Camarada Príncipe |
Alberto de Borbón
padecera varios momentos traumáticos ao longo da súa vida, o máis grande sen dúbida o do
asasinato da súa nai –María Luisa de Rich y Carbajo; pois o que preme o
gatillo da pistola é o propio cónxuxe desta, José María de Borbón y de la
Torre, pai do cativo e disque Duque de Sagunto.
Mais que Alberto e os seus
cinco irmáns vivisen nun palacete madrileño do Paseo de Rosales co seu proxenitor,
logo dun crime de violencia de xénero de tal magnitude (se realmente existe un
baremo para calibralo), tampouco debeu resultar nada sinxelo; nin igualmente escoitar
os ruxerruxes nas rúas da cidade e observar os dedos delatores que apuntan –e
non disparan– pero si sinalan con desvergonza dende as xanelas dos edificios
próximos.
A primeira vez que Alberto entra en prisión
Alberto de Borbón y Rich (fonte: revista Interviu) |
Quizais, esta
podería ser a situación vivida (non é difícil imaxinala), aínda que cómpre subliñar que Alberto é, dende cativo, un rapaz bastante fedello, curioso e falto
de prexuízos. Tanto é así que se fai íntimo amigo do porteiro da casa, co que
escoita radio comunista de Carabanchel. A eles únenselles varios compañeiros, e
na caseta do xardín do palacete, entre grolo de viño e tapa raspiñada na cociña
do Borbón, fálase de política e doutros asuntos da actualidade dese tempo. Era
o ano 1934 e comeza a Revolución Obreira de Asturias, polo que se dirixen até
alí informados previamente de que na Fábrica
de Gas fican uns “esquiroles”. Mais as cousas non resultaron sinxelas nin
moito menos pacíficas. Arrestado por membros da Dirección General de Seguridad, Alberto pasa unha tempada entre
reixas, e alí ha aprender non só a Internacional senón varios daqueles himnos
que se entoaban dende o Partido Comunista: “Somos la joven guardia / que va
forjando el porvenir. / Nos templó la miseria / sabremos vencer o morir”.
Daquela ten dezaoito anos, pouco máis ou menos (nacera o 2 de novembro de 1916),
e foi rescatado do presidio polo seu malhumorado pai. Pero isto supuxo un par
de drásticas consecuencias. Primeiramente, tanto el coma o seu amigo o porteiro
son postos na rúa por José María de Borbón e, na desgraza, buscan novos camiños
vinculados á República e ao PC (malia que o curioso Alberto nunca ha militar no partido). En segundo termo, resulta tanxíbel dende aquela o distanciamento familiar e,
estigmatizado polos Borbóns, poucas axudas ha conseguir deles ao longo da súa
vida, senón máis ben rexeitamentos, reprobacións, baleiros, omisións e “descualificativos”.
Durante a guerra civil, o segundo presidio republicano
Árbore xenealóxica |
Despois do Golpe
Militar Franquista propinado en xullo de 1936, vemos a Alberto de Borbón y
Rich como voluntario no Cuartel de la
Montaña –non lonxe do palacete familiar– nese edificio onde se organiza a
sublevación contra o goberno republicano que Alberto, sen dubidalo, defende a capa e espada. Recordemos que o 19 de xullo o Xeneral Fanjul declara
dende ese cuartel o estado de guerra, aínda que esa mesma tarde o inmoble é
rodeado e custodiado sen dificultade por tropas leais á República, pola
garda de asalto, a Garda Civil e –como non– polas milicias populares das que
forma parte o Borbón. Estas, se somos fieis á realidade, non dispuñan para se defenderen de moito
máis que de vasoiras e escopetas de caza.
Fernando de Borbón II Duque de Dúrcal |
Logo do sucedido no
cuartel, retorna ao seu fogar –do que fora expulsado– porén reside na casa duns
amigos. Mais estar no bando republicano non o priva de moitas sensacións agres,
xa que ser Borbón tamén proe bastante nas filas que defenden o goberno.
Tanto é así que –por ese motivo– lle han facer compaña de novo as reixas. Os
feitos acontecen cando regresa ao cuartel, pois certas persoas con tan só ouviren o seu nome captúrano e danlle traslado ás instalacións que se reservan para os condenados a morte.
Un par de días máis
tarde, un amigo do porteiro e membros da “radio comunista de Carabanchel”
conseguen a súa liberación; e por mor deste feito Alberto de Borbón ha transmitir,
dende o exilio e aos redactores da revista Interviu en Francia (nomeadamente,
José Dalmau, Evelyn Mesquida e Fernando Marull), palabras de agradecemento cara
ao partido: “Yo suelo decir que debo mi vida a los comunistas”. Tamén engade
que ten moita simpatía con esa organización política así como unha gratitude
sincera con ela, xa que “me ha ayudado mucho moralmente”. O aprezo –que é recíproco– faise notar pola outra parte, pois os militantes do PC –con certa sorna– denomínano “camarada príncipe”.
Necrolóxica do II Duque de Dúrcal |
Alén diso, a dor é a tónica habitual dese tempo. Tanto é así que non deixa de bater na porta do Borbón e de afiar a gadaña contra ela. Polo mes de agosto o seu irmán José Luís
de Borbón y Rich –que daquela é oficial de infantería e se atopa por Girona– é
fusilado, tal e como nos trae José María Zavala no seu libro La maldición de los Borbones: De la locura
de Felipe V a la encrucijada de Felipe VI. E posto que as desgrazas non veñen
soas, tamén recibe novas de que o 24 de setembro dese ano a súa tía Elena de
Borbón y de la Torre é asasinada –na Calle
Serrano– por uns milicianos. O 1 de novembro falecen dous dos seus tíos: o comandante de aviación, Xentilhome de Cámara de Alfonso XIII e II
Marqués de Squilache (Grande de España), Alfonso de Borbón y León Castellví y
Navarro de Balboa –verbo do que indica Rafael Nieto Cortadellas; e o tamén comandante de aviación, e titular do Marquesado de Balboa, Enrique de
Borbón y León. Por se isto fose pouco, nese mesmo mes as necrolóxicas seguen a encher de loito a súa
vida, xa que anuncian o pasamento dun fillo deste último marqués, o mozo Jaime de Borbón
y Esteban, curmán do noso biografado.
Os “golpistas” méteno de novo entre reixas
La Mola de Mahón (Menorca) (fonte: wikipedia) |
Cheo de coraxe, estes sucesos non acovardan a Alberto, nin tan sequera torna de bando ou fica neutral. Por mor da súa lealdade ás forzas republicanas, a súa vida e as súas loitas discorren por
distintos lugares, concretamente por Brunete (onde falecen máis de 50.000
persoas en vinte días), Girona (onde matan ao citado seu irmán) e Menorca, illa
que gañan os sublevados en febreiro de 1939. Arrestado, trasládano á fortalesa de La Mola de Maó, aínda que polos contactos familiares consegue a liberdade –non sen atrancos.
Debemos recordar que ser Borbón é –en tempos de guerra– unha mala chave mestra, tanto é así que o seu propio tío o Xeneral do IV Corpo do Exército, Francisco de Borbón y de la Torre, emite unha contraorde que curiosamente “llegó tarde”. E dicimos “curiosamente” pois este nobre, Duque de Sevilla –que Franco expulsa do exército en 1943 por traficar con alimentos, como indica Paul Preston– non só quixo que Alberto fose desterrado a Alcaraz (Albacete) senón que provoca –en palabras do seu sobriño– que Fernando de Borbón y Madán (II Duque de Dúrcal) fose recluído en Galiza e que morrese de fame en 1944 (falece o 28 de marzo no sanatorio de San Francisco de Asís de Madrid).
De Fernando de Borbón debemos sinalar un par circunstancias. Por unha banda é mester lembrar que ao Duque de Dúrcal e ao seu cuñado Mauricio van Vollenhoven (que logo ha ser ministro plenipotenciario dos Países Baixos en Madrid) se lles imputa en 1936 o asasinato do capitán de aviación, e Marqués Squilache, Alfonso Borbón y León, segundo se recolle na documentación arquivística dos Marqueses de Torrelaguna. Nun segundo termo, cando Fernando fica recluído polo seu tío, estará concretamente en Viana do Bolo (Ourense), cando menos entre os anos 1939 e 1942, data esta última na que acada o certificado de boa conduta e a súa “afección ao réxime”, que lle expide o xefe da falanxe dese municipio ourensán.

Alberto de Borbón: desertor, traidor e condenado a morte
por segunda vez
Mar da Coruña - A Marola |
Para continuarmos coa nosa historia non nos debemos esquecer de que por ese tempo Alberto –grazas a estar formado en navegación– traballa como empregado nun barco dun parente, pero as leas non se farán de agardar.
Xa no réxime franquista, axuda ao seu bo amigo o porteiro para que fuxa cara a América, polo que pon ao seu dispor os documentos que lle eran de seu. De novo é descuberto, e os tribunais declárano desertor, de aí que aproe o seu destino cara aos mares de Francia, mais non se ha distanciar moito do Estado xa que, provisto dun barquiño da súa propiedade, de cando en cando percorre as costas cantábricas e as atlánticas da Coruña.
Logo dos negocios do Wólfram: declarado traidor, condenado a morte e exiliado en Francia

Así podemos identificalo nos negocios do wólfram que el traslada cara a Bayonne para saciar as ambicións alemás durante a II Guerra Mundial. E nese “negocio” –brillante e escuro como o propio mineral– tamén meten o fociño os servizos de espionaxe do Reino Unido, ben se sabe da intención de que o seu país ou os “amigos aliados” levasen unha tallada no festín, aínda que disto pode tratar con maior detalle e criterio o investigador Rafael Lema. Mais avancemos coa nosa crónica. Por mor da situación descrita, o cónsul inglés da Coruña convence ao Borbón para que lle dea o frete a un barco americano, sen reparar en profundidade nos riscos que isto lle puidese ocasionar. Alberto –que accede– é descuberto por un gardacostas cando está coa descarga da mercadoría, polo que ha retornar ao calabozo. Declarado traidor, sen miramentos, é condénano a morte.
Alén desta rotunda sentenza, sexa
como for a situación e quen estiver movendo certos fíos e falando con determinados
contactos, a pena conmútase por case unha década sen poder navegar.
Consecuencia disto, acompañado da súa muller (a cuntiense María das Dores
Campos Guerra) e a súa proxenie, o “príncipe vermello”, rebelde e inconformista,
volve salvar o pescozo e pasa instalar o seu fogar –definitivamente– no país dos cen mil
fillos de San Luís, de onde proceden realmente os seus antepasados...
Así e todo, alí tampouco fica inmóbil: pois dende o exilio xa está pronto para vivir novas aventuras vinculadas á República e á Democracia... Algún día habería que agradecerllo, digo eu.
Así e todo, alí tampouco fica inmóbil: pois dende o exilio xa está pronto para vivir novas aventuras vinculadas á República e á Democracia... Algún día habería que agradecerllo, digo eu.