Escudo de Galiza - ano 1521 |
A historia comeza coas biografías de tres personaxes: un rei, un
teólogo e un artista (o cetro, a sotana e o pincel); Carlos V, Martiño Lutero e Alberto Durero. Mais o relato, no seu contexto, abrangue tres anos: 1519, 1520 e 1521.
ANO 1519
Comezamos sinalando que no arranque de 1519, concretamente en febreiro, Carlos
V se dirixe a Barcelona para convocar as Cortes Catalás. Un mes antes morreralle o seu avó paterno, Maximiliano I, polo que en xuño é elixido Rex Romanorum.
Así e todo, o Papa Clemente VII nomearao –anos máis tarde– emperador do Sacro
Imperio Romano Xermánico, malia que de facto xa o era dende esa data.
Entrementes, Lutero rexeita o poder do Sumo Pontífice, León X, considerando que non é
infalíbel, senón humano, alén de que subliña que os concilios tampouco o son.
Anagrama de Alberto Durero |
Carlos V |
ANO 1520
Alberto Durero |
Ao ano seguinte –o 23 de outubro– Carlos V vai ser coroado emperador na
cidade alemá de Aachen (Aquisgrán). E
isto tiña moito de simbólico, pois a urbe fora un dos lugares favoritos de
Carlomagno (tanto é así que falece nese lugar). Pero as cousas non estiveron
prontas. Antes de embarcar, convoca as Cortes Castelás en Santiago de
Compostela (iniciadas o 31 de marzo na sala capitular do Convento de San
Francisco coa ausencia dos procuradores de Toledo e Salamanca). Por mor da
resistencia das Cortes, traslada a súa sé á Coruña e, celebradas, o 20 de maio
parte dende a cidade herculina para ser coroado emperador. Cómpre lembrar –asemade– que é nese tempo cando xorden numerosos conflitos na Península: a Guerra das Comunidades de
Castela (1520-1522), as Germanies no
reino de Aragón (1519-1523) e a continuación da guerra que os navarros
ocasionan no seu reino (1521) para lle recuperar a plena autonomía.
Volvendo a tratar sobre Lutero, este entra en contacto con humanistas como Erasmo de Rotterdam (1466-1536), Philipp Melanchthon (1497-1560) e Johannes Reuchlin (1455-1522). E o papa esíxelle que se retracte de 41 das 95 teses que tiña formulado, pero o teólogo –como protesta– queima en público a bula pontificia Exsurge Domine, e, na súa heterodoxia, reafírmase nestoutra: “Contra a execrábel bula do Anticristo”.
No que concirne a Durero, acompañado pola súa muller –Agnes Frey– e a súa
criada, o 12 de xullo sae de viaxe dende Nuremberg polos Países Baixos, onde se relaciona cos pensadores e artistas daquel entón. Asiste así mesmo ao
nomeamento de Carlos V; mais coa felicitación do novo emperador, tamén busca renovar
a pensión vitalicia que Maximiliano I lle concedera o 6 de setembro de 1515 (e que
supuña recibir anualmente 100 floríns). A xeito aclaratorio, subliñemos que
varios destes apuntamentos están extraídos da xenial obra de Jeanne Peiffer
titulada Alberto Durero, De la Medida (Akal,
2000).
ANO 1521
E será en 1521 cando Carlos V pretenda tomar a primeira “Dieta” do imperio
(ou Reichstag) na cidade de
Nuremberg; porén celebrarase en Worms (a partir do 28 de xaneiro dese ano). A
asemblea de príncipes do “Sacro Imperio Romano Xermánico”, loxicamente, foi
presidida polo monarca e a ela –co obxecto de que se retractase das súas teses–
foi obrigado a comparecer Martiño Lutero. O eclesiástico, no canto de abxurar e
arrepentirse, defende enerxicamente a súa postura, o que supón que no Edito de
Worms (emitido na conclusión da asemblea, o 25 de maio dese ano) se declare a
Lutero coma un delincuente e que se prohiba non só a lectura dos seus escritos,
senón incluso a posesión dos mesmos. Recórdese que o Papa León X excomunga ao
teólogo disidente (por medio da bula Decet Romanum Pontificem) e este refúxiase no castelo de Wartburg, protexido por
Federico “O Sabio”, príncipe elector de Saxonia e –curiosamente– mecenas de Durero.
Willibald Pirckheimer |
No tocante ao artista plástico, cómpre facer mención dun
acontecemento moi interesante neste eido. Por mor da pretensión inicial de
celebrar a Dieta en Nuremberg, proxéctase sacar unha medalla conmemorativa. Asesorado
por Willibald Pirckheimer; o secretario
daquela cidade, Lázaro Spengler; e Johannes Stabius (secretario que fora de
Maximiliano I); Durero comeza a bosquexar e deseñar o anverso e o reverso da
medalla. Ambas caras irán contornadas por unha restra de escudos que representan
as armas dos reinos do soberano, entre as que están as propias de Galiza. Dado
por concluído o deseño, traslada os seus debuxos a un prestixioso mestre gravador
da Casa da Moeda de Nuremberg, Hans Krafft der Ältere, que se responsabiliza de
facer os carimbos e fundir a pezas. Segundo os técnicos do MAN (Museo
Arqueológico Nacional – Madrid) a serie será moi reducida, tanto é así que na
actualidade non se coñecen máis dunha ducia delas fundidas en prata.
Unha praga acontecida en Nuremberg provoca que a Dieta se traslade a Worms,
polo que as medallas non deberon ser entregadas ao monarca. Cavilouse na
posibilidade de que estas se puxesen á disposición do emperador anos máis
tarde, pero con independencia do que acontecido, o concello de Nuremberg acorda
acuñar 24 pezas, das que na actualidade –alén das que fican en mans particulares– 9 son custodiadas en diversas institucións museográficas (Coburg, Edimburgo,
Londres, Madrid, Munich, Nuremberg, París e Viena).
DESCRICIÓN DA MEDALLA
No anverso da medalla, co busto de Carlos V, gravouse outrosí a lenda
“CAROLUS : V : RO(manorum) : IMP(erator)”. Nela identifícanse as seguintes
armerías e reinos:
A) O lema "Plus Ultra" entre as columnas de Hércules
Anverso da medalla |
1) Castela
2) Aragón
3) León
4) Nápoles
5) Sicilia (antigas armas)
6) Dúas Sicilias
7) Xerusalén
8) Sevilla
9) Xaén
10) Galiza
11) Valencia
12) Toledo
13) Granada
14) Navarra
O reverso leva os seguintes emblemas:
15) Sardeña
16) Córdoba
17) Córsega
18) Murcia
19) Xaén
20) Algarve
21) Alxeciras
B) Un "N" en alusión á cidade de Nuremberg
22) Mazarrón
23) baleiro (quizais represente ao Novo Mundo)
24) Menorca
25) Mallorca
26) Illas
Escudo primitivo do Reino da Galiza Medalla de Nuremberg |
27) Terra Firme e
28) A Aguia imperial con halo e co escudo de armas dos
Austria e Borgoña.
A nivel descritivo pódese sinalar que o escudo do Reino
da Galiza, como se aprecia –con nidia claridade– está desprovisto das clásicas cruces, e soamente un copón eucarístico
preside todo o campo. Por timbre, leva unha coroa real aberta.
Como se observa, Galiza sempre estivo presente na “cultura
europea”, polo que o universalismo era entendido coma un conxunto de diversidades... (non sempre, tamén é certo, respectadas). Algo diferente ao que arestora acontece, dicimos respectar e lexíslase moitas veces neste senso, mais as actuacións son contraditorias coa intencionalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario