(Este texto foi publicado o día 8 de agosto de 2004 no suplemento Arousa, un mar de cultura do Diario de Arousa)
 |
A torre de dona Urraca nun debuxo de Ramón Gil Rey (1842)
Museo de Pontevedra |
E
berraba con folgos entre aloumiños... non moi lonxe das beiras do Umia e do
Bermaña, se cadra nunha das alcobas da torre de Caldas de Reis, segundo parece
ser... Era un neno, o vinculeiro. A súa nai Urraca, raíña leonesa e condesa de
Galiza, preñada do seu primeiro marido, Reimundo de Borgoña, entre prantos e
suores trouxera ao mundo a aquel que se chamaría Afonso VII, quen ademais de
ser rei da monarquía galega —dende os cinco anos de idade— herdaría os reinos
de León e Castela en 1126, sendo este o porqué do seu alcume: O Emperador.
 |
Peza arquitectónica procedente da
torre, hogano fincada na igrexa de
San Tomé de Caldas de Reis |
Logo da súa coroación na
basílica compostelá en 1111, cerimonia que sería presidida polo bispo Xelmírez,
Afonso recolle un importante patrimonio, no que se integraba aquela fortaleza
onde supostamente o pariran. Con todo, a ausencia de cariño parental que se lle
dispensou, motivada por situacións familiares, sociais, económicas e políticas,
obrigarían aos condes de Traba a ocupárense da titoría do neno rexio.
Da
patria galega de Afonso Reimúndez (que así era o seu nome completo) e da
naturalidade caldense xa fixera declaración, outrora, coa Historia de los reyes de Castilla y de León, o prelado tudense
Prudencio de Sandoval (1615), de quen beberían Henrique Flórez, Antonio López
Ferreiro e Hipólito de Sá Bravo.
Historia
 |
Lintel armoriado da torre provisto dun par de escudos (non confundir coas armas de Castela e León). Hoxe localízase nos lenzos exteriores da igrexa de San Tomé de Caldas de Reis |
A
fortaleza, da que tan só hoxe se conservan pequenas restingas arquitectónicas
fincadas aos muros do templo parroquial de San Tomé de Caldas de Reis, a partir
de 1147 pasa a integrarse no patrimonio do mosteiro de Sta. Mariña de
Carracedo, cenobio que se atopaba relativamente próximo ao núcleo urbano.
Concretamente neste privilexio facíase explícita a entrega dos mananciais
quentes da referida vila así como varios conxuntos herdeiros das igrexas
(ermidas ou parroquias) de San Sebastián, San Lourenzo, Bemil, Caldas e
Carracedo. Mais pouco acougou esta construción castrense nas facendas da
familia regular (se cadra porque a comunidade esvaeceuse de inmediato): xa no
abrente do S. XIII aparece integrada dentro dos bens arcebispais de Santiago,
así se declara nun documento (do 21 de marzo de 1214), que se reproduce no Tombo C do
ACS, época que coincide co pontificado de Pedro Muñiz (1207-1224).
Noutras
andainas históricas, en plena efervescencia irmandiña, tanto a vila
caldense como outras da franxa meridional de Galiza (Redondela, Vigo,
Pontevedra, Padrón, etc.), foron invadidas polo lendario Conde de Camiña, Pedro
Álvarez de Soutomaior (“alias Madruga”); e, tras as axitacións emprendidas por
diferentes caudillos, moitos dos bastións e construcións militares quedarían
sensibelmente magoados. Do edificio que vimos a afondar, en concreto, faría
subrepticio secuestro un fillo do señor de Lantañón (de seguro que se tratou do
malogrado mariscal Xoán Gómez de Soutomaior), quen levaba por compaña a
Pedro Arias (titular da casa de Aldao). Simultaneamente, outro potentado de
igual reputación cós anteriores, Pedro Bermúdez de Castro (señor de Montaos),
aproveitando como harpía esta ocasión, daría furto dun considerable volume da
fábrica do inmoble caldense —rebaixándolle aproximadamente un metro da súa altura—
e encarreirando o produto rabuñado cara a outra fortificación que si lle era de
seu e que, asemade, se inscribía entre os símbolos autoritarios da redonda: a
fortaleza de Penaflor (sita en Santo André de Cesar, briosa sobre o espello do
Umia).
