domingo, 25 de decembro de 2016

GALIZA NO PALAIS DU FRANC EN BRUXAS

Un dos escudos de Galiza
no Palacio du Franc
(Bruxas)

Visitar "Flandria" e "Valonia" (no Estado belga) é sempre unha marabilla, coas súas vilas e cidades que recenden a historia pero tamén ao fume daquelas guerras que os Austrias libraron nesas xeografías co obxecto de conservar, para Castela, certos territorios que xacían baixo a sombra da súa coroa imperial. E o veo translúcido do imperio deixa entrever -tanto en Anveres, como en Gante, Malinas ou Bruxas- certos testemuños da nacionalidade galega, así como doutros reinos que outrora intentaron encaixar nun mosaico de culturas, pobos, idiomas e realidades.


Palais du Franc
Quizais poderiamos sinalar, primeiramente, que durante os séculos XV e XVI certas familias destacadas de orixe galega buscaron asento no condado de Flandres, e máis concretamente en Bruxas. Disto ten tratado o xenealoxista e investigador (membro do CSIC) Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, facendo fincapé -e con xenerosidade nos detalles- unha manchea de datos vinculados á familia dos Pardo. Alén disto, tamén se amosan nesta cidade brasóns identificábeis co reino de Galiza, aínda que tamén con outras (que non moitas) nacións da Península Ibérica. Desta volta falaremos dun elemento escultórico-arquitectónico dos máis significativos desa cidade, onde a decoración renacentista, a elaboración das tallas e a simboloxía que se observa reafirman con énfase esta gran obra de arte. Estámonos a referir do Palais du Franc, que na actualidade acolle ao museo homónimo.

Así e todo, o noso interese hase centrar na maxestosa Chimenea da Audiencia.

O PALAIS DU FRANC

A Sala e Chimenea  da Audiencia.
Pintura de Louis Haghe
Trátase dun edificio renacentista, que outrora é o lugar no que, coa celebración das xuntas, se reúnen os concelleiros que gobernaban a cidade. Localízase nas proximidades da igrexa de San Donato e da capela do Santo Sangue.

Abandonado o edificio, reconstrúese en 1722, mais no seu interior conserva -do século XVI- a sala de rexedores ou maxistrados, como liñas arriba demos conta. O pintor belga Louis Haghe (1806-1885) realizaría unha fermosísima pintura sobre esta parte interior do edificio, e máis concretamente da súa cheminea.

Porén, no ha ser o único artista que se deixe embriagar de tal espazo: non poucos gravados conservamos do mesmo.

A CHEMINEA DA SALA DE REXEDORES

Cheminea da Sala de Audiencia
do Palais du Franc
A cheminea "curiosa reliquia do pasado" (en verbas de Agustin Joseph du Pays), alén de estar ateigada dun halo lendario, foi executada por Herman Glosencamp, Rogier de Smet e Adrien Raset ou Rans. A dirección das mesmas estivo a cargo do malinés Guizot de Beaugrant e do arquitecto de Bruxas Lanceloot Blondeel (1498-1561).

Cinco son as figuras humanas que, a tamaño natural, se esculpiron e -en conxunto- representan tres xeracións da máis alta aristocracia europea. Con independencia disto, todo o conxunto está decorado profusamente co obxecto de ser un importante vehículo de transmisión política: non menos de corenta e sete labras heráldicas representan os estados, reinos e territorios que a Carlos V lle eran de seu.

Lateral esquerdo da cheminea


Lateral esquerdo
As figuras humanas aquí esculpidas representan a Maximiliano de Habsburgo (1459-1519), emperador do Sacro Imperio Xermánico (dende 1508), de aí que porte na talla a esfera do orbe; e a María de Borgoña (1457-1482), filla herdeira de Carlos "O Temerario" e Sabela de Borbón. Por conseguinte, ocupa os ducados de Lothier, Güeldres, Limburgo, Flandres, Borgoña, Brabante, etc. Esta muller contrae matrimonio co citado arquiduque de Austria, Maximiliano en 1477, que terán por fillo a Filipe "O Fermoso" e Margarida de Austria.

No que atinxe á decoración, a zona esquerda da chimenea, en simetría co lateral dereito, ten esculpidos dez escudos de armas, concretamente os característicos dos seguintes estados:
(1) Ducado de Luxemburgo,
Numeración do lateral esquerdo
(2) Condado de Artois,
(3) Flandres,
(4) Ducado de Brabante,
(5) Brasón de Carlos "O Temerario",
(6) Borgoña Antiga,
(7) Condado de Namur,
(8) Ducado de Carintia,
(9) Tirol e
(10) Novamente o Condado de Namur.

No brasón de Carlos "O Temerario" identifícanse as do ducado de Borgoña, as do condado homónimo, as dos ducados de Brabante e Limburgo e o condado de Flandres.

Centro da cheminea

Zona central
Preside a zona central da cheminea Carlos V (neto do arquiduque Maximiliano de Habsburgo), que ao igual có seu avó terma na súa man esquerda o globus cruciger, ou esfera do orbe. Nesta zona, son vintesete os escudos esculpidos, algúns xa representados noutro lugares, os cales intentaremos identificar.

Ao noso entender, identificamos:
(11) Suabia,
(12) Estiria,
(13) Toledo,
(14) Croacia,
(15) Valencia,
(16) Croacia,
(17) Nápoles,
(18) Dalmacia,
Numeración da zona central
(19) Dalmacia novamente,
(20) Hungría,
(21) As propias de Maximiliano de Austria,
(22) Austria Antiga e Nova,
(23) Hungría,
(24) As de Carlos V,
(25) Castela,
(26) León,
(27) Aragón,
(28) Dúas Sicilias,
(29) Aragón,
(30) Xerusalén,
(31) Navarra,
(32) Dúas Sicilias,
(33) Granada,
(34) Nápoles,
(35) Galiza,
(36) Valencia e
(37) Sardeña.

Lateral dereito da cheminea

Lateral dereito
No lateral dereito da cheminea esculpíronse as imaxes de Carlos de Valois e Borgoña (alcumado "O Temerario") e Margarida de York. El, que nace en 1433 e fina en 1477, é o titular dos ducados de Borgoña, Brabante, Limburgo, Lothier e Luxemburgo; do marquesado de Namur e dos condados de Artois, Borgoña, Charolais, Flandres, Hainut, Holanda e Zelanda. Margarida, irmá dos reis de Inglaterra Eduardo IV e Ricardo III, vén ao mundo en 1446, será a terceira esposa do devandito Carlos de Valois e fina en 1503. Na efixie que se realizou para o declarado elemento arquitectónico, Margarida leva na man unha flor, en evidente alusión á rosa branca ou alba da casa de York (que se distingue da que é vermella e que representa á casa de Lancaster).

Entre a fermosa decoración, aparecen tallas heráldicas moi significativas que, identificadas e numerados en sentido antihorario, podemos indicar que se tratan das seguintes:
(38) Navarra,
Numeración do lateral dereito
(39) Catalunya,
(40) Mallorca,
(41) Toledo,
(42) Castela e León,
(43) León,
(44) Sevilla,
(45) Galiza,
(46) Castela e León unido a Galiza e
(47) e Granada.


ESCUDOS DO REINO DE GALIZA

Como deducimos das descricións anteriores, son dous os escudos correspondentes ao Reino de Galiza, porén existe un terceiro -dubidoso- do que tamén faremos descrición. Reservamos esta representación, que leva o numero corenta e seis na nosa numeración, para o remate deste estudo, pois igual nos temos que deter un chisco máis.

Alén disto, cómpre sinalar que todos os brasóns foron esculpidos por 1529, que se sinala nunha cartela, localizada sobre unha columna do lateral dereito da zona central (ou principal) da cheminea.

Brasón (35): Galiza

Escudo de Galiza co
campo sementado de
cruces
O escudo número 35, que aparece suxeito por un tenante alado, de torso espido e provisto de extremidades inferiores de tipo floral; terma coas súa mans dunha grilanda que contorna o escudo. O tenante tamén posúe follas na súa face, polo que sería quizais recomendábel clasificalo como un Green Man (ou home verde).

Esta, tamén provista de decoración vexetal, ten salpicadas no seu contorno un bo número de pezas de froita (ao noso entender, mazás).

A descrición do brasón sería: sementado de cruces recrucetadas, un copón; timbrado todo por coroa real aberta.

Como podemos ver, esta resulta ser unha das máis fermosas representacións do escudo do Reino de Galiza que se conserva e, ademais, xunto co que describiremos a continuación, das poucas que foron esculpidas en madeira e que perduran no exterior da comunidade e nacionalidade histórica de Galiza.

Tamén podemos afirmar que é unha das primeiras pezas nas que se grafaron cruces. Sobre papel, a primeira representación que teñamos constancia é aquela pertencente á Carta Itineraria Europae (editada por 1520). Porén este brasón localizado no Palais du Franc, é o primeiro que leva cruces recrucetadas, xa que o da cita carta son cruces normais, aínda que asemellan de Malta.

Brasón (45): Galiza antiga


Como comentamos, localízase na zona dereita da cheminea, e neste escudo represéntanse as armas propias de Galiza, pero na súa versión primitiva, isto é, sen ter o campo sementado de cruces e ocupando o maior espazo do seu campo. Por timbre leva unha coroa real aberta.

A súa lectura do brasón sería: en campo de azur, un copón de ouro.

No lateral amosamos a representación do escudo de Galiza segundo o armorial de Vigil Raber, datado en 1548. Deste armorial, de moito interese por diversos aspectos, trataremos noutra ocasión.


Brasón (46): Castela, León e Galiza ou Asturies?

Escudo dos reinos de
Castela, León e Galiza
Segundo Vigil Raber
Trátase dun escudo cuartelado en cruz, co primeiro e cuarto cuarteis igualmente cuartelados e coas armas características de Castela e León; nos cuarteis segundo e terceiro represéntanse as armas de Galiza. 

Este brasón, algúns mapas e e armoriais pretenden sinalar que son as armas características de Asturias, mais se analizamos os seus esmaltes e as representacións dos seus mobles heráldicos (tal e como se ve no armorial de Vigil Raber, datado en 1548) ao noso ver son os característicos daqueles tres reinos: Castela, León e Galiza.

Está provisto este escudo de coroa real aberta.

xoves, 15 de decembro de 2016

GALIZA NOS ARMORIAIS DE KONRAD GRÜNEMBERG E NIKOLAUS BERTSCHI


Escudos de Galiza e Santiago
Dende o século XIII o escudo do reino galego foi representado sempre en distintos armoriais, con independencia do lugar de procedencia do artista, co emblemático cáliz que lle asignou o carácter -ao seu brasón- de parlante. E isto acontece tanto nas Illas Británicas (véxase o Segar's Roll) ou en territorios franceses (consultemos o Coislin-Séguier, o armorial de Jean V de Bueil e o de Jean Faucquet). Ben o cáliz ou cálices, ben os copóns eucarísticos, estes mobles heráldicos son visíbeis ao longo do medievo para aludir a ese pequeno reino fundado no ano 410 polo pobo suevo que se asenta no norte de Portugal, Galiza, terras de León e Asturies.

Así e todo existe un par de excepcións, sendo a máis importante da que imos a tratar de seguido, na que se observa que houbo quen quixo ver a Galiza sen tales mobles heráldicos.

KONRAD GRÜNEMBERG

Armas de Konrad
Grünemberg
Konrad Grünemberg nace polo ano 1420, e chega as ser un respectado nobre alemán residente en Constanza (Konstanz, hoxe no estado de Baden-Württemberg, lindeiro con Suíza e Francia). Nesa cidade tense ocupado da súa alcaldía en varias ocasións aínda que, con anterioridade, exerce de mestre construtor e rexedor do concello entre 1454 e 1462. Durante a súa etapa na que está ao servizo de emperador Federico III (1415-1493), logo de 1465, é nomeado cabaleiro dese monarca en 1485, e igualmente da Orde de Santo Sepulcro de Xerusalén.

