Amosando publicacións coa etiqueta Escudo Reino de Galiza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escudo Reino de Galiza. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de abril de 2016

CARLOS V, LUTERO E DURERO. A DIETA DE WORMS E O ESCUDO DA GALIZA

Escudo de Galiza - ano 1521
A historia comeza coas biografías de tres personaxes: un rei, un teólogo e un artista (o cetro, a sotana e o pincel); Carlos V, Martiño Lutero e Alberto Durero. Mais o relato, no seu contexto, abrangue tres anos: 1519, 1520 e 1521.

ANO 1519

Comezamos sinalando que no arranque de 1519, concretamente en febreiro, Carlos V se dirixe a Barcelona para convocar as Cortes Catalás. Un mes antes morreralle o seu avó paterno, Maximiliano I, polo que en xuño é elixido Rex Romanorum. Así e todo, o Papa Clemente VII nomearao –anos máis tarde– emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, malia que de facto xa o era dende esa data.

Entrementes, Lutero rexeita o poder do Sumo Pontífice, León X, considerando que non é infalíbel, senón humano, alén de que subliña que os concilios tampouco o son.

Anagrama de Alberto Durero
Carlos V
Albrecht Dürer, o xenial artista nado en Nuremberg, retrata por última vez a Maximiliano I nunha pintura que lle serve de base para o gravado que logo ha facer do soberano. Remata, tamén en 1519, a obra titulada “Santa Ana, a Virxe e o Neno”, e, antes de iniciar o verán, acompaña ao prestixioso avogado Willibald Pirckheimer e a Martin Tucher nas súas misións diplomáticas por Suíza. É preciso comentar, ademais, que a primeira das obras á que fixemos referencia, remátaa logo da morte de Maximiliano, e na actualidade consérvase no Kunsthistorisches Museum de Viena.

ANO 1520

Alberto Durero
Ao ano seguinte –o 23 de outubro– Carlos V vai ser coroado emperador na cidade alemá de Aachen (Aquisgrán). E isto tiña moito de simbólico, pois a urbe fora un dos lugares favoritos de Carlomagno (tanto é así que falece nese lugar). Pero as cousas non estiveron prontas. Antes de embarcar, convoca as Cortes Castelás en Santiago de Compostela (iniciadas o 31 de marzo na sala capitular do Convento de San Francisco coa ausencia dos procuradores de Toledo e Salamanca). Por mor da resistencia das Cortes, traslada a súa sé á Coruña e, celebradas, o 20 de maio parte dende a cidade herculina para ser coroado emperador. Cómpre lembrar –asemade– que é nese tempo cando xorden numerosos conflitos na Península: a Guerra das Comunidades de Castela (1520-1522), as Germanies no reino de Aragón (1519-1523) e a continuación da guerra que os navarros ocasionan no seu reino (1521) para lle recuperar a plena autonomía.

Volvendo a tratar sobre Lutero, este entra en contacto con humanistas como Erasmo de Rotterdam (1466-1536), Philipp Melanchthon (1497-1560) e Johannes Reuchlin (1455-1522). E o papa esíxelle que se retracte de 41 das 95 teses que tiña formulado, pero o teólogo –como protesta– queima en público a bula pontificia Exsurge Domine, e, na súa heterodoxia, reafírmase nestoutra: “Contra a execrábel bula do Anticristo”.

No que concirne a Durero, acompañado pola súa muller –Agnes Frey– e a súa criada, o 12 de xullo sae de viaxe dende Nuremberg polos Países Baixos, onde se relaciona cos pensadores e artistas daquel entón. Asiste así mesmo ao nomeamento de Carlos V; mais coa felicitación do novo emperador, tamén busca renovar a pensión vitalicia que Maximiliano I lle concedera o 6 de setembro de 1515 (e que supuña recibir anualmente 100 floríns). A xeito aclaratorio, subliñemos que varios destes apuntamentos están extraídos da xenial obra de Jeanne Peiffer titulada Alberto Durero, De la Medida (Akal, 2000).

