mércores, 30 de novembro de 2016

CUNTIS NA ÉPOCA ROMANA. A MEMORIA DA AUGA

Portada do libro
Veño de publicar, recentemente, o meu último libro. Titúlase Cuntis na época romana, e formará parte da colección que gustei en chamar A Memoria da Auga. Pretende ser unha obra na que se recompila gran parte dos datos históricos e arqueolóxicos vinculados ao concello Cuntis, facendo fincapé no feito de se tratar dunha "cidade termal" bimilenaria. Botamos man de moita documentación manuscrita, conservada en diversos arquivos galegos (ACL, ACS, AHPPo, Arquivo do Museo de Pontevedra, AHDS, AHUS...) e no resto do Estado (fundamentalmente aquela que se garda na biblioteca da RAH - Madrid).

PARTICIPANTES

Cartaz da presentación do libro
en Cuntis - 3 de novembro de 2016
A obra vai prologada por un dos maiores investigadores actuais, Juan Manuel Abascal Palazón (membro correspondente da RAH, igualmente do Deutsches Archaölogisches Institut, catedrático da Universitat d'Alacant...). El foi o encargado de supervisar os datos e, desinteresadamente, dispensounos con certas orientacións histórico-arqueolóxicas. Carlos Henrique Fernández Coto (arquitecto e Presidente de APATRIGAL - Asociación para a defensa do Patrimonio Galego) colabora cunha breve introdución ligada ao feito urbanístico cuntiense e, así mesmo, á necesidade e obriga "ética" de salvagardarmos os recursos patrimoniais. Baia Fernández de la Torre continúa cun sucinto pórtico poético e o historiador Suso Novás Andrade da remate a toda a obra cun epílogo no que afonda no concepto do sincretismo (doutros tempos e destes séculos).

COLABORACIÓNS

Artigo de Fernando Salgado
no Diario de Caldas -
Diario de Pontevedra
Ara romana do deus indíxena
Setandi Aniegi
Tamén puidemos contar coa xenerosa axuda do profesor Manuel Ramírez Sánchez (catedrático na Universidad de las Palmas de Gran Canaria), a do fotógrafo e debuxante arqueolóxico Antón Costa, Vicente Caramés Moreira (arqueólogo e Director do Museo do Mar de Galicia) e Martiño Picallo (que alén de ser o meu irmán, é un dos mellores deseñadores gráficos da actualidade). Este último foi o responsábel do deseño do volume, editado a toda cor, no que as fotografías cuntienses, a cartografía histórica (algunha conservada na biblioteca da RAH), os planos (algúns elaborados por Martiño e outros polo que escribe), os debuxos orixinais de Xosé Cornide Saavedra (datados polo ano 1771, no que se documenta as aras romanas cuntienses dedicadas ás ninfas, que el mesmo atopara en 1768), augatintas da nosa autoría... fan deste libro unha obra -coido eu- amena para a lectura. Ou iso era o noso propósito inicial, ao igual que colaborar na difusión e protección do patrimonio cuntiense (o hidráulico, o arqueolóxico e o arquitectónico).

Augatinta dunha sepultura romana

ESTRUTURA

Consta de catro capítulos:

  • As augas quentes da nación celena
  • Divindades na terra das augas
  • Monumentos para os deuses mortos
  • As augas das deusas

Igualmente, dispón dunha ampla colección de documentos históricos (concretamente vintesete transcricións), na que se dá conta de achados arqueolóxicos, reflexións históricas, acontecementos, e actas notariais que avisan -por exemplo- de como foron atopadas as máis de 500 moedas romanas que a arqueta e burga Lume de Deus albergou no seu interior até o ano 1908. 

DEDICATORIA

Terceira ara romana cuntiense
atopada na contorna das burgas
Montaxe do libro
Cuntis na época romana é unha obra que gustei de dedicar a Xesús Rodríguez Castro (activista na defensa dos bens culturais galegos) e á Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal (que actúa na salvagarda dos dereitos e bens públicos vinculados ás augas termais, así como á arqueoloxía da auga).

Para a edición deste libro contouse coa colaboración, así mesmo, do Hotel Fonteverde, o CPI Aurelio Marcelino Rey García, o Concello de Cuntis, APATRIGAL, Martiño Picallo e a Cervexaría A Bolera.

Imprimiuse en Lugami (Betanzos) e a verdade debo recoñecer que fixeron un gran traballo.

CRÍTICA DOS DEBUXOS ARQUEOLÓXICOS

En Lugami, a piques de ser rematado
Álgunhas das ilustracións realizadas
para o libro
Un dos mellores críticos da arte galegos, Carlos López Bernárdez, tira nas páxinas do Faro de Vigo, concretamente no Faro da cultura, un artigo sobre o debuxo arqueolóxico galego, titulado: 'Debuxando o patrimonio. Arquitecturas para a identidade'. Nel indica: "A tradición do debuxo arqueolóxico non é para nada allea ao noso presente e ten cultivadores como Alfredo Erias Martínez, director do Museo das Mariñas de Betanzos e da revista Anuario Brigantino, ou Héitor Picallo, tamén invetigador e debuxante, ambos notabilísimos herdeiros da tradición histórica do debuxo arqueolóxico".

(Faro de Vigo - 1 de decembro de 2016- Faro da Cultura, p. 3)

venres, 28 de outubro de 2016

ANTONIO CORRADINI

Desta volta quero bosquexar unhas liñas sobre un dos meus escultores favoritos... Coñecín algunhas pezas súas cando -hai anos- fun a Italia. Dende que o coñecín (polas súas obras, el xa finara había máis de dous séculos) sempre estivo presente nas miñas devocións. 

ANTONIO CORRADINI

Antonio Corradini, que era así como se chamaba, nace en Padua en 1668 (no seo dunha familia de poucos haberes e bastantes padeceres) e fina en Napoles en 1752... As súas primeiras pezas coñecidas datan de 1709, concretamente aquelas que elabora para igrexa de San Stae (ou San Eustaquio, en Venecia). Titulábanse A Fe (La Fede), O Redentor (Il Redentore) e A Esperanza (La Speranza). Resulta ser un verdadeiro especialista no tratamento dos panos, isto é, na elaboración -co cicel- de panos, veos e tecidos. Velaí que o seu nome estea plenamente ligado a esta disciplina. Obras del pódense ver nos museos do Louvre (París) e de Correr (Venecia), na catedral de San Vito en Praga, concretamente no sepulcro de San Xoán Nepomuceno... Esta obra está cualificada como mestra no que atinxe á arte funeraria e no seu interior deposítanse os restos cinerarios daquel santo checo (1340-1393), patrón da zona da Bohemia, que seica sofre martirio por gardar o segredo da confesión.

A VERDADE VELADA

Un ano antes da súa morte confecciona unha peza escultórica única, case perfecta na elaboración de tecidos. Refírome á "Verdade Velada", obra esculpida en mármore e que se localiza na Cappella Sansevero de Nápoles, formando parte dun monumento funerario que sufraga o masón e ilustrado Raimondo di Sangro (VII Principe di Sansevero) co obxecto de homenaxear a súa falecida nai. Esta dicíase Cecilia Gaetani dell'Aquila d'Aragona Sanseverino e foi nobre dama do principado de Piedimonte. O seu óbito chega o 26 de decembro de 1710. A peza remátase, como dixemos, en 1751.




mércores, 5 de outubro de 2016

A PROPÓSITO DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS TENORIO

E comezamos indicando que foi concretamente en 2004 cando publiquei as miñas primeiras pescudas biográficas sobre Francisco Xosé de Caldas Tenorio, un dos ilustrados máis interesantes da América Latina que, curiosamente, tiña as súas orixes no couto xurisdicional de Arcos da Condesa (hogano Entidade Local Menor que se integra no Concello de Caldas de Reis). Esas primeiras investigacións, vertidas no Diario de Arousa (6 de xuño de 2004) e reescritras novamente no Diario de Pontevedra (2016), serviron para dar a coñecer o feito de que Francisco Xosé de Caldas tivese a súas orixes no territorio caldense. Incluso por aquel artigo publicado no Diario de Arousa e outros máis que ven a luz no mesmo medio concedéuseme o II Premio Periodístico Máximo Sar (2005). Tempo máis tarde, o 15 de xaneiro de 2016 fun convidado pola asociación Lúa na Forza (de Arcos da Condesa) para dar a coñecer este e outros feitos históricos do antigo couto xurisdicional. Velaquí, o artigo do veño a facer mención, agora que se vai conmemorar os dous séculos do seu pasamento (acontecido o 28 de outubro de 1816) e o 248 aniversario da súa nacenza (4 de outubro de 1768).

Escudo da casa do Rapeira (Moraña).
Debuxo de Héitor Picallo
Dous caldeiros pendurados das pólas dun tronco, esculpidos sobre pedra nunha labra armeira, dan conta da presenza do apelido Caldas no predio da Rapeira, na xeografía parroquial de Sta. Xusta de Moraña (outrora adscrita á xurisdición de Penaflor). Mobles heráldicos que acompañan a aqueloutros neste escudo son os propios dos Buceta —un brazo armado cunha maceta de canteiro, en acción de golpear, e emparellados de tres cipreses—. Mais nalgunha outra ocasión estas árbores aproximadas a un piñeiro (como o que aí tamén se distingue) analisadas en conxunto, e non tendo en consideración a división cuartelada, poderían significar se cadra os heraldos dos Gasco (malia levar por habituais esta familia un piñeiro xunto a catro cipreses, e non a tres): aquí queda a interrogante. Recórdannos estes brasóns, así logo, que nos presentamos diante dun fogar fidalgo que lle é propio á liñaxe dos Caldas e que tivo por parentesco (próximo ou afastado) a citada outra xinea, de destacada difusión pola xeografía do Salnés (Buceta).


Xa dende o solpor da Baixa Idade Media a familia (ou familias) dos Caldas ofrecen a súa sona por diferentes recunchos das demarcacións pontevedresas, caldenses e do contorno do Mar da Arousa. Escoitábase logo falar do escudeiro Vasco López de Caldas aló polo ano 1433 no territorio de Sta. María de Asados (segundo se observa nun documento custodiado no Arquivo Ducal de Medinaceli, Sevilla), como así dera conta igualmente da súa vinculación coa vila de Caldas de Reis xa en 1421: a súa muller (María Afonso) tiña instituídas na freguesía de Sta. María un grupo de obras pías. Outros representantes desta liñaxe dende o S. XVI dan creto da súa favorecida condición polas terras de (Caldas de) Cuntis, logo de ser prebendados pola Igrexa Compostelá cos dereitos de padroado do beneficio curado de Sta. Baia da Portela (do que eles conformaban un tronco presenteiro).

OS ANTEPASADOS DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS


En relación arestora coa casa da Rapeira é merecedora de comentario, esquematicamente, a biografía de Gregorio de Caldas e Crestar, que nacera na susodita freguesía de Sta. Xusta e fora unxido cos óleos sacramentais o 15 de marzo de 1660. Era fillo de Miguel de Caldas (descendente á súa vez de Bieito de Caldas e María Vidal) e de Águeda Crestar; persoas das que se nos fai sospeitar unhas ostensibles orixes na pequena nobreza local (ou comarcal). 

OS PROXENITORES DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS


Da proxenie igualmente de Miguel e Águeda é Xoán de Caldas, que establece alianzas sacramentais con María Fentáns. responsables do tronco desta liñaxe no couto de Sta. Mariña de Arcos da Condesa, e bisavós daquel que se chamou Xosé de Caldas e Rodríguez de Camba, quen, logo de cruzar o Atlántico e establecerse en Colombia (Vicerreinado de Nueva Granada), lograría os cargos de Alférez da Compañía de Forasteiros da cidade de Santafé, Tenente de Milicianos Montañeses de Popayán (capital do departamento de Cauca), así como alcalde e rexedor perpetuo desta última cidade.

Froito do matrimonio de D. Xosé coa súa dona, Vicenta Tenorio e Arboleda, e por conseguinte oriúndo asemade por liña paterna das terras de Arcos da Condesa, foi o xeógrafo neogranadino, inventor, naturalista e prócer na independencia colombiana D. Francisco Xosé de Caldas e Tenorio

BREVE BOSQUEXO BIOGRÁFICO


Nado en Popayán en 1768 e autor de obras tan senlleiras como Memoria sobre la nivelación de las plantas que se cultivan en la vecindad de Ecuador (1801) e Estado de la geografía del virreinato de Santa Fe de Bogotá (1807); ocuparía o cargo de director do Semanario del Nuevo Reino de Granada (1807, do que foi fundador), así como os de redactor e subdirector do Diario Político de Santafé (1810).

Debido ás comprometidas actitudes do polifacético D. Francisco Xosé —independentistas con respecto aos estados españois e federalistas no tocante ao antigo Vicerreinado de Nueva Granada, posicións que, logo dun consello de guerra, lle custarían o seu fusilamento na cidade de Bogotá o 29 de outubro de 1816—, o goberno do seu país decide crear en 1905 un departamento territorial na súa honra e memoria, de aproximadamente 7283 quilómetros cadrados (case que a mesma extensión cá provincia de Ourense), denominado Caldas e con capital na cidade de Manizales. Esta nova, cun velo alegórico, aínda suspira hoxe polas terras de Cuntis, mesturada con confusión, esaxeración, romanticismo... e vincúlase coa historia da Casa da Garboa —outrora do Agrobó—, construción propia dos fidalgos da liñaxe dos Caldas cuntienses, mais con todo abondo relacionada e emparentada coa da Rapeira —segundo puidemos esculcar na documentación de diversos arquivísticos galegos— razón que xustifica este pensamento quasi que mítico (popular).

OUTROS PARENTESCOS

Escudo da casa da Rial (Moraña). Debuxo de
Héitor Picallo

Retornando das nosas singraduras históricas e transoceánicas ao espazo morañés e aos tempos de finais do S. XVII diremos que o xa mencionado D. Gregorio, cónxuxe de Dª. María de Gasco García de Monroy e Deza (que veu ao mundo na cidade madrileña de Getafe en 1662, froito das alianzas de Ignacio Gasco e Isabel García de Monroy), desempeñaría oficios de importancia capital na xurisdición de Penaflor: destacaron os de escribán numerario e xuíz daquelas terras, así como os de familiar e notario do Santo Oficio da Inquisición do Reino de Galiza. A partir destes esponsais de D. Gregorio con Dª. María os Caldas pasaban a acadar unha reputación de sobra máis destacada, dicíase que os Gasco (liñaxe da que gustaba de resaltar Dª. María) eran xentes vinculadas coa alta nobreza e con parentescos directos cos Marqueses de Alcañices (quen, titulándose asemade tamén de Montaos e Condes de Grajal, administraron case na totalidade o señorío e xurisdición de Penaflor).

Sepultura de Francisco Xosé de Caldas
De D. Gregorio e Dª. María posuímos noticias de dúas das súas fillas; unha delas, a que se chamou Dª. Isabel de Caldas Gasco, casaría cun dos fillos dos señores da casa morañesa do Rial, D. Alberte Alonso de Chan e Díaz; e a outra, natural de Sta Xusta de Moraña, nada en 1706 e bautizada co nome de Dª. Rosa Madalena de Caldas Gasco García de Monroy, faríao con D. Francisco de Soto e Ruibal (que chegara ao mundo das nupcias de Gregorio de Soto e Águeda Ruibal en 1698). Deste último enlace nacerían numerosos fillos, mais o que maior prestixio acadaría sería D. Xosé Ambrosio de Soto e Caldas (nado en S. Salvador de Saiáns), quen logo de trasladarse a vivir ao Vicerreinado de  Perú encargaríase dos desempeños de Capitán das Milicias de Trujillo (1766), Sarxento Maior do seu Rexemento (1769), rexedor (1776) e alcalde ordinario da mesma cidade.

Observamos con estas notas que o verdadeiro valor que radicaba nas labras heráldicas era, antano, anunciar as liñaxes vinculadas ao inmoble (civil, eclesiástico ou militar), mais para a contemporaneidade serven non como un mero atractivo material no senso da súa antigüidade, remota en maior ou menor medida, senón por atender a un recordatorio histórico, artístico e cultural para quen se detén a contemplar, valorar e analisar.

Ata aquí aquel artigo que se publicou no Diario de Arousa e no de Pontevedra, mais a continuación completo e desmoucho toda a súa xenealoxía.


XENEALOXÍA GALEGA DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS TENORIO



(xeración 1): Bieito de Caldas, que casa con María Vidal (veciños da Choza, Moraña). Ten por fillo a:

(xeración 2): Miguel de Caldas, que casa con Águeda Crestar, da que son coñecidos un par de fillos:
a)      Xoán de Caldas (co que continuamos a xenealoxía)
b) Gregorio de Caldas, que nace en Sta. Xusta de Moraña no ano 1660. Exerce como Escribán do Rei e de Número da xurisdición de Penaflor, Notario e familiar do Santo Oficio da Inquisición do Reino de Galiza. Contrae alianzas sacramentais con María de Gasco e García de Monroy, filla de Ignacio Gasco e Dª. Isabel García.

(xeración 3): Xoán de Caldas, casado con María Fentáns, ten por fillo a:

(xeración 4): Francisco de Caldas Crestar, o que se une en sacramento a María de la Peña Reboredo. Do matrimonio nacen:
a) Antón de Caldas, marido de María Maquieira e proxenitor de Antón de Caldas (veciño de Cartagena de Indias e logo de Lambayeque, que aínda está vivo por 1788,
b) D. Paulo de Caldas

(xenealoxía 5): Paulo de Caldas e de la Peña Reboredo, Escribán da Súa Maxestrade no couto xurisdicional de Arcos da Condesa, contrae matrimonio con Francisca Rodríguez de Camba e Magariños, filla do notario Xosé Bieito Rodríguez de Camba (soterrado en Arcos da Condesa o 10 de abril de 1763) e Sabela Magariños de Castro. Nese couto serán vecinos, concretamente do lugar de Badoucos. Logo do seu pasamento, Francisca é soterrada na igrexa parroquial desa freguesía, concreamente o 21 de xullo de 1771. Velaquí a partida da súa defunción:

En veintiuno de julio de mil setecientos setenta y uno se dio sepultura en esta parroquia de Santa Marina de Arcos de Condesa a Doña Josefa Rodríguez de Camba, muger que fue de Don Pablo de Caldas, vecino de ella. Socorrida con todos los sacramentos, hizo testamento por ante Rafael do Porto Barreyro, escribano y vecino de la feligresía de Santa María de Caldas. No dejó obra pía ni fundación, mandó asistiesen a su entierro y más actos fúnebres seis señores sacerdotes, incluso el párroco, y se le digesen por su alma, obligaciones y devociones, cinquenta y quatro misas rezadas, y una de ánima. Para que conste lo firmo ut supra. Antonio Villa y Sanz”.

Paulo será soterrado no mesmo templo ca súa muller o 18 de febrero de 1773. Así quedou rexistrado:

En diez y ocho de febrero de mil setecientos y setenta y tres se dio sepultura en esta parroquia de Santa Marina de Arcos de Condesa, a Don Pablo de Caldas, vecino de ella, viudo de Doña Francisca Rodríguez de Camba, socorrido con el Santo Sacramento de la Extremaución. No testó. Asistimos a su entierro y actos cinco sacerdotes, y se le dijeron por su alma veinte misas rezadas y más una de ánima. Para que conste, lo firmo ut supra. Antonio Villa y Sanz”.

Do matrimonio Caldas-Rodríguez de Camba é coñecida a seguinte proxenie:
a) María Xosefa (bautizada en Arcos da Condesa o 1 de novembro de 1729, sendo o seu padriño o cirurxán Xosé da Erosa),
b) Xertrude (bautizada na mesma parroquia o 1 de maio de 1731, sendo o seu padriño Francisco Suárez de Camba),
c) Xosé (pai de Francisco Xosé de Caldas Tenorio), recibe o sacramento do bautismo en Arcos da Condesa, concretamente o 20 de febrero de 1731. Velaquí a súa partida:

En veinte de febrero de mill setecientos y treinta y cinco, yo, Don Domingo Barrera, cura propio desta feligresía de Arcos, bapticé solemnemente y puse los óleos a Joseph, hijo lexítimo de Pablo de Caldas, Escribano de Su Magestad, y Francisca Rodríguez de Camba, vezinos de dicha feligresía y lugar de Badoucos. Fue su padrino Juan Suárez, vezino de San Salbador de Sayáns y lugar de Sabadín, al que advertí las obligaciones de padrino, según dispone el Santo Concilio. Fírmolo utt supra para que conste. Domingo Barrera”.

