete novos brasóns), xa non viste o gorro de veludo sobre a súa cabeza, senón a coroa imperial, e o manto tamén leva unha outra cor diferente.

Do mesmo xeito que acontece no encargado por Margarida de Austria, esta actualización (que se elabora como dixemos nos anos corenta do século XVI), está provista dunha lenda na que se indica que Carlos, pola graza de Deus, emperador dos romanos, é “Rei de Castela, de León, de Aragón das Dúas Sicilias, de Xerusalén, de Navarra, de Mallorca, de Valencia, de Galiza, de Toledo, de Sevilla, de Granada, de Sardeña (...)”.


E O REINO DE GALIZA


Emblemas heráldicos
do Colexio Elector
No interior da orla central aparecen, acompañando ao monarca, os mobles heráldicos do Colexio Elector que escolle os emperadores romano-xermánicos. 

O proceso de elección está regulado na Bulla Aurea (1356) e os membros do colexio eran: os arcebispos de Maguncia (Kurmainz), Tréveris (Kurtrier) e Colonia; o Rei de Bohemia, o Conde Palatino do Rin, o Duque de Saxonia e o Margrave de Brandeburgo (Markgrafschaft Brandenburg). Velaí logo que teñomos que apuntar que non son estas armas propias do emperador, senón os heraldos que representan a aquel colexio que o seleccionou para portar a coroa do imperio.

Na orla do panel central, píntase o escudo dos Austria –en posición privilexiada– e, como se achegou, o de Galiza (que resulta ser o o quinto, logo daquel citado, se contamos en sentido horario). 


Desta volta, a descrición heráldica do noso emblema habería que indicala así: “en campo de azur, sementado de cruces de ouro, un copón do mesmo metal”.

sábado, 9 de abril de 2016

GALIZA NO TRÍPTICO MALINÉS DE ARTHUR JAN VAN DER WYCK

Escudo de Galiza no Tríptico de
Arthur Jan van der Wyck
De Mechelen, ou Malinas, é un deses grandes pintores que durante boa parte da súa vida está ao servizo ben dos nobres ben da casa real, para decorar diversas estancias das súas mansións, para iluminar libros, para subliñar icónica e iconograficamente a figura de determinado prócer. Tal é o caso de Arthur Jan van der Wyck (1477-1557), máis coñecido como Jan van Battel (en alusión ao seu territorio de orixe).


Jan van der Wyck

Stadhuis (Casa do Concello)
Especializado na realización de escudos de armas, as primeiras referencias que del temos datan –aproximadamente– de 1504, cando proxecta a decoración do templo de Sainte-Gudule, en Bruxelas. Cinco anos máis tarde, realiza un traballo semellante para a igrexa de Saint-Jacques-sur-Coudenberg, localizada na mesma urbe.

Quizais sexa este un autor non moi recoñecido na historia da arte do renacemento flamengo, cando menos na medida en que se merece. A nós espértanos a curiosidade cando contemplamos un espectacular tríptico que realiza, para a casa do concello de Malinas, sobre o rei Carlos V.


Margarida de Austria

Grote Markt
O motivo desta peza, coma outras moitas, ten que ver coa propaganda política que dende a Casa de Habsburgo se intenta estender polos seus dominios. É así que Margarida de Austria –tía de Carlos V– ordena a realización deste fermoso –e non tan famoso– tríptico. Ela, arquiduquesa de Austria, casara co príncipe de Asturias, Xoán de Aragón e Castela, que fora herdeiro do trono dos seus pais (Sabela e Fernando os “Católicos).

Margarida de Austria por
Bernaerd van Orley
Margarida nace en 1480 en Bruxelas e falece en Mechelen (Malinas) no ano 1530. Os seus escudos de armas están representados na Casa do Concello malinés (Stadhuis), que se localiza na Praza Maior (Grote Markt). 

Este edificio construído parcialmente en 1526 polo arquitecto Rombout II Keldermans nunca chega a ser rematado na súa totalidade até as primeiras décadas do século XX.


Antes de falecer, Margarida deixa como único sucesor ao seu sobriño Carlos, polo que pouco a pouco o poder do soberano faise máis e máis grande.


O Tríptico

Conservado nos museos Municipais de Malinas (Stedelijke Musea), segundo esta institución o tríptico titúlase Karel V tronend te midden van zijn territoriale bezittingen ("O trono de Carlos V, rodeado das súas posesións territoriais").

Encargado, tal e como dixemos, a Arthur Jan van der Wyck en 1516 e rematado en 1517, a súa función é "decorar" a sala da tesouraría da Casa do Concello. Custa –segundo o Catalogue du Musée, na súa décima edición, 1869– algo así como 20 floríns; mais non debemos esquecer que no momento en se que se executa o proxecto o monarca comeza a administrar os reinos hispánicos por "incapacidade" da súa nai. Isto acordárao Fernando de Aragón, o seu avó materno, nas súas últimas vontade (pronunciadas o 22 de xaneiro de 1516). 


Grote Markt

O óleo sobre madeira exponse, hogano, nunha das grandes salas da casa consistorial e conta cunhas dimensións bastante limitadas. O panel central mide 0.88 metros de alto por 0.58 de alto; e os dous laterais 0,90 metros por 0,25. Por conseguinte, de térmolo totalmente aberto, a peza mide 1,38 m de longo, o que o fai non moi grande.

E para subliñar o valor que se merece, non hai moito foi incluída no catálogo de obras mestras do goberno flamengo.


Armerías representadas

No panel central represéntase a un monarca mozo –que aínda non é emperador– sentado nun ornamentado trono con cortinas de ouro. A súa cabeza recóbrese cunha gorra de veludo carmesí, coa man esquerda terma do cetro, coa dereita da espada e atavíase cun traxe real provisto do correspondente manto de armiño. A figura fica rodeada por unha orla circular de brasóns, presidido polo escudo real.

Coas faccións características dos Austrias execútase un rostro de certa finura que harmoniza na desmesura de todo o conxunto.

No panel da esquerda hai representados 21 escudos de armas, no da dereita outros tantos; e no central 22; o que suman 64 brasóns alusivos aos dominios e orixes do monarca.

Debaixo da orla circular existe unha inscrición escrita en francés que fai memoria dos títulos que, até ese momento, posúe Carlos V. Dela despréndese, perfectamente, que o soberano –alén de moitos estados– tamén o é do reino de Galiza:

Inscrición do panel central
“Charles par la grace de Dieu, catholisque roy de Castille, de Leon, d’Aragón, des deux Ciciles, de Jerusalem, de Navarre, de Maorque, de Valence, de Galice, de Tolledo, de Seville, de Granade, de Sardene (...), Archiduc d’Austriche, duc de Bourgougne, de Lothier, de Brabant, de Stirie, de Carintie, de Carniole, de Limbourg, de Lucembourg et de Gueldres, comte de Flandre, de Habsbourg, de Friole, d’Artois, de Bourgogne (...)”.

Analizando o panel central, podemos ver que o escudo que preside todo o conxunto é o propio do soberano. Nos vértices superior dereito e esquerdo (do observador) contémplanse os de Austria e Aragón; nos vértices inferiores, os de Borgoña e Castela e León. Na orla circular (como dixemos presidida polo escudo de Carlos V), e en sentido horario, están presentes os seguintes territorios e reinos: León, Dúas Sicilias, Xerusalén, Mallorca, Galiza, Sevilla, Sardeña, Buxía, Biscaia, ..., Granada, Toledo, Valencia, Navarra, Nápoles, Aragón e Castela.

O escudo de Galiza, timbrado con coroa real aberta, descríbese deste xeito: en campo de azur, un copón pechado de ouro.


Obsérvase Galiza nun mundo de antano,... Degoramos que isto siga a ser presente: historia e realidade; respecto ás orixes e coherencia identitaria no universo actual.

venres, 1 de abril de 2016

CARLOS V, LUTERO E DURERO. A DIETA DE WORMS E O ESCUDO DA GALIZA

Escudo de Galiza - ano 1521
A historia comeza coas biografías de tres personaxes: un rei, un teólogo e un artista (o cetro, a sotana e o pincel); Carlos V, Martiño Lutero e Alberto Durero. Mais o relato, no seu contexto, abrangue tres anos: 1519, 1520 e 1521.

ANO 1519

Comezamos sinalando que no arranque de 1519, concretamente en febreiro, Carlos V se dirixe a Barcelona para convocar as Cortes Catalás. Un mes antes morreralle o seu avó paterno, Maximiliano I, polo que en xuño é elixido Rex Romanorum. Así e todo, o Papa Clemente VII nomearao –anos máis tarde– emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, malia que de facto xa o era dende esa data.

Entrementes, Lutero rexeita o poder do Sumo Pontífice, León X, considerando que non é infalíbel, senón humano, alén de que subliña que os concilios tampouco o son.

Anagrama de Alberto Durero
Carlos V
Albrecht Dürer, o xenial artista nado en Nuremberg, retrata por última vez a Maximiliano I nunha pintura que lle serve de base para o gravado que logo ha facer do soberano. Remata, tamén en 1519, a obra titulada “Santa Ana, a Virxe e o Neno”, e, antes de iniciar o verán, acompaña ao prestixioso avogado Willibald Pirckheimer e a Martin Tucher nas súas misións diplomáticas por Suíza. É preciso comentar, ademais, que a primeira das obras á que fixemos referencia, remátaa logo da morte de Maximiliano, e na actualidade consérvase no Kunsthistorisches Museum de Viena.

ANO 1520

Alberto Durero
Ao ano seguinte –o 23 de outubro– Carlos V vai ser coroado emperador na cidade alemá de Aachen (Aquisgrán). E isto tiña moito de simbólico, pois a urbe fora un dos lugares favoritos de Carlomagno (tanto é así que falece nese lugar). Pero as cousas non estiveron prontas. Antes de embarcar, convoca as Cortes Castelás en Santiago de Compostela (iniciadas o 31 de marzo na sala capitular do Convento de San Francisco coa ausencia dos procuradores de Toledo e Salamanca). Por mor da resistencia das Cortes, traslada a súa sé á Coruña e, celebradas, o 20 de maio parte dende a cidade herculina para ser coroado emperador. Cómpre lembrar asemade que é nese tempo cando xorden numerosos conflitos na Península: a Guerra das Comunidades de Castela (1520-1522), as Germanies no reino de Aragón (1519-1523) e a continuación da guerra que os navarros ocasionan no seu reino (1521) para lle recuperar a plena autonomía.

Volvendo a tratar sobre Lutero, este entra en contacto con humanistas como Erasmo de Rotterdam (1466-1536), Philipp Melanchthon (1497-1560) e Johannes Reuchlin (1455-1522). E o papa esíxelle que se retracte de 41 das 95 teses que tiña formulado, pero o teólogo como protesta queima en público a bula pontificia Exsurge Domine, e, na súa heterodoxia, reafírmase nestoutra: “Contra a execrábel bula do Anticristo”.

No que concirne a Durero, acompañado pola súa muller –Agnes Frey– e a súa criada, o 12 de xullo sae de viaxe dende Nuremberg polos Países Baixos, onde se relaciona cos pensadores e artistas daquel entón. Asiste así mesmo ao nomeamento de Carlos V; mais coa felicitación do novo emperador, tamén busca renovar a pensión vitalicia que Maximiliano I lle concedera o 6 de setembro de 1515 (e que supuña recibir anualmente 100 floríns). A xeito aclaratorio, subliñemos que varios destes apuntamentos están extraídos da xenial obra de Jeanne Peiffer titulada Alberto Durero, De la Medida (Akal, 2000).

ANO 1521

E será en 1521 cando Carlos V pretenda tomar a primeira “Dieta” do imperio (ou Reichstag) na cidade de Nuremberg; porén celebrarase en Worms (a partir do 28 de xaneiro dese ano). A asemblea de príncipes do “Sacro Imperio Romano Xermánico”, loxicamente, foi presidida polo monarca e a ela –co obxecto de que se retractase das súas teses– foi obrigado a comparecer Martiño Lutero. O eclesiástico, no canto de abxurar e arrepentirse, defende enerxicamente a súa postura, o que supón que no Edito de Worms (emitido na conclusión da asemblea, o 25 de maio dese ano) se declare a Lutero coma un delincuente e que se prohiba non só a lectura dos seus escritos, senón incluso a posesión dos mesmos. Recórdese que o Papa León X excomunga ao teólogo disidente (por medio da bula Decet Romanum Pontificem) e este refúxiase no castelo de Wartburg, protexido por Federico “O Sabio”, príncipe elector de Saxonia e curiosamente mecenas de Durero.

Willibald Pirckheimer
No tocante ao artista plástico, cómpre facer mención dun acontecemento moi interesante neste eido. Por mor da pretensión inicial de celebrar a Dieta en Nuremberg, proxéctase sacar unha medalla conmemorativa. Asesorado por  Willibald Pirckheimer; o secretario daquela cidade, Lázaro Spengler; e Johannes Stabius (secretario que fora de Maximiliano I); Durero comeza a bosquexar e deseñar o anverso e o reverso da medalla. Ambas caras irán contornadas por unha restra de escudos que representan as armas dos reinos do soberano, entre as que están as propias de Galiza. Dado por concluído o deseño, traslada os seus debuxos a un prestixioso mestre gravador da Casa da Moeda de Nuremberg, Hans Krafft der Ältere, que se responsabiliza de facer os carimbos e fundir a pezas. Segundo os técnicos do MAN (Museo Arqueológico Nacional – Madrid) a serie será moi reducida, tanto é así que na actualidade non se coñecen máis dunha ducia delas fundidas en prata.

Unha praga acontecida en Nuremberg provoca que a Dieta se traslade a Worms, polo que as medallas non deberon ser entregadas ao monarca. Cavilouse na posibilidade de que estas se puxesen á disposición do emperador anos máis tarde, pero con independencia do que acontecido, o concello de Nuremberg acorda acuñar 24 pezas, das que na actualidade –alén das que fican en mans particulares– 9 son custodiadas en diversas institucións museográficas (Coburg, Edimburgo, Londres, Madrid, Munich, Nuremberg, París e Viena).


DESCRICIÓN DA MEDALLA


No anverso da medalla, co busto de Carlos V, gravouse outrosí a lenda “CAROLUS : V : RO(manorum) : IMP(erator)”. Nela identifícanse as seguintes armerías e reinos:

      A) O lema "Plus Ultra" entre as columnas de Hércules
Anverso da medalla

1)       Castela
2)       Aragón
3)       León
4)       Nápoles
5)       Sicilia (antigas armas)
6)       Dúas Sicilias
7)       Xerusalén
8)       Sevilla
9)       Xaén
10)    Galiza
11)    Valencia
12)    Toledo
13)    Granada
14)    Navarra
Reverso da medalla

O reverso leva os seguintes emblemas:

15)    Sardeña
16)    Córdoba
17)    Córsega
18)    Murcia
19)    Xaén
20)    Algarve
21)    Alxeciras

B) Un "N" en alusión á cidade de Nuremberg

22)    Mazarrón
23)    baleiro (quizais represente ao Novo Mundo)
24)    Menorca
25)    Mallorca
26)    Illas
Escudo primitivo do Reino da Galiza
Medalla de Nuremberg
27)    Terra Firme e
28)  A Aguia imperial con halo e co escudo de armas dos Austria e Borgoña.

A nivel descritivo pódese sinalar que o escudo do Reino da Galiza, como se aprecia con nidia claridade está desprovisto das clásicas cruces, e soamente un copón eucarístico preside todo o campo. Por timbre, leva unha coroa real aberta.


Como se observa, Galiza sempre estivo presente na “cultura europea”, polo que o universalismo era entendido coma un conxunto de diversidades... (non sempre, tamén é certo, respectadas). Algo diferente ao que arestora acontece, dicimos respectar e lexíslase moitas veces neste senso, mais as actuacións son contraditorias coa intencionalidade.