ANO 1521

E será en 1521 cando Carlos V pretenda tomar a primeira “Dieta” do imperio (ou Reichstag) na cidade de Nuremberg; porén celebrarase en Worms (a partir do 28 de xaneiro dese ano). A asemblea de príncipes do “Sacro Imperio Romano Xermánico”, loxicamente, foi presidida polo monarca e a ela –co obxecto de que se retractase das súas teses– foi obrigado a comparecer Martiño Lutero. O eclesiástico, no canto de abxurar e arrepentirse, defende enerxicamente a súa postura, o que supón que no Edito de Worms (emitido na conclusión da asemblea, o 25 de maio dese ano) se declare a Lutero coma un delincuente e que se prohiba non só a lectura dos seus escritos, senón incluso a posesión dos mesmos. Recórdese que o Papa León X excomunga ao teólogo disidente (por medio da bula Decet Romanum Pontificem) e este refúxiase no castelo de Wartburg, protexido por Federico “O Sabio”, príncipe elector de Saxonia e –curiosamente– mecenas de Durero.

Willibald Pirckheimer
No tocante ao artista plástico, cómpre facer mención dun acontecemento moi interesante neste eido. Por mor da pretensión inicial de celebrar a Dieta en Nuremberg, proxéctase sacar unha medalla conmemorativa. Asesorado por  Willibald Pirckheimer; o secretario daquela cidade, Lázaro Spengler; e Johannes Stabius (secretario que fora de Maximiliano I); Durero comeza a bosquexar e deseñar o anverso e o reverso da medalla. Ambas caras irán contornadas por unha restra de escudos que representan as armas dos reinos do soberano, entre as que están as propias de Galiza. Dado por concluído o deseño, traslada os seus debuxos a un prestixioso mestre gravador da Casa da Moeda de Nuremberg, Hans Krafft der Ältere, que se responsabiliza de facer os carimbos e fundir a pezas. Segundo os técnicos do MAN (Museo Arqueológico Nacional – Madrid) a serie será moi reducida, tanto é así que na actualidade non se coñecen máis dunha ducia delas fundidas en prata.

Unha praga acontecida en Nuremberg provoca que a Dieta se traslade a Worms, polo que as medallas non deberon ser entregadas ao monarca. Cavilouse na posibilidade de que estas se puxesen á disposición do emperador anos máis tarde, pero con independencia do que acontecido, o concello de Nuremberg acorda acuñar 24 pezas, das que na actualidade –alén das que fican en mans particulares– 9 son custodiadas en diversas institucións museográficas (Coburg, Edimburgo, Londres, Madrid, Munich, Nuremberg, París e Viena).


DESCRICIÓN DA MEDALLA


No anverso da medalla, co busto de Carlos V, gravouse outrosí a lenda “CAROLUS : V : RO(manorum) : IMP(erator)”. Nela identifícanse as seguintes armerías e reinos:

      A) O lema "Plus Ultra" entre as columnas de Hércules
Anverso da medalla

1)       Castela
2)       Aragón
3)       León
4)       Nápoles
5)       Sicilia (antigas armas)
6)       Dúas Sicilias
7)       Xerusalén
8)       Sevilla
9)       Xaén
10)    Galiza
11)    Valencia
12)    Toledo
13)    Granada
14)    Navarra
Reverso da medalla

O reverso leva os seguintes emblemas:

15)    Sardeña
16)    Córdoba
17)    Córsega
18)    Murcia
19)    Xaén
20)    Algarve
21)    Alxeciras

B) Un "N" en alusión á cidade de Nuremberg

22)    Mazarrón
23)    baleiro (quizais represente ao Novo Mundo)
24)    Menorca
25)    Mallorca
26)    Illas
Escudo primitivo do Reino da Galiza
Medalla de Nuremberg
27)    Terra Firme e
28)  A Aguia imperial con halo e co escudo de armas dos Austria e Borgoña.

