xoves, 23 de maio de 2019

A CASA DA ESTRADA AO PÉ DO CAMIÑO FRANCÉS: UN INTERESANTE TEXTO MEDIEVAL


Maio de 2019 – Tempo para Antón Fraguas e tempo para os amantes do galego

Entre os fondos antigos da Fundación Penzol (Vigo) podemos recompilar unha serie de pergameos realmente interesantes para o municipio estradés, datábeis entre finais do baixo medievo e os albores da época moderna dos cales, algúns deles, xa fixemos mención ou extracto no ensaio titulado No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (edicións Fervenza 2018). Certo é que tales documentos non pertencen a unha unidade de instalación en exclusiva, senón que se atopan catalogados en diversos cartafoles. Varias ducias son as que espertan a nosa curiosidade pois, alén da relevancia que posúen dentro do contexto galego, son significativas tamén para a historia da bisbarra. E sinalamos isto último xa que un dos pergameos, que leva data do 20 de abril 1440, ligado ao casal do Preguecido, versa non unicamente sobre unha figura principal galega como é Álvaro Núñez de Isorna –bispo de Conca–, senón tamén sobre aquela fortaleza do señorío dos arcebispos composteláns que se ergueu na xeografía de Vea, referímonos á casa forte da Insua (da que temos tratado en múltiples ocasións). De toda a colección, o documento máis antigo a destacar redáctase en 1347 e trata sobre determinados herdos que en Santa Cristina de Vea pertencen ao mosteiro das clarisas de Compostela.

1.    Intención

Armas do Cabido de Lugo
(debuxo: Héitor Picallo)
Porén a intención de nos mergullar no contido de tales pergameos e na súa paleografía radica, fundamentalmente, no feito de tentar reconstruír –xunto co amigo e historiador Damián Porto Rico– a biográfica dun dos máis ilustres estradeses de finais do medievo e comezos do S. XVI. Referímonos ao deán lugués Gabriel Rodríguez de Casal de Raros, procedente das casas fidalgas do Preguecido (Santa María de Aguións – terra de Vea) e Casal de Raros (San Miguel de Moreira – terra  de Tabeirós). Residente na Corte de Roma e ao servizo dos Medicis, alén de ser comensal continuo e palafreneiro do papa León X, vémolo como espectador –e quen sabe se en certo xeito tamén resultou ser axente activo– no rexurdimento italiano, tanto no eido das artes plásticas como no que atinxe aos revolucionarios pensamentos que están agromar con ímpeto dende o humanismo. Da historia deste personaxe estamos a ultimar un ensaio que axiña ha ser unha realidade impresa, e que poderá colaborar talvez no engrandecemento da historia galega e, en bo grao, de certas historias locais (da Estrada, Cuntis, Lugo, Compostela...). Velaí que con este artigo facilitemos non só datos de contexto e biográficos dalgún persoeiro destacado, senón a transcrición íntegra dun pergameo escrito a finais de 1499 vinculado ao lugar da Estrada (hogano vila e urbe principal do municipio). Poderíamos certificar que este documento é un dos máis antigos que cita á Estrada, que se ben no pergameo vai ligado a un inmoble ou casa debía existir certamente tamén como lugar, de termos en conta outro documento redactado seis anos antes.

2.    Contexto histórico-social

Brasón do Pazo do Preguecido
(debuxo: Héitor Picallo)
O texto que se facilita no último apartado deste artigo vén a ser un contrato de compravenda estabelecido entre os irmáns Pedro e Xoán Rodríguez de Casal de Raros (II), tío e pai, respectivamente, do devandito deán lugués. Ambos personaxes, vinculados aos pazos do Preguecido e Casal de Raros, son fillos doutro Xoán Rodríguez (I), de quen ignoramos o nome da súa muller mais sabemos que debeu vivir na primeira metade do S. XV. Cómpre achegar que Casal de Raros é por aquelas alturas un couto xurisdicional situado en Moreira dependente de dúas institucións señoriais: o cenobio cisterciense de Santa María de Aciveiro e o cabido diocesano de Compostela. Por outra banda, o Preguecido está en posesión deses fidalgos da caste dos Casal de Raros dende a última centuria medieval, se ben é certo que os verdadeiros señores por concesión das institucións catedralicias compostelás resultaron ser, entre outros, o referido Álvaro Núñez de Isorna (arcebispo de Santiago entre 1445-1449) e o mariscal Sueiro Gómez de Soutomaior, señor das fortalezas de Lantañón (Paradela de Meis), A Lúa (Rianxo), A Insua (A Estrada), Montival (Cuntis)...
No que atinxe á contorna do lugar da Estrada, esta área estivera xunto co couto do Viso e a fortaleza de Guimarei controlados polos representantes da casa de Altamira, próceres que –como achegan os investigadores Luís Ferro Pego e Xosé Bértolo Ballesteros– desistirían de conservar determinados patrimonios na primeira metade do S. XVI, concretamente o bastión de Guimarei e os seus outros edificios principais e anexos. Así e todo, en 1493 Pedro Rodríguez de Casal de Raros e Maior do Pedregal son agraciados por Lopo Sánchez de Ulloa, conde de Altamira, cun gorentoso contrato enfitéutico: o lugar da Estrada e os patrimonios ligados a el, baixo a renda anual dun real de prata. Mágoa que este pergameo non se atope na mellor das condicións desexábeis, pois a súa lectura resulta empresa ben complicada por mor da veladura de tintas, por estar o pergameo bastante brunido e a existencia, outrora, de fungos que foron quen de deixar a súa pegada.

3.    Os protagonistas do documento

Noutra orde de asuntos, podemos sinalar que Xoán Rodríguez de Casal de Raros (II), o que se cita no pergameo de 1499 e que estamos a contextualizar, tivera certas relacións cunha dama da marxe dereita do Ulla (Vedra) chamada Sancha de Merín, de quen nace o deán lugués. Con ela non casa e si o ha facer en primeiras nupcias con Tareixa Rodríguez do Preguecido e, en segundas, con Urraca Ares de Soutomaior (descendente das casas de Lantañón, Sebil e Aldao, entre outras moitas de prestixio). Polo que se dilucida do texto, Tareixa xa finara por esas alturas e era outra muller, Urraca Pose, a cónxuxe do patriarca do Preguecido (quizais a mesma da casa de Lantañón que se cita noutros documentos). Xoán Rodriguez, que debe nacer na segunda metade do S. XV, continúa vivo en 1501 e falece antes de 1506, deixando non menos de once fillos e fillas, entre os que está o cóengo Gómez Rodríguez de Casal de Raros, fundador do vínculo e morgado do Preguecido (a 15 de xaneiro de 1556). Coa morte do patriarca é o seu fillo homónimo, o escudeiro Xoán Rodríguez de Casal de Raros (III), medio irmán do deán de Lugo, o que bote man do fogar familiar, pois queda ao coidado dos seus irmáns menores (“Afonso Rodriguez, et Rodrigo Fernandes do Pregueçido, et Jácome Rodrigues e María Rodrigues do Feal”).
Árbore xenealóxica da caste dos Casal de Raros
Isto no que atinxe ao comprador, mais no que se refire ao que estabelece a venda debemos sinalar que Pedro Rodríguez, veciño de Ouzande, fica casado con Maior do Pedregal dende cando menos 1493; porén consideramos que podería ser a mesma persoa que anos máis tarde, e logo do pasamento da súa dona, exerce de crego na mesma freguesía e é veciño do lugar de Penarada –segundo se indica en varios documentos conservados na Catedral de Santiago.
Seis anos máis tarde, Pedro Rodríguez cede a referida casa da Estrada e as súas herdades e devesas, localizadas en San Lourenzo de Ouzande e nas inmediacións dunha verea importante que denominan camino francés, ao seu irmán Xoán Rodríguez de Casal de Raros (II), aínda que no pergameo non se indique tal filiación. Este é o documento do que gustamos transcribir o seu contido. Velaquí queda para interese do curioso e do investigador.



4.    O texto, o idioma e a toponimia

O pergameo ten unhas dimensión en alto e ancho, respectivamente, de 120 por 312 milímetros; e en dezanove liñas redáctase un contrato de compravenda pasado perante Fernán Bieites, notario público xurado das terras de Tabeirós e Vea en substitución do seu verdadeiro titular, Alonso López Galos, de quen xa temos tratado noutras ocasións. O texto vai provisto dun par de folios anexos nos que se indica a información contida nesa vitela. Nun deles, con letra do S. XVIII, alértase que se trata dunha “venta que hizo Pedro Rodríguez, morador en la felegresía de San Lorenzo de Ouzande, a Juan Rodríguez de Casal de Nares, da Casa da Estrada que está so o Camiño Francés, en dicha felegresía de Ouzande, con todas sus heredades y devesas, fecha en 7 de noviembre de 1499, por an\te/ Revera \Fernán/ Bieitez, notario de tierra de Tabeirós. Escrivano Fernán Bieitez”.
Son testemuñas no acordo comercial o crego de San Lourenzo de Ouzande, Gonzalo Rodríguez, e entre outros un par de veciños das terras de Vea, nomeadamente Xoán Bouzón e Xoán Mancebo.
Integramente redactado en galego e con letra carolina, o texto elabórase no interior do templo de Santa María de Aguións (“foy feita e outorgada (n)a iglesia de Santa María d’Aguioos, que he en terra de Vea”) e leva data do 7 de novembro de 1499. Mais en relación co outorgante do mesmo, Pedro Rodríguez de Casal de Raros, consérvase nos mesmos fondos documentais un outro pergameo tamén redactado no idioma de noso. Trátase dun novo contrato de compravenda que, con data do 2 de novembro de 1501, axusta co seu irmán Xoán Rodríguez. Por medio del véndelle a esoutro fidalgo todos os herdos que posúe na xeografías estradesas (“as mynas erdades, e casas, e casares que eu teno en Terra de Vea e de Taveirós, e donde quer que las eu teño e ajo”).
No que atinxe aos nomes de lugar, aínda que esta sería unha tarefa propia da investigadora Clara Iglesias Cortizo, existe unha restra de topónimos reproducidos no pergameo que se nos fan moi suxestivos. Un par deles refírense a dous territorios: Terra de Vea, que engloba a organización administrativa localizada no val do mesmo nome (hoxe ligada á Estrada); e Terra de Tabeyroos, caso semellante ao anterior. Reuadulla –tamén citado– alude non así ás freguesías homónimas presididas polas devocións de San Mamede, San Vicenzo e Santa Cruz, senón a unha área territorial e administrativa denominada Ribadulla que totalmente diferenciada dende o medievo e que abarca, fundamentalmente, as terras do municipio actual de Vedra.
Dous son os nomes de freguesías estradesas que se mencionan, San Lourenço d’Ouçande e Santa María d’Aguioos; e tres as entidades de poboación. Con respecto a estas últimas debemos entender que o apelido da citada Maior posúe unha vinculación toponímica directa, pois Pedregal é unha entidade da parroquia da Estrada. Caso semellante acontece con de Cas de Raros, ou Casal de Raros na versión máis estendida, pois alén de denominar a unha familia, liñaxe ou caste alude a ese topónimo que resultou ser núcleo dun couto xurisdicional “sito en la feligresía de S. Miguel de Moreiras, en La Pica, junto al Puente de Zarandón”.  
A último hodotopónimo a ter en conta é o que deu orixe ao nome da actual entidade de poboación e vila da Estrada. Astrada procedería –se nos guiamos das investigacións de Clara Iglesias– do verbo latino strare ou do termo stratus que aluden, dun ou doutro xeito, a unha verea de evidente importancia socioeconómica que discorrería polas inmediacións e que sen dúbida é a mesma que no pergameo se documenta como camino francés.



