martes, 13 de setembro de 2016

CEDOFEITA, UN CASTELO ÁS PORTAS DE PONTEVEDRA

(Estes apuntamentos históricos foron publicados no xornal
Galicia Hoxe en varias edicións:
os días 11, 18 e 25 de setembro de 2005)

NOS ALBORES DO SÉCULO XI

San Iago Apóstolo no Códice Calixtino
Unha candea permanece acesa ao pé do bieito mosteiro, alumeando o sacro cáliz do Lérez e deixando tras de si o perecedoiro fume do tempo. Alí, ao seu carón, repousan as biografías de ilustres pedras que, moldeadas na amorfa materia con reflexión e habilidade polo anónimo artífice, confeccionaron presenza arquitectónica como torre e castelo. 

O artesán delimitara no espazo a súa particular idea (o seu oficio): a “res cogitans” (o coñecemento) mudaba en “res extensa” (realidade), para o gusto de quen a quixo ver e desprezo de todos os que a ignoraron ou temeron, así como en verdadeiro pracer dos que a gozaron e en lembranza dos que remexemos na historia. Descansa aí o cansazo tamén dos arghinas que labraron con punteiros e macetas as castrenses formas graníticas, humedecidas pola suor gremial e os aires das fragas, do río, da ría e do mar. As olorosas fragrancias e as percepcións visuais avísannos de que nos introducimos nunha xeografía de transición, entre as atlánticas mareas e as montañas bretemosas: velaí o val do Lérez, mutante en paisaxes e historias.

Cedofeita foi a denominación coa que se identificou aquel castelo e, por extensión, o seu xiro; concepto este último do que se ten noticia xa nos primeiros anos do S. XI, cando o monarca galego Afonso V e o bispo Vistruario están a investigar cales son os dereitos que lle pertencen á igrexa apostólica nos diversos condados (conmisos) e noutras terras. Estas pescudas, segundo A. López Ferreiro e M. Lucas Álvarez, igual tivesen que ver coa necesidade de matizar os lugares concretos das herdanzas por existiren ao mellor certos obstáculos e trabas con algúns dos condes, e –por ende– reclamando o pontífice se cadra a protección dos seus patrimonios eclesiásticos. Dátase este documento a 30 de marzo de 1019 e está redactado na “urbe” compostelá, e nel parece nidia a afirmación na que se expresa que son da Mitra varias “villae” localizadas no “giro Citofacta”, e que explicitamente se denominaban Serpenciones (S. Vicenzo de Cerponzóns), Sancta Maria de Elva (Alba), Sancta Maria de Maurenti (Mourente), “Villa de Fonte”, “Anserizi” e Godegildi (este último termo facilmente identificable co lugar de Guxilde, na susodita freguesía de Alba). De continuarmos coa análise diremos que tamén se dilucida que tal xiro fora ergueito en tempos do prelado Sisnando (II), quen desenvolvera o seu labor pastoral así como o goberno da Igrexa de Iria entre os anos 952 e 968. Durante o seu pontificado –segundo as consideracións de López Ferreiro– debeuse alzar a mesma fortaleza de Cedofeita, e de ser veraz a afirmación, atopámonos cun conxunto fortificado do S. X e cunha estilística construtiva propia do prerrománico. Esta, salvando as distancias debidas ás situacións orográficas, poderíase comparar coa do propio castelo da Lanzada, que igualmente se erguera nese mesmo pontificado de Sisnando II. Mais onde tivo asento concreto a fortaleza? Rastrexando a toponimia maior do norte do actual Concello de Pontevedra, observamos que é realmente significativo o lugar do Castelo, localizado no occidente de S. Salvador de Lérez (raiando coa freguesía de Alba), o que nos dá en crer que puido ser alí o antigo predio deste recinto castrense, se ben é certo que se amosa igualmente moi atractivo o topónimo da Torre (sito neses mesmos termos parroquiais).


