xoves, 27 de xullo de 2017

CIENCIA EN GALEGO: MANUEL XACOBE FERNÁNDEZ MARIÑO

Artigo publicado baixo o título: ‘Manuel Xacobe
Fernández Mariño. O precursor da balneoterapia’. Ve a luz no Diario de Pontevedra, 
suplemento Diario de Caldas (25-11-2015)


Ao CPI Aurelio Marcelino Rey García

Retrato de Manuel Xacobe Fernández
Mariño coa súa indumentaria médica


Certo é que a balneoterapia moderna comeza a rexurdir en Galiza logo da batalla contra as tropas napoleónicas... xusto cando egrexios personaxes como Manuel Xacobe Fernández Mariño se introducen de cheo no estudo das augas minerais deste territorio. 

As Orixes e a familia

Fillo de Vicenta Maneiro Mariño e Francisco Xavier Fernández Pérez, nace en Santa Uxía de Ribeira un 18 de outubro de 1784; e contrae alianzas sacramentais –o primeiro de outubro de 1822– cunha muller de bastante renome por toda a bisbarra do Umia, Xosefa Mosqueira Taboada, que é filla dos señores do Pazo da Peroxa (Portas), nomeadamente de Tomasa Taboada e Cea e Antón Mosqueira Caamaño das Seixas e Osorio. Manuel Xacobe e Xosefa conseguen ter, cando menos, tres fillos: Tareixa, Xosé (que acada a licenciatura en medicina pola Universidade de Santiago de Compostela) e Antón Vicenzo (que o fará en dereito e xurisprudencia na mesma universidade).


Formación Académica e Labor Académico

Sábese que o ribeirense xa é médico polo ano 1808, mais a guerra debeu frear a súa brillante formación, a que ha completar en diversas universidades. En Compostela faise bacharel, mais o seu título é revalidado en Madrid. Consegue ser doutor pola universidade valisoletana (1826) e fórmase en medicina e cirurxía en San Carlos de Madrid. Durante a súa estancia en Valladolid ocúpase dunha cátedra nesa universidade (1822), logo será profesor substituto da Facultade de Medicina en Santiago de Compostela (1824) e un pouco máis tarde, obtén a cátedra de Medicina e Cirurxía nesa universidade (1827). A partir de 1843 encárgase de dar clase de Medicina Legal e Forense, mais o seu currículo vital e de honores non remata aí: noméano Síndico Fiscal da Universidade de Santiago, médico en propiedade do Real Acordo e Tribunal Superior do Reino e do Colexio Maior Fonseca, académico numerario das Reais Academias de Medicina e Cirurxía de Galicia e de Asturias.


Investigacións

Dentro do eido da investigación, é autor de varias obras. Velaquí citamos as coñecidas: 
Observaciones sobre
las aguas minerales de
Caldas de Reyes y Caldas
de Cuntis (132)
  1. Opúsculo sobre las enfermedades de los ojos (1822); 
  2. Anuncio sobre las investigaciones físico-químico-médicas de las aguas minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (1828); 
  3. Observaciones sobre las Aguas Minerales de Caldas de Reyes y Caldas de Cuntis (1832); 
  4. Cánones generales fundados en reiteradas observaciones física, química y médicas (...) para el gobierno de los que necesiten las aguas y baños minerales medicinales de los establecimientos de Las Caldas de Reyes y Cuntis (1841); 
  5. Establecimientos de augas y baños minerales de Caldas de Reyes y Cuntis en la provincia de Pontevedra (1842); e 
  6. Programa de las lecciones de tercer año de la facultad de Medicina (1851). 
Para ampliar algún detalle sobre isto pódese consultar a información publicada a este respecto polo Consello da Cultura Galega.

Cuntis e Caldas de Reis: dous concellos en débeda co ilustrado 

En relación coa nosa bisbarra, temos coñecemento de que se interesa polas propiedades das augas minerais cuntienses polo ano 1811; se ben é certo que chega a Caldas de Reis un ano máis tarde e que é aí cando esperta a súa gran curiosidade por este tipo de recursos naturais. Por oposición, no ano 1816, acada unha praza de director médico para os balnearios de Cuntis e Caldas de Reis, e nesa primeira vila ocuparaa durante varios anos (1817-1848).

Sinatura de Manuel Xacobe Fernández Mariño
Resulta asombroso que tanto a vila do Baño (Cuntis) coma a de Caldas de Reis non teñan no seu rueiro o nome de tan grande investigador galego, verdadeiro responsábel do rexurdimento termal de ambas as dúas vilas. É curioso que existan rúas –cando menos algunhas cuntienses– que levan nomes de persoas que pouco ou nada teñen feito por este municipio, e entrementres hai outros que foron esquecidos, omitidos ou –como pode ser este caso– inconscientemente ignorados. 

Ademais en Cuntis Fernández Mariño é responsábel de varios feitos de sobrada transcendencia: 
  • Primeiro: ter instalado os baños de vapor e chorro no balneario da Virxe; 
  • Segundo: localizar en 1831 un baño de fábrica romana (construído en argamasa) e que presumibelmente aínda se conserva na Rúa Real (hogano rúa do Balneario); 
  • Terceiro:  recuperar o bronce dun suposto edil romano ou da deusa Minerva que el traslada para o Museo da Universidade de Santiago (lugar onde “se perdeu”); e
  • Cuarto: mandar construír unha fonte, nesa citada rúa, co obxecto de que vertese ininterrompidamente para toda a veciñanza. Achegamos uns parágrafos, redactados por este médico, en relación coa declarada descuberta:


En el mes de Junio del año de 1831 he descubierto debajo de un manantial de agua mineral, que brotaba en el centro del pueblo, un grande baño de construcción romana, a la profundidad de dos varas bajo el nivel de la calle principal, con paredillas muy compactas, formadas de argamasa y piedras muy menudas, en cuya capacidad hueca de doce pies, cuatro pulgadas y cuatro lineas y media de longitud; y doce pies, una pulgada y nueve lineas de latitud, se acomodan cuarenta bañistas a la vez; su fondo –enlosado de guijos de diferente magnitud y figura irregular, sin pulimento– presenta cuatro abundantes manantiales que le llenan en una hora y veinte minutos de agua mineral sulfurosa a la temperatura de 43 º Reaumur (53º Centígrados). Sobre una pared de este baño se halló una pequeña estatua de metal, que figura ser un Edil romano, y una inscripción en lo interior de la pared, al lado de una corona, que desgraciadamente destruyeron los operarios. Con la descripción de este baño he remitido copia dibujada de la estatua a la Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirujía, en cuyo archivo debe existir”.