A nivel descritivo pódese sinalar que o escudo do Reino da Galiza, como se aprecia –con nidia claridade– está desprovisto das clásicas cruces, e soamente un copón eucarístico preside todo o campo. Por timbre, leva unha coroa real aberta.


Como se observa, Galiza sempre estivo presente na “cultura europea”, polo que o universalismo era entendido coma un conxunto de diversidades... (non sempre, tamén é certo, respectadas). Algo diferente ao que arestora acontece, dicimos respectar e lexíslase moitas veces neste senso, mais as actuacións son contraditorias coa intencionalidade.

martes, 29 de marzo de 2016

UN GRAVADO DE NIEULANDT CON TINGUIDURAS GALEGAS

Escudo do Reino de Galiza
(por Jan van Nieulandt) 
Aínda que a verdade son admirador da obra de Albrecht Dürer (1472-1528), sobre todo dos seus gravados, de cando en vez batemos con algún artista “menor” que, igualmente co buril, tamén nos fai desacougar. Este é o caso de Jan van Nieulandt, que foi quen de plasmar algún gravado único.

Pero esta historia quizais a poderiamos comezar en 1504, xusto cando ascende ao trono de Castela esa dama que dicían que perdera o siso. Chamábase Xoana, e oito anos antes contraera matrimonio co “fermoso” arquiduque de Austria, Filipe, que como fillo dos emperadores Maximiliano de Habsburgo e María de Borgoña herda un bo número de títulos nobiliarios e multititude de territorios (Brabante, Lothier, Namur, Borgoña..) ademais do gorentoso condado de Flandres.

Filipe "O Fermoso"

Xoana de Castela
Dela –que nacera en Toledo en 1479– e del –que viñera ao mundo en Bruxas en 1478– quedan seis fillos de lexítimo matrimonio: Leonor (Lovaina, 1498) que chega a ser raíña consorte de Portugal; Carlos (Gante, 1500) emperador do Sacro Imperio; Sabela (Bruxelas, 1501) raíña consorte de Dinamarca, Noruega e Suecia; Fernando (Alcalá de Henares, 1503) que sucede ao seu irmán no Sacro Imperio; María (Bruxelas, 1505) raíña consorte de Hungría e Bohemia; e Catarina (Torquemada - Palencia, 1507) soberana consorte tamén de Portugal.

Gravado de Nieulandt
Uns lustros máis tarde da nacenza dos seis irmáns, estando Carlos á fronte dos reinos hispánicos, o artista neerlandés Jan van Nieulandt preocúpase de representar, nunha fermosísima lámina, os "Seis fillos de Filipe ‘O Fermoso’ e Xoana de Castela" (De zes kinderen van Filips de Schone en Johanna van Castilië). No gravado que realiza o artista, aparecen á esquerda os fillos varóns do matrimonio; e á dereita –separadas polas columnas de Hércules nas que se enrola unha cartela co lema Plus Ultra- as catro fillas. Sobre esas seis figuras ecuestres contornadas por unha orla, vinte seis escudos dos reinos que recaeron na coroa imperial de Carlos V son representados para iluminar a estampa e, evidentemente, para facer gala do poder que recaía sobre a cabeza do soberano. Mais así e todo, a verdade é que resulta unha tarefa complicada identificar con precisión ese rosario de armerías, e facelo con certo rigor supón un importante exercicio de investigación heráldica. Isto tamén se ve dificultado polo feito de non só estar representadas algunhas "estrañas" armerías senón, ademais, por teren unha ruda execución co buril. Comezando de esquerda a dereita podemos ver os emblemas de:

1)       Buxía ou Bugía – Bougie, Alxeria (Ibugier)
2)       Murcia (Murhye)
3)       Toledo (Toleten)
4)       As Illas (Insularom)
5)       ....,
6)       Menorca (Minorque)
7)       Sevilla (Sevilgen)
8)       Nápoles (Neapoli)
9)       Sardeña (Sardene)
10)    Valencia (Valenche)
11)    Navarra (Nava)
12)    Granada (Garnate)
13)    Castela (Castillie)
Escudo renacentista do Reino de Galiza
14)    León (Leon)
15)    Aragón (Aragon)
16)    Sicilia (Secillien)
17)    Mallorca (Maiorque)
18)    Córsega (Corsice)
19)    Algarve (Allegarbe)
20)    Xaén (Jahen)
21)    Xibraltar (Gellertaris)
22)    Galiza (Gallissien)
23)    ...
24)    Alxeciras (Alnazsure)
25)    Mazarón - Murcia (Mazon)
26)    ...


