xoves, 9 de abril de 2020

A ANTIGA TORRE DE DONA URRACA (Caldas de Reis)

(Este texto foi publicado o día 8 de agosto de 2004 no suplemento Arousa, un mar de cultura do Diario de Arousa)

A torre de dona Urraca nun debuxo de Ramón Gil Rey (1842)
Museo de Pontevedra
E berraba con folgos entre aloumiños... non moi lonxe das beiras do Umia e do Bermaña, se cadra nunha das alcobas da torre de Caldas de Reis, segundo parece ser... Era un neno, o vinculeiro. A súa nai Urraca, raíña leonesa e condesa de Galiza, preñada do seu primeiro marido, Reimundo de Borgoña, entre prantos e suores trouxera ao mundo a aquel que se chamaría Afonso VII, quen ademais de ser rei da monarquía galega —dende os cinco anos de idade— herdaría os reinos de León e Castela en 1126, sendo este o porqué do seu alcume: O Emperador
Peza arquitectónica procedente da
torre, hogano fincada na igrexa de
San Tomé de Caldas de Reis
Logo da súa coroación na basílica compostelá en 1111, cerimonia que sería presidida polo bispo Xelmírez, Afonso recolle un importante patrimonio, no que se integraba aquela fortaleza onde supostamente o pariran. Con todo, a ausencia de cariño parental que se lle dispensou, motivada por situacións familiares, sociais, económicas e políticas, obrigarían aos condes de Traba a ocupárense da titoría do neno rexio.
Da patria galega de Afonso Reimúndez (que así era o seu nome completo) e da naturalidade caldense xa fixera declaración, outrora, coa Historia de los reyes de Castilla y de León, o prelado tudense Prudencio de Sandoval (1615), de quen beberían Henrique Flórez, Antonio López Ferreiro e Hipólito de Sá Bravo.

Historia


Lintel armoriado da torre provisto
dun par de escudos (non confundir
coas armas de Castela e León). Hoxe
localízase nos lenzos exteriores  da
igrexa de 
San Tomé de Caldas de Reis
A fortaleza, da que tan só hoxe se conservan pequenas restingas arquitectónicas fincadas aos muros do templo parroquial de San Tomé de Caldas de Reis, a partir de 1147 pasa a integrarse no patrimonio do mosteiro de Sta. Mariña de Carracedo, cenobio que se atopaba relativamente próximo ao núcleo urbano. Concretamente neste privilexio facíase explícita a entrega dos mananciais quentes da referida vila así como varios conxuntos herdeiros das igrexas (ermidas ou parroquias) de San Sebastián, San Lourenzo, Bemil, Caldas e Carracedo. Mais pouco acougou esta construción castrense nas facendas da familia regular (se cadra porque a comunidade esvaeceuse de inmediato): xa no abrente do S. XIII aparece integrada dentro dos bens arcebispais de Santiago, así se declara nun documento (do 21 de marzo de 1214), que se reproduce no Tombo C do ACS, época que coincide co pontificado de Pedro Muñiz (1207-1224).
Noutras andainas históricas, en plena efervescencia irmandiña, tanto a vila caldense como outras da franxa meridional de Galiza (Redondela, Vigo, Pontevedra, Padrón, etc.), foron invadidas polo lendario Conde de Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior (“alias Madruga”); e, tras as axitacións emprendidas por diferentes caudillos, moitos dos bastións e construcións militares quedarían sensibelmente magoados. Do edificio que vimos a afondar, en concreto, faría subrepticio secuestro un fillo do señor de Lantañón (de seguro que se tratou do malogrado mariscal Xoán Gómez de Soutomaior), quen levaba por compaña a Pedro Arias (titular da casa de Aldao). Simultaneamente, outro potentado de igual reputación cós anteriores, Pedro Bermúdez de Castro (señor de Montaos), aproveitando como harpía esta ocasión, daría furto dun considerable volume da fábrica do inmoble caldense —rebaixándolle aproximadamente un metro da súa altura— e encarreirando o produto rabuñado cara a outra fortificación que si lle era de seu e que, asemade, se inscribía entre os símbolos autoritarios da redonda: a fortaleza de Penaflor (sita en Santo André de Cesar, briosa sobre o espello do Umia).