Fonte mandada construír por Manuel Xacobe Fernández
Mariño. Detrás, praciña que resgarda no subsolo o baño
romano identificado polo ilustrado médico

Digamos que a diferenza doutros profesionais, a diferenza de certos propietarios de estabelecementos balnearios, a diferenza de distintos particulares Manuel Xacobe Fernández Mariño quixo e soubo compatibilizar o desenvolvemento “empresarial” coa conservación do patrimonio; soubo entender que o progreso non ten porque rifar cos testemuños do pasado. Considero que Cuntis débelle algo, e Caldas de Reis tamén.

xoves, 9 de febreiro de 2017

O CRUCEIRO DE BEADE

Cruceiro de Beade
(foto extraída de http://lamagiadelaspiedras.blogspot.com.es)
E sérvenos ben, por dar conta dalgunha curiosidade do noso patrimonio etnográfico galego, o cruceiro que se sitúa enfronte ao templo parroquial de Beade. Este elemento, provisto como é habitual duns chanzos, unha base e un fuste, ten un motivo moi pouco común. A citada cruz está constituída por catro puntas de frecha unidas nun único vértice, polo que debemos clasificala entre aquelas que se denominan octógonas.

Pero a existencia dese elemento ten unha razón moi lóxica. Adiviñádelo?

Beade foi cabeza e encomenda dunha orde militar moi coñecida –así como lendaria- que estendeu a súa fama (e vida) en pouco menos de dous séculos durante o medievo. A mesma fora castigada polo monarca francés Filipe IV, quen coa súa insistencia consegue convencer ao polo Sumo Pontífice romano Clemente VI. A adquisición dun enorme patrimonio é visto por aqueles como un gran perigo, como unha ameaza continua e constante.

A ORDE DO TEMPLE

Estamos a falar orde do Templo de Salomón (ou do Temple), que funda Hugo de Payns ao redor de 1118 e que Clemente VI ordena extinguir de xeito canónico no ano 1312 (a raíz do Concilio de Viena e tras promulgar a bula pontificia Vox in excelso). Os relitos bens da mesma, a partir desa data, comezan a seren adquiridos por distintas institucións, así como tamén furtados ou traspasados. No que atinxe ás terras de Caldas de Reis, O Salnés, Moraña e Arcos da Condesa estes integraranse no Cabido Catedralicio Compostelán, e máis concretamente nunha tenza que ha levar o nome do Temple. Sobre este asunto é recomendable consultar a obra que Carlos Pereira Martínez publica sobre Os Templarios: Artigos e ensaios  (Toxosoutos 2000), pois estamos, posiblemente, perante un dos maiores coñecedores desa orde militar a nivel galego. 
Cruz da Orde do Templo de Salomón
(ou do Temple)

Sobre Caldas de Reis e os restantes territorios do Salnés algo tirei nalgunha revista de investigación, transcribindo incluso certos documentos medievais, porén sobre a Tenza do Temple cumpriría afondar con moita constancia nos fondos do Arquivo da Catedral de Santiago para coñecermos, logo así, a amplitude deses herdos. Así e todo, xa existen traballos moi a ter en conta como aqueles publicados por J. A. Rey Souto.


A ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

Foto de Natividad Rey
Ordóñez
No que se refire a Beade, á súa encomenda e patrimonios, estas pasan directamente á Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta (comunmente coñecida como este último topónimo), e será a partir daquela centuria (S. XIV) cando Beade se vincule a estoutra milicia. De querermos afondar neste asunto, non resulta necesaria, senón imprescindible, botar man da fabulosa obra titulada Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén do investigador Isidro García Tato.
Cruz octógona ou da Orde de Malta

Co ánimo de non nos desviar do tema central deste breve texto, e a xeito de conclusión, debo sinalar que a milicia de Malta foi quen de tomar como propio o citado símbolo da cruz octógona. 

De aí que o cruceiro de Beade o debamos vincular directamente a esta orde militar (á de Malta) e non á do Temple ou a un mero capricho do escultor ou do promotor da obra. As oito puntas da cruz, ademais, aluden a certos preceptos que debían observar tales cabaleiros: 

1) A Verdade, 2) A Fe, 3) A Humildade, 4) A Xustiza, 5) A Misericordia, 6) A Sinceridade, 7) Soportar a persecución e 8) O arrepentimento dos pecados.

sábado, 21 de xaneiro de 2017

A TORRE DOS VALLE-BERMÚDEZ (A POBRA DO CARAMIÑAL) EN DOLOROSO ESTADO

Non comprendo certas cousas...
E isto é impresionante, ao mesmo tempo que penoso, se temos a ben analizar o que significa en amplitude cada un dos aspectos que vinculan a Torre dos Valle-Bermúdez da Pobra do Caramiñal coa cultura galega.
Como se pode deixar deteriorar unha edicificación civil (como se fose doutra índole) cando debera ser fachenda e orgullo de toda a sociedade!!!???: das/os pobrenses, das/os galegas/os, de todas as administracións (local, autonómica e estatal).

A TORRE DOS VALLE-BERMÚDEZ

E lembremos de que se trata: 
A torre, ergueita na primeira metade do S. XVI por mercadores poderosos da caste dos Xiance, posúe arestora a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), alén de ser un dos poucos edificios renacentistas galegos desta tipoloxía, localizado na citada vila mariñeira, tan rica en patrimonio como tamén nalgún fracaso. E digo fracaso pois cumpriría cavilar nas arbitrarias explicacións que algúen nos agasallaría tras xustificar a histórica derruba da casa do escritor e fillo predilecto da vila Victoriano García Martí (1881-1966). Surrealista o feito, non? Pois autorízase a demolición para que un supermercado local (da compañía Gadis) puidese instalar un aparcadoiro: Vivamos coma galegos!!! Nin a propia empresa debera ter considerado e aprobada tal posibilidade... Aínda que o obxecto responsábel recae, obviamente, nas administracións e -de forma subsidiaria- naqueles que o consentimos. Ou iso creo. 
Con independencia deste excurso, pois non é o tema que hoxe nos interesa sobremaneira, retomamos a liña argumental que nos trae. Así cómpre sinalar que a torre tamén posúe a declaración de Monumento Histórico Artístico (concretamente dende 1976). Aínda que outrora é a morada orixinal na que reside a familia Valle-Bermúdez e particularmente o autor de Luces de Bohemia, hogano cumpre a función de dar espazo, lugar e protección á casa-museo de Ramón María del Valle-Inclán
Neste inmóbel consérvase un importante patrimonio vinculado ao autor e á súa familia, con manuscritos orixinais (correspondencia incluída), con primeiras edicións das obras de Valle, pezas únicas e valiosísimas de distintos protagonistas das artes plásticas galegas, con cadros de pintores egrexios coma Juan Luís López (1894-1979), escaiolas coma a de Maxín Picallo (sobre o nacemento do Río Miño), cadros orixinais de Siro López, e algúns deste que escribe (caricaturas e augatintas)... 
E pregunto (SÓ É UNHA PREGUNTA, NON PRETENDE SER UNHA AFIRMACIÓN, ou si, quen sabe!) se existe algunha administración á que lle interese conservar este ben, e tomarse en serio o que significa custodiar os bens culturais da nación galega, das súas fillas e fillos, das/os creadores literarios e plásticos. Pois para sermos correctos precísase falar de ORZAMENTOS, SUBVENCIÓNS e COMPROMISOS REAIS (que ao fin e ao cabo non se trata doutra cousa que observar e aplicar a LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galiza)... 
Cumpriría que se crease, dunha vez por todas -que xa tarda-, unha fundación que fose quen de velar pola divulgación e resgardo de todo ese legado e patrimonio... Os autores e autoras que aí temos pezas (depositadas, cedidas ou expostas) ampáranos no dereito a que estas sexan protexidas de maneira apropiada e que contribúan a enriquecer -día si, día tamén- o que xa é unha figura universal: a de Ramón María. E oxalá fose este espazo íntimo que pisamos -chamado Galiza, este anaco de terra que serviu de berce e inspiración a unha das mellores plumas de todos os tempos-, de impulso de todos os fillos e fillas ilustres que fixeron matria, ou crearon canles artísticas polo mundo adiante.

A EXPOSICIÓN DAS AUGADAS DA TORRE

Aínda que gusto de protexer calquera resto arqueolóxico, ben cultural ou patrimonio colectivo da sociedade galega; quizais me encariñei de vez coa torre dos Valle-Bermúdez ao analizar polo miudo os relevos esculpidos nas pedras do solemne edificio. 
Analizalos de xeito xeométrico (nas proporcións, no material, nos motivos), estudalos e logo intentar reproducilos en augatintas sobre láminas de algodón... creou un lazo que ten que ver coa posesión. Un non é dono desa arquitectura pero pode "posuila", acariñala e tela como próxima. Deste feito, de gozar das súas gárgolas, dos canos coma canóns, das sereas, dos homes vexetais, dos escudos de armas, e do bestiario mitolóxico -profano e fantástico- somos quen de crer na magnitude desa plástica renacentista e posuila dende un aspecto comunitario. "Todo o que se ignora, desprézase" (que dicía Antonio Machado).
Como resultado do estudo, coas axudas xenerosas dos responsábeis da casa-museo, gustamos de expoñer (do 16 de outubro ao 17 de novembro de 2015) todas as láminas creadas (máis de corenta) coa intención de divulgar, reinterpretar o feito plástico, reencontrármonos coa estética e ética renacentistas, e reescríbirmonos coma a ave fénix que asexa -aínda hoxe- na cornixa da torre.

BRIÓN, FENTO, SILVEIRA

Na actualidade, como dende aquela e dende antes dese tempo, segue a medrar o brión, enraíza o fento, asexa a silveira, ulíscase o lique que lica no granito, despréndense tellas da cuberta (co risco que isto coadxuva), entra a auga no interior, esténdense as humidades (polo tanto, quizais puidese proliferar o inimigo do documento impreso ou manuscrito: o fungo) mais non todo é "selva", quizais. 
Deterióranse paseniño -pola acción "humana" e a atmosférica- os relevos platerescos... No "xardín umbrío" repousa a sombra, sen luces... Comedias bárbaras, talvez, no S. XXI.
Se somos sensatos habería que subliñar outro feito, ao meu entender, que desmereceu un chisco aquela maxestosidade da torre e do pazo. Polos anos setenta do século pasado acométese unha "restauración", coa ampliación dun edificio anexo que non harmoniza ren co principal. A obra contemporánea, feita "dese xeito arbitrario" antes do boom inmobiliario, leva o absurdo selo do prescindíbel. Incluso podemos sinalar que o proxecto orixinal (obra de Carlos Fernández-Gago Varela) "desaparece" dos arquivos municipais, ou traspapélase, que xa se sabe como son estas cousas.
Pero deixádeme seguir afondando un chisquiño máis en como se "respecta" o patrimonio. Fornece esta idea o método polo cal un certo alcalde autoriza a limpeza do edificio histórico: a auga a presión, esa que é tan agarimosa cos relevos, coas pátinas superficiais, cos detalles... O resultado, aínda que se comenta polo baixiño, foi o seguinte: algún escudo con tenantes erosionado, algunhas columnas con bustos masculino e femenino irreconocíbeis... Por sorte houbo quen se animou a esixir a inmediata paralización da obra, e falo do que era por ese tempo o arquitecto municipal da Pobra, Carlos Henrique Fernández Coto.
O que tamén causa dor é ver como todas aquelas casiñas mariñeiras en simbiose (dende a sinxeleza das liñas construtivas) coa contorna e coa propia torre foron esfarelando e ninguén as quixo consolidar: bo motivo para alzar outras torres (de máis andares, máis pobres en materiais e lamentabelmente incómodas para moitos ollares). Porque a paisaxe (natural e urbana) e as vivendas humildes tamén forman parte do concepto patrimonio... do noso, do que nos fai ser e seguir sendo.
Quizais teñamos algún día ese panfleto turístico, de perfecto encadre, que realce a imaxe deteriorada, aínda que non decrépita. Imaxe que, se cadra, é o símbolo máis fiel do esperpento contemporáneo: a casa do "creador do esperpento", nunha situación "esperpéntica"... Vaites, vaites!!! Talvez conservemos fotos históricas do que foi e non se soubo gardar entre as alfaias e os aloumiños.
Xa o dicía Castelao, que o problema do idioma en Galiza é un problema de Cultura... Aínda que considero que non soamente isto é veraz no que concirne á lingua, senón que noutros aspectos tamén se certifica... Todo se resume nun problema de afectos, de AMAR o que che é propio e tamén respectar -que é outra forma de amar- o que non che pertence máis que pola mirada, pola historia, pola artes, pola sociedade e a natureza. Debemos posuír o que nos fai sermos conscientes do que somos. Ou iso creo, talvez...

luns, 16 de xaneiro de 2017

A COSMOGRAPHIA DE SEBASTIAN MÜNSTER E GALIZA

Poderíamos comezar polo seu autor, mais neste caso coñecerémolo grazas ás súas obras. Moitos foron os traballos que elabora e publica, abarcando diversas disciplinas como a Gnomónica, a astronomía e a cartografía. Segundo se sabe, é o primeiro autor alemán que na lingua que lle é de seu escribe sobre a cultura hebraica e o hebreo. Non sendo menos de dúas ducias os seus títulos, os que máis nos interesan para este capítulo teñen que ver coa cosmografía. Velaquí as que coñecemos: Die Planetentafeln, Organa planetarum (1536), Cosmographia universalis (1544), e De radio astronomico et geometrico liber (1558).

SEBASTIAN MÜNSTER: LIÑAS BIOGRÁFICAS

Sebastian Münster
Editio princeps (1544)
Comprobamos, logo así, que este é un autor xermánico da primeira metade do século XVI, que vive en tempos do Emperador Carlos V e desenvolve un importante labor intelectual en distintos eidos. Fillo dun granxeiro e de nome Sebastian Münster, nace por 1488 (na cidade alemá de Ingelheim am Rhein), recibe a orde sacerdotal (en 1512) e será reitor da universidade de Basilea (fundada en 1459 polo Papa Pío II). Alén diso, debemos destacar un feito: os seus estudos, dos que se fixo eco a sociedade renacentista, provocaron que hoxe sexa considerado un dos maiores cosmógrafos de todos os tempos.

Falece na cidade suíza de Basilea en 1552, deixando unha importantísima produción cultural.

 A COSMOGRAPHIA

Hispania na Cosmographia
de Sebastian Münster
A obra da facer fincapé é aquela titula Cosmographia, que ve a luz no ano 1544 e que tivo unha repercusión enorme por toda Europa. Segundo parece, trátase da primeira descrición do mundo escrita en lingua alemá da que teñen saído dos tórculos non menos de dúas ducias de edicións nun mesmo século. Por se isto fose pouco, verteuse a varios idiomas: latín (1550), francés (1552), checo (1554), italiano (1558) e inglés (1561), tal e como nos trae Nandini Das na obra colectiva titulada The Oxford Handbook of English Prose 1500-1640.

Numerosísimos son os territorios que trata esta obra. E así divulga moitos feitos históricos, accidentes xeográficos, asuntos de interese e aspectos lingüísticos das Illas Británicas, de Hispania (con todos os seus reinos), Bélxica e Países Baixos, Italia... Isto no que concirne ao libro II, os restantes até o sexto (con este incluído) abordarán introduciranse noutros territorios de Europa, Asia, América e África.
Edición francesa de 1575

No que respecta a “Hispania”, abundantes son os lugares, cidades e territorios que cita; aínda que se ha centrar nos oito reinos principais: Aragón, Granada, Portugal, Castela, León, Toledo, Galiza e Navarra. Estes, ademais, aparecen representados cos seus brasóns reais.

OS GRAVADOS

Rinoceronte de David Kandel,
nunha edición de 1598
A obra destaca polos seus impresionantes gravados, concretamente xilografías, que foron elaborados con grande mestría por varios dos mellores artistas dese tempo. Os motivos representados non son unicamente decorativos (como letras capitulares, recreacións florais, vexetais e animais), senón que tamén recrea o aspecto de importantes cidades de Europa, a cartografía de países, continentes e do globo terráqueo, personaxes históricos e incluso brasóns de armas. Nun principio os gravados puideron ser non moi “complicados” na súa elaboración, mais moitos deles –aínda que conservando o mesmo espírito artístico- foron mellorando ao longo das décadas. Tanto é así que algúns escudos de armas só estaban boquexados con coidados trazos rectos e curvos, para logo seren sombreados en edicións vindeiras e, incluso, logo de finalizar o S. XVI, seren coloreados manualmente.
Rinoceronte de David Kandel,
nunha edición coloreada

Fermosísimos son moitos dos animais “exóticos” alí estampados, coma o rinoceronte (que subliña a súa fermosura nas edicións do S. XVII). Pero observamos que algúns motivos, como este que acabamos de citar, son interpretacións de certos autores deixados levar polo ronsel que deixaron os seus predecesores. O xilografía do rinoceronte que realiza David Kandel é moi semellante a aqueloutra que fixera Durero.

OS GRAVADORES

Detalle de Galiza, no mapa
de Hispania
E xa que comezamos a tratar os gravadores, cómpre citar, ademais de David Kandel (1520-1592), especializado na temática naturalista, aos suízos Hans Rudolf Manuel Deutsch (1525–1571) e Urs Graf (ca. 1485-1528) e o alemán Hans Holbein “O Mozo” (ca. 1497–1543). 

Edición de 1546
Descoñecemos, de momento, quen puido ser o gravador ou os gravadores que estamparon os escudos de armas que se plasman nesta obra, e máis concretamente os que se corresponden cos reinos hispánicos. O que se pode afirmar é que os catro citados estaban entre os mellores daquel tempo nas xeografías alemá e suíza.

 O  BRASÓN DO REINO DE GALIZA

Segundo analizamos as diversas edicións da obra, primeiramente os escudos dos reinos hispánicos eran meros bosquexos (aínda así de calidade) perfectamente executados. Logo engadíronse sombreados e os característicos efecto luminosos para suxestionar volumes, e na edición de 1624 coloreados manualmente.

Edición do S. XVII
Indicábamos noutro lugar que foron os brasóns de Aragón, Granada, Portugal, Castela, León, Toledo, Galiza e Navarra os representados... Por 1544 so se indicaban estes nomes, mais logo, na edición francesa, engadiríase o concepto de royaume

No que afecta ao reino galego, o brasoamento é o seguinte: “sementado de cruces, un compón ou cáliz pechado”. De querermos precisar un chisco máis, só resta dicir que en todas as edicións aparecen seis cruces, e naquelas que son coloreadas, o campo é azur e o copón de ouro.

xoves, 5 de xaneiro de 2017

GALIZA NA ABDICACIÓN DE CARLOS V, POR FRANS FRANCKEN

Os Francken escribiron na historia das artes plásticas de Bélxica non só unha páxina importante, senón varios capítulos. E o motivo radica no feito de que non foron poucos os pintores que conseguiron subliñar os seus nomes nos cadros que, ao longo da súa vida, gustaron de pintar con enorme mestría.

Que teñamos constancia, Nicholas Francken é o primeiro dunha longa saga de artistas que, cando menos, se estenderá durante cinco xeracións.

Tamén podemos sinalar que máis dunha ducia de membros desta familia portentosa destaca neste eido; incluíndo a unha muller: Isabella Francken (filla de Hieronymus Francken).

UNHA CASTE DE ARTISTAS

O declarado Nicholas, que se estebelece en Herentals e posteriormente en Autuerpen, é o proxenitor de Frans Francken I "O Vello" (1542-1616), do que se poden consultar importantes datos biográficos na obra Flemish Paintings in the Metropolitan Museum of Art (de Walter A. Liedtke)

Este último artista, que consegue ser un pintor de éxito, ten igualmente dous irmáns moi reputados: Hieronymus Francken I (1540-1610) e Ambrosius Francken I (1544-1618). Do seu matrimonio con Elisabeth Mertens, Frans ten media ducia de fillos: Thomas (Autuerpen 1574-1625), Hieronymus Francken II (Autuerpen 1578-1623), Ambrosius II (Autuerpen 1581-1632), Magdalena, Elisabeth e Frans Francken II "O Mozo" (Autuerpen 1581-1642). Todos os homes forman parte do mundo artístico e, o que máis ou o que menos, adquire o recoñecemento dentro dese eido.

FRANS FRANCKEN II

Frans Francken II
"O Mozo"
Alén de ser alumno do seu proxenitor e de ter forxado unha carreira artística moi elevada a unha idade temperá, convértese en mestre da guilda ou gremio de San Lucas, na súa cidade natal (aló polo ano 1605). A este grupo tamén pertence o seu pai (tal e como se nos asegura na European Paintings in the Collection of the Worcester Museum).

Dous anos máis tarde, instálase pola súa conta ao tempo que contrae matrimonio e lle nace o seu primeiro fillo homónimo (Frans III) que, seguindo a traxectoria familiar, había ser alcumado "Rubensian Francken" (facendo alusión a Rubens, evidentemente). Hieronymus Francken III, membro da súa proxenie, non renuncia ao mundo da plástica, e así o ha facer igualmente o seu descendente: Constantijn Francken.

Afondar nas virtudes dos membros destacados desta familia, no contexto da arte, alén de ser interesantísimo, resulta moi complicado, e incluso é un xeito de nos desviar do tema central, que ten moito que ver con Frans Francken II.

Con respecto a este pintor, provisto de certos conceptos manieristas na súa obra, os seus cadros posúen un pouso alegórico ben importante, e exemplo disto é aquela pintura que -conservada en Ámsterdam no Museo Nacional de Holanda (Rijksmuseum)- leva o título de Alegoría da abdicación do emperador Carlos V en Bruxelas.