NA ÉPOCA DO REI FERNANDO II

Seguindo coa historia, cómpre subliñar que con posterioridade algúns destes patrimonios da parte norte de Pontevedra han ser usurpados por mans laicas (aló nas primeiras décadas do S. XII, aproximadamente). Concretamente fórono o sinalado lugar de Guxilde e a freguesía de Alba, os cales pouco os deberon gozar os delincuentes, xa que a Historia Compostelana, cando se refire ao primeiro dos bens citados, indica que en tempos do prelado Xelmírez permanecía esa facenda totalmente descoidada (“desolada e abandonada por falta de labradores, e que estaba cuberto por completo por unha inmensa e espesa maleza”). E isto é unha mágoa para os eclesiásticos non só pola súa perda ou a súa hipotética rendibilidade, senón igualmente por ser o entorno de verdadeira fermosura (era unha “amena paraxe xunto ao Lérez”).

Cedofeita como castelo, aínda intuíndoselle unhas orixes no S. X, será citada por primeira vez como recinto fortificado, segundo as nosas pescudas, no momento en que Fernando II lle traspasa a súa propiedade ao metropolitano Pedro Gudesteiz, a 18 de marzo de 1169 e logo de tela rescatada das milicias portuguesas, as cales invadiran asemade boa parte dos territorios do sur de Galiza (entre outras áreas, particularmente a xeografía de Toroño). Era esta intromisión e violación do territorio polas tropas lusas un intento de despistar con caviladas estratexias ao monarca galego-leonés e tamén, se frutificasen, de agrandar un pouco máis o incipiente reino portugués que buscaba saídas cara ao nacente e cara ao setentrión segundo os mandados do autonomista Afonso I Henriques, aquel que trocara de xeito moi produtivo a súa coroa condal por outra de mellor materia (a real). Alén diso, as diferenzas entre as monarquías xa se dirimiran na “Paz do Lérez”, estabelecidas o 30 de abril de 1165 (segundo Rodríguez Figueiredo), e en Celanova acordárase o contrato nupcial (e político, como non!) entre o rei galego e Urraca Afonsi, filla do lusitano. 

Cedofeita continúa ata 1169 no poder daqueles que proceden alén do Miño. Así e todo ao rei Fernando non lle custa demasiado conquistar esta fortaleza pontevedresa, como se dá fe na documentación no Tombo A do ACS: “os deuses” estaban da súa parte, ou mellor dito un dos “fillos do trono”, o cabaleiro e apóstolo Santiago desencadea unha boa tormenta que auxilia ás mesnadas galegas. Tanta foi a graza “divina” que nin tan sequera se derrama unha soa pinga de sangue, unicamente os regos que flúen cara ao Lérez son o produto da choiva. Procede deste feito “milagreiro” a devoción ao Santiaguiño de Lérez e, por extensión, a orixe da súa hermida?

Despois da entrega do castelo ás dignidades eclesiásticas, Compostela atrae para si non só aquel recinto fortificado, senón ademais todos os seus termos (antigos e novos), os patrimonios reguengos, os seus dereitos e as sete igrexas que a Cedofeita pertencen, a “iurisdictione et reverentia monasterii Sancti Iohannis de Podio et monasterii de Sacti Salvatoris de Lerze”.


Antes incluso de que Fernando II tivese recuperado Cedofeita, o monarca permanece algún tempo polo reino arranxando asuntos de tipo político e colaborando en proxectos relixiosos e de mecenado. A 23 de febreiro de 1168 concédelle ao mestre Mateu, que daquela comeza a enxergar O Pórtico da Gloria, unha pensión vitalicia de 100 marabedís anuais; a 4 de marzo aseguráralle ao cenobio de Sobrado dos Monxes, tamén para cada ano, 10 “marchas argenti ad opus Sante Marie”, igrexa conventual que se está a erguer durante ese tempo e sendo Exidio Xil o seu abade; así como igualmente a 9 de abril estima oportuno darlle ao arcebispo de Santiago a vila de Noia. De aí a pouco parte de Galiza, á que retorna para intervir no citado conflito cos portugueses. Logo de ter dirimidas as diferenzas e conquistado o castelo de Cedofeita, a 29 de marzo de 1169 e dentro deses recintos castrenses subscribe un documento onde lle facilita ao mosteiro da Armenteira (Meis) un determinado patrimonio que lle viña de marabilla para don Ero, abade santo que ideara a empresa de erguer debaixo do Castrove o seu románico recinto monacal. Neste agasallo, que se corresponde coas tres cuartas partes da igrexa de S. Salvador de Lantaño (“in terra Luparia”), asinan varias persoas principais que acompañan ao monarca, un bo número de condes e os prelados galegos Pedro Gudestéiz de Santiago, Xoán de Lugo, Pedro Seguín de Ourense e Xoán de Tui.