Mais estes non serían os seus únicos galardóns. No seu currículo de honores tamén destaca un feito: o de ser membro da Orde da Xerra e a Billa (fundada no Reino de Pamplona), da de Famagusta (Chipre), e da Orde de San Xurxo e Santa Catarina (que crea en Austria o citado rei Federico, proxenitor de Maximiliano de Habsburgo).

O ARMORIAL DE GRÜNEMBERG OU DE ÖSTERREICH (1483)

Armas de Portugal e Lisboa
Armas de Castela, Vella
Castela, Dúas Sicilias,
Galiza e Santiago
Dúas son as obras máis coñecidas deste aristócrata: O armorial de Österreich (Osterreichische Wappenchronik), e o Caderno de viaxe que realiza tras a súa peregrinación a Xerusalén (datado en 1486). Recomendamos, a este respecto, que se consulte a obra de Carmina G. di Biase, titulada Travel and Translation in the Early Modern Period, na que se dá conta dese periplo espiritual.

No que concirne ao libro de armas, que se debeu rematar por 1483, é o que máis nos interesa para esta publicación, xa que debemos afirmar con rotundidade que se trata dunha obra fermosísima e cunha calidade na súa elaboración dos brasóns magnífica. Alén diso, podemos subliñar as representacións armeiras dos reinos de Castela, Vella Castela, Dúas Sicilias. Galiza e Santiago de Compostela (ambos na mesma lámina), Aragón e Nápoles (tamén na súa respectiva páxina), Portugal, Vello Portugal e Lisboa (na súa).

ARMAS DE GALIZA E SANTIAGO

Armas de Galiza e Santiago
As armerías galegas son, como anticipamos, moi diferentes ás habituais, e estas vense acompañadas das que lle son propias a Santiago. 

Para este último territorio o brasón é o seguinte: "en campo de goles, tres cunchas de vieira de prata ben ordenadas".

Para o caso das de Galiza sería: "de prata, catro barras de azur". Sobre delas hai unha lenda que pon; "Galicia" e sobre aqueloutras "Sannd Iacob".

O ARMORIAL DE NIKOLAUS BERTSCHI (1515)

Armas de Galiza e Santiago
Armas de Francia, España,
Inglaterra e Hungría
Outro armorial a ter presente, aínda que este non está totalmente completo, é aquel realizao polo iluminador e miniaturista Nikolaus Bertschi (Wappenbuch besonders deustcher Geschlechter). O autor, que debeu falecer  por 1542, debeu realizar ese armorial polo ano 1515, se ben hai engadidos doutros autores que continúan até 1650.

Non tan fermoso como o libro do autor anterior, conserva escudos de armas sen rematar, como no caso do galego que, tal e como se percibe, é o mesmo que Konrad Grünember grafara por 1483. Realmente trátase dun bosquexo no que se perciben varias letras (abreviaturas dos metais e esmaltes cos que deberan estar coloreadas as armerías).

No que corresponde a Galiza vemos que sería a mesma representación que no anterior armorial: cinco barras de prata ou brancas (W: weiß ou branco) alternadas con outras catro de azur (B: blau ou azul). Así e todo cumpriría describilas como no de caso das de Österreich, mais realizámolo deste xeito para que sexan máis intuitivas. Enriba do brasón aparece a seguinte lenda: "Königreich Galicia" e de xeito máis suave tamén "K. Gallicia".

No que concirne ás armas de Santiago ("S. Iacob"), serían: "en campo de goles (R: rot, ou vermello), tres cunchas ben ordenadas de prata (W: weiß ou branco)

martes, 6 de decembro de 2016

NO SÉCULO XV, O ESCUDO DE GALIZA SEMENTADO DE TREVOS

Escudo de Galiza no armorial
de Jean Faucquet
Como acontece con outros símbolos, a heráldica é tamén unha ciencia en evolución, de aí que as armerías que hoxe representan a unha determinada nación outrora tivesen un aspecto diferente. É por isto, tamén, que en ocasións poidamos falar de brasóns antigos ou modernos daquel ou estoutro territorio. Galiza tampouco se salvou deste feito. Tanto é así que hoxe resulta moi habitual coñecer as armerías do vello reino –hogano comunidade autónoma e nacionalidade histórica– provistas de sete cruces en alusión ás súas antigas provincias. Porén, a súa imaxe non sempre foi así. Nun principio as cruces non existiron, e cando estas se fan visíbeis será nun campo sementado delas. Entrementres, houbo numerosas versións, algunhas delas tan fermosas como as existentes en tres armoriais diferentes dos que agora imos facer mención e, por mágoa, non un detallado estudo.

O ARMORIAL DE COISLIN-SÉGUIER

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1450
O primeiro que debemos citar é aquel denominado Armorial Coislin-Séguier, que moi posiblemente procede de Lothringen (Lorena) e debeu ser realizado na década de 1450. 

O documento, que se conserva no Departamento de Manuscritos da Bibliothéque Nationale de France (fr. 18651), ten grafadas nun lugar de preferencia as armas da casa de Bioncourt (Lorena), seguidas de preto de mil cincocentos escudos (algúns deles co campo sen representar). 

No folio 2v, e na parte superior esquerda, vese un brasón rotulado coa seguinte lenda: “Le Roy de Galice”. 

De atendermos á imaxe que se representa, a descrición sería a seguinte: “En campo de azur, un copón de ouro, franqueado por catro trevos de prata, dous a cada costado”.
Escudos de Portugal e Castela (á dereita)

O ARMORIAL DE JEAN V DE BUEIL

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1460
Jean V de Bueil,
representado no seu
armorial
Outro dos manuscritos aparece integrado nunha obra maior na que, Jean V de Bueil (1406-1477) narra –de xeito autobiográfico– a súa experiencia na Guerre de Cent Ans ou, o que é o mesmo, na Guerra dos Cen Anos (1337-1453). 

O armorial –no que se detallan os escudos de boa parte dos reinos de Europa e doutros lugares, así como de certas casas nobres francesas– está datado na década de 1460, e no seu folio 157 aparecen nove reinos, concretamente os de Portugal, Sardeña, Xerusalén, India, Cracovia, Irlanda, Galiza, Hungría e Mallorca. 

O que se corresponde coa nosa nacionalidade histórica ten escrito na súa parte superior unha lenda igual á do Armorial anteriormente citado (“Le Roy de Galice”, e de describirmos as súa armerías teriamos que sinalar: 
Armas de Castela

“En campo de azur, sementado de trevos de ouro, un copón do mesmo metal”.

Como acontece con outros armoriais, Galiza aparece diferenciado do reino de Castela, aínda que estivese o primeiro dos territorios gobernado polo mesmo soberano. Subliñemos que este non é un feito puntual.

Como se observa, esta é unha versión xa algo modificado do brasón anterior, no que tan só había catro trevos que, ademais, eran de prata. Este manuscrito consérvase, outrosí, na Biblioteca Nacional de Francia (fr. 24381).

O ARMORIAL DE JEAN FAUCQUET

Os tres primeiros brasóns son os propios
de Castela, León, Aragón
Escrito por Jean Faucquet cara aos últimos anos de século XV, arredor de 1497, na actualidade custódiase este libro de brasóns na Biblioteca da Universidade de Yale (ms. 648). Faucquet, que participa na Batalla de Saint-Omer (1479), territorio que tomara a casa de Borgoña, ha ser considerado un heroe e leal ao Emperador Maximiliano I, polo que ademais de recibir eloxios obtén unha importante pensión.

No folio 47v, do seu armorial, concretamente na parte inferior, identifícanse con claridade as amas de “Le Roy de Galice” coa descrición do mesmo, que parece indicar, no versión francesa daquel entón, o seguinte: 

"Le Roy de Galice porte de geulles, semé de trèffles d'or à bout, Galice de même métal". O que na actualidade sería: "Le Roi de Galice porte de geules, semé de trèfles d'or à bout, Galice du même metal"; e traducido ao noso idioma: " O Rei de Galiza leva de goles, sementado de trevos de ouro con rabo, un cáliz do mesmo metal". 

