Dende as páxinas do Sermos Galiza, na edición do 20 de decembro de 2018 (número 327), Emma Pedreira e máis eu publicamos un artigo para conmemorar a redacción dun pergameo procedente do mosteiro de San Breixo e San Martiño de Arcos de Furcos. Este cenobio dúprice (provisto de dúas comunidades relixiosas: feminina e masculina) asenta baixo a sombra do Castro de Arcos e na proximidade de pequenos regos de auga polo século VIII, aproximadamente. O lugar, chamado o Mosteiro, conserva un certo halo enigmático, malia que a realidade indica que no ano 898 os monxes e monxas do cenobio asinan un pacto de renovación monástica co seu abade, por aquela altura un tal Adaulfo.
Entre os monxes figura unha muller que tomara votos de obediencia (deo vota - devota) de nome Fradegunda, cuxa sinatura fica entre aquelas persoas que subscribiron o citado pacto vinculábel coa regra de San Froitoso de Montelios (Braga).
Naquel 2018 cumpríanse 1120 anos da redacción do pergameo e quixémolo lembrar indicando cal foi a historia del. Así, escrito en Arcos de Furcos, voará cara ás instalacións monásticas de San Paio de Antealtares, de aí ás de San Martiño Pinario, logo aos fondos do Concello Compostelán, á Biblioteca da Universidade e na actualidade, coma un tesouro (e abofé que o é) fica no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, onde o puidemos ver, aloumiñar coas mans cubertas de fío e cuns ollos que non daban creto do que tiñamos diante: a alfaia da palabra antiga.
Emma Pedreira, sen dúbida unha das persoas máis relevantes da escrita actual galega (e internacional), gustou de lle poñer voz (poética) a aquela devota que deambulou polas xeografías de Arcos de Furcos, que se entrega ao seu credo e que gusta de grafar o signo que lle é propio, coma se for un peza de pan cunha cruz enriba posta a levedar. Esta sinatura puidemos reproducila para ser conservada polas xeracións vindeiras na retina e no papel impreso. Por iso agardo, máis ben agardamos, que vos guste este saboroso petisco de historia que recende a país. Se queredes lelo integramente non tedes máis que premer a sinatura de Fradegunda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario