(Publicado no Diario de Pontevedra - Diario de Caldas,
6 de setembro de 2016, p. 3)
A REDACCIÓN DO DOCUMENTO REAL: 8 DE MAIO DE 1116
Urraca, raíña leonesa e condesa de Galiza, no Tombo A da Catedral de Santiago |
Cando Fernán
Pérez –notario da raíña Urraca, soberana de León e titular do Condado da
Galiza– comeza a redactar o documento, están presentes como testemuñas un
número escolleito de próceres e príncipes galegos. Entre eles vemos a Xoán
Díaz, señor do castelo de Orcellón (Ourense); Fernán Eáns, que goberna Ponte
Sampaio (Pontevedra) e Guntado Díaz. Ambos confirman o documento rexio, sendo testemuñas
habituais nos pergameos da citada señora e outrosí do seu fillo Afonso VII. Gustaron
de estampar tamén os seus nomes tres dos condes máis destacados do país: Pedro
Fróilaz, da Casa de Traba; Munio Pelaez, da Monterroso; e Roi Vélaz, titular do
Condado de Sarria. Incluso fica unha representación do estamento eclesiástico
galego, velaí subscriben e confirman a dádiva da raíña leonesa os bispos de Mondoñedo,
Tui e Ourense; nomeadamente Munio, Afonso e Diego.
O documento, do que ignoramos o lugar no que se asina (aínda que
consideramos que debera ser nalgún territorio do reino galego) leva data do 8
de maio de 1116. Nel percíbese que a raíña busca gañar a confianza de Diego
Xelmírez (co que mantén non poucas desavinzas). E aínda que as recentes comezan
en 1115, certo é que as máis importantes teñen que ver co feito de que a
aristocracia galega –civil e eclesiástica– lideradas polo conde Traba e o bispo
Xelmírez –respectivamente– non gustase de aceptala como soberana do territorio
galego, senón ao seu fillo Afonso Raimúndez, o neno rexio, aquel que
seica nacera en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105. Por iso Urraca lle entrega
ao prelado compostelán o mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis (Sancti Iuliani de Caldas Contines), ou
das Termas de Contes, segundo a Historia Compostelá. Nese libro
asegúrase que logo de desacordos e unha posterior avinza entre a raíña e o
bispo, aquela “concedeulle ao bispo Termas de Contes, que entón era do xuro
real, posto que o desexaba para aumentar o señorío de Santiago, e selou a súa
doazón con privilexio escrito que se conserva até o día de hoxe no arquivo da
igrexa de Santiago”. O orixinal quizais se perdeu nos recunchos dalgunha gabeta,
pero unha copia do mesmo reprodúcese no marabilloso Tombo A da Catedral de
Santiago. Nel certifícase que Urraca lle entrega a Xelmírez a devandita igrexa,
mais esta forma parte dunha infraestrutura monacal. Tal feito despréndese ao entendermos
que ademais do templo a raíña entrega a casa abadenga:
"Ego Urraca,
gratia Dei, Hispanie regina, piisimi regis domini Adefonsi filia, vobis domno
Didaco ecclesie Sancti Iacobi secundo episcopo et omnibus canonicis eiusdem
ecclesie facio scripturam firmitatis de ecclesia Sancti Iuliani de Caldas
Contines, cum casa de abbate, cum testationibus et hominibus et hereditate que
ad ipsam casam abbatengan pertinet”.
Segundo este parágrafo confírmase que talas instalacións conventuais son de
propiedade rexia. Porén, isto non é así no que concirne ao tamén mosteiro de
Santa María de Caldas de Cuntis e á igrexa de San Vicenzo –citados no mesmo
documento– xa que ambos son do xuro de Pedro Gutiérrez (abade de Santa María),
do xuíz Gundesindo e dos seus herdeiros; isto é, dunha familia nobre local.
AS ORIXES DE AFONSO VII
Afonso VII, rei de Galiza e logo Emperador |
Cando acontece a doazón do mosteiro de San Xiao goberna Galiza –como
dixemos– o Afonso VII. Este monarca, que o é dende 1111, nace das alianzas
sacramentais estabelecidas entre Urraca –que se di emperatriz de toda Galiza– e
o seu primeiro marido, Raimundo de Borgoña, prócer que gustara de nomear a
Xelmírez como notario e secretario seu (1093).
Certo é Afonso Raimúndez procede de dúas importantísimas familias. Por liña
materna descende dos reis de León, Castela e Galiza así como dos condes de
Bourgogne e dos reis de Francia; pola paterna, dos condes de Besançon,
Bourgogne e Mâcon.
E de querermos entrar en detalles podemos sinalar que o cativo
é sobriño de Etienne I, conde de Mâcon et Vienne;, de Clemence, Gisèle e
Ermentrude, condesas consortes de Flandres, Saboia e Montbéliar,
respectivamente; Matilda, duquesa de Bourgogne; Étiennette, señora de
Royans; Bertha, muller de Afonso VI, e polo tanto raíña consorte de Castela e
León; Eudes, conde de Bourgogne;, Renaud II, titular dos condados de
Bourgogne, Mâcon, Vienne e Oltingen;, Octavien, frade de Pavía e futuro Santo
Octavio; Hugue, arcebispo de Besançon; e Guy, Callistus II, Papa de Roma.
1117: CANDO ISPEN NO OBRADOIRO Á RAÍÑA URRACA
Sinatura de Urraca |
Xelmírez (de pé) nunha miniatura do Tombo de Toxosoutos |
Alén diso, cómpre lembrar que cando se doa o mosteiro de Xiao de Caldas de
Cuntis a cidade de Compostela segue convulsa con Urraca. Ela dirixírase até a
urbe en varios momentos, mais ao ano seguinte, en 1117, Compostela estoupa. Disque
os burgueses de Santiago a aldraxaran en público –pois seica se sentían ofendidos
pola soberana leonesa. Refuxiada co bispo no seu pazo, a burguesía préndelle
lume ao seu acubillo, Xelmírez agatuña polos tellados da catedral e logo entra
en oración, mentres deixan á raíña totalmente núa xunto o Obradoiro. Deste
xeito aparece na Historia Compostelá:
“(...) saíu a raíña da torre. Cando a turba a viu saír, abalanzáronse sobre
dela, collérona e botárona en terra nun lameiro, raptárona coma lobos e
desgarraron os seus vestidos; co corpo espido dende o peito até abaixo e diante
de todos quedou en terra durante moito tempo de xeito vergoñento. Tamén moitos
quixeron lapidala e entre eles unha vella compostelá feriuna gravemente cunha
pedra na meixela”.
O TRASLADO DA CABEZA DO APÓSTOLO SANTIAGO "O ALFEO"
Relicario do cranio de Santiago Alfeo |
O máis curioso é que tal
suceso acontece logo de que Urraca lle entregase ao bispo Xelmírez unha
reliquia apostólica. Maurice Bourdin, bispo de Coimbra (1099-1108), futuro
Gregorio VIII “O Antipapa”, viaxara non había moito a Xerusalén, e disque alí
bate co cranio de Santiago, que traslada cara á Península en “piadoso
latrocinio”. Tal feito supuña en bo grao, no caso de que fose a cabeza do fillo
do Zebedeo (ao final disque era a de Santiago Alfeo), derrubar o prestixio de
Compostela.
Alén disto, e tal e como os peregrinos viaxan aos santos lugares,
as reliquias tamén fan o seu periplo co gallo de promover e consolidar este ou
aqueloutro santuario. Dende Xerusalén, a cabeza furtada vai até o templo de San
Zoilo de Carrión, de aí a igrexa leonesa de Santo Isidoro e, por último, Urraca
obtena e entrégalla a Diego Xelmírez en 1116, data que coincide coa doazón do mosteiro
de San Xiao de Caldas de Cuntis, feitos dos que este ano se celebra o 900
aniversario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario