Maio de 2019 – Tempo para Antón Fraguas e tempo
para os amantes do galego
Entre os fondos antigos da Fundación Penzol (Vigo)
podemos recompilar unha serie de pergameos realmente interesantes para o
municipio estradés, datábeis entre finais do baixo medievo e os albores da
época moderna dos cales, algúns deles, xa fixemos mención ou extracto no ensaio
titulado No medievo, castañas e
castiñeiros como recursos económicos (edicións Fervenza 2018). Certo é que
tales documentos non pertencen a unha unidade de instalación en exclusiva,
senón que se atopan catalogados en diversos cartafoles. Varias ducias son as
que espertan a nosa curiosidade pois, alén da relevancia que posúen dentro do
contexto galego, son significativas tamén para a historia da bisbarra. E
sinalamos isto último xa que un dos pergameos, que leva data do 20 de abril 1440,
ligado ao casal do Preguecido, versa non unicamente sobre unha figura principal
galega como é Álvaro Núñez de Isorna –bispo de Conca–, senón tamén sobre aquela
fortaleza do señorío dos arcebispos composteláns que se ergueu na xeografía de
Vea, referímonos á casa forte da Insua (da que temos tratado en múltiples
ocasións). De toda a colección, o documento máis antigo a destacar redáctase en
1347 e trata sobre determinados herdos que en Santa Cristina de Vea pertencen
ao mosteiro das clarisas de Compostela.
1.
Intención
|
Armas do Cabido de Lugo
(debuxo: Héitor Picallo) |
Porén a intención de nos mergullar no contido de
tales pergameos e na súa paleografía radica, fundamentalmente, no feito de
tentar reconstruír –xunto co amigo e historiador Damián Porto Rico– a
biográfica dun dos máis ilustres estradeses de finais do medievo e comezos do
S. XVI. Referímonos ao deán lugués Gabriel Rodríguez de Casal de Raros, procedente
das casas fidalgas do Preguecido (Santa María de Aguións – terra de Vea) e
Casal de Raros (San Miguel de Moreira – terra
de Tabeirós). Residente na Corte de Roma e ao servizo dos Medicis, alén
de ser comensal continuo e palafreneiro do papa León X, vémolo como espectador
–e quen sabe se en certo xeito tamén resultou ser axente activo– no
rexurdimento italiano, tanto no eido das artes plásticas como no que atinxe aos
revolucionarios pensamentos que están agromar con ímpeto dende o humanismo. Da
historia deste personaxe estamos a ultimar un ensaio que axiña ha ser unha
realidade impresa, e que poderá colaborar talvez no engrandecemento da historia
galega e, en bo grao, de certas historias locais (da Estrada, Cuntis, Lugo,
Compostela...). Velaí que con este artigo facilitemos non só datos de contexto
e biográficos dalgún persoeiro destacado, senón a transcrición íntegra dun
pergameo escrito a finais de 1499 vinculado ao lugar da Estrada (hogano vila e
urbe principal do municipio). Poderíamos certificar que este documento é un dos
máis antigos que cita á Estrada, que se ben no pergameo vai ligado a un inmoble
ou casa debía existir certamente tamén como lugar, de termos en conta outro
documento redactado seis anos antes.
2.
Contexto histórico-social
|
Brasón do Pazo do Preguecido
(debuxo: Héitor Picallo) |
O texto que se facilita no último apartado deste
artigo vén a ser un contrato de compravenda estabelecido entre os irmáns Pedro
e Xoán Rodríguez de Casal de Raros (II), tío e pai, respectivamente, do
devandito deán lugués. Ambos personaxes, vinculados aos pazos do Preguecido e
Casal de Raros, son fillos doutro Xoán Rodríguez (I), de quen ignoramos o nome
da súa muller mais sabemos que debeu vivir na primeira metade do S. XV. Cómpre
achegar que Casal de Raros é por aquelas alturas un couto xurisdicional situado
en Moreira dependente de dúas institucións señoriais: o cenobio cisterciense de
Santa María de Aciveiro e o cabido diocesano de Compostela. Por outra banda, o
Preguecido está en posesión deses fidalgos da caste dos Casal de Raros dende a
última centuria medieval, se ben é certo que os verdadeiros señores por
concesión das institucións catedralicias compostelás resultaron ser, entre
outros, o referido Álvaro Núñez de Isorna (arcebispo de Santiago entre 1445-1449)
e o mariscal Sueiro Gómez de Soutomaior, señor das fortalezas de Lantañón
(Paradela de Meis), A Lúa (Rianxo), A Insua (A Estrada), Montival (Cuntis)...
