sábado, 23 de setembro de 2017

O SOGRO DA PRINCESA CUNTIENSE

Sinatura de José María Enrique Alberto de Borbón
y de la Torre
Retomamos a historia do entronque de certa póla da familia real española con aqueloutra humilde familia rural cuntiense –e a xeito de preámbulo deste capítulo– coas nupcias dos sogros de María das Dores Campos Guerra, a saber: María Luisa de Rich y Carbajo e José María Enrique Alberto de Borbón y de la Torre. Ela –que é filla do Tenente Coronel Narciso de Rich y Martínez e Estrella Carbajo y Gómez de Terán– e el –que o é do Xeneral de División Francisco de Paula de Borbón y Castellví (que fora deputado a cortes por Barcelona) e de María Luísa de la Torre Bassavé– contraen matrimonio no ano 1909. En El Álbum Ibero-americano, na súa edición do 30 de xuño, recóllese este feito e indícase que a cerimonia relixiosa ten lugar nos Xerónimos de Madrid. A parella, de seguro, baixa pola mesma escalinata que en 1905 se constrúe ex profeso para a voda de Afonso XIII e a escocesa Victoria Eugenia de Battenberg (que acontece o 31 de maio de 1906). Reproducimos, ao pé da  letra, a nova de prensa que sobre o matrimonio Borbón-Rich trae a devandita publicación:

“Se ha verificado en el templo de San Jerónimo el Real el matrimonio de la bella señorita María Luisa de Rich con el ilustre oficial del regimiento del Rey D. José María de Borbón, tan conocido en los círculos de la Corte. Apadrinaron a los contrayentes la elegante señora de Rich, madre de la novia, y D. Francisco M. de Borbón, hermano del novio, y fueron testigos los Sres. Narciso Rich, Alberto de Borbón, González Conde, Oltra y el Marqués de Villamantilla de Paredes. La ceremonia religiosa se verificó en familia”.

Dezasete anos máis tarde e un día antes

José María de Borbón y de
la Torre
(fonte: http://geneall.net)
Pasado o tempo, o futuro cónxuxe de María das Dores Campos Guerra –Alberto José de Borbón y Rich– padece un tráxico e dolorosísimo drama familiar, cando aínda é un cativo de nove anos. Daquela o fogar está instalado no número 4 da rúa madrileña de Andrés Mellado, concretamente, no segundo esquerda do inmoble. O seu pai, José María de Borbón, curmán segundo de Afonso XIII, conta con 42 anos de idade e, no exercicio das armas, goza do rango de Tenente Coronel de Infantería, afecto á aviación. A nai de Alberto, María Luisa, aínda non ten cumpridos os 36.

Días antes do fatídico suceso, José María comenta cos seus compañeiros que ten a intención de abandonar o exército e, así mesmo, botarse ao mar e coller rumbo cara a Illa de Cuba, onde nacera a súa nai a mediados do século pasado. Por iso –disque– está a tramitar con urxencia o pasaporte.

Un día na rúa Andrés Mellado

O almanaque indica que xa é 5 de febreiro de 1926, tempo no que aínda recende a pólvora que deixara tras de si Primo de Rivera no Desastre de Annual, naquela África ferida que tantos recordos e medallas lle dera a José María de Borbón.

O reloxo anuncia as 15:30 e a nai e os dous fillos cativos xa están prontos para rematar o xantar. Beatriz, ten seis anos e Álvaro catro. Segundo aseguran algunhas crónicas (outras sinalan que a familia está toda reunida), fican ausentes: José Luis de 15 anos (pois é cadete de Infantería na Academia Militar de Toledo); Carlos Luís e Alberto José, de 10 e 9 anos, respectivamente, que residen nun internado; e Beatriz, de 8 anos, que vive cuns parentes. Tamén falta Fernando, pero esta crianza xa morrera en 1914 con tan só oito meses de idade.

