Escudo do Reino de Galiza na cidade de Gante |
En marzo de 2011 tivemos a sorte de poder visitar, aínda que non na súa totalidade, os territorios de Flandres (Vlaanderen) e Valonia (Wallonie), no que hoxe é o Estado Belga. Daquela, escribimos un par de artigos de prensa para dar conta de varias descubertas. Un deles sae no Diario de Arousa (10-04-2011) e outro Galicia Hoxe (01-05-2011). Este último reproduciríamolo -con certas variacións e engadidos- no libro que titulamos Coa lingua na terra. Prologado por Xosé María Lema Suárez e con epílogo de David Otero (ambos amigos de noso e mestres dun ou doutro xeito), sae do prelo da editorial Toxosoutos en 2013 e nel recompilamos esa e outras colaboracións en prensa, debido a algunha das cales recibimos -con anterioridade- o Premio xornalístimo Manuel Reimóndez Portela (2012).
Neses artigos daríamos conta da presenza dun fermoso escudo do Reino da Galiza, enmarcábel na época do reinado de Carlos I (1516-1556), e que puidemos localizar na cidade natal dese emperador, ou sexa Gante, feito que realmente emociona a calquera galego que bata con el na súa vista.
É por esa grande epifanía pola que queremos deixar aquí reproducido, na súa totalidade, esa coloboración na versión que se verteu no devandito ensaio, máis cunhas reflexións finais que certifican a súa antigüidade. Así e todo, facilitamos un bo número de ilustracións que nos poden axudar a comprender mellor o texto. Agardo que sexa de proveito.
GALIZA EN
FLANDRES E VALONIA. OLLARES POR FLANDRES
A Xulia e a Ana
(Ollares por Flandres)
Sint-Jorishof (Gante) polo ano 1900. Obsérvese a existencia de escudos heráldicos na fachada |
Logo de
almorzar con Ana Miranda e a súa filla Xulia, provistos cun tícket week-end partimos dende a Estación
Central de Bruxelas rumbo a Gent. Nas
nosas viaxes en tren ao longo da nación flamenca, os horizontes foron debuxando
entre os vidros dos vagóns historias de diversas épocas, como se tivesen ganas
de facer síntese de todo o acontecido, para rubir cara aos miolos en reflexión
e análise. A pantasma de Carlos V asexa ao galope dende a concavidade dun
territorio deprimido polo Atlántico e outrora tamén polas batallas, Xoán de
Gante (pretendende ao trono galego) senta próximo a nós, e o mesmo Castelao
tamén vai áxil na conversa cando recorda que xa había moitas décadas que el
percorrera esas mesmas xeografías.
Sint-Jorishof na actualidade |
Polo mes de
xuño de 1921 o polifacético pensador galego está instalado en Bruxelas, e a súa
curiosidade polo que o arrodea é tan inmensa como o Hotêl de Ville que se alza orgulloso na Grand Place. Non só lle chega coñecer os lugares máis populares
senón que gusta de se embriagar coa pintura clásica deses territorios. O 10 de
xullo fai parada en Gante, na “terra de Carlos V”, e instálase “n’un hotel qu’é
unha das casas de mais caracter” de toda a cidade. Visita, tal nós fixemos
décadas máis tarde, o castelo dos condes de Flandres e, loxicamente, queda
marabillado na catedral de San Bavón (Sint
Baafs Kathedraal) co tríptico da Adoración do Año Místico dos irmáns van
Eyck. Máis e máis apuntamentos enchoupan o caderno de viaxe, e os ollos
vidrados do pintor galego non dan para contemplar tanta obra conservada en
museos e igrexas. Está claro que a visita de Castelao á Gent tiña como obxecto estudar todas esas pezas artísticas, xa que
menos reparou en arquitecturas e recintos monumentais.
Escudo do Reino de Galiza´ Hotel Saint-Jorishof |
Hotel Sint-Jorishof (Gante) |
Pola nosa
banda, a visita foi un pouco máis de exteriores, de deliñar na pupila prazas e
baluartes, casas humildes e burguesas, estruturas nobres e detalles minúsculos
que mimetizan en fachadas de vivendas
para non seren percibidas. As bicicletas circulan polas rúas, en labirintos de
cultura universitaria, e nas paredes das igrexas e da catedral penduran cadros
outrora observados unicamente nos libros de arte. Os sentidos debían de se
abrir todos, a vista fundamentalmente, pero sen renunciar á sorpresa que
produce a sonoridade: do balbordo popular e do idioma flamenco. Que ben resoa
entre as pedras calcáreas –ciceladas en rúa preto do templo de San Nicolás– o
nome de Cataloniëstraat, e como bate
na vista a provocativa, pulcra e volátil silueta de Sabela de Portugal, muller
e curmá de Carlos V, que aínda se esculpe xunto ao seu marido na fachada da
Casa do Concello (Stadhuis). A
emperatriz terma das súas lecturas coa man dereita, mentres que coa esquerda
resgarda o aroma e a beleza efémera da flor da roseira. Entrementres o seu
señor, coroado de barba e poder, aférrase ao globo do mundo e á espada, terma
dos seus dominios e das súas loitas, apreixa con man firme –sen deixar que se
escorra entre os seus dedos– todo o Sacro Imperio Xermánico. Estas imaxes
asexan de esguello dende a torre da Stadhuis,
onde conflúen as rúas Hoogpoortstraat
e Botermarkt.
Bandeira do Reino Galego - Funeral de Carlos V (Jean e Lucas van Doetecum, 1559) |
Escudo de Galiza Armorial de Nicolas de Lutzelbourg (1547) |
Xusto en
fronte ao enorme edificio consérvase a hospedaxe que leva fama de ser a máis
antiga de Europa, hogano identificada co Hotel Sint-Jorishof, que seica xa existía por 1228. Porén, o estilo
arquitectónico que hoxe recobre a súa historia é o típico do renacemento
flamenco, e nos seus baixos instálase o tamén reputado café den Turk, que olla cara á casa do
concello dende Botermarkt. As
fachadas, sementadas de numerosas labras heráldicas –preto de ducia e media–
algunhas das cales poden ser identificábeis cos antigos reinos de Carlos V,
atavíanse de arte, historia e emoción. Desacougados quedamos ao identificar
neses lenzos de pedra un vello escudo do reino galego; e este, símbolo da nosa
nación, revístese de humildade na fachada que discorre por Belfortstraat, onde tamén campan con todos os seus esmaltes as
labras propias doutros territorios: Navarra, Borgoña e Sicilia; Granada,
Toledo, Valencia, Menorca e Hispalis (ou Andalucía). No entanto, no lenzo que
dá a Botermarkt aparecen, outrosí, os
emblemas de Sardeña, Córsega, Flandres, Brabante... Todos eles datan da mesma
época, mais un par foi restaurado –ao noso entender con pouco gusto– en anos
recentes, mentres os restantes conseguiron fuxir do acrílico para conservar,
con orgullo, a tinguidura orixinal.
Escudo de Galiza (Armorial Le Blancq - 1560) |
Escudo de Galiza (Wappenbuch der Arlberg Bruderschaft 1548) |
A labra
“galega” –que por sorte non sufre esa recoloración– carece de timbre e ten a
forma típica que emprega a nación flamenca durante o S. XVI, así e todo con
certas influencias alemás. Á súa destra, e noutra peza de pedra, fíxose símbolo
do reino de Valencia, e á súa sinistra do da illa de Menorca. Atentos á
tipoloxía, o escudo galego poderíase describir así: “de azur, un copón de ouro,
acompañado de seis cruces do mesmo”. Estas son patadas, e o copón moito se
asemella a aquel que aparece no Arco Triunfal do Emperador Maximiliano I, que
no seu día debuxara Albrecht Dürer e gravara Hieronymyus Andreä (1515). Mais
tamén posúe notábel parecido co que se pintou nas magníficas miniaturas da Historia originis et succesionis regnorum et
imperium a Noe usque et Carolum V (1548), onde en alegoría se representan
os soberanos de Granada, Portugal e Galiza que terman dos seus respectivos
emblemas reais. De non for polo contorno do escudo que se conserva neste
edificio de Gante, poderíase dicir que é case idéntico ao desta última obra,
porén xa difire bastante do xeito no que Jean e Lucas Doetecum miniaron os
emblemas galegos para as Exequias fúnebres por Carlos V en Bruxelas (1559).
Escudo de Galiza no Gran Carro Triunfal de Maximiliano I (Albrecht Altdorfer 1515) |
A teor
disto, e doutras probas que aquí non imos citar, este escudo do antigo reino
galego, símbolo da nosa nación, podería ser datábel na primeira metade do S.
XVI. Amais disto, moi seguramente estamos perante unha das representacións máis
antigas que se encontra fóra da noso territorio. Porén, verbo da súa tipoloxía,
é unha peza única e importantísima que reafirma a nosa existencia e
recoñecemento dentro da Europa dos vellos pobos, hoxe eclipsados polos novos
estados que lles restan cultura, vida e voz.
Asemella
que Castelao ía canda nós no vagón do tren que nos conduciu de Bruxelas a
Gante, e na volta, quizais a súa silueta curvada e lonxicua tamén se debuxou
nos vidros riscados pola paisaxe, xa menos agrícola e si máis aberta ao mundo
industrial. Á noite ceamos con Ana e Xulia; e volvemos a reencontrarnos co
universo galego mentres degustamos a mellor das conversas: a que se adobía de
amizade e compromiso co que nos fai ser o que somos.
Si, certamente sería importante verificar se este escudo é do S. XVI ou unha copia posterior. O estilo, como observamos, é propio da plástica renacentista dese país. Mais,... por sorte, recentemente batemos cunha acuarela dun pintor que reproduce a faciana que tiña Saint-Jorishof por 1584, unhas décadas despois de cando fose reformada esta edificación. O autor, Lieven van der Schelden, reproduce cunha perspectiva aérea non moi correcta as dúas fachadas desa magnífica construción. Posiblemente o faga dende a zona da Casa do Concello (Stadhuis); e como se pode comprobar nas imaxes, a acuarela detalla a presenza de todas ese rosario de pedras armeiras.
Para maior asombro, o escudo do reino da Galiza está no mesmo lugar que na actualidade, polo que podemos asegurar que estamos ante unha das manifestacións pétreas cos emblemas galegos máis antigos conservados e que, curiosamente, fica fóra do territorio galego.
No referente ao apartado histórico desta edificación, hai que dar conta de que sería reconstruída polo S. XV, e que nela se instala o gremio de San Xurxo, patrón que aparece esculpido, xunto co seu dragón, no cumio máis alto desta belísima mansión (concretamente no hastial).
ANEXO ADICIONAL: É ORIXINAL ESTE ESCUDO OU UNHA COPIA?
Acuarela de Lieven van der Schelden |
Detalle da acuarela. O segundo escudo pola esquerda é o do Reino de Galiza |
Para maior asombro, o escudo do reino da Galiza está no mesmo lugar que na actualidade, polo que podemos asegurar que estamos ante unha das manifestacións pétreas cos emblemas galegos máis antigos conservados e que, curiosamente, fica fóra do territorio galego.
No referente ao apartado histórico desta edificación, hai que dar conta de que sería reconstruída polo S. XV, e que nela se instala o gremio de San Xurxo, patrón que aparece esculpido, xunto co seu dragón, no cumio máis alto desta belísima mansión (concretamente no hastial).
Ningún comentario:
Publicar un comentario