No que atinxe á contorna do lugar da Estrada,
esta área estivera xunto co couto do Viso e a fortaleza de Guimarei controlados
polos representantes da casa de Altamira, próceres que –como achegan os
investigadores Luís Ferro Pego e Xosé Bértolo Ballesteros– desistirían de
conservar determinados patrimonios na primeira metade do S. XVI, concretamente o bastión de Guimarei
e os seus outros edificios principais e anexos. Así e todo, en 1493 Pedro Rodríguez
de Casal de Raros e Maior do Pedregal son agraciados por Lopo Sánchez de Ulloa,
conde de Altamira, cun gorentoso contrato enfitéutico: o lugar da Estrada e os
patrimonios ligados a el, baixo a renda anual dun real de prata. Mágoa que este
pergameo non se atope na mellor das condicións desexábeis, pois a súa lectura
resulta empresa ben complicada por mor da veladura de tintas, por estar o
pergameo bastante brunido e a existencia, outrora, de fungos que foron quen de
deixar a súa pegada.
3.
Os protagonistas do documento
Noutra orde de asuntos, podemos sinalar que Xoán
Rodríguez de Casal de Raros (II), o que se cita no pergameo de 1499 e que
estamos a contextualizar, tivera certas relacións cunha dama da marxe dereita
do Ulla (Vedra) chamada Sancha de Merín, de quen nace o deán lugués. Con ela
non casa e si o ha facer en primeiras nupcias con Tareixa Rodríguez do
Preguecido e, en segundas, con Urraca Ares de Soutomaior (descendente das casas
de Lantañón, Sebil e Aldao, entre outras moitas de prestixio). Polo que se
dilucida do texto, Tareixa xa finara por esas alturas e era outra muller,
Urraca Pose, a cónxuxe do patriarca do Preguecido (quizais a mesma da casa de
Lantañón que se cita noutros documentos). Xoán Rodriguez, que debe nacer na
segunda metade do S. XV, continúa vivo en 1501 e falece antes de 1506, deixando
non menos de once fillos e fillas, entre os que está o cóengo Gómez Rodríguez
de Casal de Raros, fundador do vínculo e morgado do Preguecido (a 15 de xaneiro
de 1556). Coa morte do patriarca é o seu fillo homónimo, o escudeiro Xoán
Rodríguez de Casal de Raros (III), medio irmán do deán de Lugo, o que bote man
do fogar familiar, pois queda ao coidado dos seus irmáns menores (“Afonso
Rodriguez, et Rodrigo Fernandes do Pregueçido, et Jácome Rodrigues e María
Rodrigues do Feal”).
|
Árbore xenealóxica da caste dos Casal de Raros |
Isto no que atinxe ao comprador, mais no que se
refire ao que estabelece a venda debemos sinalar que Pedro Rodríguez, veciño de
Ouzande, fica casado con Maior do Pedregal dende cando menos 1493; porén consideramos
que podería ser a mesma persoa que anos máis tarde, e logo do pasamento da súa
dona, exerce de crego na mesma freguesía e é veciño do lugar de Penarada
–segundo se indica en varios documentos conservados na Catedral de Santiago.
Seis
anos máis tarde, Pedro Rodríguez cede a referida casa da Estrada e as súas herdades e devesas, localizadas en San
Lourenzo de Ouzande e nas inmediacións dunha verea importante que denominan camino francés, ao seu irmán Xoán
Rodríguez de Casal de Raros (II), aínda que no pergameo non se indique tal
filiación. Este é o documento do que gustamos transcribir o seu contido.
Velaquí queda para interese do curioso e do investigador.
4.
O texto, o idioma e a toponimia
O pergameo ten unhas dimensión en alto e ancho,
respectivamente, de 120 por 312 milímetros; e en dezanove liñas redáctase un contrato
de compravenda pasado perante Fernán Bieites, notario público xurado das terras
de Tabeirós e Vea en substitución do seu verdadeiro titular, Alonso López
Galos, de quen xa temos tratado noutras ocasións. O texto vai provisto dun par
de folios anexos nos que se indica a información contida nesa vitela. Nun
deles, con letra do S. XVIII, alértase que se trata dunha “venta que hizo Pedro
Rodríguez, morador en la felegresía de San Lorenzo de Ouzande, a Juan Rodríguez
de Casal de Nares, da Casa da Estrada que está so o Camiño Francés, en dicha
felegresía de Ouzande, con todas sus heredades y devesas, fecha en 7 de
noviembre de 1499, por an\te/ Revera \Fernán/ Bieitez, notario de tierra
de Tabeirós. Escrivano Fernán Bieitez”.
Son testemuñas no acordo comercial o crego de San
Lourenzo de Ouzande, Gonzalo Rodríguez, e entre outros un par de veciños das
terras de Vea, nomeadamente Xoán Bouzón e Xoán Mancebo.
Integramente redactado en galego e con letra
carolina, o texto elabórase no interior do templo de Santa María de Aguións (“foy
feita e outorgada (n)a iglesia de Santa
María d’Aguioos, que he en terra de
Vea”) e leva data do 7 de novembro
de 1499. Mais en relación co outorgante do mesmo, Pedro Rodríguez de Casal de
Raros, consérvase nos mesmos fondos documentais un outro pergameo tamén
redactado no idioma de noso. Trátase dun novo contrato de compravenda que, con
data do 2 de novembro de 1501, axusta co seu irmán Xoán Rodríguez. Por medio
del véndelle a esoutro fidalgo todos os herdos que posúe na xeografías
estradesas (“as mynas erdades, e casas, e casares que eu teno en Terra de Vea e
de Taveirós, e donde quer que las eu teño e ajo”).
No que atinxe aos nomes de lugar, aínda que esta
sería unha tarefa propia da investigadora Clara Iglesias Cortizo, existe unha restra
de topónimos reproducidos no pergameo que se nos fan moi suxestivos. Un par deles
refírense a dous territorios: Terra de
Vea, que engloba a organización administrativa localizada no val do mesmo
nome (hoxe ligada á Estrada); e Terra de
Tabeyroos, caso semellante ao anterior. Reuadulla
–tamén citado– alude non así ás freguesías homónimas presididas polas devocións
de San Mamede, San Vicenzo e Santa Cruz, senón a unha área territorial e
administrativa denominada Ribadulla que totalmente diferenciada dende o medievo
e que abarca, fundamentalmente, as terras do municipio actual de Vedra.
Dous son os nomes de freguesías estradesas que se
mencionan, San Lourenço d’Ouçande e Santa María d’Aguioos; e tres as
entidades de poboación. Con respecto a estas últimas debemos entender que o
apelido da citada Maior posúe unha vinculación toponímica directa, pois Pedregal é unha entidade da parroquia da
Estrada. Caso semellante acontece con de Cas
de Raros, ou Casal de Raros na
versión máis estendida, pois alén de denominar a unha familia, liñaxe ou caste
alude a ese topónimo que resultou ser núcleo dun couto xurisdicional “sito en
la feligresía de S. Miguel de Moreiras,
en La Pica, junto al Puente de Zarandón”.
A último hodotopónimo a ter en conta é o que deu
orixe ao nome da actual entidade de poboación e vila da Estrada. Astrada procedería –se nos guiamos das
investigacións de Clara Iglesias– do verbo latino strare ou do termo stratus
que aluden, dun ou doutro xeito, a unha verea de evidente importancia
socioeconómica que discorrería polas inmediacións e que sen dúbida é a mesma
que no pergameo se documenta como camino
francés.