TESTAMENTO DE CARLOS V

O emperador Carlos V
Carlos V pronuncia as súas últimas vontades o 6 de xuño de 1554, concretamente na cidade de Bruxelas, e nelas fai gala dun amplo elenco de títulos. Velaquí algúns deles:

"En el nombre de Dios todo poderoso, Padre, Hijo, Spíritu Santo, tress personas, un solo Dios verdadero, y de la gloriosa siempre Virgen y Madre suya Santa María, Nuestra Señora, y de todos los Santos y Santas de la Corte Celestial; nós, don Carlos, por la divina clemencia Emperador de los Romanos, Augusto Rey de Alemaña, de Castilla, de León, de Aragón, de las dos Sicilias, de Hierusalem, de Ungría, de Dalmaçia, de Croaçia, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valençia, de Galicia, de Sevilla, de Mallorca, de Çerdeña, de Córdova, de Córcega, de Murçia, de Jaén, de los Algarbes, de Algezira, de Gibraltar, de la Islas de Canaria, de las Indias, Islas y Tierra Firme del Mar Océano, Archiduque de Austria, Duque de Borgoña, de Brabante, de Lothoringia, de Corintia, de Carniola, de Linburg, de Luçenburg, de Gueldes, de Athenas, de Neopatria, Conde de Barcelona, de Flandes, de Tirol, de Auspurg, de Arthois y de Borgoña, palatino de Henao, de Olandia, de Zelandia, de Ferrete, de Friburg, de Hanurg, de Rosellón, de Hutfania, Langrave de Alsacia, Marqués de Burgonia y del Sacro Romano Imperio, de Oristán y de Gociano, Príncipe de Cataluña y Suevie, señor de Frisia, de la Marcha Esclavonia, de Puerto Haon, de Vizcaya, de Molina, de Salinas, de Triplo y de Malinas, etc.".

Neste seu testamento sinálase que escolle ao seu fillo Filipe como "heredero y suçesor universal, en todos los dichos mis reynos e señoríos, así de Castilla, de León, Aragón, Cataluña, Valençia, Navarra, Galizia, Sevilla, Granada y las Islas Canaria y de las Indias, islas y Tierra Firme del Mar Océano, Mar del Norte y Mar del Sur, y otras cualequier yslas y tierras descubiertas y que se descubrirán, y señorearán de aquí en adelante, como en todos mis reynos de Nápoles, Cecilia, Mallorca, Menoría, Çerdeña y todos los demás señoríos y derechos, como quiera que sea, pertenecientes a las Coronas de Castilla de Aragón".

Carlos V retirarase en Caucos de Yuste, ao pé dos claustros do mosteiro dos xerónimos. Aí fica ano e medio, até a chegada da súa morte que acontece o 21 de setembro de 1558.

ABDICACIÓN DO EMPERADOR

Logo da pasamento da súa proxenitora, Xoana I de Castela (acontecido o 12 de abril de 1555), o emperador reune á súa familia en Bruxelas a finais de ano. Entre ese 1555 e o 56, acontecen as abdicacións, polas que escolle ao seu irmán Fernando I de Absburgo (1503-1564) como sucesor no Sacro Imperio Romano Xermánico (ratificado de xeito formal en 1558); e ao seu fillo Filipe como herdeiro dos Estados de España e das Indias. Filipe II, monarca dende o 15 de xaneiro de 1556, adquirira tamén o título de Gran Mestre da Orde do Toisón de Ouro. O 25 de outubro de 1555, no Palacio Real de Bruxelas e acompañado de Guillermo de Orange, Carlos V inaugura a súa abdicación cun discurso pronunciado en francés e vestido cuns atuendos negros, unicamente adornados co Toisón. Porén, Frans Francken II non o pintaría, décadas máis tarde, con ese sobrio colorido, senón todo o contrario.


ALEGORÍA DA ABDICACIÓN DO EMPERADOR CARLOS V

Alegoría da abdicación do Emperador
Carlos V en Bruxelas,
por Frans Francken
O cadro no que Frans recrea a abdicación, mide 134 x 172 centímetros en alto e longo, respectivamente, e debeu ser realizado por 1636, segundo Peter Mason (Infelicities: representations of the exotic).

Na zona central do mesmo, sentado no trono e con coroa imperial sobre a cabeza, aparece un feble Carlos V, acompañado do seu irmán Fernando (a que nomea emperador do Sacro Imperio Xermánico) e do seu fillo Filipe II (futuro soberano dos reinos das españas e señor dos Países Baixos). Na parte inferior, máis aló das figuras mitolóxicas representadas, coma tritróns, sereas e Neptuno (que alude a America), tamén hai certos elementos simbólicos que identifican aos continentes europeo, asiático e africano.

Ao pé do monarca, alén da espada, o cetro e o globus cruciger tamén se aprecian un par de documentos con selos de chumbo que representan o parto e repartición dos territorios pertencentes ao emperador. Na dereita do cadro tamén se aprezan varias damas da realeza (unha delas puidera ser a emperatriz Sabela de Portugal, muller de Carlos V) que portan tres pendóns, nos que se identifican os brasóns de distintos territorios e reinos que foron motivo de reparto.

IDENTIFICACIÓN DOS ESCUDOS

Enumeración dos brasóns

No primeiro pendón represéntanse todos aqueles territorios ligados aos Países Baixos e aos estados Borgoñóns. Comeza cos ducados de Brabante (1), Limburgo (2), Luxemburgo (3) e Güeldres (4); os condados de Flandres (5), Artois (6), Henao ou Hainut (7), Holanda (8), Zelanda (9), Namur (10) e Zutphen (11); o marquesado de Antuerpen (12); os señoríos de Malinas (13), Utrech (14), Frisia (15), Overijssel (16) e Groninga (17)

Localización do escudo de Galiza
No segundo pendón identificamos once reinos da Península Ibérica: Castela (18), León (19), Aragón (20), Navarra (21), Granada (22), Toledo (23), Córdoba (24), Valencia (25), Galiza (26), Xaén (27) e Mallorca (28)

No último grafáronse as armerías propias das terras do Lacio; isto é, os reinos das Dúas Sicilias (29) e Nápoles (30); o ducado de Milán (31); e os reinos de Sardeña (32) e Córsega (33).

ESCUDO DE GALIZA

Galiza na obra de
Hiérosme de Bara
Escudo de Galiza na pintura
de Frans Francken II
Como se achegou, no pendón relativo aos reinos peninsulares gráfase o emblema propio do reino galego. A súa descrición podería ser esta: "en campo de azur, e sementado de cruces recrucetadas e fixadas de prata, un copón pechado de ouro; tendo por timbre unha coroa real aberta". 

De querermos sacar algún "parentesco estilístico" deberiamos comparalo con aquel que Hiérosme de Bara trae para Galiza na súa obra titulada Le Blason des Armoiries, e máis concretamente na edición de 1628 (p. 165). Cómpre achegar que na primeira edición, de 1581, contémplanse as mesmas armas.

Córdoba na obra de
Hiérosme de Bara
Como conclusión cómpre sinalar que quizais Frans Francken II se baseou neste armorial para representar as armas propias do reino galego. Enténdase igualmente que a segunda edición da mesma fixérase oito anos antes, aproximadamente, da conclusión do óleo do artista de Antuerpen. En ambos casos (pintura e armorial) as cruces son de prata e non de ouro, ambas aparecen recrucetadas e fixadas e os copóns (pechados) son de ouro. E iso sen ter en conta, ademais, o estilo tan semellante con que están elaborados ambos brasóns galegos.

Para rematar, e co obxecto de certificar esta teoría ("que Frans Francken" se deixa guiar da man de Hiérosme de Bara") é preciso comprobar como o autor do armorial colorea un brasón para o reino de Córdoba "idéntico" ao representado no segundo pendón da Abdicación do Emperador Carlos V en Bruxelas (1636).


domingo, 25 de decembro de 2016

GALIZA NO PALAIS DU FRANC EN BRUXAS

Un dos escudos de Galiza
no Palacio du Franc
(Bruxas)

Visitar "Flandria" e "Valonia" (no Estado belga) é sempre unha marabilla, coas súas vilas e cidades que recenden a historia pero tamén ao fume daquelas guerras que os Austrias libraron nesas xeografías co obxecto de conservar, para Castela, certos territorios que xacían baixo a sombra da súa coroa imperial. E o veo translúcido do imperio deixa entrever -tanto en Anveres, como en Gante, Malinas ou Bruxas- certos testemuños da nacionalidade galega, así como doutros reinos que outrora intentaron encaixar nun mosaico de culturas, pobos, idiomas e realidades.


Palais du Franc
Quizais poderiamos sinalar, primeiramente, que durante os séculos XV e XVI certas familias destacadas de orixe galega buscaron asento no condado de Flandres, e máis concretamente en Bruxas. Disto ten tratado o xenealoxista e investigador (membro do CSIC) Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, facendo fincapé -e con xenerosidade nos detalles- unha manchea de datos vinculados á familia dos Pardo. Alén disto, tamén se amosan nesta cidade brasóns identificábeis co reino de Galiza, aínda que tamén con outras (que non moitas) nacións da Península Ibérica. Desta volta falaremos dun elemento escultórico-arquitectónico dos máis significativos desa cidade, onde a decoración renacentista, a elaboración das tallas e a simboloxía que se observa reafirman con énfase esta gran obra de arte. Estámonos a referir do Palais du Franc, que na actualidade acolle ao museo homónimo.

Así e todo, o noso interese hase centrar na maxestosa Chimenea da Audiencia.

O PALAIS DU FRANC

A Sala e Chimenea  da Audiencia.
Pintura de Louis Haghe
Trátase dun edificio renacentista, que outrora é o lugar no que, coa celebración das xuntas, se reúnen os concelleiros que gobernaban a cidade. Localízase nas proximidades da igrexa de San Donato e da capela do Santo Sangue.

Abandonado o edificio, reconstrúese en 1722, mais no seu interior conserva -do século XVI- a sala de rexedores ou maxistrados, como liñas arriba demos conta. O pintor belga Louis Haghe (1806-1885) realizaría unha fermosísima pintura sobre esta parte interior do edificio, e máis concretamente da súa cheminea.

Porén, no ha ser o único artista que se deixe embriagar de tal espazo: non poucos gravados conservamos do mesmo.

A CHEMINEA DA SALA DE REXEDORES

Cheminea da Sala de Audiencia
do Palais du Franc
A cheminea "curiosa reliquia do pasado" (en verbas de Agustin Joseph du Pays), alén de estar ateigada dun halo lendario, foi executada por Herman Glosencamp, Rogier de Smet e Adrien Raset ou Rans. A dirección das mesmas estivo a cargo do malinés Guizot de Beaugrant e do arquitecto de Bruxas Lanceloot Blondeel (1498-1561).

Cinco son as figuras humanas que, a tamaño natural, se esculpiron e -en conxunto- representan tres xeracións da máis alta aristocracia europea. Con independencia disto, todo o conxunto está decorado profusamente co obxecto de ser un importante vehículo de transmisión política: non menos de corenta e sete labras heráldicas representan os estados, reinos e territorios que a Carlos V lle eran de seu.

Lateral esquerdo da cheminea


Lateral esquerdo
As figuras humanas aquí esculpidas representan a Maximiliano de Habsburgo (1459-1519), emperador do Sacro Imperio Xermánico (dende 1508), de aí que porte na talla a esfera do orbe; e a María de Borgoña (1457-1482), filla herdeira de Carlos "O Temerario" e Sabela de Borbón. Por conseguinte, ocupa os ducados de Lothier, Güeldres, Limburgo, Flandres, Borgoña, Brabante, etc. Esta muller contrae matrimonio co citado arquiduque de Austria, Maximiliano en 1477, que terán por fillo a Filipe "O Fermoso" e Margarida de Austria.

No que atinxe á decoración, a zona esquerda da chimenea, en simetría co lateral dereito, ten esculpidos dez escudos de armas, concretamente os característicos dos seguintes estados:
(1) Ducado de Luxemburgo,
Numeración do lateral esquerdo
(2) Condado de Artois,
(3) Flandres,
(4) Ducado de Brabante,
(5) Brasón de Carlos "O Temerario",
(6) Borgoña Antiga,
(7) Condado de Namur,
(8) Ducado de Carintia,
(9) Tirol e
(10) Novamente o Condado de Namur.