Como se observa, ignoramos a que territorios pertencen tres dos brasóns, porén con toda claridade son identificábeis as armerías do reino Galego: 'sementado de cruces, un copón eucarístico'. Esta antiga variedade do escudo galego puidese ter sido a base doutros que por ese tempo se esculpirían en Flandres, e dos que trataremos en ocasións vindeiras.

venres, 18 de marzo de 2016

UN ESCUDO DO REINO DE GALIZA EN GANTE

Escudo do Reino de Galiza
na cidade de Gante
En marzo de 2011 tivemos a sorte de poder visitar, aínda que non na súa totalidade, os territorios de Flandres (Vlaanderen) e Valonia (Wallonie), no que hoxe é o Estado Belga. Daquela, escribimos un par de artigos de prensa para dar conta de varias descubertas. Un deles sae no Diario de Arousa (10-04-2011) e outro Galicia Hoxe (01-05-2011). Este último reproduciríamolo -con certas variacións e engadidos- no libro que titulamos Coa lingua na terra. Prologado por Xosé María Lema Suárez e con epílogo de David Otero (ambos amigos de noso e mestres dun ou doutro xeito), sae do prelo da editorial Toxosoutos en 2013 e nel recompilamos esa e outras colaboracións en prensa, debido a algunha das cales recibimos -con anterioridade- o Premio xornalístimo Manuel Reimóndez Portela (2012).
Castelao

Neses artigos daríamos conta da presenza dun fermoso escudo do Reino da Galiza, enmarcábel na época do reinado de Carlos I (1516-1556), e que puidemos localizar na cidade natal dese emperador, ou sexa Gante, feito que realmente emociona a calquera galego que bata con el na súa vista.

É por esa grande epifanía pola que queremos deixar aquí reproducido, na súa totalidade, esa coloboración na versión que se verteu no devandito ensaio, máis cunhas reflexións finais que certifican a súa antigüidade. Así e todo, facilitamos un bo número de ilustracións que nos poden axudar a comprender mellor o texto. Agardo que sexa de proveito.



GALIZA EN FLANDRES E VALONIA. OLLARES POR FLANDRES

A Xulia e a Ana

(Ollares por Flandres)

Sint-Jorishof (Gante) polo ano 1900. Obsérvese a existencia
de escudos heráldicos na fachada
Logo de almorzar con Ana Miranda e a súa filla Xulia, provistos cun tícket week-end partimos dende a Estación Central de Bruxelas rumbo a Gent. Nas nosas viaxes en tren ao longo da nación flamenca, os horizontes foron debuxando entre os vidros dos vagóns historias de diversas épocas, como se tivesen ganas de facer síntese de todo o acontecido, para rubir cara aos miolos en reflexión e análise. A pantasma de Carlos V asexa ao galope dende a concavidade dun territorio deprimido polo Atlántico e outrora tamén polas batallas, Xoán de Gante (pretendende ao trono galego) senta próximo a nós, e o mesmo Castelao tamén vai áxil na conversa cando recorda que xa había moitas décadas que el percorrera esas mesmas xeografías.