Arquitectura
 |
Fiestra xeminada da antiga
torre. Na actualidade nos
muros de San Tomé de
Caldas de Reis |
De
introducírmonos xa en eidos arquitectónicos, en aspectos que procuran o rescate
informativo deste inmoble caldense, cómpre indicar que se ben non se pode
percibir hoxe unha tanxible visión da súa antiga presenza, sería interesante
revisar as imaxes fotográficas conservadas no Museo de Pontevedra (en
particular unha de Prieto) así como algún debuxo de R. Gil Rey (1842), ou ben
do membro da Sociedad Arqueológica de
Pontevedra E. Campo Sobrino (1908), quen bosquexan, indagan e rescatan a
fisionomía do exemplar edificio. Aproximámonos, con isto, a un suposto
concepto de como se debeu configurar a finais do medievo, mais para brunir a
nosa hipótese mental debemos recorrer, iso si, ás descricións que dela se fai no preito Tabera-Fonseca (1525-1532), nunhas pescudas arcebispais do ano 1617 e
logo de valorar as reflexións dun prezado manual: a obra Caldas de Reis de Hipólito de Sá Bravo.
 |
Segunda xanela xeminada
da torre de dona Urraca.
Consérvase no templo de
San Tomé de Caldas
|
Contemplando
todo este produto informativo logramos achegar a seguinte descrición. Por unha
banda é mester manifestar que o recinto fortificado se atopaba circundado dunha
muralla de terra e pedra, en cuxo seo se disporían o propio edificio castrense (ou torre) e varias dependencias secundarias, entre elas una casa chá —de
fermosa aparencia— e na cal o arcebispo compostelán adoitaba celebrar misa
cando a ela se dirixía. A parte superior da torre, que obviamente estaba
merlonada así como provista dun tellado a catro augas, posuía unha louzá
cornixa decorada con bezantes, ademais de rematar a súa estrutura superior con
catro cubos, a xeito de garitas,
ergueitos en cadanseu vértice da cornixa.
Segundo
parece ser, ademais das fiestras xeminadas e lumieiras góticas —unha delas estaba armoriada elebaba entre os seus emblemas unha castelo (quizais sobre ondas) e un león rampante. Ambos escudos esculpidos nun lintel consérvanse fincados nos lenzos
da sancristía de San Tomé de Caldas, mais persistiu do mesmo edificio un perpiaño granítico no que se facía referencia á data dunha restauración
medieval (posto que a torre abofé si existía no S. XII). A superficie
epigrafada, que portaba os caracteres E : MCC : LXXVI, daba conta do ano 1238 e,
á par, subliñaba a prelatura de D. Xoán Arias (1238-1266).
Logo da derruba, a acción da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra
Logo de acontecer o acto
homicida da derruba da torre en 1891, este “residuo” histórico sería
rescatado da indolencia polo caldense D. Xosé Salgado Rodríguez, para de
contado trasladalo ás instalacións museográficas que presidía en
Pontevedra Casto Sampedro Folgar, as da manifestada Sociedad Arqueológica.
 |
A desaparecida torre de "dona Urraca" (Caldas de Reis) |
Para
sermos agora máis completos, analisando de inmediato o conxunto arquitectónico
a partir das descricións que posuímos do ano 1617, cómpre engadir ao xa
declarado, ademais de que basicamente se atopaba todo nunhas condicións
bastante propicias para a habitabilidade, a existencia dun corredor coa súa
escaleira (en estado lamentable) que axudaba o servizo da torre coa casa
chá. Tamén contaba cunhas cortes e ao carón do predio existía un pequeno eixido onde se chantaran varios grupos de
árbores e xermolaba a planta do liño.
Só
queda agora deixar renda solta á imaxinación e pensar... cavilar no
desaparecido (mais non esquecido), lamentar o insulto ao patrimonio... Que nos
sirva de lección ben aprendida para non reincidir nas desgrazas; aínda queda un
núcleo antigo en Caldas de Reis por apreciar, porén contaminado pola
especulación urbana e ameazado por unha eclipse, autoconsentida, de conciencia
cultural e responsabilidade administrativa...
-Vaites, vaites!!!, que diría Castelao