5.
Criterios de transcrición e signos
Toponimia: preferiuse
grafar do xeito que aparece na documentación orixinal, no entanto,
resaltarémola en cursiva.
As transcricións
efectuáronse verbo dos criterios máis habituais e segundo os signos que a continuación
se reproducen e explicamos:
\ / Caracteres grafados sobre a liña ou
chamadas á marxe.
[ ] Restitución certa do escrito cando
existe unha lagoa no texto.
[...] Lagoa non restituíbel no texto.
(sic)
Grafía aberrante non corrixida.
<cursiva>
Texto omitido polo escribán, pero preciso para a comprensión do texto.
Manteranse co riscado as palabras
que deste xeito aparezan.
6.
Transcrición do documento
(Aguións. 1499-11-07)
XOÁN RODRÍGUEZ DE CASAL DE
RAROS (II), PAI DO DEÁN GABRIEL RODRÍGUEZ, ADQUIRE A CASA DA ESTRADA, AO PÉ DO
CAMIÑO FRANCÉS
(Arquivo da Fundación Penzol, Colección de
documentos B, PLA-04/199)
Ano do nasçemento do noso sennor Ihesus Chripsto
de mill et quatroçentos ihs et noventa e nueve annos, septe días do mes
de nobenbre, sepan todos que eu, Pero Rodrigues, morador enna freyguisía de San Lourenço d’Ouçande, por min et por
minna muller, Mayor do Pedregal, et por todas nosas vozes vendo et firmemente
outorgo para senpre a vós, Juan Rodrigues de Cas do Raros, et a vosa muller,
Horraca Pose, moradores enna freyguisía de Santa
María d’Aguioos, et as vosas vozes, convén a saver a casa d’Astrada, que está soo Camino Françés, para a parte do vendaval
da freyguisía de San Lourenço d’Ouçande,
con todas súas herdades et devesas, según que fasta agora eu o dito Pero
Rodrigues tibin et posoýn, et véndovos todo a montes et a fontes por contía de
tres mill et cen pares de brancas, que ja me destes et pagastes, et de que
confeso et outorgo que soo entrego et ven pago, et renunçio a toda eixepçión,
que non diga dello o contrario, et a lex dereito do aver non dado nen contado en presençia do notario
et testigos et todo juro, sennorío, vos, auçión et dereito, possisón et
propiedade que eu ajo et \me/ pertençe en esto que vos vendo de min et de mina
vos, o tiro e tollo et en vós et en vosas vozes o pono et traspaso por esta
presente carta de venda. Et se máys val esto que vos vendo que a dita cotía,
toda esa
demassía vos dou en libre doaçón para senpre, et prometo de vos amparar
et defender con esto que vos vendo para o qual vos obligo min e meus
veens et de aquí en diante façades dela toda vosa voontade como de nosa cousa
propia. Et esto prometo teer et conprir so pena do dobre da dita contía que
page por pena quen contra elo vyer ou pasar, et a pena pagada ou non pagada
esto fiqui firme et valla para senpre.
Et eu, o dito
Juan Rodrigues, asý resçebo por min e por la dita myna muller absente, ven como
se fose presente, que foy feita e outorgada <n>a iglesia de Santa María
d’Aguioos, que he en terra de Vea.
Testigos que estaban presentes Gonçaluo Rodrigues, clérigo de Sant Lourenço d’Ouçande, et Juan Bouçon
et Juan Mançebo, moradores enna dita terra et outros.
Fernán Bieites,
notario appostólico
|
|
Sinatura de Fernán Bieites |
E eu Fernán Bieites, notario público jurado por la abtoridade
apostólica et escusador de Afonso Lopes Galos, notario de Terra de Tabeyroos e Reuadulla,
a esto que dito he, presente foy con os ditos testigos. Et después ben et
fielmente et meu nome y sygno puge que tal he
(Textos e imaxes: Héitor Picallo, agás aquelas fotografías procedentes do Arquivo da Fundación Penzol)