Escasos días despois, sendo o primeiro de abril, e visitando a xeografía setentrional de Lugo, Fernando ha dispensar igualmente a súa axuda ao mosteiro de Santa María de Meira, que comeza a aleitarse coas viandas patrimoniais que lle tiñan servido, e servirían, algúns monarcas e nobres da contorna (entre estes últimos os condes de Sarria). Daquela, por 1169, o máximo responsable desta familia cisterciense é o abade Vidal e o privilexio real que se lle concede ten que ver coa virtude de recadar os décimos do portádego do lugar de Valcárcel.

Fernando II de Galiza
O curioso de todos estes documentos, do mesmo xeito que ocorre noutros de datas anteriores e posteriores, é que o propio Fernando II os está a asinar coa autocondecoración de “Rex Hispanorum” pola graza de Deus, respondendo isto ao seu propósito de se responsabilizar da titoría do seu sobriño Afonso VIII de Castela (logo do pasamento do seu “desexado” irmán Sancho III en 1158, co que estivera en inimizade), e quizais igualmente con obxectivos de goberno para con esta coroa. Esta intención que nunca triunfaría pese a que si tería asexado as súas gadoupas galego-leonesas na política daquelas terras. Cómpre sinalar que este rei ten por sucesor a Afonso VIII, aquel que Anselmo López Carreira indica que foi “arbitraria e malintencionadamente chamado Afonso IX pola historiografía española moderna, pois polo seu tempo había outro Afonso de Castela, e cando decidiron inventar a suposta lista dos reis de España, meteron no mesmo caixón de xastre aos de Galiza cos de Castela, nese afán por agachar totalmente a existencia do noso Reino (...) pero botando as contas ao dereito, logo se comproba que é o oitavo”.

CANDO AFONSO VIII OCUPA O TRONO

Afonso VIII de Galiza
Aclarado isto, debemos achegar que logo de cabalgada a monarquía de Fernando II ocúpase das súas coroas o declarado seu fillo, axudado nos primeiros momentos do seu goberno pola súa lusitana nai Urraca. É con estas cando a 4 de maio de 1188 o flamante Afonso VIII, contando aproximadamente con 17 anos de idade e acompañado da citada súa proxenitora e dende a cidade de Zamora, comeza a confirmarlle todos aqueles privilexios, herdanzas, exencións e dereitos que os seus antepasados lle tiñan realizado á Igrexa Metropolitana de Compostela. No elenco patrimonial cítanse as terras de “Decia, Salnes, Citofactam, burgum quod dicitur de Ponte Veteri, cum ecclesia et terra que dicitur de valle Moracium, terra que dicitur Montes, in qua est castellum Cutubade”,... Mais esta ratificación de propiedades estaba de sobra asegurada. Anos atrás o Sumo Pontífice Alexandre III, aquel que con tanta forza se aferrou a defender a supremacía do papado sobre o Sacro Imperio Romano Xermánico, xa tiña ben consolidados estes e outros activos eclesiásticos. A pouco máis de ano e medio de que Fernando II entregase Cedofeita o bispo de Roma dá conta daquela saborosa doazón real. Concretamente realiza a confirmación na cidade de Anagni (na terra do Lacio) e a 27 de setembro de 1170. Aparece, logo así, o castelo de “Citofactum” coas súas “septem ecclesie”. O mesmo Papa volve a actuar en prol da confirmación patrimonial o 28 de xullo de 1174 (dende a mesma urbe), o 20 de marzo de 1178 (dende Letrán, lugar no que un ano máis tarde preside o III Concilio do mesmo nome) e o 25 de xuño de 1181 (estando na cidade de Viterbo).