Árbore Xenealóxica
Todo asemella un día coma outro calquera, e o persoal de servizo tamén está na casa, entre eles as “serventes”: Trinidad García e Ramona Rivas. O pai de familia, axudante daquela do Xeneral Zabalza, e procedente como de costume do aeroporto de Cuatro Vientos entra con moitos aires no fogar á hora sinalada –segundo recolle o xornal galego La Zarpa. Alí atopa a familia rematando de xantar, e este motivo –“de no haberlo esperado para comer”– propicia unha violenta discusión no matrimonio. O Borbón avisa ao servizo para que se recolla cos cativos e, entrementres, vai coa súa muller cara ao cuarto de baño. Alí continúa a discusión, acalorada. Mais esta non é excepcional, pois verbo do que trae o ABC deses días, María Luisa padece “grandes y continuos disgustos”, razón pola que se atopa “enfermiza, delgadísima y con ánimo muy entristecido”. Quizais para buscar unha saída no labirinto de infortunios e dar conta da situación que vive e padece, visita “con frecuencia a sus parientes y a la familia de su marido, escuchando de todos los labios palabras que se traducían en consejos de resignación y paciencia”, pois o tenente coronel mudara a súa conduta había algún tempo, “mostrándose violento en sus relaciones familiares”.

Francisco de Paula de  Borbón y de la Torre,
consorte da IV Duquesa de Sevilla
Continuando coa narración dos feitos, e segundo nos trae o xornal obreirista La Libertad (de Madrid), logo reproducido por Antonio Maestre en 2013, “María Luisa salió al pasillo con el propósito de ganar la puerta que comunica con la escalera”. O Borbón desenfunda a pistola e un par de proxectís (das catro, tres ou dúas balas que lle dispara polas costas, dependendo do xornal que consultemos) alcanza á asustada muller.

O balbordo que ocasiona, evidentemente, atrae e altera non só aos inquilinos da vivenda, senón tamén a diversos veciños dos edificios próximos, ao porteiro e a varios transeúntes. Baixo ordes do Borbón, unha das mulleres de servizo corre a avisar a un médico e, de aí a pouco, entra “una pareja de guardias, a la que el agresor entregó la pistola con la que había disparado”. Apresurados acoden os pais da vítima e o seu irmán, Narciso de Rich y Carbajo, e tamén o doutor Alfonso, da Casa de Socorro de Chamberí, que nada máis recoñecer a vítima comproba que xa falecera –como nos trae El Correo Gallego, de Ferrol– “sin recibir los auxilios de la Religión ni los de la Ciencia”.

Xuízo e silencio...

O xuíz militar de garda ordena que José María de Borbón sexa levado á prisión militar e –segundo La Zarpa– “quedó incomunicado”. Polo ano 1927 lévase con certa dilixencia o proceso, e incóase a causa contra o tenente por parricidio. Esta iníciase no Xulgado de Instrución da Capitanía Xeneral da Primeira Rexión, praza de Madrid; mais o 30 de agosto de 1931 prodúcese inhibición a favor da xurisdición ordinaria (en base aos Decretos de Lei do 11 de maio e 2 de xuño de 1931). Nese instante o sumario deriva cara a Audiencia Provincial madrileña para ser resolto, mais debemos facer fincapé nun asunto de capital importancia para entender en amplitude o acontecido. Ao expediente –que se conserva no Archivo Histórico Nacional, na documentación da Sala do Criminal da  Audiencia Provincial– úneselle un informe psiquiátrico que asina –sen lle tremelicar o pulso– o doutor Antonio Vallejo-Nájera Lobón, daquela profesor na Academia de Sanidade Militar. Cómpre informar que este reputado médico, simpatizante do nazismo, foi quen de afirmar (e publicar) sen vergonza e pudor que os republicanos –e máis concretamente os marxistas– gozaban dunha manifesta inferioridade mental. Sen reprimir a súa misoxinia e gabándose da súa fobia ás concepcións de esquerda, opina que nas mulleres republicanas hai certos indicadores que coinciden cos nenos e os animais... Pois este é o “personaxe” (reputado catedrático e futuro franquista) que emite un informe que favorece en alto grao ao parricida. Que conste que o mesmo día do crime un irmán do asasino se pon en contacto coa prensa e, ademais de alardear das virtudes da falecida súa cuñada, atribúe a traxedia a un “extravío mental del teniente coronel Borbón, que hace algún tiempo daba muestras, por sus rarezas y genialidades, de hallarse perturbado”.