5.    Criterios de transcrición e signos

Toponimia: preferiuse grafar do xeito que aparece na documentación orixinal, no entanto, resaltarémola en cursiva.
As transcricións efectuáronse verbo dos criterios máis habituais e segundo os signos que a continuación se reproducen e explicamos:

\ / Caracteres grafados sobre a liña ou chamadas á marxe.
[ ] Restitución certa do escrito cando existe unha lagoa no texto.
[...] Lagoa non restituíbel no texto.
(sic) Grafía aberrante non corrixida.
<cursiva> Texto omitido polo escribán, pero preciso para a comprensión do texto.
Manteranse co riscado as palabras que deste xeito aparezan.

6.    Transcrición do documento


(Aguións. 1499-11-07)

XOÁN RODRÍGUEZ DE CASAL DE RAROS (II), PAI DO DEÁN GABRIEL RODRÍGUEZ, ADQUIRE A CASA DA ESTRADA, AO PÉ DO CAMIÑO FRANCÉS

(Arquivo da Fundación Penzol, Colección de documentos B, PLA-04/199)

Ano do nasçemento do noso sennor Ihesus Chripsto de mill et quatroçentos ihs et noventa e nueve annos, septe días do mes de nobenbre, sepan todos que eu, Pero Rodrigues, morador enna freyguisía de San Lourenço d’Ouçande, por min et por minna muller, Mayor do Pedregal, et por todas nosas vozes vendo et firmemente outorgo para senpre a vós, Juan Rodrigues de Cas do Raros, et a vosa muller, Horraca Pose, moradores enna freyguisía de Santa María d’Aguioos, et as vosas vozes, convén a saver a casa d’Astrada, que está soo Camino Françés, para a parte do vendaval da freyguisía de San Lourenço d’Ouçande, con todas súas herdades et devesas, según que fasta agora eu o dito Pero Rodrigues tibin et posoýn, et véndovos todo a montes et a fontes por contía de tres mill et cen pares de brancas, que ja me destes et pagastes, et de que confeso et outorgo que soo entrego et ven pago, et renunçio a toda eixepçión, que non diga dello o contrario, et a lex dereito do aver  non dado nen contado en presençia do notario et testigos et todo juro, sennorío, vos, auçión et dereito, possisón et propiedade que eu ajo et \me/ pertençe en esto que vos vendo de min et de mina vos, o tiro e tollo et en vós et en vosas vozes o pono et traspaso por esta presente carta de venda. Et se máys val esto que vos vendo que a dita cotía, toda  esa  demassía vos dou en libre doaçón para senpre, et prometo de vos amparar et defender con esto que vos vendo para o qual vos obligo min e meus veens et de aquí en diante façades dela toda vosa voontade como de nosa cousa propia. Et esto prometo teer et conprir so pena do dobre da dita contía que page por pena quen contra elo vyer ou pasar, et a pena pagada ou non pagada esto fiqui firme et valla para senpre.
Et eu, o dito Juan Rodrigues, asý resçebo por min e por la dita myna muller absente, ven como se fose presente, que foy feita e outorgada <n>a iglesia de Santa María d’Aguioos, que he en terra de Vea. Testigos que estaban presentes Gonçaluo Rodrigues, clérigo de Sant Lourenço d’Ouçande, et Juan Bouçon et Juan Mançebo, moradores enna dita terra et outros.

Fernán Bieites, notario appostólico
Sinatura de Fernán Bieites
E eu Fernán Bieites, notario público jurado por la abtoridade apostólica et escusador de Afonso Lopes Galos, notario de Terra de Tabeyroos e Reuadulla, a esto que dito he, presente foy con os ditos testigos. Et después ben et fielmente et meu nome y sygno puge que tal he







(Textos e imaxes: Héitor Picallo, agás aquelas fotografías procedentes do Arquivo da Fundación Penzol)