Logo do pontífice Alexandre actúan de xeito análogo o seu sucesor na tiara de Roma, Inocencio III, e concretamente no ano 1199, tal e como tamén procede o 26 de marzo de 1225 o Sumo Pontífice Honorio III dende Letrán. Entre as posesións aquí confirmadas aparece unha boa lista de cenobios, dos que podemos citar os de S. Martiño de Fóra (Pinario), S. Paio de Antealtares, Sta. María do Sar, Sta. María de Conxo e S. Pedro de Fóra, todos no circuíto compostelán; Luaña (Lousame), Sobrado (na xeografía do mesmo nome), Acibeiro (Forcarei), Codeseda (A Estrada), Sta. María de Mezonzo (Vilasantar), Sta. María de Monfero, S. Salvador de Bergondo, S. Pedro de Soandres (A Laracha), S. Xoán de Caaveiro (A Capela), S. Xiao de Moraime (Muxía), S. Martiño de Ozón (Muxía) S. Xoán de Poio, S. Salvador de Lérez (Pontevedra), Sta. María de Armenteira (Meis), Sta. Mariña de Arcos da Condesa (Caldas de Reis), S. Xoán da Cova (Ponte Ulla, Vedra), S. Breixo (Arcos de Furcos, Cuntis), S. Tomé de Piñeiro (Marín) e Santiago de Ermelo (Bueu),... No que atinxe aos castelos menciona os de “Honestum” (Torres do Oeste, Catoira), Sta. María da “Lanceata” (A Lanzada, O Grove), “Ciria” (Cira, Silleda), Lupparia (Lobeira, Vilanova de Arousa), “Sancti Pellagii de Luto” (Ponte Sampaio, Pontevedra), “Daravon” (Darbo, Cangas), Cotobade, “Citofacta” (Cedofeita)...

ÚLTIMOS APUNTAMENTOS QUE RESCATAMOS


Pouco produtivo sería, abofé, que algún cabaleiro ou rico home da comarca pretendese furtar a morada de Cedofeita; ben prendido quedaba o inmoble entre as liñas de tinta dos pergameos de propiedade e as confirmacións papais. A curia gardaba, con ansia arreo, de que os froitos non os vendimasen outros que non fosen senón os seus membros eclesiásticos ou aquel por eles consentido. E tanta houbo ser a protección cara ao exterior que pouco a pouco, co paso do tempo necesario, o castelo ha podrecer no propio cesto, sen conservar aquel continuo uso que desempeñara durante os albores do baixomedievo. Expomos isto, máis que nada, debido a que o edificio non se entregaría en mercé enfitéutica, que teñamos coñecemento, a membros da aristócrata local (pese a que a liñaxe dos Chariño si gravaría a súa pegada neste territorio cando menos entre os séculos XIII e XIV), nin incluso deberon residir asiduamente aí os mitrados da diocese. Despréndese deste declive, ademais, un feito moi simbólico: que aquel famoso xiro que tivera por nome o do propio recinto castrense comezaría paseniño a se esfumar, tanto que a denominación de Cedofeita ha ser trocada na época moderna pola de Lérez, espazo reputado tan só polo mosteiro bieito que nesa freguesía se localiza.

Regresando de novo ao edificio cumpriría divulgar algún que outro apuntamento que recompilamos sobre a súa historia. Un deles constata que os cregos e reitores de S. Vicenzo de Cerponzóns, a 1 de maio de 1278, outorgaban a Didaco Petri de Vascoes e á súa muller María Ramírez, o foro perpetuo da herdade dos Tallos (sita na veiga de Vascoes de Susoo), a da Fonte e a cortiña de Coirado, localizadas todas á sombra maxestosa da fortificación de Cedofeita. De aproximar tamén nos é aquela nova que asegura que entre os anos 1432 e 1437 desempeñaba importantes cargos na capital do Lérez un persoeiro que, co seu “alcume”, recordaba o renome que outrora posuíron (e posuían?) os arrabaldes e as terras do setentrión pontevedrés. Chamábase D. Roi Fernández de Çedofeita e as súas ocupacións urbanas xiraban en torno ao seu exercicio administrativo nunha procuradoría así como tamén nunha escribanía ou notaría real.