Na República... e despois

Así e todo, pasou o tempo, discorre o silencio e ao asasino non lle acontece nada, ren de ren. Só lle fixeron compaña as reixas durante unha breve estadía nos anos da República, detido –segundo as nosas pescudas– e trasladado ao cárcere de Porlier por ser este militar “pariente del ex-rey detenido por sospechar fuera enemigo del régimen”. Segundo el mesmo fai constar no xuízo, celebrado en xuño de 1937, fora arrestado “en su domicilio el día vientisiete de Agosto último, por unas milicias comunistas de la Calle de San Bernardo, los cuales le juzgaron y le dejaron en libertad, y que en esta cárcel de Porlier lo juzgó un tribunal el día diez y seis de Noviembre último, y otro el día seis de Enero, y ambos le dijeron que quedaba en libertad”. Abertas as cancelas do presido, durante a República o parricida vive coa súa cruz (e se cadra tamén calvario), na compaña dunha muller de servizo no número 63 da “Calle de Diego de León”; logo a corpo de rei estombállase nun palacete do Paseo de Rosales, con porteiro e nove criados. Ah!, e tamén convive cos seus fillos, entre eles o inquedo e revolucionario Alberto. Os nenos, axiña mozos, orfos de cariño materno, pasean polos corredores cunha bandada de interrogantes no maxín, mentres albiscan entre as sombras as derrotadas admiracións... 

Absolto polos tribunais republicanos verbo das sospeitas políticas que tiñan del, José María de Borbón continúa a súa vida até os 78 anos. E velaquí esta dolorosa historia –que non completa– do sogro daquela nena labrega de Cuntis que un día soñou con ser princesa... e quizais –dende os ollos dun republicano tamén descendente de labregas e canteiros– dalgún xeito así o foi.

venres, 15 de setembro de 2017

DE CANTEIROS CUNTIENSES A PRÍNCIPES DE BOURBON

Flores de lis de Francia,
armas tamén dos Bourbon
Monumento aos canteiros
de Cuntis (obra de Maxín Picallo)
Ben sabemos que este podería ser un bo material para os contos de Charles Perrault, ben tamén para unha novela histórica (de amor, xenerais, príncipes, honor, horror e sangue) ou incluso o alimento dunha prensa sensacionalista –insaciábel e pouco ética– amiga de meter o fociño en fogares alleos para promocionar os negocios da dor. 

E comezamos polo primeiro dos escenarios, pola vila de Cuntis e a súa parroquia homónima, que vive un gran desenvolvemento cultural, político, sindical e agrario durante o reinado de Alfonso XIII (1886-1931). Pois famosa é esta terra mercé do labor dos seus fillos canteiros que picaron con sacrificio unha pedra que –por distintos recunchos da xeografía galega pero tamén incluso da europea– quixo ser catedral, capela, muíño, fogar ou igrexa. Labregas e labregos, canteiros, lavandeiras que refregan a colada na beira do río, traballadoras do fogar e na familia, troiteiros do Umia e do Gallo, arrieiros (os menos) que soben cara ao Paraño… eses foron os oficios de vello nestas terra de augas quentes e de eidos e granito labrados, as ocupacións dos nosos maiores para traeren o sustento ás crianzas que na casa agardan por un carolo de pan. Mais por veces os cartos non chegan, e sobre todo cando un non é dono nin do fouciño co que cortar a herba dos prados, nin do alpendre para gando, nin do martelo co que fender os outeiros para elaborar perpiaños.


De labregos e canteiros


Santa María dos Baños de Cuntis:
igrexa na que se bautiza María das Dores
Campos Guerra
A primeira pista desta historia facilitouma o meu irmán Martiño, xa hai ben anos... e aínda que algunha vez tiña escoitado referencias ambiguas sobre o tema, esta tinguiuse sempre das pálidas cores dun silencio case absoluto. Alén diso, a historia desenvolve o seu primeiro capítulo na igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis (Pontevedra), cando unha rapaza labrega de 17 anos de idade, de nome Manuela Guerra Puente, natural da freguesía, se une en sacramento con Xosé Campos García, que lle leva pouco máis de nove anos e que procede da parroquia compostelá de San Froitoso. A cerimonia, presidida polo párroco cuntiense, Santiago Abuelo Lado (futuro cóengo da cabido catedralicio compostelán), ten lugar na tarde dun sábado 7 de xuño de 1919. Xusto un ano despois nace a primeira filla desta parella, á que lle porán de nome María das Dores, e que vén ao mundo polo lugar de Piñeiros o 10 de xuño de 1920. Perante o xuíz municipal Antón Rivas Sueiro e o secretario Mario Blanco Torres (irmán do egrexio escritor do Orballo da Media Noite), a nena faise cuntiense de nacenza. Amalia, a irmá pequena, vénlle facer compaña ao ano seguinte (nace o 8 de outubro) e de seguro que han enredar nese lugar de Piñeiros, onde se albisca o val de Cuntis, asexa o Castro Sebil e serpea o río Gallo para se unir co Umia. Reproduzo aquí o asentamento de María das Dores no rexistro municipal:

Vivenda do lugar de Piñeiros (Cuntis)
En Cuntis, a las diez del día doce de junio de mil novecientos veinte, ante Don Antonio Rivas Sueiro, juez municipal, y Don Mario Blanco Torres, secretario, compareció José Campos García, de veintiocho años, empleado, natural de la ciudad de Santiago, domiciliado en la parroquia, voluntario se inscriba en el Registro Civil a una niña y declara: que nació en el lugar de Piñeiros, de esta parroquia, a las cuatro y media del día de anteayer. Que es hija legitima del declarante y de su esposa Manuela García Puente, de diez y ocho años, labradora, natural y vecina de esta parroquia. Que es nieta por linea paterna de José Campos Vázquez y Carmen García Andujar, naturales y vecinos de la ciudad de Santiago, y por la materna de Jesús Guerra, sin segundo, y Lucía Puente Sande, cantero y labradora, naturales esta del término de Conjo y aquel de esta parroquia, de la que son vecinos. Y que a la expresada niña se le puso el nombre de Dolores”. 

Partida de bautismo de María
das Dores Campos Guerra
Bautizan a nena na igrexa dos Baños e, semellante ao descrito no rexistro do Concello, isto é o que se sinala nos libros sacramentais (se ben difiren na data de nacemento, que aquí indica ter acontecido o día nove):

“En la iglesia parroquial de Santa María de Cuntis, provincia de Pontevedra, en la tarde del día diez de Junio, año de mil novecientos veinte yo, el infraescripto cura párroco de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Óleos y por nombre María de los Dolores a una niña que dijeron haber nacido a las cuatro de la mañana del día nueve en el lugar de Piñeiros, hija legítima de José Campos y su mujer Manuela Guerra, de dicho lugar. Abuelos paternos: José Campos Vázquez, Carme García Andújar. Abuelos maternos: Jesús Guerra (sin otro) y Lucía Puente Sande. Naturales el padre y abuelos paternos de San Frutuoso de Santiago; la madre y abuelo materno de esta de Cuntis, y la abuela materna de Santa María de Conjo. Fueron padrinos José Arca Rodríguez y su muger Dolores Hervés, vecinos también de esta parroquia, a quienes advertí el parentesco espiritual y demás obligaciones que contrajeron, según el ritual Romano. Fueron testigos dichos padrinos y el Sacristán Manuel Suárez, y para que conste lo firmo en Cuntis, a la fecha indicada. Santiago Abuelo”.

Cinsenta muda de zapatos para camiñar por Madrid

Vemos que o avó cuntiense da nena é canteiro de oficio, como o deberon ser tantos antepasados maternos. Alén disto, logo de quedar demostrada a nacenza da cativa (pois hai quen a ten considerado natural da cidade herculina), cómpre fornecer a historia con datos de interese documental. 

Ignóranse as razóns polas que María das Dores Campos Guerra chega a Madrid, como tamén se ía ou non acompañada dos seus proxenitores. De ser así, que é o máis seguro, algo ten que ver o feito de que a familia deba gañar o pan que aquí se lle resiste, pois o lume de moitos fogares pouco quenta neses anos e as cinsas apegábanse aos pés sen remedio. Con independencia desa cuestión e do calendario concreto no que acontece, a rapaza –xa muller completa– queda en estado en 1947 e, solteira, trae ao mundo o 11 de xaneiro a Enrique José, o vinculeiro. Un par de anos máis tarde xesta unha nova criatura, que lle nace nena, tamén en Madrid, o 6 de decembro de 1949.

