
E isto é impresionante, ao mesmo tempo que penoso, se temos a ben analizar o que significa en amplitude cada un dos aspectos que vinculan a Torre dos Valle-Bermúdez da Pobra do Caramiñal coa cultura galega.
Como se pode deixar deteriorar unha edicificación civil (como se fose doutra índole) cando debera ser fachenda e orgullo de toda a sociedade!!!???: das/os pobrenses, das/os galegas/os, de todas as administracións (local, autonómica e estatal).
A TORRE DOS VALLE-BERMÚDEZ
E lembremos de que se trata:
A torre, ergueita na primeira metade do S. XVI por mercadores poderosos da caste dos Xiance, posúe arestora a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), alén de ser un dos poucos edificios renacentistas galegos desta tipoloxía, localizado na citada vila mariñeira, tan rica en patrimonio como tamén nalgún fracaso. E digo fracaso pois cumpriría cavilar nas arbitrarias explicacións que algúen nos agasallaría tras xustificar a histórica derruba da casa do escritor e fillo predilecto da vila Victoriano García Martí (1881-1966). Surrealista o feito, non? Pois autorízase a demolición para que un supermercado local (da compañía Gadis) puidese instalar un aparcadoiro: Vivamos coma galegos!!! Nin a propia empresa debera ter considerado e aprobada tal posibilidade... Aínda que o obxecto responsábel recae, obviamente, nas administracións e -de forma subsidiaria- naqueles que o consentimos. Ou iso creo.
Con independencia deste excurso, pois non é o tema que hoxe nos interesa sobremaneira, retomamos a liña argumental que nos trae. Así cómpre sinalar que a torre tamén posúe a declaración de Monumento Histórico Artístico (concretamente dende 1976). Aínda que outrora é a morada orixinal na que reside a familia Valle-Bermúdez e particularmente o autor de Luces de Bohemia, hogano cumpre a función de dar espazo, lugar e protección á casa-museo de Ramón María del Valle-Inclán.
Neste inmóbel consérvase un importante patrimonio vinculado ao autor e á súa familia, con manuscritos orixinais (correspondencia incluída), con primeiras edicións das obras de Valle, pezas únicas e valiosísimas de distintos protagonistas das artes plásticas galegas, con cadros de pintores egrexios coma Juan Luís López (1894-1979), escaiolas coma a de Maxín Picallo (sobre o nacemento do Río Miño), cadros orixinais de Siro López, e algúns deste que escribe (caricaturas e augatintas)...
E pregunto (SÓ É UNHA PREGUNTA, NON PRETENDE SER UNHA AFIRMACIÓN, ou si, quen sabe!) se existe algunha administración á que lle interese conservar este ben, e tomarse en serio o que significa custodiar os bens culturais da nación galega, das súas fillas e fillos, das/os creadores literarios e plásticos. Pois para sermos correctos precísase falar de ORZAMENTOS, SUBVENCIÓNS e COMPROMISOS REAIS (que ao fin e ao cabo non se trata doutra cousa que observar e aplicar a LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galiza)...
Cumpriría que se crease, dunha vez por todas -que xa tarda-, unha fundación que fose quen de velar pola divulgación e resgardo de todo ese legado e patrimonio... Os autores e autoras que aí temos pezas (depositadas, cedidas ou expostas) ampáranos no dereito a que estas sexan protexidas de maneira apropiada e que contribúan a enriquecer -día si, día tamén- o que xa é unha figura universal: a de Ramón María. E oxalá fose este espazo íntimo que pisamos -chamado Galiza, este anaco de terra que serviu de berce e inspiración a unha das mellores plumas de todos os tempos-, de impulso de todos os fillos e fillas ilustres que fixeron matria, ou crearon canles artísticas polo mundo adiante.
A EXPOSICIÓN DAS AUGADAS DA TORRE

Analizalos de xeito xeométrico (nas proporcións, no material, nos motivos), estudalos e logo intentar reproducilos en augatintas sobre láminas de algodón... creou un lazo que ten que ver coa posesión. Un non é dono desa arquitectura pero pode "posuila", acariñala e tela como próxima. Deste feito, de gozar das súas gárgolas, dos canos coma canóns, das sereas, dos homes vexetais, dos escudos de armas, e do bestiario mitolóxico -profano e fantástico- somos quen de crer na magnitude desa plástica renacentista e posuila dende un aspecto comunitario. "Todo o que se ignora, desprézase" (que dicía Antonio Machado).
Como resultado do estudo, coas axudas xenerosas dos responsábeis da casa-museo, gustamos de expoñer (do 16 de outubro ao 17 de novembro de 2015) todas as láminas creadas (máis de corenta) coa intención de divulgar, reinterpretar o feito plástico, reencontrármonos coa estética e ética renacentistas, e reescríbirmonos coma a ave fénix que asexa -aínda hoxe- na cornixa da torre.
BRIÓN, FENTO, SILVEIRA
Deterióranse paseniño -pola acción "humana" e a atmosférica- os relevos platerescos... No "xardín umbrío" repousa a sombra, sen luces... Comedias bárbaras, talvez, no S. XXI.
Se somos sensatos habería que subliñar outro feito, ao meu entender, que desmereceu un chisco aquela maxestosidade da torre e do pazo. Polos anos setenta do século pasado acométese unha "restauración", coa ampliación dun edificio anexo que non harmoniza ren co principal. A obra contemporánea, feita "dese xeito arbitrario" antes do boom inmobiliario, leva o absurdo selo do prescindíbel. Incluso podemos sinalar que o proxecto orixinal (obra de Carlos Fernández-Gago Varela) "desaparece" dos arquivos municipais, ou traspapélase, que xa se sabe como son estas cousas.
O que tamén causa dor é ver como todas aquelas casiñas mariñeiras en simbiose (dende a sinxeleza das liñas construtivas) coa contorna e coa propia torre foron esfarelando e ninguén as quixo consolidar: bo motivo para alzar outras torres (de máis andares, máis pobres en materiais e lamentabelmente incómodas para moitos ollares). Porque a paisaxe (natural e urbana) e as vivendas humildes tamén forman parte do concepto patrimonio... do noso, do que nos fai ser e seguir sendo.
Quizais teñamos algún día ese panfleto turístico, de perfecto encadre, que realce a imaxe deteriorada, aínda que non decrépita. Imaxe que, se cadra, é o símbolo máis fiel do esperpento contemporáneo: a casa do "creador do esperpento", nunha situación "esperpéntica"... Vaites, vaites!!! Talvez conservemos fotos históricas do que foi e non se soubo gardar entre as alfaias e os aloumiños.
Xa o dicía Castelao, que o problema do idioma en Galiza é un problema de Cultura... Aínda que considero que non soamente isto é veraz no que concirne á lingua, senón que noutros aspectos tamén se certifica... Todo se resume nun problema de afectos, de AMAR o que che é propio e tamén respectar -que é outra forma de amar- o que non che pertence máis que pola mirada, pola historia, pola artes, pola sociedade e a natureza. Debemos posuír o que nos fai sermos conscientes do que somos. Ou iso creo, talvez...