Arquitectura

Fiestra xeminada da antiga
torre. Na actualidade nos
muros de San Tomé de
Caldas de Reis
De introducírmonos xa en eidos arquitectónicos, en aspectos que procuran o rescate informativo deste inmoble caldense, cómpre indicar que se ben non se pode percibir hoxe unha tanxible visión da súa antiga presenza, sería interesante revisar as imaxes fotográficas conservadas no Museo de Pontevedra (en particular unha de Prieto) así como algún debuxo de R. Gil Rey (1842), ou ben do membro da Sociedad Arqueológica de Pontevedra E. Campo Sobrino (1908), quen bosquexan, indagan e rescatan a fisionomía do exemplar edificio. Aproximámonos, con isto, a un suposto concepto de como se debeu configurar a finais do medievo, mais para brunir a nosa hipótese mental debemos recorrer, iso si, ás descricións que dela se fai no preito Tabera-Fonseca (1525-1532), nunhas pescudas arcebispais do ano 1617 e logo de valorar as reflexións dun prezado manual: a obra Caldas de Reis de Hipólito de Sá Bravo.
Segunda xanela xeminada
da torre de dona Urraca.
Consérvase no templo de
San Tomé de Caldas
Contemplando todo este produto informativo logramos achegar a seguinte descrición. Por unha banda é mester manifestar que o recinto fortificado se atopaba circundado dunha muralla de terra e pedra, en cuxo seo se disporían o propio edificio castrense (ou torre) e varias dependencias secundarias, entre elas una casa chá —de fermosa aparencia— e na cal o arcebispo compostelán adoitaba celebrar misa cando a ela se dirixía. A parte superior da torre, que obviamente estaba merlonada así como provista dun tellado a catro augas, posuía unha louzá cornixa decorada con bezantes, ademais de rematar a súa estrutura superior con catro cubos, a  xeito de garitas, ergueitos en cadanseu vértice da cornixa.
Segundo parece ser, ademais das fiestras xeminadas e lumieiras góticas —unha delas estaba armoriada elebaba entre os seus emblemas unha castelo (quizais sobre ondas) e un león rampante. Ambos escudos esculpidos nun lintel consérvanse fincados nos lenzos da sancristía de San Tomé de Caldas, mais persistiu do mesmo edificio un perpiaño granítico no que se facía referencia á data dunha restauración medieval (posto que a torre abofé si existía no S. XII). A superficie epigrafada, que portaba os caracteres E : MCC : LXXVI, daba conta do ano 1238 e, á par, subliñaba a prelatura de D. Xoán Arias (1238-1266). 

Logo da derruba, a acción da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra

Logo de acontecer o acto homicida da derruba da torre en 1891, este “residuo” histórico sería rescatado da indolencia polo caldense D. Xosé Salgado Rodríguez, para de contado trasladalo ás instalacións museográficas que presidía en Pontevedra Casto Sampedro Folgar, as da manifestada Sociedad Arqueológica.
A desaparecida torre de "dona Urraca" (Caldas de Reis)
Para sermos agora máis completos, analisando de inmediato o conxunto arquitectónico a partir das descricións que posuímos do ano 1617, cómpre engadir ao xa declarado, ademais de que basicamente se atopaba todo nunhas condicións bastante propicias para a habitabilidade, a existencia dun corredor coa súa escaleira (en estado lamentable) que axudaba o servizo da torre coa casa chá. Tamén contaba cunhas cortes e ao carón do predio existía un pequeno eixido onde se chantaran varios grupos de árbores e xermolaba a planta do liño.
Só queda agora deixar renda solta á imaxinación e pensar... cavilar no desaparecido (mais non esquecido), lamentar o insulto ao patrimonio... Que nos sirva de lección ben aprendida para non reincidir nas desgrazas; aínda queda un núcleo antigo en Caldas de Reis por apreciar, porén contaminado pola especulación urbana e ameazado por unha eclipse, autoconsentida, de conciencia cultural e responsabilidade administrativa...

-Vaites, vaites!!!, que diría Castelao