d) Francisca Antonia (nada o 25-II-1738, e bautizada en Arcos da Condesa o día 27, sendo o seu padriño Don Francisco Antón Magariños, presbítero e veciño de San Fins das Estacas)
e) Lourenzo, que o bautizan tamén en Arcos da Condesa o 19 de setembro de 1740 (día no que nace), e sendo o seu padriño Lourenzo da Maquieira.
f) Paulo Caetano (nado o 25 de abril 1744, e bautizado ao día seguinte). Xemelgo co seguinte, terá por padriño a Caetano de Ocampo Aboy (Avogado dos Reais Estados, veciño de Arcos da Condesa, concretamente do lugar de San Martiño).
g) Manuel Antón, bautizado o 26-IV-1744, xemelgo con Paulo Caetano, sendo o seu padriño Manuel Antonio Gamallo (veciño da Amil)
h) Anxo Diego, nado 28 de febreiro de 1746 e bautizado o día 2 do seguinte mes. O seu padriño foi Don Francisco López, do Souto de Marán (Arcos da Condesa).

(xeración 6): Xosé de Caldas de la Peña e Rodríguez de Camba casa María Vicenta Tenorio e Arboleda (filla de Mariana Arboleda e Vergara e Juan Tenorio Torijano). Con María Vicenta ten a seguinte unha numerosísima proxenie, concretamente 15 fillos:
a) Tareixa de Caldas e Tenorio (nada en Popayán e muller de Antón Sánchez Rodríguez de Arellano)
b) María Manuela de Caldas e Tenorio (nada en Popayán)
c) María Nicolasa de Caldas e Tenorio (nada o 6 de decembro de 1765) e que sería monxa da Encarnación
d) Gregoria de Caldas e Tenorio, que se une en sacramento a Gregorio de Angulo
e) Francisco Xosé de Caldas e Tenorio
f) Mariano Alberto Camilo de Caldas e Tenorio (nado en 1769)
g) Sabela de Caldas e Tenorio (nada o 3 de xuño de 1771) que casa con Manuel Ignacio Torres e Tenorio
h) Rosalía de Caldas e Tenorio, cónxuxe de Xosé María del Campo Larraondo
i) Lino Rafael de Caldas e Tenorio, marido de Xoaquina Grueso e Rodríguez
l) Xosé de Caldas e Tenorio (solteiro)
m) Gabriela de Caldas e Tenorio, dona de Xoán Antón Ibarra
n) Vicenzo de Caldas e Tenorio, que contrae nupcias con Ana María Pacheco
ñ) Baltasara de Caldas e Tenorio (nada en 1784), muller do doutor inglés Jorge Wallis
o) Xosé Xoaquín de Caldas e Tenorio, marido de Vicenta Villaquirán
p) Xosé Antón de Caldas e Tenorio (segundo parece, célibe)


(xeración 7): Francisco Xosé de Caldas e Tenorio, nado en Popayán o 4 de outubro de 1768, e marido de María Manuela Barahona e Barona (filla de Manuel Félix Barahona Escobar e María Xosefa Barahona e Hurtado). Son fillos deles:
a) Ignacia de Caldas Barahona
b) Xiana de Caldas Barahona
c) Dores de Caldas Barahona, que casa con Miguel Caldas Caicedo (fillo de Miguel Caldas Pacheco e María das Dores Caicedo Quinteiro)
d) Liborio María de Caldas Barahona
e) Ana María de Caldas Barahona (nada en 1816, antes de ser fusilado o seu pai)
f) Calota Caldas






xoves, 15 de setembro de 2016

O DEUS GALAICO VESTIO ALONIECO

Dúas foron as aras romanas atopadas na zona de Lourizán (Pontevedra) que dan conta da existencia, en épocas ben pretéritas, dun deus bautizado co nome de Vestio.

Clasificábel dentro do grupo dos cenunnos (ou sexa, aquelas divindades antropomorfas provistas de cornos) poderíase vincular este ser mítico con esoutros existentes en Centroeuropa (tal e como indica André Pena Granha).

APROVEITADAS COMO MATERIAL CONSTRUTIVO

Relevo do deus Vestio Alonieco. Augatinta de Héitor Picallo
Ambas aras votivas, dedicadas a Vestio Alonieco, foron empregadas como material construtivo dun valado granítico. Rescatadas dese pouco apropiado lugar en 1944, na actualidade deposítanse nas instalacións do Museo de Pontevedra.

Cabo delas apareceu unha outra peza, realmente un relevo, no que unha figura antropomorfa, provista de cornas (de apéndices curvos) podería representar supostamente ao mítico ser adorado nesa zona do Lérez. A lousa granítica ten unhas dimensións de 67 cm de longo por 47 de alto.

A DESCRICIÓN DUN DEUS

Vestio, de ser o deus representado, alén da prominente cornamenta, caracterízase por ter un queixo aguzado e de certa longura, uns ollos afundidos e forma arredondada, un lixeiro bosquexo de nariz (insinuado con dúas leves incisións na rocha granítica) e a boca que se arquea cara a arriba. Os brazos son amplos e nácenlle detrás do queixo (pois a efixie non posúe nin pescozo nin ombreiros), polo que a súa posición gusta quizais de atemorizar, de infundir medo ou ben de pretender apreixar a alguén. Destaca por posuír unhas mans de dedos longos, de diferentes tamaños e cuns polgares grafados en posición non natural (ou invertidos), isto é, orientados cara a abaixo en vez de cara a arriba (como sería o máis lóxico). Percíbese, logo así, un claro esquematismo antropolóxico, coma os debuxos que as crianzas elaboran con pouca destreza. O torso é totalmente recto, sen detelles anatómicos que se destaquen.

Á dereita de todo, ara ao deus Vestio e, enriba dela,
o baixorrelevo do suposto deus indíxena galaico
(Museo de Pontevedra)

Florentino López Cuevillas considerou que esta podía ser unha representación do deus Lugh, porén hai quen considera que igual ten vinculación co -tamén indíxena- Berobreo, do que existen multitude de aras romanas atopadas no Facho de Donón (Cangas). Francisco Calo Lourido, pola contra, sinala o seguinte: 

"Con respecto á de A Igrexa (Lourizán), coñecida como 'Vestio Alonieco' polas dúas aras aparecidas a pouca distancia da peza, seguindo o traballo de Benoit (1959) concluín considerándoa un Mercurio ctónico, psicopompo, tantas veces representado nos medios europeos romanizado".

martes, 13 de setembro de 2016

CEDOFEITA, UN CASTELO ÁS PORTAS DE PONTEVEDRA

(Estes apuntamentos históricos foron publicados no xornal
Galicia Hoxe en varias edicións:
os días 11, 18 e 25 de setembro de 2005)

NOS ALBORES DO SÉCULO XI

San Iago Apóstolo no Códice Calixtino
Unha candea permanece acesa ao pé do bieito mosteiro, alumeando o sacro cáliz do Lérez e deixando tras de si o perecedoiro fume do tempo. Alí, ao seu carón, repousan as biografías de ilustres pedras que, moldeadas na amorfa materia con reflexión e habilidade polo anónimo artífice, confeccionaron presenza arquitectónica como torre e castelo. 

O artesán delimitara no espazo a súa particular idea (o seu oficio): a “res cogitans” (o coñecemento) mudaba en “res extensa” (realidade), para o gusto de quen a quixo ver e desprezo de todos os que a ignoraron ou temeron, así como en verdadeiro pracer dos que a gozaron e en lembranza dos que remexemos na historia. Descansa aí o cansazo tamén dos arghinas que labraron con punteiros e macetas as castrenses formas graníticas, humedecidas pola suor gremial e os aires das fragas, do río, da ría e do mar. As olorosas fragrancias e as percepcións visuais avísannos de que nos introducimos nunha xeografía de transición, entre as atlánticas mareas e as montañas bretemosas: velaí o val do Lérez, mutante en paisaxes e historias.

Cedofeita foi a denominación coa que se identificou aquel castelo e, por extensión, o seu xiro; concepto este último do que se ten noticia xa nos primeiros anos do S. XI, cando o monarca galego Afonso V e o bispo Vistruario están a investigar cales son os dereitos que lle pertencen á igrexa apostólica nos diversos condados (conmisos) e noutras terras. Estas pescudas, segundo A. López Ferreiro e M. Lucas Álvarez, igual tivesen que ver coa necesidade de matizar os lugares concretos das herdanzas por existiren ao mellor certos obstáculos e trabas con algúns dos condes, e –por ende– reclamando o pontífice se cadra a protección dos seus patrimonios eclesiásticos. Dátase este documento a 30 de marzo de 1019 e está redactado na “urbe” compostelá, e nel parece nidia a afirmación na que se expresa que son da Mitra varias “villae” localizadas no “giro Citofacta”, e que explicitamente se denominaban Serpenciones (S. Vicenzo de Cerponzóns), Sancta Maria de Elva (Alba), Sancta Maria de Maurenti (Mourente), “Villa de Fonte”, “Anserizi” e Godegildi (este último termo facilmente identificable co lugar de Guxilde, na susodita freguesía de Alba). De continuarmos coa análise diremos que tamén se dilucida que tal xiro fora ergueito en tempos do prelado Sisnando (II), quen desenvolvera o seu labor pastoral así como o goberno da Igrexa de Iria entre os anos 952 e 968. Durante o seu pontificado –segundo as consideracións de López Ferreiro– debeuse alzar a mesma fortaleza de Cedofeita, e de ser veraz a afirmación, atopámonos cun conxunto fortificado do S. X e cunha estilística construtiva propia do prerrománico. Esta, salvando as distancias debidas ás situacións orográficas, poderíase comparar coa do propio castelo da Lanzada, que igualmente se erguera nese mesmo pontificado de Sisnando II. Mais onde tivo asento concreto a fortaleza? Rastrexando a toponimia maior do norte do actual Concello de Pontevedra, observamos que é realmente significativo o lugar do Castelo, localizado no occidente de S. Salvador de Lérez (raiando coa freguesía de Alba), o que nos dá en crer que puido ser alí o antigo predio deste recinto castrense, se ben é certo que se amosa igualmente moi atractivo o topónimo da Torre (sito neses mesmos termos parroquiais).


NA ÉPOCA DO REI FERNANDO II

Seguindo coa historia, cómpre subliñar que con posterioridade algúns destes patrimonios da parte norte de Pontevedra han ser usurpados por mans laicas (aló nas primeiras décadas do S. XII, aproximadamente). Concretamente fórono o sinalado lugar de Guxilde e a freguesía de Alba, os cales pouco os deberon gozar os delincuentes, xa que a Historia Compostelana, cando se refire ao primeiro dos bens citados, indica que en tempos do prelado Xelmírez permanecía esa facenda totalmente descoidada (“desolada e abandonada por falta de labradores, e que estaba cuberto por completo por unha inmensa e espesa maleza”). E isto é unha mágoa para os eclesiásticos non só pola súa perda ou a súa hipotética rendibilidade, senón igualmente por ser o entorno de verdadeira fermosura (era unha “amena paraxe xunto ao Lérez”).

Cedofeita como castelo, aínda intuíndoselle unhas orixes no S. X, será citada por primeira vez como recinto fortificado, segundo as nosas pescudas, no momento en que Fernando II lle traspasa a súa propiedade ao metropolitano Pedro Gudesteiz, a 18 de marzo de 1169 e logo de tela rescatada das milicias portuguesas, as cales invadiran asemade boa parte dos territorios do sur de Galiza (entre outras áreas, particularmente a xeografía de Toroño). Era esta intromisión e violación do territorio polas tropas lusas un intento de despistar con caviladas estratexias ao monarca galego-leonés e tamén, se frutificasen, de agrandar un pouco máis o incipiente reino portugués que buscaba saídas cara ao nacente e cara ao setentrión segundo os mandados do autonomista Afonso I Henriques, aquel que trocara de xeito moi produtivo a súa coroa condal por outra de mellor materia (a real). Alén diso, as diferenzas entre as monarquías xa se dirimiran na “Paz do Lérez”, estabelecidas o 30 de abril de 1165 (segundo Rodríguez Figueiredo), e en Celanova acordárase o contrato nupcial (e político, como non!) entre o rei galego e Urraca Afonsi, filla do lusitano. 

Cedofeita continúa ata 1169 no poder daqueles que proceden alén do Miño. Así e todo ao rei Fernando non lle custa demasiado conquistar esta fortaleza pontevedresa, como se dá fe na documentación no Tombo A do ACS: “os deuses” estaban da súa parte, ou mellor dito un dos “fillos do trono”, o cabaleiro e apóstolo Santiago desencadea unha boa tormenta que auxilia ás mesnadas galegas. Tanta foi a graza “divina” que nin tan sequera se derrama unha soa pinga de sangue, unicamente os regos que flúen cara ao Lérez son o produto da choiva. Procede deste feito “milagreiro” a devoción ao Santiaguiño de Lérez e, por extensión, a orixe da súa hermida?

Despois da entrega do castelo ás dignidades eclesiásticas, Compostela atrae para si non só aquel recinto fortificado, senón ademais todos os seus termos (antigos e novos), os patrimonios reguengos, os seus dereitos e as sete igrexas que a Cedofeita pertencen, a “iurisdictione et reverentia monasterii Sancti Iohannis de Podio et monasterii de Sacti Salvatoris de Lerze”.


Antes incluso de que Fernando II tivese recuperado Cedofeita, o monarca permanece algún tempo polo reino arranxando asuntos de tipo político e colaborando en proxectos relixiosos e de mecenado. A 23 de febreiro de 1168 concédelle ao mestre Mateu, que daquela comeza a enxergar O Pórtico da Gloria, unha pensión vitalicia de 100 marabedís anuais; a 4 de marzo aseguráralle ao cenobio de Sobrado dos Monxes, tamén para cada ano, 10 “marchas argenti ad opus Sante Marie”, igrexa conventual que se está a erguer durante ese tempo e sendo Exidio Xil o seu abade; así como igualmente a 9 de abril estima oportuno darlle ao arcebispo de Santiago a vila de Noia. De aí a pouco parte de Galiza, á que retorna para intervir no citado conflito cos portugueses. Logo de ter dirimidas as diferenzas e conquistado o castelo de Cedofeita, a 29 de marzo de 1169 e dentro deses recintos castrenses subscribe un documento onde lle facilita ao mosteiro da Armenteira (Meis) un determinado patrimonio que lle viña de marabilla para don Ero, abade santo que ideara a empresa de erguer debaixo do Castrove o seu románico recinto monacal. Neste agasallo, que se corresponde coas tres cuartas partes da igrexa de S. Salvador de Lantaño (“in terra Luparia”), asinan varias persoas principais que acompañan ao monarca, un bo número de condes e os prelados galegos Pedro Gudestéiz de Santiago, Xoán de Lugo, Pedro Seguín de Ourense e Xoán de Tui.

Escasos días despois, sendo o primeiro de abril, e visitando a xeografía setentrional de Lugo, Fernando ha dispensar igualmente a súa axuda ao mosteiro de Santa María de Meira, que comeza a aleitarse coas viandas patrimoniais que lle tiñan servido, e servirían, algúns monarcas e nobres da contorna (entre estes últimos os condes de Sarria). Daquela, por 1169, o máximo responsable desta familia cisterciense é o abade Vidal e o privilexio real que se lle concede ten que ver coa virtude de recadar os décimos do portádego do lugar de Valcárcel.

Fernando II de Galiza
O curioso de todos estes documentos, do mesmo xeito que ocorre noutros de datas anteriores e posteriores, é que o propio Fernando II os está a asinar coa autocondecoración de “Rex Hispanorum” pola graza de Deus, respondendo isto ao seu propósito de se responsabilizar da titoría do seu sobriño Afonso VIII de Castela (logo do pasamento do seu “desexado” irmán Sancho III en 1158, co que estivera en inimizade), e quizais igualmente con obxectivos de goberno para con esta coroa. Esta intención que nunca triunfaría pese a que si tería asexado as súas gadoupas galego-leonesas na política daquelas terras. Cómpre sinalar que este rei ten por sucesor a Afonso VIII, aquel que Anselmo López Carreira indica que foi “arbitraria e malintencionadamente chamado Afonso IX pola historiografía española moderna, pois polo seu tempo había outro Afonso de Castela, e cando decidiron inventar a suposta lista dos reis de España, meteron no mesmo caixón de xastre aos de Galiza cos de Castela, nese afán por agachar totalmente a existencia do noso Reino (...) pero botando as contas ao dereito, logo se comproba que é o oitavo”.

CANDO AFONSO VIII OCUPA O TRONO

Afonso VIII de Galiza
Aclarado isto, debemos achegar que logo de cabalgada a monarquía de Fernando II ocúpase das súas coroas o declarado seu fillo, axudado nos primeiros momentos do seu goberno pola súa lusitana nai Urraca. É con estas cando a 4 de maio de 1188 o flamante Afonso VIII, contando aproximadamente con 17 anos de idade e acompañado da citada súa proxenitora e dende a cidade de Zamora, comeza a confirmarlle todos aqueles privilexios, herdanzas, exencións e dereitos que os seus antepasados lle tiñan realizado á Igrexa Metropolitana de Compostela. No elenco patrimonial cítanse as terras de “Decia, Salnes, Citofactam, burgum quod dicitur de Ponte Veteri, cum ecclesia et terra que dicitur de valle Moracium, terra que dicitur Montes, in qua est castellum Cutubade”,... Mais esta ratificación de propiedades estaba de sobra asegurada. Anos atrás o Sumo Pontífice Alexandre III, aquel que con tanta forza se aferrou a defender a supremacía do papado sobre o Sacro Imperio Romano Xermánico, xa tiña ben consolidados estes e outros activos eclesiásticos. A pouco máis de ano e medio de que Fernando II entregase Cedofeita o bispo de Roma dá conta daquela saborosa doazón real. Concretamente realiza a confirmación na cidade de Anagni (na terra do Lacio) e a 27 de setembro de 1170. Aparece, logo así, o castelo de “Citofactum” coas súas “septem ecclesie”. O mesmo Papa volve a actuar en prol da confirmación patrimonial o 28 de xullo de 1174 (dende a mesma urbe), o 20 de marzo de 1178 (dende Letrán, lugar no que un ano máis tarde preside o III Concilio do mesmo nome) e o 25 de xuño de 1181 (estando na cidade de Viterbo).

Logo do pontífice Alexandre actúan de xeito análogo o seu sucesor na tiara de Roma, Inocencio III, e concretamente no ano 1199, tal e como tamén procede o 26 de marzo de 1225 o Sumo Pontífice Honorio III dende Letrán. Entre as posesións aquí confirmadas aparece unha boa lista de cenobios, dos que podemos citar os de S. Martiño de Fóra (Pinario), S. Paio de Antealtares, Sta. María do Sar, Sta. María de Conxo e S. Pedro de Fóra, todos no circuíto compostelán; Luaña (Lousame), Sobrado (na xeografía do mesmo nome), Acibeiro (Forcarei), Codeseda (A Estrada), Sta. María de Mezonzo (Vilasantar), Sta. María de Monfero, S. Salvador de Bergondo, S. Pedro de Soandres (A Laracha), S. Xoán de Caaveiro (A Capela), S. Xiao de Moraime (Muxía), S. Martiño de Ozón (Muxía) S. Xoán de Poio, S. Salvador de Lérez (Pontevedra), Sta. María de Armenteira (Meis), Sta. Mariña de Arcos da Condesa (Caldas de Reis), S. Xoán da Cova (Ponte Ulla, Vedra), S. Breixo (Arcos de Furcos, Cuntis), S. Tomé de Piñeiro (Marín) e Santiago de Ermelo (Bueu),... No que atinxe aos castelos menciona os de “Honestum” (Torres do Oeste, Catoira), Sta. María da “Lanceata” (A Lanzada, O Grove), “Ciria” (Cira, Silleda), Lupparia (Lobeira, Vilanova de Arousa), “Sancti Pellagii de Luto” (Ponte Sampaio, Pontevedra), “Daravon” (Darbo, Cangas), Cotobade, “Citofacta” (Cedofeita)...

ÚLTIMOS APUNTAMENTOS QUE RESCATAMOS


Pouco produtivo sería, abofé, que algún cabaleiro ou rico home da comarca pretendese furtar a morada de Cedofeita; ben prendido quedaba o inmoble entre as liñas de tinta dos pergameos de propiedade e as confirmacións papais. A curia gardaba, con ansia arreo, de que os froitos non os vendimasen outros que non fosen senón os seus membros eclesiásticos ou aquel por eles consentido. E tanta houbo ser a protección cara ao exterior que pouco a pouco, co paso do tempo necesario, o castelo ha podrecer no propio cesto, sen conservar aquel continuo uso que desempeñara durante os albores do baixomedievo. Expomos isto, máis que nada, debido a que o edificio non se entregaría en mercé enfitéutica, que teñamos coñecemento, a membros da aristócrata local (pese a que a liñaxe dos Chariño si gravaría a súa pegada neste territorio cando menos entre os séculos XIII e XIV), nin incluso deberon residir asiduamente aí os mitrados da diocese. Despréndese deste declive, ademais, un feito moi simbólico: que aquel famoso xiro que tivera por nome o do propio recinto castrense comezaría paseniño a se esfumar, tanto que a denominación de Cedofeita ha ser trocada na época moderna pola de Lérez, espazo reputado tan só polo mosteiro bieito que nesa freguesía se localiza.

Regresando de novo ao edificio cumpriría divulgar algún que outro apuntamento que recompilamos sobre a súa historia. Un deles constata que os cregos e reitores de S. Vicenzo de Cerponzóns, a 1 de maio de 1278, outorgaban a Didaco Petri de Vascoes e á súa muller María Ramírez, o foro perpetuo da herdade dos Tallos (sita na veiga de Vascoes de Susoo), a da Fonte e a cortiña de Coirado, localizadas todas á sombra maxestosa da fortificación de Cedofeita. De aproximar tamén nos é aquela nova que asegura que entre os anos 1432 e 1437 desempeñaba importantes cargos na capital do Lérez un persoeiro que, co seu “alcume”, recordaba o renome que outrora posuíron (e posuían?) os arrabaldes e as terras do setentrión pontevedrés. Chamábase D. Roi Fernández de Çedofeita e as súas ocupacións urbanas xiraban en torno ao seu exercicio administrativo nunha procuradoría así como tamén nunha escribanía ou notaría real.

Pouco tempo despois o desconcerto chega ao contemplarmos a non presenza desta fortaleza no elenco daquelas que foran derrubadas pola catapulta irmandiña, o que non pretende asegurar que se ausentase de sufrir tal violación; ademais é mester dar memoria de que este edificio foi un dos de maior relevancia nos patrimonios catedralicios. Rastrexando a súa topografía resólvese facilmente o porqué da súa calidade estratéxica, posto que se ben lle proporcionou auxilio ao couto monástico de Lérez, recollía igualmente dende as súas estruturas unha boa percepción do que sucedía nas beiras do río así como do paso de transeúntes e mercadorías por unha ruta principal deste reino, a cal na súa polivalencia (ademais de comunicar as terras lusas coas zonas altas de Galiza) aproveitábase para a peregrinación xacobea, documentada como existente cando menos dende o S. XII, verbo do que nos achega o xeógrafo musulmán Al Idrisi. Velaí nace agora unha hipótese que busca dar resposta a aquela cuestión sobre a súa non explícita mención no catálogo de derrubas irmandiñas. Sería obvio sospeitar que este edificio xa estivese maltratado polo paso dos continuos almanaques na súa biografía e debido, máis que nada, a que a súa función de residencia ocasional dos arcebispos e do seu capítulo non se lle observaba dende había longo tempo. De confirmarmos isto, o normal parece que a ausencia de morada coadxuvase á caducidade dos seus materiais perecedoiros (madeiras e teitumes, basicamente) para quedar logo os lenzos de pedra á sorte do “furtivismo construtivo”.

Pasada aquela centuria, e batendo nas décadas iniciais do S. XVI, Pontevedra comeza a dar resplandores de florecemento socioeconómico e por ende relucindo os seus caprichos artísticos. Polo ano 38 ao prestixioso Cornielles de Holanda acórdanlle a elaboración dun retábulo para a igrexa conventual de Sta. Clara, tres anos despois o mesmo escultor –axudado do “manuelino” João Noble– ha configurar o novo aspecto renacentista para a fachada principal da basílica de Sta. María, así como nese mesmo 1541 o abade de Lérez teralle encargado outro retábulo para o seu templo monástico. En troques, sobre o castelo non alcanzamos novas documentais ata o ano 1562, cando o metropolitano Gaspar de Zúñiga e Avellaneda lle concede a Pedro González de Cedofeita e á súa dona, Duranza de Deus, a metade do lugar do Castelo de Cedofeita, segundo deu testemuño de verdade Pedro Agulla, escribán daquel couto. Como breve paréntese observemos aquí que esta propia xeografía dispoñía dun determinado corpo administrativo, tal e como se confirma nos expedientes de títulos desta escribanía numeraria. De volta xa deste inciso, dicirmos tamén polo lugar do Castelo (asignado incluso en dote por un Xoán de Deus á súa mencionada filla Duranza) debíase pagar anualmente a cantidade de 9 celamíns de pan aos celeiros pontificios.

Con posterioridade, o susodito contrato enfitéutico halle ser novamente ratificado polo podatario do arcebispo don Xoán de Sanclemente (en 1588), cun renda de 38 celamíns de pan, ao neto daquel Xoán de Deus, quen se dicía chamar Xoán González; mais nesta ocasión no outorgamento entraba a totalidade do casal do Castelo –non unha das metades–, de aí tamén a suba da contía tributaria. Entre outros beneficiarios deste lugar serán coñecidos en datas posteriores os nomes dos irmáns Tareixa e Antón de Deus, cuxas orixes deberiámolas procurar na descendencia do arriba mencionado Xoán González, e que estaban obrigados a satisfacer ás artesas compostelás 37 celamíns de pan mediado no caso do varón e 6 da mesma especie no da susodita Tareixa.

Despois do achegado pouco mais cómpre sinalar, tan só que o recinto castrense houbo perecer da realidade e case que tamén da memoria, porén as súas cinsas continúan no nicho arqueolóxico –en ignorada camuflaxe– e á espreita de seren algún día exhumadas para o estudo dos seus esqueletos pétreos. A raíz deles coñeceriamos algo máis das orixes, da súa vitalidade e derruba en senectude.


venres, 9 de setembro de 2016

NOVECENTOS ANOS DA DOAZÓN DO MOSTEIRO DE SAN XIAO DE CALDAS DE CUNTIS

(Publicado no Diario de Pontevedra - Diario de Caldas,
6 de setembro de 2016, p. 3)

A REDACCIÓN DO DOCUMENTO REAL: 8 DE MAIO DE 1116


Urraca, raíña leonesa e condesa de Galiza,
no Tombo A da Catedral de Santiago
Cando Fernán Pérez –notario da raíña Urraca, soberana de León e titular do Condado da Galiza– comeza a redactar o documento, están presentes como testemuñas un número escolleito de próceres e príncipes galegos. Entre eles vemos a Xoán Díaz, señor do castelo de Orcellón (Ourense); Fernán Eáns, que goberna Ponte Sampaio (Pontevedra) e Guntado Díaz. Ambos confirman o documento rexio, sendo testemuñas habituais nos pergameos da citada señora e outrosí do seu fillo Afonso VII. Gustaron de estampar tamén os seus nomes tres dos condes máis destacados do país: Pedro Fróilaz, da Casa de Traba; Munio Pelaez, da Monterroso; e Roi Vélaz, titular do Condado de Sarria. Incluso fica unha representación do estamento eclesiástico galego, velaí subscriben e confirman a dádiva da raíña leonesa os bispos de Mondoñedo, Tui e Ourense; nomeadamente Munio, Afonso e Diego.

O documento, do que ignoramos o lugar no que se asina (aínda que consideramos que debera ser nalgún territorio do reino galego) leva data do 8 de maio de 1116. Nel percíbese que a raíña busca gañar a confianza de Diego Xelmírez (co que mantén non poucas desavinzas). E aínda que as recentes comezan en 1115, certo é que as máis importantes teñen que ver co feito de que a aristocracia galega –civil e eclesiástica– lideradas polo conde Traba e o bispo Xelmírez –respectivamente– non gustase de aceptala como soberana do territorio galego, senón ao seu fillo Afonso Raimúndez, o neno rexio, aquel que seica nacera en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105. Por iso Urraca lle entrega ao prelado compostelán o mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis (Sancti Iuliani de Caldas Contines), ou das Termas de Contes, segundo a Historia Compostelá. Nese libro asegúrase que logo de desacordos e unha posterior avinza entre a raíña e o bispo, aquela “concedeulle ao bispo Termas de Contes, que entón era do xuro real, posto que o desexaba para aumentar o señorío de Santiago, e selou a súa doazón con privilexio escrito que se conserva até o día de hoxe no arquivo da igrexa de Santiago”. O orixinal quizais se perdeu nos recunchos dalgunha gabeta, pero unha copia do mesmo reprodúcese no marabilloso Tombo A da Catedral de Santiago. Nel certifícase que Urraca lle entrega a Xelmírez a devandita igrexa, mais esta forma parte dunha infraestrutura monacal. Tal feito despréndese ao entendermos que ademais do templo a raíña entrega a casa abadenga: 

"Ego Urraca, gratia Dei, Hispanie regina, piisimi regis domini Adefonsi filia, vobis domno Didaco ecclesie Sancti Iacobi secundo episcopo et omnibus canonicis eiusdem ecclesie facio scripturam firmitatis de ecclesia Sancti Iuliani de Caldas Contines, cum casa de abbate, cum testationibus et hominibus et hereditate que ad ipsam casam abbatengan pertinet”.

Segundo este parágrafo confírmase que talas instalacións conventuais son de propiedade rexia. Porén, isto non é así no que concirne ao tamén mosteiro de Santa María de Caldas de Cuntis e á igrexa de San Vicenzo –citados no mesmo documento– xa que ambos son do xuro de Pedro Gutiérrez (abade de Santa María), do xuíz Gundesindo e dos seus herdeiros; isto é, dunha familia nobre local.

AS ORIXES DE AFONSO VII

Afonso VII, rei de Galiza e
logo Emperador
Cando acontece a doazón do mosteiro de San Xiao goberna Galiza –como dixemos– o Afonso VII. Este monarca, que o é dende 1111, nace das alianzas sacramentais estabelecidas entre Urraca –que se di emperatriz de toda Galiza– e o seu primeiro marido, Raimundo de Borgoña, prócer que gustara de nomear a Xelmírez como notario e secretario seu (1093).

Certo é Afonso Raimúndez procede de dúas importantísimas familias. Por liña materna descende dos reis de León, Castela e Galiza así como dos condes de Bourgogne e dos reis de Francia; pola paterna, dos condes de Besançon, Bourgogne e Mâcon. 

E de querermos entrar en detalles podemos sinalar que o cativo é sobriño de Etienne I, conde de Mâcon et Vienne;, de Clemence, Gisèle e Ermentrude, condesas consortes de Flandres, Saboia e Montbéliar, respectivamente; Matilda, duquesa de Bourgogne; Étiennette, señora de Royans; Bertha, muller de Afonso VI, e polo tanto raíña consorte de Castela e León; Eudes, conde de Bourgogne;, Renaud II, titular dos condados de Bourgogne, Mâcon, Vienne e Oltingen;, Octavien, frade de Pavía e futuro Santo Octavio; Hugue, arcebispo de Besançon; e Guy, Callistus II, Papa de Roma.

1117: CANDO ISPEN NO OBRADOIRO Á RAÍÑA URRACA

Sinatura de Urraca
Xelmírez (de pé) nunha miniatura do Tombo de Toxosoutos
Alén diso, cómpre lembrar que cando se doa o mosteiro de Xiao de Caldas de Cuntis a cidade de Compostela segue convulsa con Urraca. Ela dirixírase até a urbe en varios momentos, mais ao ano seguinte, en 1117, Compostela estoupa. Disque os burgueses de Santiago a aldraxaran en público –pois seica se sentían ofendidos pola soberana leonesa. Refuxiada co bispo no seu pazo, a burguesía préndelle lume ao seu acubillo, Xelmírez agatuña polos tellados da catedral e logo entra en oración, mentres deixan á raíña totalmente núa xunto o Obradoiro. Deste xeito aparece na Historia Compostelá

“(...) saíu a raíña da torre. Cando a turba a viu saír, abalanzáronse sobre dela, collérona e botárona en terra nun lameiro, raptárona coma lobos e desgarraron os seus vestidos; co corpo espido dende o peito até abaixo e diante de todos quedou en terra durante moito tempo de xeito vergoñento. Tamén moitos quixeron lapidala e entre eles unha vella compostelá feriuna gravemente cunha pedra na meixela”.


O TRASLADO DA CABEZA DO APÓSTOLO SANTIAGO "O ALFEO"

Relicario do cranio de Santiago Alfeo
O máis curioso é que tal suceso acontece logo de que Urraca lle entregase ao bispo Xelmírez unha reliquia apostólica. Maurice Bourdin, bispo de Coimbra (1099-1108), futuro Gregorio VIII “O Antipapa”, viaxara non había moito a Xerusalén, e disque alí bate co cranio de Santiago, que traslada cara á Península en “piadoso latrocinio”. Tal feito supuña en bo grao, no caso de que fose a cabeza do fillo do Zebedeo (ao final disque era a de Santiago Alfeo), derrubar o prestixio de Compostela. 

Alén disto, e tal e como os peregrinos viaxan aos santos lugares, as reliquias tamén fan o seu periplo co gallo de promover e consolidar este ou aqueloutro santuario. Dende Xerusalén, a cabeza furtada vai até o templo de San Zoilo de Carrión, de aí a igrexa leonesa de Santo Isidoro e, por último, Urraca obtena e entrégalla a Diego Xelmírez en 1116, data que coincide coa doazón do mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis, feitos dos que este ano se celebra o 900 aniversario.