Sint-Jorishof na actualidade
Polo mes de xuño de 1921 o polifacético pensador galego está instalado en Bruxelas, e a súa curiosidade polo que o arrodea é tan inmensa como o Hotêl de Ville que se alza orgulloso na Grand Place. Non só lle chega coñecer os lugares máis populares senón que gusta de se embriagar coa pintura clásica deses territorios. O 10 de xullo fai parada en Gante, na “terra de Carlos V”, e instálase “n’un hotel qu’é unha das casas de mais caracter” de toda a cidade. Visita, tal nós fixemos décadas máis tarde, o castelo dos condes de Flandres e, loxicamente, queda marabillado na catedral de San Bavón (Sint Baafs Kathedraal) co tríptico da Adoración do Año Místico dos irmáns van Eyck. Máis e máis apuntamentos enchoupan o caderno de viaxe, e os ollos vidrados do pintor galego non dan para contemplar tanta obra conservada en museos e igrexas. Está claro que a visita de Castelao á Gent tiña como obxecto estudar todas esas pezas artísticas, xa que menos reparou en arquitecturas e recintos monumentais.

Escudo do Reino de Galiza´
Hotel 
Saint-Jorishof
Hotel Sint-Jorishof (Gante)
Pola nosa banda, a visita foi un pouco máis de exteriores, de deliñar na pupila prazas e baluartes, casas humildes e burguesas, estruturas nobres e detalles minúsculos que  mimetizan en fachadas de vivendas para non seren percibidas. As bicicletas circulan polas rúas, en labirintos de cultura universitaria, e nas paredes das igrexas e da catedral penduran cadros outrora observados unicamente nos libros de arte. Os sentidos debían de se abrir todos, a vista fundamentalmente, pero sen renunciar á sorpresa que produce a sonoridade: do balbordo popular e do idioma flamenco. Que ben resoa entre as pedras calcáreas –ciceladas en rúa preto do templo de San Nicolás– o nome de Cataloniëstraat, e como bate na vista a provocativa, pulcra e volátil silueta de Sabela de Portugal, muller e curmá de Carlos V, que aínda se esculpe xunto ao seu marido na fachada da Casa do Concello (Stadhuis). A emperatriz terma das súas lecturas coa man dereita, mentres que coa esquerda resgarda o aroma e a beleza efémera da flor da roseira. Entrementres o seu señor, coroado de barba e poder, aférrase ao globo do mundo e á espada, terma dos seus dominios e das súas loitas, apreixa con man firme –sen deixar que se escorra entre os seus dedos– todo o Sacro Imperio Xermánico. Estas imaxes asexan de esguello dende a torre da Stadhuis, onde conflúen as rúas Hoogpoortstraat e Botermarkt.

Bandeira do Reino Galego -
Funeral de Carlos V
(Jean e Lucas van Doetecum, 1559)
Escudo de Galiza
Armorial de Nicolas de
Lutzelbourg (1547)
Xusto en fronte ao enorme edificio consérvase a hospedaxe que leva fama de ser a máis antiga de Europa, hogano identificada co Hotel Sint-Jorishof, que seica xa existía por 1228. Porén, o estilo arquitectónico que hoxe recobre a súa historia é o típico do renacemento flamenco, e nos seus baixos instálase o tamén reputado café den Turk, que olla cara á casa do concello dende Botermarkt. As fachadas, sementadas de numerosas labras heráldicas –preto de ducia e media– algunhas das cales poden ser identificábeis cos antigos reinos de Carlos V, atavíanse de arte, historia e emoción. Desacougados quedamos ao identificar neses lenzos de pedra un vello escudo do reino galego; e este, símbolo da nosa nación, revístese de humildade na fachada que discorre por Belfortstraat, onde tamén campan con todos os seus esmaltes as labras propias doutros territorios: Navarra, Borgoña e Sicilia; Granada, Toledo, Valencia, Menorca e Hispalis (ou Andalucía). No entanto, no lenzo que dá a Botermarkt aparecen, outrosí, os emblemas de Sardeña, Córsega, Flandres, Brabante... Todos eles datan da mesma época, mais un par foi restaurado –ao noso entender con pouco gusto– en anos recentes, mentres os restantes conseguiron fuxir do acrílico para conservar, con orgullo, a tinguidura orixinal.

Escudo de Galiza
(Armorial Le Blancq - 1560)
Escudo de Galiza
(Wappenbuch der Arlberg
Bruderschaft 1548)
A labra “galega” –que por sorte non sufre esa recoloración– carece de timbre e ten a forma típica que emprega a nación flamenca durante o S. XVI, así e todo con certas influencias alemás. Á súa destra, e noutra peza de pedra, fíxose símbolo do reino de Valencia, e á súa sinistra do da illa de Menorca. Atentos á tipoloxía, o escudo galego poderíase describir así: “de azur, un copón de ouro, acompañado de seis cruces do mesmo”. Estas son patadas, e o copón moito se asemella a aquel que aparece no Arco Triunfal do Emperador Maximiliano I, que no seu día debuxara Albrecht Dürer e gravara Hieronymyus Andreä (1515). Mais tamén posúe notábel parecido co que se pintou nas magníficas miniaturas da Historia originis et succesionis regnorum et imperium a Noe usque et Carolum V (1548), onde en alegoría se representan os soberanos de Granada, Portugal e Galiza que terman dos seus respectivos emblemas reais. De non for polo contorno do escudo que se conserva neste edificio de Gante, poderíase dicir que é case idéntico ao desta última obra, porén xa difire bastante do xeito no que Jean e Lucas Doetecum miniaron os emblemas galegos para as Exequias fúnebres por Carlos V en Bruxelas (1559).

Escudo de Galiza no Gran Carro
Triunfal de Maximiliano I (Albrecht
Altdorfer 1515)
A teor disto, e doutras probas que aquí non imos citar, este escudo do antigo reino galego, símbolo da nosa nación, podería ser datábel na primeira metade do S. XVI. Amais disto, moi seguramente estamos perante unha das representacións máis antigas que se encontra fóra da noso territorio. Porén, verbo da súa tipoloxía, é unha peza única e importantísima que reafirma a nosa existencia e recoñecemento dentro da Europa dos vellos pobos, hoxe eclipsados polos novos estados que lles restan cultura, vida e voz.

Asemella que Castelao ía canda nós no vagón do tren que nos conduciu de Bruxelas a Gante, e na volta, quizais a súa silueta curvada e lonxicua tamén se debuxou nos vidros riscados pola paisaxe, xa menos agrícola e si máis aberta ao mundo industrial. Á noite ceamos con Ana e Xulia; e volvemos a reencontrarnos co universo galego mentres degustamos a mellor das conversas: a que se adobía de amizade e compromiso co que nos fai ser o que somos.



ANEXO ADICIONAL: É ORIXINAL ESTE ESCUDO OU UNHA COPIA?


Acuarela de Lieven van der Schelden
Si, certamente sería importante verificar se este escudo é do S. XVI ou unha copia posterior. O estilo, como observamos, é propio da plástica renacentista dese país. Mais,... por sorte, recentemente batemos cunha acuarela dun pintor que reproduce a faciana que tiña Saint-Jorishof por 1584, unhas décadas despois de cando fose reformada esta edificación. O autor, Lieven van der Schelden, reproduce cunha perspectiva aérea non moi correcta as dúas fachadas desa magnífica construción. Posiblemente o faga dende a zona da Casa do Concello (Stadhuis); e como se pode comprobar nas imaxes, a acuarela detalla a presenza de todas ese rosario de pedras armeiras. 
Detalle da acuarela. O segundo escudo pola esquerda é o do
Reino de Galiza

Para maior asombro, o escudo do reino da Galiza está no mesmo lugar que na actualidade, polo que podemos asegurar que estamos ante unha das manifestacións pétreas cos emblemas galegos máis antigos conservados e que, curiosamente, fica fóra do territorio galego.

No referente ao apartado histórico desta edificación, hai que dar conta de que sería reconstruída polo S. XV, e que nela se instala o gremio de San Xurxo, patrón que aparece esculpido, xunto co seu dragón, no cumio máis alto desta belísima mansión (concretamente no hastial).