O príncipe azul bate coa rapaza de Cuntis

Apuntamento marxinal na partida de
bautismo de María das Dores Campos
Guerra
O descoñecido pai non pode agochar máis a paternidade destes dous fillos, polo que o 30 de xaneiro (e non no mes de marzo, como se indica nos libros parroquiais de Santa María dos Baños de Cuntis) María das Dores –tal fose o conto da Cinsenta– dende o barrio de Malasaña, achégase á praza de las Maravillas vestida de novo, sobe ao altar do templo, deixa que lle poñan o aro nupcial e únese en sacramento ao seu príncipe azul. O nome daquel que agora a colle do brazo para saír pola porta principal da igrexa é Alberto José de Borbón y Rich. A cerimonia ten lugar en San Ildefonso, no mesmo templo no que anos atrás –impulsivos e silandeiros– contraen matrimonio Rosalía de Castro e Manuel Murguía (concretamente o 10 de outubro de 1858), como nos aseguran Aurora López e Andrés Pociña. Das alianzas de Dores e Alberto consérvase un apuntamento marxinal nun dos libros sacramentais da freguesía cuntiense, tal e como nos facilita o actual párroco, Xoán Carlos Martínez Mariño. Nel indícase o que a continuación reproducimos literalmente:

“María Dolores Campos Guerra contrajo matrimonio con D. Alberto José Luis Fernando Victorino de Borbón Rich, el 30 de Marzo de 1950, en San Ildefonso de Madrid. Y lo firmo: S. Abuelo”.

Non é difícil intuír que o namorado, Alberto José de Borbón y Rich (1916-1997), é un nobre madrileño dedicado ás armas e fillo daquel polémico tenente coronel de infantería chamado José María de Borbón y de la Torre (1883-1962), curmán segundo de Alfonso XIII. Velaquí que a cativa de Cuntis, nada no lugar de Piñeiros, se una en alianza sacramental cun descendente de Carlos IV (de España), de Francisco I (das Dúas Sicilias), dos Duques de Cádiz e de Sevilla (grandes de España) e que garde parentescos próximos cos Marqueses de Santa Elena e con outros nobres de “sang bleu” da caste dos Bourbon.

Árbore familia de María das Dores Campos Guerra e
Alberto José Luis Borbón y Rich
A Alberto cualificámolo príncipe –non por capricho ou por lle dar unha tinguidura literaria a este humilde texto– senón porque, logo dunha arroutada (máis ou menos lóxica: Vive la République!), procure a nacionalidade francesa (en 1970), se faga chamar e Albert e busque ser príncipe nesa vella democracia (gañada na Bastilla). Porén, esa é outra historia que nos reservamos para futuras entregas.

Para rematar o capítulo que aquí traemos, fáisenos preciso sinalar que da proxenie de Dores e Alberto  é esa nena que mencionamos liñas arriba e que nacera en decembro de 1949, á que bautizan –logo do casamento dos proxenitores– en meses sucesivos. Unha nova de prensa (que leva a data do 8 de febreiro de 1950) facilítanos os nomes da meniña –Beatriz Victoria Eugenia– e a identidade dos padriños –que son concretamente os seus tíos Beatriz de Borbón y Rich e Juan de Ricoy Pereira, este último natural de Cambados. Ao ano seguinte, a 19 de decembro, vén ao mundo –tamén pola cidade de Madrid– María Luisa Blanca María de los Dolores Borbón y Campos, da que son padriños de bautismo Isabel de Borbón de Barucci e Francisco de Borbón y Borbón (tíos da crianza e fillos da IV Duquesa de Sevilla). O último xermolo do matrimonio é Juan Carlos de Borbón y Campos, que nace ao pé do Atlántico, nomeadamente na cidade da Coruña o 28 de outubro de 1953. 

E até aquí os primeiros bosquexos históricos desta árbore que naceu entre as pedras de Cuntis e as alcobas madrileñas, entre as cinsas dun fogar pobre e o luxo dunha vivenda aristocrática na España franquista.