Merece o noso interese subliñar que o "heraldista" chámalle ao calice (cáliz en francés) galice, non para xogar coa sonoridade e por se tratar de armerías parlantes, senón porque esa forma é a propia do picardo, anglonormando e patois de París. A representación, neste caso, muda o campo do escudo, e incluso o cáliz está aberto e non pechado como en anteriores casos (semellándose ás versións máis antigas do mesmo e, paradoxalmente, ás máis contemporáneas). Con independencia de que o brasón estea sementado de trevos, realmente nesta representación observamos oito.

Escudo do Rei de Galiza, cara a 1500


Cómpre indicar que esta é das poucas ocasións nas que podemos ver o escudo de armas do reino galego en campo de goles, isto é, con fondo vermello.

O TREVO NAS ILLAS BRITÁNICAS

Dez xilíns de James I
Detalle do trevo

Resulta interesante saber que os trevos son símbolos heráldicos propios da Illas Británicas (obsérvese a decoración actual do escudo do Reino Unido, con cardos e trevos), mais outros territorios -pero non moitos- tamén os empregaron (véxanse neste armorial o folio 24v). A este respecto cómpre facer mención, igualmente, da característica numismática do Reino Unido para facer máis visíbel o feito que vimos de declarar. Parécenos oportuno subliñar os elementos decorativos que contornan algunhas moedas do rei Xaime I (1603-1625). Nesta que á marxe presentamos, de ouro e de 10 xilíns de valor, ten por marca inicial do anverso -na que se inicia a lenda que contorna a moeda- un trevo de tres follas. 
Penique de prata de Henry V
de Lamcaster
Así e todo, este non é un caso puntual, pois tamén se manifesta en boa parte da numismática británica medieval. Alén de comentar que non só aparecen trevos de tres follas, senón incluso de catro, podemos recordar nestas liñas aquel penique de prata que se acuñou durante o reinado de Henrique V de Inglaterra e Irlanda (1413-1422). Nel trazáronse catro trevos, de tres follas (esquematizados en forma de círculos), no reverso da peza numismática. 
Penique de Henry II

E incluso, se facemos unha criva naquelas do século XII, non podemos esquecer os tempos de Henrique II de Platagenet (1154-1189). Este soberano de Inglaterra, señor de Irlanda, tamén posúe os ducados de Aquitania e Normandía, así como os condados de Maine, Nantes e Anjou. En atención as acuñacións das súas moedas queremos destacar outro penique de prata que, no seu reverso, se perciben catro trevos de catro follas.

Saint Patrick co
seu característico
trevo
Estes trevos que aparecen nas moedas medievais e modernas do Reino Unido aluden directamente a Irlanda, pois este é un dos símbolos propios desta nación. Tanto é así que está directamente vinculado á introdución do cristianismo por San Patricio, patrón de Eire e, alén da súa característica cruz, tamén élle un elemento de seu na iconografía o trevo trilobulado. Este vexetal, segundo parece, servíulle para explicar o misterio da Trindade que, coma un trevo, forma parte dun todo pero está conformada por tres persoas distintas (Pai, Fillo e Espírito Santo).

Na actualidade o Reino Unido continúa a ter no seu brasón, aínda que de xeito decorativo, as Rosas Tudor (como emblemas vexetais de Inglaterra, que tamén se vincula con aquela dinastía), os cardos (que aluden a Escocia) e os trevos irlandeses.

REFLEXIÓN FINAL SOBRE OS TREVOS GALEGOS

De retomarmos o inicio desta publicación, vemos que a representación con trevos para o emblema galego non é un feito puntual (aparece cando menos en tres armoriais distintos) e, por iso case se pode sinalar que este era o xeito de identificar, nas terras francesas na segunda metade do século XV, ao reino de Galiza. En consonacia a isto xorde unha pregunta que non nos resistimos a formular: nos brasóns galegos sementados de trevos, nalgún momento e de forma intencionada, mudáronse tales emblemas vexetais por cruces? Quen sabe. De ser así existe unha clara pretensión de dar conta que se trataba dun "reino cristián", por unha parte; e por outra -se cadra, non o podemos afirmar- de se afastar dun emblema que tambén lle era propio a nación irlandesa.