Pouco tempo despois o desconcerto chega ao contemplarmos a non presenza desta fortaleza no elenco daquelas que foran derrubadas pola catapulta irmandiña, o que non pretende asegurar que se ausentase de sufrir tal violación; ademais é mester dar memoria de que este edificio foi un dos de maior relevancia nos patrimonios catedralicios. Rastrexando a súa topografía resólvese facilmente o porqué da súa calidade estratéxica, posto que se ben lle proporcionou auxilio ao couto monástico de Lérez, recollía igualmente dende as súas estruturas unha boa percepción do que sucedía nas beiras do río así como do paso de transeúntes e mercadorías por unha ruta principal deste reino, a cal na súa polivalencia (ademais de comunicar as terras lusas coas zonas altas de Galiza) aproveitábase para a peregrinación xacobea, documentada como existente cando menos dende o S. XII, verbo do que nos achega o xeógrafo musulmán Al Idrisi. Velaí nace agora unha hipótese que busca dar resposta a aquela cuestión sobre a súa non explícita mención no catálogo de derrubas irmandiñas. Sería obvio sospeitar que este edificio xa estivese maltratado polo paso dos continuos almanaques na súa biografía e debido, máis que nada, a que a súa función de residencia ocasional dos arcebispos e do seu capítulo non se lle observaba dende había longo tempo. De confirmarmos isto, o normal parece que a ausencia de morada coadxuvase á caducidade dos seus materiais perecedoiros (madeiras e teitumes, basicamente) para quedar logo os lenzos de pedra á sorte do “furtivismo construtivo”.

Pasada aquela centuria, e batendo nas décadas iniciais do S. XVI, Pontevedra comeza a dar resplandores de florecemento socioeconómico e por ende relucindo os seus caprichos artísticos. Polo ano 38 ao prestixioso Cornielles de Holanda acórdanlle a elaboración dun retábulo para a igrexa conventual de Sta. Clara, tres anos despois o mesmo escultor –axudado do “manuelino” João Noble– ha configurar o novo aspecto renacentista para a fachada principal da basílica de Sta. María, así como nese mesmo 1541 o abade de Lérez teralle encargado outro retábulo para o seu templo monástico. En troques, sobre o castelo non alcanzamos novas documentais ata o ano 1562, cando o metropolitano Gaspar de Zúñiga e Avellaneda lle concede a Pedro González de Cedofeita e á súa dona, Duranza de Deus, a metade do lugar do Castelo de Cedofeita, segundo deu testemuño de verdade Pedro Agulla, escribán daquel couto. Como breve paréntese observemos aquí que esta propia xeografía dispoñía dun determinado corpo administrativo, tal e como se confirma nos expedientes de títulos desta escribanía numeraria. De volta xa deste inciso, dicirmos tamén polo lugar do Castelo (asignado incluso en dote por un Xoán de Deus á súa mencionada filla Duranza) debíase pagar anualmente a cantidade de 9 celamíns de pan aos celeiros pontificios.

Con posterioridade, o susodito contrato enfitéutico halle ser novamente ratificado polo podatario do arcebispo don Xoán de Sanclemente (en 1588), cun renda de 38 celamíns de pan, ao neto daquel Xoán de Deus, quen se dicía chamar Xoán González; mais nesta ocasión no outorgamento entraba a totalidade do casal do Castelo –non unha das metades–, de aí tamén a suba da contía tributaria. Entre outros beneficiarios deste lugar serán coñecidos en datas posteriores os nomes dos irmáns Tareixa e Antón de Deus, cuxas orixes deberiámolas procurar na descendencia do arriba mencionado Xoán González, e que estaban obrigados a satisfacer ás artesas compostelás 37 celamíns de pan mediado no caso do varón e 6 da mesma especie no da susodita Tareixa.

Despois do achegado pouco mais cómpre sinalar, tan só que o recinto castrense houbo perecer da realidade e case que tamén da memoria, porén as súas cinsas continúan no nicho arqueolóxico –en ignorada camuflaxe– e á espreita de seren algún día exhumadas para o estudo dos seus esqueletos pétreos. A raíz deles coñeceriamos algo máis das orixes, da súa vitalidade e derruba en senectude.


1 comentario:

  1. creo que sean de familia de mi abuelo que vivió en Argentina e despues en Brasil, Emilio Rodriguez

    ResponderEliminar