No brasón de Carlos "O Temerario" identifícanse as do ducado de Borgoña, as do condado homónimo, as dos ducados de Brabante e Limburgo e o condado de Flandres.

Centro da cheminea

Zona central
Preside a zona central da cheminea Carlos V (neto do arquiduque Maximiliano de Habsburgo), que ao igual có seu avó terma na súa man esquerda o globus cruciger, ou esfera do orbe. Nesta zona, son vintesete os escudos esculpidos, algúns xa representados noutro lugares, os cales intentaremos identificar.

Ao noso entender, identificamos:
(11) Suabia,
(12) Estiria,
(13) Toledo,
(14) Croacia,
(15) Valencia,
(16) Croacia,
(17) Nápoles,
(18) Dalmacia,
Numeración da zona central
(19) Dalmacia novamente,
(20) Hungría,
(21) As propias de Maximiliano de Austria,
(22) Austria Antiga e Nova,
(23) Hungría,
(24) As de Carlos V,
(25) Castela,
(26) León,
(27) Aragón,
(28) Dúas Sicilias,
(29) Aragón,
(30) Xerusalén,
(31) Navarra,
(32) Dúas Sicilias,
(33) Granada,
(34) Nápoles,
(35) Galiza,
(36) Valencia e
(37) Sardeña.

Lateral dereito da cheminea

Lateral dereito
No lateral dereito da cheminea esculpíronse as imaxes de Carlos de Valois e Borgoña (alcumado "O Temerario") e Margarida de York. El, que nace en 1433 e fina en 1477, é o titular dos ducados de Borgoña, Brabante, Limburgo, Lothier e Luxemburgo; do marquesado de Namur e dos condados de Artois, Borgoña, Charolais, Flandres, Hainut, Holanda e Zelanda. Margarida, irmá dos reis de Inglaterra Eduardo IV e Ricardo III, vén ao mundo en 1446, será a terceira esposa do devandito Carlos de Valois e fina en 1503. Na efixie que se realizou para o declarado elemento arquitectónico, Margarida leva na man unha flor, en evidente alusión á rosa branca ou alba da casa de York (que se distingue da que é vermella e que representa á casa de Lancaster).

Entre a fermosa decoración, aparecen tallas heráldicas moi significativas que, identificadas e numerados en sentido antihorario, podemos indicar que se tratan das seguintes:
(38) Navarra,
Numeración do lateral dereito
(39) Catalunya,
(40) Mallorca,
(41) Toledo,
(42) Castela e León,
(43) León,
(44) Sevilla,
(45) Galiza,
(46) Castela e León unido a Galiza e
(47) e Granada.


ESCUDOS DO REINO DE GALIZA

Como deducimos das descricións anteriores, son dous os escudos correspondentes ao Reino de Galiza, porén existe un terceiro -dubidoso- do que tamén faremos descrición. Reservamos esta representación, que leva o numero corenta e seis na nosa numeración, para o remate deste estudo, pois igual nos temos que deter un chisco máis.

Alén disto, cómpre sinalar que todos os brasóns foron esculpidos por 1529, que se sinala nunha cartela, localizada sobre unha columna do lateral dereito da zona central (ou principal) da cheminea.

Brasón (35): Galiza

Escudo de Galiza co
campo sementado de
cruces
O escudo número 35, que aparece suxeito por un tenante alado, de torso espido e provisto de extremidades inferiores de tipo floral; terma coas súa mans dunha grilanda que contorna o escudo. O tenante tamén posúe follas na súa face, polo que sería quizais recomendábel clasificalo como un Green Man (ou home verde).

Esta, tamén provista de decoración vexetal, ten salpicadas no seu contorno un bo número de pezas de froita (ao noso entender, mazás).

A descrición do brasón sería: sementado de cruces recrucetadas, un copón; timbrado todo por coroa real aberta.

Como podemos ver, esta resulta ser unha das máis fermosas representacións do escudo do Reino de Galiza que se conserva e, ademais, xunto co que describiremos a continuación, das poucas que foron esculpidas en madeira e que perduran no exterior da comunidade e nacionalidade histórica de Galiza.

Tamén podemos afirmar que é unha das primeiras pezas nas que se grafaron cruces. Sobre papel, a primeira representación que teñamos constancia é aquela pertencente á Carta Itineraria Europae (editada por 1520). Porén este brasón localizado no Palais du Franc, é o primeiro que leva cruces recrucetadas, xa que o da cita carta son cruces normais, aínda que asemellan de Malta.

Brasón (45): Galiza antiga


Como comentamos, localízase na zona dereita da cheminea, e neste escudo represéntanse as armas propias de Galiza, pero na súa versión primitiva, isto é, sen ter o campo sementado de cruces e ocupando o maior espazo do seu campo. Por timbre leva unha coroa real aberta.

A súa lectura do brasón sería: en campo de azur, un copón de ouro.

No lateral amosamos a representación do escudo de Galiza segundo o armorial de Vigil Raber, datado en 1548. Deste armorial, de moito interese por diversos aspectos, trataremos noutra ocasión.


Brasón (46): Castela, León e Galiza ou Asturies?

Escudo dos reinos de
Castela, León e Galiza
Segundo Vigil Raber
Trátase dun escudo cuartelado en cruz, co primeiro e cuarto cuarteis igualmente cuartelados e coas armas características de Castela e León; nos cuarteis segundo e terceiro represéntanse as armas de Galiza. 

Este brasón, algúns mapas e e armoriais pretenden sinalar que son as armas características de Asturias, mais se analizamos os seus esmaltes e as representacións dos seus mobles heráldicos (tal e como se ve no armorial de Vigil Raber, datado en 1548) ao noso ver son os característicos daqueles tres reinos: Castela, León e Galiza.

Está provisto este escudo de coroa real aberta.